Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Despedida do blog
NO ANO QUE CUMPRIMOS 25, DESPEDIMOS O BLOG


O día 18 de maio de 2006... xa vai para nove anos, comezábamos a nosa andaina na rede por medio deste blog, como un xeito de transmitir as nosas inquedanzas sobre a nosa lingua facéndonos eco, unhas veces, das noticias que aparecían sobre ela nos diversos medios, ou directamente, outras veces, para expresar o noso sentimento e servir de taboleiro de anuncios das nosas actividades.
O 20 de decembro de 2012 (como pasa o tempo) abríamos a nosa páxina de facebook e, desde ese momento as nosas comunicacións fóronse publicando simultaneamente nos dous medios (blog e facebook).
Hoxe, parece que esa reiteración de contidos non ten moito sentido e sendo moito máis áxil o segundo que o primeiro procede, ao noso entender, a supresión do blog para continuar unicamente no facebook.
Coincide, ademais, esta decisión, co ano en que cumprimos os 25 desde a fundación desta Coordenadora, feito este do que iremos dando conta ao longo deste ano, esperando poder celebralo como se merece.
Como despedida, poño a continuación o manifesto da Mesa que foi a nosa primeira publicación ese día 18 de maio de 2006 en que nos fixemos "redeiros". Velaí vai:


PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS


PORQUE TEMOS unha lingua propia. Unha lingua que nos une como galegas e galegos e que contribúe ao noso xeito de ver o mundo.
PORQUE QUEREMOS poder utilizar esta lingua para calquera cousa do noso día a día e que calquera galega ou galego poida gozar tamén do seu uso. Para xogar, para ouvir a radio, para facer xestións por internet, para casar, para soñar...
PORQUE DEBEMOS protexer unha das nosas grandes riquezas como pobo.
Na actualidade, despois de 25 anos do actual Estatuto, o galego continúa a estar mesmo moi por debaixo dos niveis mínimos de teórica cooficialidade. O debate do novo Estatuto supón unha oportunidade histórica para superar a situación de discriminacións que continúa a padecer a nosa lingua e quen quere utilizala con normalidade.
Precisamos dun Estatuto que solucione o problema: podermos exercer como galegos e galegas na Galiza. Un Estatuto que non manteña por máis tempo o galego nunha situación de inferioridade a respecto do castelán. Un Estatuto que garanta o dereito individual de calquera persoa a poder vivir en galego. Un Estatuto que garanta o dereito colectivo á lingua propia.
Porque ao galego deben corresponderlle todas as garantías dunha lingua oficial.
O galego é o idioma do Estado que máis precisa das garantías dun novo Estatuto. Mentres en Cataluña ou Euskadi houbo gobernos autonómicos que desenvolveron políticas que serviron para recuperar e estender eficazmente as súas linguas, en Galiza non só non se desenvolveu o tímido marco legal, senón que mesmo se permitiu a súa vulneración. A pesar desta falta de implicación das institucións, que conlevou unha forte caída de falantes nas xeracións máis novas, o galego continúa a ser a lingua espontánea de uso habitual para a maioría da poboación.
Que no Estatuto de autonomía figure o galego como “dereito e deber” ou que conteña unha carta de dereitos lingüísticos, significaría unha garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna. Precisamos garantías para que a galeguización do ensino, o uso do galego nos medios públicos, nas administracións, etc, non dependa da maioría electoral conxuntural nin da mobilización permanente da sociedade.
PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS, as persoas e entidades que apoiamos esta mobilización do 17 de maio de 2006, conscientes do reto histórico, demandamos para o novo Estatuto de Galiza:
1.- Que se manteña a obriga dos poderes públicos de contribuír a normalizar a nosa lingua.
2.- Que se recoñeza o dereito a usar e o deber a coñecer o galego, dándolle plena validez xurídica ás comunicacións na nosa lingua en todos os ámbitos.
3.- Que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos.
4.- Que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza. O persoal ao servizo das Administracións públicas debe estar capacitado e en disposición de usar o galego como lingua propia das Administracións galegas e as situadas na Galiza.
5.- Todo o persoal da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística.
6.- Que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario.
7- Que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE.
8.- Que o Goberno galego promova a comunicación e cooperación cos outros territorios que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués.
9.- Que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza.
Pedímoslle a todas as forzas políticas e axentes sociais que estean á altura do que este país e este tempo histórico demandan. Un Estatuto que recolla artigos no sentido antedito rachará os alicerces que sustentan as graves discriminacións que aínda padece o galego.
Ademais, para alén do sinalado no importante debate estatutario, agardamos que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego.
Porque TEMOS unha lingua propia e QUEREMOS vivir e aprender en galego, hoxe DEBEMOS exixir o cumprimento do noso dereito.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-01-2016 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Faime un favor
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-01-2016 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal