Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Teatro no Torrente

Xa podedes ver as fotos da representación do Rodolfo Ucha: Ámote, Iolanda.

Ver na fotoblogoteca
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-10-2007 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Manuel Beiras no Galicia Hoxe
De catro a catro
Retrincos do meu carné (II)



[...] No coloquio de onte, [en Madrid] pra tentar que algúns comprenderan, plantexeilles este suposto: Imaxinen -díxenlles- que mañán, cando esperten, premen o interrutor do seu radio e a voz do locutor fala en galego; mudan de emisora, e tamén fala en galego, e así outra, e outra vez, até que por fin achan unha, unha soa, que lles fala en español; érguense e van recoller o xornal que lles botaron por debaixo da porta, e está escrito en galego; baixan á rúa, vanse ao kiosko máis próximo, e os xornais están todos en galego, só un, moi mediocre, está en español; entran na cafetería, e o mozo da barra aténdeos en galego, algúns parroquiáns falan entre iles en español, mais ao barman diríxense en galego; etc., etc. ¿Parécelles verosímil? Rinse, ¿non si?. Pois invirtan a posición dos idiomas, e isto é o cenário do acontecer cotián praos cidadáns galegos e galego-falantes, un cuarto de século após o remate do franquismo e dous decenios de "normalización lingüística".

Mais a preocupación primordial da maioría dos inmortais académicos da Galega encol do noso idioma consiste en impedir que se "contamine" do portugés -mentras o poder abre aínda máis francas e largas as portas á invasión que padece do español en situación sociolingüísticamente diglósica. Inda hai poucos días que a RAG botou abaixo, contra pronóstico, o cativo froito -mais froito ao cabo- dun armisticio, primeiro, e un labor de diálogo, logo, a prol dunha normativa de consenso antre as diversas opcións -a oficial incluída- enfrontadas até daquela. Praos maioritarios na RAG -"Hanalfabetos III", compriría que escribise eu agora- debe resultar que o galego non forma parte dun tronco lingüístico galego-portugués con mil anos de historia detrás, senón dun inventado e aberrante tronco galego-español, popularmente denominado "castrapo", análogo ao "créole" antillán ou ao "spanglish", e análogamente enxendrado por vía colonial, equiparábel á mula como cruce de burro e besta, e semellantemente estéril e só valedeiro como animal de cárrega e tiro. Eses europeistas de taberna, agora que a integración simultánea de ambas beiras do Miño na CEE-UE empeza a secar a fronteira líquida antre Galiza e Portugal, erguen unha muralla de esterco por esa mesma raia antre as duas primeiras variantes dialectais xurdidas na historia do noso idioma por azares políticos superestruturais, mesmamente, que non por diversificación cultural de seu. Fiquen eiquí os nomes dos sete numerários da RAG que tentaron impedir co seu voto esa fechoría: Xohana Torres, García-Bodaño, Ferrín, Antón Santamarina, Paco Fernández Rei, Carlos Casares e Xosé Ramón Barreiro -sábese xa, inda que o voto foi segredo.
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-10-2007 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
Só ao 1,6% dos ferroláns lles falaron seus pais en galego
Tentar buscar culpábeis a esta situación, dramática, resulta a todas luces inútil. Inútil porque todos temos a nosa cota de responsabilidade. A cuestión é tan complexa que até os dedos se paralizan na busca da tecla que encadee as palabras precisas para comunicar a resposta, unha resposta ou varias respostas.

Pero como en todos os niveis da vida uns somos máis responsábeis que outros.

Como explicar o abandono masivo da lingua na nosa comarca? É o ensino o responsábel?

Que responsabilidade teñen aqueles que durante os derradeiros 25 anos (xusto coinciden coa liña dramática de devalo na transmisión xeracional) incumpriron e ademais presumen publicamente de incumprir a lei de normalización do ensino?

Que grao de responsabilidade terá un alcalde ou un responsábel sexa da área que sexa que incumpre un plano de Normalización aprobado por unanimidade no Concello que gobernan?

Que grao de influencia nas actitudes cara un ou outro idioma pode ter o feito de que directores de bancos, médicos, notarios, arquitectos ... se expresen con absoluta indiferenza nun ou noutro idioma?

E o feito de que nas oficinas públicas do Concello ou dos organismos da Xunta se incumpra a Lei por parte daqueles que cobran un salario pagado polos galegos?

Que responsabilidade terán as TV e emisoras radiofónicas que non respectan os horarios de conexión? E os xornais que non respectan nin sequera a porcentaxe de falantes de cada unha das linguas na expresión escrita ou falada?

E os políticos, os nosos dirixentes, que ollan, mentres isto ocorre, para outro lado?

Abonda de hipocrisías. O que está a suceder ten unha explicación e ten posibilidades de se corrixir. No mundo sobran modelos nos que linguas que estaban a punto de desaparecer recuperaron o seu espazo e territorio . O certo é que os poderes públicos deben,a pesar da presión dos distintos poderes e da inercia dos acomodados, facer cumprir as leis que están aprobadas . E isto, de non ser así, só será posíbel cando os minorizados collamos consciencia da nosa situación e reaccionemos. Se cadra precisamos dun Movemento Polos Dereitos Civís. Se cadra precisamos superar dialécticas pasadas e facer da LINGUA un proxecto común, unha cuestión de Estado ou se o prefiren unha cuestión nacional.

Abonda de hipocrisías. Só pedimos (uf, como custa afirmar isto …) poder vivir en galego!

C. Rañolas
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-10-2007 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG pide no parlamento que o Goberno retire as axudas aos xornais que non fomenten o galego
Bieito Lobeira criticou tamén a xestión que está a levar a cabo a secretaria xeral de Normalización Lingüística, Marisol López, porque entende que conduce ao fracaso
GZnación / Redacción / 26 Out 07



O deputado do grupo parlamentar do BNG, Bieito Lobeira, vén de formular unha pregunta oral na Comisión Primeira do Parlamento polo fomento do uso do galego nos medios de comunicación do noso país.

O parlamentar nacionalista expuxo na súa intervención os dados obtidos dun exhaustivo estudo feito por dez estudantes de Xornalismo e publicados na revista da Mesa pola Normalización Lingüística, sobre o uso do galego nos medios de comunicación no que se recolle que os xornais de maior difusión do país só utilizan o galego nun 4 ou 5% das súas informacións, mentres que o español imponse nun 96%.

Asemade, Lobeira quixo facerse eco da denuncia realizada polo Sindicato de Xornalistas da falla de liberdade á hora de poder informar en galego, e afirmou que en temas lingüísticos, existen vetos que prohiben a utilización do galego cando se solicita polo entrevistado, polo que asegurou non entender como estes medios de comunicación poden recibir axudas polo fomento do galego.

Menos galego que en 1977

Segundo asegurou o deputado do Bloque, o resultado práctico é que os medios utilizan menos o galego que en 1977 e pedíu que remate esta dinámica de discriminación aberrante.

Lobeira insistíu en que o goberno debe subvencionar aos medios con criterios que sexan positivos para o país e pode cortar as subvencións cando o considera oportuno.

O modelo actual de Normalización Lingüística conduce ao fracaso

Asemade, onte na presentación dos orzamentos de Política Lingüística para 2008, o nacionalista cargou contra o modelo de politica que está a levar a cabo a secretaria xeral deste departamento, a socialista Marisol López, porque entende que conduce ao fracaso.

Lobeira considerou que as contas destinadas a este departamento para 2008 son tremendamente continuistas e, aínda que asumiu que levar adiante unha política lingüística e un proceso de normalización non é fácil, dixo que o problema non é só de recursos, porque unha parte pódese resolver por unha vía política directa.

Lobeira quixo aclarar que este reproche non vai dirixido no seu conxunto ao socio de Goberno dos nacionalistas, pois recoñeceu o papel do PSOE na Consellería de Educación, coa aprobación do decreto que fixa o uso do galego no ensino.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-10-2007 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
Por fim!!! As Esmorganas na Artábria
Ese sábado, às 21h actuarám as Esmorganas no nosso Local Social com um espectáculo de monólogos que levam por título "Os esmorganos também existem".
Os relatos vam sobre o dia a dia na vida dum homem desde a perspecitva dum homem.
Nom faltes, a entrada é de graça!
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-10-2007 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Gadis: Vivamos como galegos
Vieros - 24/10/2007

Xurxo Martínez González

Naceu en Vigo en 1984. Estudante do último ciclo de Filoloxía Galega, prepara a tese sobre a figura de Ramón Villar Ponte.



Pois para vivir como galego é imprescindíbel o uso cotiá do galego, pois é a miña (nosa) lingua. Ou non?

O anuncio de "Gadis" creou certa euforia e éxito nunhas masas fartas de tanto reproche españoleiro baseado en tópicos empregados como aldraxantes. O anuncio varía esa visión e fai do mal un ben. E ninguén lle pon chatas. Acolleuse favorabelmente. A min, gustoume.

Mais, eu négome a vivir como galego falando castelán. Eu son galego e falo galego. Dicía Éamon De Valera: "prefiro unha Irlanda inglesa que fale gaélico que unha Irlanda ceibe que fale inglés". De Valera pensaba que algún día chegaría a liberdade para Irlanda e que a lingua non podía ser moeda de troco nin sacrificio a facer.

O galego é un signo identitario, propio, singular. Isto está claro xa nos textos da literatura galega, dende un Xoán Manuel Pintos ata un Manuel Antonio. As orixinarias Irmandades da Fala nacen cun propósito: a defensa, exaltación e fomento do galego. Os Villar Ponte considera a lingua como o principal factor na configuración de Galiza como nación. Ninguén discute hoxe que o galego é noso e que é cousa nosa falalo.

O galego éo todo para poder vivir como galegos e galegas. Ou acaso todo a nosa identidade redúcese ao fútbol, a choiva e a retranca?

Ollo! O anuncio está en galego. Moi ben. Congratúlome. Quen non? Mais eu entro na tenda e miro: "alimento para animales", "pescadería", "frutería"... Falo en galego aos empregados nunha cidade coma Vigo (como en tantas outras) e dinme: "está al fondo a la derecha" ou "espere que ahora mismo le pregunto al encargado". Miro os anuncios en papel do supermercado e todo está en castelán, os panfletos tamén, ata o ticket. Mesmo en internet a súa páxina non está en galego e nin tan sequera posibilita lela na nosa lingua (hoxe en día existe un tradutor inmediato).

Eu para vivir como galego necesito normalizar o meu idioma. É un dereito. Oxalá modifiquen esas actitudes e normalicen tamén o galego nos supermercados, pois é o mínimo e non custa tanto. A crítica é construtiva. O "Gadis" debe falar agora.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-10-2007 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
PLATAFORMA DE FORMACIÓN EN LIÑA DE CIF
Transcribimos a mensaxe enviada por Alexandre Prieto, da Ciberirmandade da Fala.


Ola. Son Alexandre Prieto, minhoca na rede, de ciberirmandade da fala.

Informovos que temos montada unha plataforma de formación en liña, que pode
ser utilizada por quen a precise.

Nestas semanas estamos montando un curso de galego en norma AGAL, dispoñibel
de balde para quen quera seguilo.

Mais estaría ben ofrecer tamén un curso en norma ILG/RAG.

Con este correo, pregovos que, se é posibel, difundades entre os/as
técnicos/as de normalización lingüística, que dispoñemos desta ferramenta,
inda en fase de desenvolvemento, e que se hai alguén interesado/a en montar
un curso, ten a porta aberta. Pode ser montado un curso na plataforma tanto
a título persoal como a título colectivo; esto é, que se alguén con
coñecementos abondos da nosa lingua ten interese en ofrecer un curso, pode
montalo, e o mesmo se algún colectivo quere facelo. En todo caso, o titular
do curso sería quen o monta, e non a ciberirmandade (a ciberirmandade
únicamente ofrece o soporte e a colaboración necesaria).

Obrigado pola vosa atención.


Ciberirmandade


Plataforma de formación

(o curso de agal, non está visibel por agora)
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-10-2007 16:58
# Ligazón permanente a este artigo
Campaña da CIF pola galeguización do Concello de Foz


A Ciberirmandade da Fala comeza unha campaña de envío de correos electrónicos ao Concello de Foz para forzar a súa galeguización. O modelo de escrito é o que podedes ler de seguido, pero accedendo a través da seguinte ligazón podedes envialo automaticamente dende a propia páxina da ciberirmandade. ESCRITO


Estimado señor/a:

Para o seu coñecimento e efeitos, desexo manifestar o meu descontento
polo menoscabo que coa língua propia deste país ten a entidade que
vostede preside.

Desexo facerlle constar que me agradaría que toda a documentación e
publicidade, incluindo as súas páxinas Web que veño de visitar
estivesen na miña língua.

Coido que non está de máis lembrarlle algúns artigos da Lei 3/1983 de
Normalizazón Lingüística, lei que estase a incumprir por entidades como
a que vostede preside:

* Artº 4.1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial
das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da
Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade
Autónoma.

* Artº 6.3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da
língua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos
cidadáns.

E tamén o disposto pola Lei 5/1988 do uso do galego como língua oficial
polas entidades locais.

* Diposición transitoria 1ª: As entidades locais que non estean en
condicións de incorporar de contado o galego como lingua normal nos
actos escritos da Administración dispoñerán dun prazo de dous anos a
partir da publicación desta Lei para adoptar acordo sobre a realización
material do disposto nela e darlle cumprimento (dous anos de prazo dende
1988, e xa pasaron case duas décadas).

Xa que logo, perante do seu incumprimento da Lei, esixolle un cambio
completo de atitude, e que as suas páxinas Web, conxuntamente coa
totalidade dos seus escritos, publicidades, etc. se fagan na língua
propia deste pais.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-10-2007 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
Sechu Sende apresentará Made in Galiza na Fundaçom Artábria
A próxima sexta-feira, 26 de Outubro, às 21h o escritor galego Sechu Sende apresentará no Local Social o seu último livro Made in Galiza. Com esta actividade damos-lhe continuidade aos actos do IX Aniversário.

Recomendamos a leitura da crítica do livro feita por Manuel Rodríguez Alonso no cartafol de livros de Vieiros.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-10-2007 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
Carod Rovira
Galicia Hoxe


AVELINO ABUÍN DE TEMBRA
Ventos ábregos
Carod Rovira


Houbo quen o cualificou como un show. O home que falaba de España como unha potencia estranxeira e ocupante. Que Cataluña era como unha especie de Tíbet oprimido na vella Europa. O brando Lorenzo Milá era como o acólito do telepredicador. O persoal civil que figuraba no programa televisivo Tengo una pregunta para usted, era escasamente representativo da cidadanía española porque permitiron o triunfo do nacionalismo catalán. Esa España ancorada no reinado dos Reis Católicos e Felipe II, inmutable, impasible, mísera e cainita, foi testemuña da vitoria da lingua catalá, total, completa, como nunca endexamais se vira nos séculos pretéritos. Por fin alguén con valentía e afouteza soubo expoñerlle a unha audiencia televisiva, pouco preparada e menos disposta, a existencia doutra España periférica que non milita nun nacionalismo españolista exacerbado e irritante, pero que segue sendo tan España, Iberia ou Europa como a Mancha, Madrid ou Castela-León. Unha España instalada na lingua castelá e no asoballamento das secuencias dunha Castela dominadora e farrapenta, segundo a describía Antonio Machado.

Ese home, ese catalán foi Carod Rovira. Moitos televidentes vímonos representados por el no debate televisivo do 16 de outubro. Toda a carcundia españoleira, intolerante e intransixente, quixo humillar a Cataluña, as institucións de Cataluña, a lingua e a cultura catalás, o esforzo e a prosperidade catalás, a través dun dos seus representantes políticos máis conspicuos. A teoría de se romper España insistentemente transmitida como mensaxe infame e bastarda nesta lexislatura, explotou de pronto. Foi un momento repugnante, inicuo e malvado. Os detentadores do nacionalismo españolista non querían coñecer as causas do benestar de Cataluña, do seu desafogo e abundancia. Querían humillar, oprimir, envilecer e rebaixar. Desexaban denigrar o Estatuto, esa norma que convulsiona -ficticiamente- a convivencia carpetovetónica. O protagonista era ideal: Carod Rovira.

Os medios -que son numerosísimos- afíns ao nacionalismo españolista relatan xaculatorias como estas: "O chorreo dun energúmeno de quen o ego de xeneraliño de chumbo estende cheques que a súa intelixencia non pode pagar". O que non soporta Josep Lluis "o mañio" é que o mecanismo non lle funcione máis alá do minifundio no que se lle concede que ten a súa orixe no clientelismo. "Tanto afanarse en impostar un pedigrí de impecable limpeza de sangue catalanista, e resulta que a esta ra platónica a ofenden españoleándolle o seu nome tan pronto como sae da charca que abrangue o seu mundo enteiro". Lodeiro máis que charca deste acosador das amas de casa que non toman en serio a este nacionalista taliboina, etc., etc.

Produce arrepío tal panorama anticatalán. Tamén o hai antigalego e antieuscaldún. Durante tempo vertéronse ignominias sobre Galicia, o himno de Pondal, os emblemas da Patria, o bipartito e o que viñese ou non a colación.

A lingua galega é, igual que a catalá, obxecto de mofas e desdéns. Carod Rovira defende a lingua catalá como un dos grandes tesouros da cultura ibérica. Os españois deberían sentirse orgullosos dela, e do galego, e do éuscaro.
Comentarios (3) - Categoría: Opinión - Publicado o 22-10-2007 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal