Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: "A BOA PERSOA DE SEZUÁN"
Remito información referida á próxima representación da última obra do Centro Dramático Galego por se for do voso interese e do voso alumnado.

Recibide un saúdo dinamizador

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL


Día 6:
CICLO CAIXANOVA:
CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: "A BOA PERSOA DE SEZUÁN"

Con: Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Fran Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres.

Dirección: Nuno Cardoso
Fábula amarga onde a bondade é detestada ao límite nun mundo desporvisto dela, e no cal a boa persoa en cuestión adquire interpretacións cada vez máis distantes daquilo que o sentido común nos leva a definir como bondade ou persoa bondadosa

Prezo: 3 euros
Hora: 10:30
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-10-2008 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Xerais traducirá ao galego dúas obras de George Steiner
Galicia Hoxe


Unha forma elegante de acabar

Bragado asegura que todas foron facilidades para o proxecto e que o filósofo está moi satisfeito

"Sei que pode crear controversia, pero tamén creo que é unha forma elegante de pechar unha polémica que nos debe levar a ser máis visibles no contexto internacional". Manuel Bragado, director de Xerais, explicaba así a súa decisión de traducir ao galego dúas obras de George Steiner, protagonista dunha das discusións máis vehementes da Cultura galega ao longo deste ano, motivada polas súas declaracións sobre a menor importancia do galego fronte ao catalán ou o seu desprezo ao feito de que se ensinase nas universidades.

Tras presentar publicamente as súas desculpas por eses "desafortunados" xuízos fobiolingüísticos ao PEN Club -unha das varias asociacións que o recriminou-, Steiner reconduce a súa relación con Galicia e facilita a tradución das súas obras, tanto o seu clásico After Babel como a inédita George Steiner at the New Yorker, que se comercializará nos Estados Unidos a partir de xaneiro e que sairá en Xerais antes de aparecer no mercado castelán.

"Unha das razóns fundamentais do seu comportamento prexuizoso co galego foi o descoñecemento: en catalán non o facía porque estaba traducido", asegura Bragado, que engasta o novo proxecto nas novas dinámicas do sistema editorial galego: "Cada un ten a súa opoción e nós optamos polo mundo da tradución. Comercialmente é un terreo difícil pero esa é a nosa responsabilidade" .

Para Bragado, a polémica foi "importante e rica": por vez primeira "fomos todos axustando e matizando as opinións. Pasamos de falar de Steiner a reflexionar sobre a nosa presenza no mundo. Facernos visibles é unha das tarefas nas que estamos todos comprometidos colectivamente, cada un no seu ámbito".

As negociacións con Steiner fixéronse a través de Iria Rebolo, da axencia de Carmen Bacells, que a representante en España do filósofo británico. "Comunicámonos por correo electrónico e Steiner pareceu moi satisfeito. Mesmo foron eles os que nos propuxeron traducir os seus artigos do New Yorker. Foi todo amabilidade e moi profesional"

Bragado aínda non sabe cando os libros chegarán ás librerías pero espera que o primeiro apareza en xuño do 2009 e o segundo despois do próximo verán. De momento, busca un tradutor adecuado. Tampouco se atreve a predicir se Steiner visitará finalmente Galicia para presentar as obras - "é algo que excede calquera tipo de posibilidade", indica-, aínda que a el lle gustaría invitalo, ao igual que fai con outros autores vinculados á súa editorial, como Daniel Pennac ou Sergi Pamies.
A COLECCIÓN

Xunto a Beuavoir e Wittgenstein

As dúas obras de George Steiner que se traduzan ao galego aparecerán dentro da colección Xerais Ensaio, que incorporará tamén o segundo tomo de "O segundo sexo", de Simone de Beauvoir, e o "Tractatus Logico-Philosoficus 1 918" de Wittgenstein.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-10-2008 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Trivial virtual organizado pola AS-PG
Prezado coordinador:
Prezada coordinadora:

Reproduzo a continuación as bases para participar no campionato de outono de trivial virtual que convoca a AS-PG, co desexo de que resulte do voso interese.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL

Campionato de Outono de Trivial.gz.


Como xa anunciamos na momento de o facer público, o obxectivo do Trivial é contribuír a galeguización dun espazo vital, o do lecer e o xogo, que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas desde Galiza. Concebímolo tamén como un xogo colobarativo. Por iso queremos aproveitar para pedir a todas as persoas que colaboren connosco incrementando a base de preguntas. Con que cada persoa que xoga ao Trivial ou que visita a web da AS-PG envíe unha única pregunta axiña duplicaremos as actuais. Para iso non hai máis que cubrir o formulario que aparece na web do trivial, ou simplemente pinchar aquí




BASES


Participantes


Poderán participar neste campionato todas as persoas que o desexen con independencia do seu lugar de residencia.

Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro.

Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com

O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz

O gañador ou gañadora será a persoa que, finalizado o campionato, figure no posto número 1 e con máis puntos na clasificación. Para os restantes premios seguirase o mesmo criterio. No caso de se producir un empate a puntos desempatará o criterio de maior porcentaxe de preguntas acertadas e se aínda persistir utilizarase o criterio de partidas gañadas. En todo o caso será o sistema o que calculará automaticamente estes datos, que serán sempre públicos.

O Campionato desenvolverase entre o 27 de outubro e o 11 de novembro de 2008

As datas de inscrición serán entre o 16 de outubro e o 26 de novembro de 2008.


O nivel de dificultade será de 1 (Fácil) e xogarase con 6 temas. Haberá dous temas obrigatorios (Ciencia e Música) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os catro restantes.

O tempo máximo para xogar o campionato será de 240 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 24 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.

Premios


Estableceranse os seguintes premios:

Establécense 5 premios aos cinco primeiros clasificados consistentes nun reprodutor de música dixital tipo ipod ou similar para cada un dos cinco primeiros clasificados.

Así mesmo, os xogadores e xogadoras que queden entre os postos 6 e 15, ambos incluídos, poderán recibir o CD Arte Barroca ou o disco Os Soños na Gaiola, editados pola AS-PG.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-10-2008 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
II Encontros sobre o lobo galego
ROTEIRO POLOS FOXOS DO LOBO EN BANDE-OURENSE

Día 9 de Novembro

Guía: David Pérez López. Arqueólogo.



- Saída de Ferrol ás 8:30. Paradas en: Estación de autobuses da Coruña ás 9:00, ás 10:00 en Compostela e ás 11:15 Ourense.
Prezo: 10 €
8 € soci@s

- 12:00 horas. Chegada a Bande.

- Visita á Serra do Leboreiro, exemplo culmen de gandeiría histórica e de confrontación co lobo. Alí nunha pequena rota de 1:30 horas podemos ver o foxo do lobo de corbelle, de tipoloxía: Foxo de converxencia, bastante derruído. Tamén veremos a intensa actividade desta serra desde o Neolítico, plasmada en máis de 200 Mámoas espalladas pola serra, das que veremos algunha.

- Xantar . Carballeira de Aquis Querquernis e visita do xacemento (cómprevos levar a comida).

- 16:00 horas. Foxo do lobo de Guende , mellor conservado e de tipoloxía: Foxo de Cabrita. Este roteiro pola serra do Xurés ata o Foxo é de 2 horas: ida e volta.

- Á volta, visitarase, se quedase tempo, a Igrexa visigótica de Santa Comba e a vila de Celanova.


Para inscribirse: CEIDA 981 63 06 18

ADEGA 981 57 00 99



Diptico Lobo Definitivo
View SlideShare presentation or Upload your own.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-10-2008 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
DESAFÍOS Á LINGUA DO PAÍS
V. OLIVEIRA . Galicia Hoxe. SANTIAGO


O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela, reclamou onte máis ferramentas lingüísticas ao departamento de Política Lingüística para que "se incremente o uso do galego" no sector xurídico. Así o indicou na II Xornada Xustiza e Lingua: reflexións para a normalización que se celebrou onte no Colexio de Avogados de Santiago (CAS). Organizada polo Servizo de Asesoramento do CAS en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Linguística, o debate, que abriu o decano do CAD, Evaristo Nogueira, participou tamén o académico da RAG, Xesús Ferro Ruibal.

"Na miña experiencia como xuíz en Vigo nunca houbo ningún problema co uso do galego. Incluso algunhas veces, había xente que se desculpaba por non expresarse en galego", indicou o fiscal xefe do TSXG. Porén, recoñeceu que un dos obxectivos principais para conseguir a normalización do idioma neste eido pasa por "impulsar o uso da lingua nos avogados". Carlos Varela propón así que os despachos xurídicos "ofrezan os servizos lingüísticos tanto en galego como en castelán aos seus clientes".

Ademais, o fiscal constata unha actitude curiosa por parte dos asesores xurídicos dos concellos. "Sorpréndeme que cando os concellos veñen ós xulgados, os seus asesores xurídicos non usen o galego nos contenciosos". De xeito que lle propuxo á Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) que inste aos concellos para empregar o idioma tamén nos temas legais.

No caso dos xuíces, poden alegar o coñecemento do idioma como un mérito preferente para concursar a un posto. "Nalgúns casos -explica Varela- recoñécese ese mérito pero non se pon en práctica. Por iso coido que a regulación é moi defectuosa porque non se ve o uso efectivo do galego na maxistratura".

Por outro lado, considerou que ás veces "ponse como desculpa que os procedementos non están en galego algo que, porén, se pode solucionar se Política Lingüística achega máis ferramentas lingüísticas". Deste xeito, Carlos Varela opina que "habería un incremento do uso do galego, por exemplo, nas sentenzas xudiciais".

Finalmente, o fiscal xefe do TSXG valorou positivamente "as nova fornadas de xuíces que están saíndo das facultades e que apostan pola lingua". Varela lembrou que este verán se creou a Irmandade Xurídica Galega, formada por 21 xuristas e funcionarios da Administración que fixeron votos pola promoción do galego. "Recibimos peticións de avogados para incorporarse así que agardamos que poidamos seguir incrementando o número de membros", apuntou.

CONTRA AS MENSAXES ALARMISTAS
Ferro Ruibal: "Hai pasos positivos"


Para o académico da RAG, Xesús Ferro Ruibal, aínda que sen datos, existen "pasos positivos" do emprego do idioma no eido do dereito. "Este pouco que temos, hai 25 anos era impensable xa que o galego só pasaba pola boca do acusado", opina. Por iso coida que "a emisión de mensaxes alarmistas sobre a lingua non contribúe a que a xente perciba a lingua como algo positivo xa que quen quere comprar un produto ruinoso?", preguntouse Ferro Ruibal
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-10-2008 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
O PP vota en contra da petición do Parlamento á Xunta de Galicia para que impulse a normalización do galego
O PP vota en contra da petición do Parlamento á Xunta de Galicia para que impulse a normalización do galego
16.18h. Feijóo xustifícao en que non foron chamados a negociar e proclama que "plan de normalización si, imposición do galego, non"

EUROPA PRESS. SANTIAGO


O Parlamento de Galicia aprobou hoxe cos votos a favor de PSdeG e BNG e o rexeitamento do PP unha iniciativa na que insta á Xunta "a continuar impulsando a plena normalización do galego en todos os ámbitos, en cumprimento da Lei de Normalización Lingística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

A iniciativa, promovida polo BNG e transaccionada cunha emenda do PSdeG, provocou un tenso debate na Cámara, tras o cal os deputados populares votaron en contra porque non foron "chamados a negociar", segundo explicou posteriormente nunha roda de prensa o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

"O plan de normalización si, a imposición do galego non", proclamou Feijóo, que compareceu de forma urxente ante os medios de comunicación, rodeado de todo o seu Grupo Parlamentario, para denunciar a "decisión unilateral" da presidenta da Cámara, Dolores Villarino, de suspender o pleno tras a votación sen lles permitir ós populares explicar o por que do seu rexeitamento á iniciativa.

O defensor da proposición non de lei, Bieito Lobeira, explicou na súa última quenda de palabra que era "incompatible co PP calquera tipo de acordo" en materia lingüística e abandonou o hemiciclo mentres o portavoz de Cultura do PSdeG, Francisco Cerviño, acudía a dialogar coa deputada popular Manuela López Besteiro, que defendeu a postura da súa formación.

"Non puidemos participar nesta negociación", denunciou López Besteiro unha vez se votou o texto final acordado por socialistas e nacionalistas, aínda que a presidenta do Parlamento non lle permitiu concluír a súa intervención, o cal motivou que pedise a palabra o portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz.

Segundo el, produciuse na sesión plenaria de hoxe "unha alteración democrática importantísima" porque o seu grupo non coñeceu o que se ía a aprobar ata que o leu no alto a propia Dolores Villarino. "Creo que o mínimo que deben facer para situarse é saber sobre que", advertiu Ruiz Rivas.

Fronte a iso, Villarino dixo comprender que cando leu "non estaba atento" o deputado popular, mentres que o portavoz do Grupo Socialista, Ismael Rego, asegurou que López Besteiro foi "invitada persoalmente" por Cerviño para que se incorporase á negociación. "Mentir é pecado", trasladoulle á portavoz de Educación do Grupo Popular.

Nese sentido, Besteiro explicou posteriormente na roda de prensa urxente que o portavoz de Cultura do PSdeG acudiu seu escano a invitala á negociación, aínda que ela considerou que a quen lle debería corresponder era a Lobeira, quen "dixo publicamente que co PP non quería saber nada", segundo Besteiro, que concluíu que foron excluídos da negociación das emendas.

Previamente, na súa quenda de defensa do seu posicionamento, a deputada popular denunciou que o bipartito "suprimiu e censurou" na nova edición do Plan de normalización lingüística a introdución que fixera o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, tras o cal comparou a situación co 'Gran Irmán' do libro de George Orwell '1984'.

"Si ó plan, pero no marco da lei e o Estatuto", defendeu López Besteiro, que considerou que para iso é necesario derrogar o decreto do galego no ensino. Así mesmo, advertiu á Xunta de que "a imposición xera rexeitamento" e definiu a súa actitude como de "franquismo lingüístico", aínda que por erro falou nun primeiro momento de "fraguismo lingístico", o cal provocou as risas dos deputados.

Pola súa banda, Bieito Lobeira mostrouse moi crítico cos populares e trasladoulles que non se pode ser galeguista combatendo o idioma galego". Así, asegurou que a súa proposta pretendía "que haxa unha clarificación" na postura do PP e "saber a que xoga aquí cada quen". Finalmente, advertiu de que calquera acordo non pode estar por baixo do plan e a lei de normalización

Mentres, Francisco Cerviño resaltou en todo momento que a cuestión lingüística "necesita imperiosamente do consenso" e presentou unha emenda á iniciativa nacionalista que reducía os seus dez puntos, entre os que se atopaba unha referencia ó decreto do galego no ensino, a só un. Ademais, criticou os que usan a lingua como "bandeira partidista", que pode facer gañar algúns votos "pero prexudica a lingua galega".

Así, concluíu que "o radicalismo lingüístico é a enfermidade infantil do galeguismo" e mostrouse moi crítico con ambos os extremos, referíndose a que a normalización lingüística "non se consegue coa bandeira española tapando a boca" nin "abríndolles pseudoexpedientes" ós comerciantes por parte dunha entidade privada, en referencia Mesa pola Normalización Lingística
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-10-2008 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Novas fotos nos nosos álbumes
Nos nosos álbumes de fotografías podedes ver algunhas fotografías máis das actividades. En particular, no álbum de Teatro con g, con imaxes dos centros: CEIP de Esteiro, IES Punta Candieira e dos títeres de Pedro e o Lobo.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-10-2008 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
Compañía de Títeres Tres Globos en Neda: PEDRO E O LOBO
O sábado dia 25 ás 12:00 h. na Casa de Cultura de Neda a Coordenadora en colaboración co Concello de Neda :

Compañía: Títeres Tres Globos

PEDRO E O LOBO

(Todos os públicos, preferible educación infantíl e primaria) Adaptación de Xan Pérez do clásico conto do pastor troleiro.


SINOPSE


Pedro está moi aburrido coidando ovellas el só, pero a aparición de Guff, un can que quere ser pastor coma os alemans , fai que a rutina diaria sexa mais levadeira. Pedro aprenderalle a ser pastor para que lle axude a protexer as ovellas do lobo Lupus, que está moi famento.

TÉCNICA DE TITERES:

Bocones (Tipo Teleñecos ou Lunis). Basado no movemento da boca en sicronización co texto. Manteñen conversas co público en improvisación.

PERSOAXES:

Pedro, Belinda (ovella), Lupus (Lobo), Mauricio (Pai de Pedro), Guff (Can), Rato Pérez.. Todos eles manipulados e interpretados por Xan Pérez

DURACIÓN:

Debido a participación dos nenos no espectáculo a duración é aproximadamente de 40 minutos.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-10-2008 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
II Liga Galega de Debate
Organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e solidariedade, a Liga de Debate basease na celebración dunha serie de debates entre os equipos presentados, como se se tratase dunha competición deportiva.
O seu obxecto é o de fomentar entre o estudantado galego o diálogo e a confrontación de ideas en público, como exercicio de convivencia e de desenvolvemento de habilidades persoais, tales como a busca de información, a expresión oral, o traballo en equipo, o respecto e a tolerancia.

Toda a información referida a esta iniciativa podedes atopala na seguinte ligazón:
http://www.ligadedebate.com/ e na presentación seguinte podedes descargar as bases desta convocatoria.

Bases Liga De Debate
View SlideShare document or Upload your own.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-10-2008 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrol e o que queda por chover - Presentación en Sargadelos
Xoves 23 de outubro, 20 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32, 15402 Ferrol) presentación de Ferrol e o que queda por chover, coa presenza do propio autor e de Melba Couto, mestra de literatura e lingua galegas no IES Sofía Casanova.

Ferrol e o que queda por chover
Alberte Momán
Editado por Lulu.com
ISBN: 978-1-4092-1367-3

Ferrol e o que queda por chover. Ferrol ten sentido. As horas son un estigma nesta cidade. Unha restrospectiva histórica moi persoal sobre o Ferrol que me tocou vivir. Tamén dese outro Ferrol que viviron por min, das súas experiencias plasmadas na miña imaxe.

Pódese adquirir en:
Galería Sargadelos de Ferrol
Lulu.com
Amazon.com
ou solicitándoo neste correo electrónico: albertemoman@gmail.com

Alberte Momán. (Ferrol, 1976), profesionalmente enxeñeiro técnico agrícola, é autor de diversas obras premiadas, como 'O lobo da xente' (Edicións Positivas, Premio Narrativas Quentes 2003), 'Erótica' (Premio Francisco Añón de Poesía 2004, publicado en Agosto de 2005 na editora arcosonline.com), 'O pasado nas horas' (Premio Rosalía de Castro, Cornellá, 2004), 'De ter un can chamaríalle Guenguis' Mención de honra no certame de poesía GZcrea 2006 (recollido no volume colectivo 'Isto é un poema e hai xente detrás' (Espiral Maior. 2007), 'Baile Àtha Cliath' (Premio de poesía erótica Illas Sisargas 2007). No ano 2008 edita 'Ferrol e o que queda por chover' e 'Erótica' con Lulu.com. É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Ten colaboracións dispersas por diversos volumes colectivos, como a primeira edición de Relatos de Verán do diario La Voz de Galicia, ou a colectánea poética 'Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata' (Difusora de Letras, Artes e Ideas 2003). Colaborou, tamén, no volume de poesía 'Sempre mar. Cultura contra a burla negra', promovido e editado pola asociación Burla Negra con motivo do afundimento do Prestige. Tamén no libro publicado co gallo do certame de narrativa breve do concello de Curtis na edición do 2005, en que recibiu un accésit pola obra 'Benvidos á noite americana'. Colaborador do xornal A Peneira, é autor de 'Efecto Iguana', novela por entregas que se publicou no suplemento cultural deste xornal. En Maio de 2006 participa nos 'Dias da Criaçao' celebradas na Casa da Eira Longa en Vilar-Boticas (Trás-os-Montes). En Febreiro de 2007 publica 'O alento da musa' (Difusora de Letras, Artes e Ideas). No 2007 saca o volume colectivo de poesía 'A porta verde do sétimo andar', da agrupación do mesmo nome.

Tamén ten colaboracións en revistas como Madrygal, editada pola Universidade Complutense de Madrid, ou Dorna, que publica a Universidade de Santiago de Compostela.

http://moman.wordpress.com
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-10-2008 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal