Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL (II)
DÍA: Xoves, 6 de febreiro de 2013

HORA: 19:00 en 1ª convocatoria
19:30 en 2ª convocatoria


LUGAR: IES Concepción Arenal

ORDE DO DÍA


1- Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
2- Elección da nova xunta directiva (President@, Secretari@, Tesoureir@, Vicepresident@. As candidaturas poden ser enviadas ao email da Asociación e/ou presentarse no mesmo acto asembleario. No caso de non aparecer candidatura ou persoas que asuman os cargos convocarase unha segunda asemblea no prazo dunha semana.
De persistir a ausencia de candidat@s aplicarase o Art.38 dos Estatutos da CENL)
.
3- Rolda de intervencións

Ferrol a 29 de xaneiro de 2014


A Secretaria
Carmen Cuesta
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 30-01-2014 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL
DÍA: Xoves, 6 de Febreiro 2014

HORA: 18:00 en 1ª convocatoria
18:30 en 2ª convocatoria


LUGAR: IES Concepción Arenal

ORDE DO DÍA


1- Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
2- Aprobación das contas do ano 2012.
3- Rolda de intervencións

Ferrol a 29 de xaneiro de 2014


A Secretaria
Carmen Cuesta
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 30-01-2014 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
Eurodeputados piden á UE medidas contra a discriminación de galego, catalán e vasco
Praza Pública - Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un grupo de eurodeputados veñen de reclamar á Comisión Europea que tome medidas para evitar as discriminacións lingüísticas e que estas sexan consideradas tan graves como as sufridas pola orientación sexual, a relixión ou a orixe étnica. Os sete europarlamentarios, e tendo en conta varios casos sobre a situación do galego, o éúscaro ou o catalán en España, solicitan que se modifiquen algunhas directivas existentes para incluír provisións sobre as discriminacións lingüísticas, ou ben que se elabore unha nova "sobre a aplicación do principio de non discriminación por razón de idioma".

Así o explicaron os sete eurodeputados -cataláns e vascos- en rolda de prensa. Sete parlamentarios que representan ao PSC (Maria Badia e Raimon Obiols), CiU (Salvador Sedó e Ramon Tremosa), ICV (Raül Romeva), PNV (Izaskun Bilbao), pero tamén a Aralar, BNG e ERC, a través de Iñaki Irazabalbeitia, representante agora do grupo de Europa dos Pobos e cuxo escano ocupaba ata hai uns meses a eurodeputada do Bloque Ana Miranda e, anteriormente, o actual secretario xeral de Esquerra, Oriol Junqueras.

A súa carta de queixa foille enviada á comisaria de Xustiza e Dereitos Fundamentais e Cidadanía, Viviane Reding, así como á de Educación, Cultura Multilingüismo e Mocidade, Androulla Vassiliou, e foi apoiada tamén polo presidente o do intergrupo sobre Minorías e Linguas, o socialista húngaro Czaba Tabajdi. Nela denuncian que "desafortunadamente, nalgúns estados membros, hai unha politica de discriminación sistemática da lingua que require unha resposta legal a nivel europeo".

Os eurodeputados consideran "unha disfunción" que "a lexislación da UE prohiba e combata a discriminación por orientación sexual, relixiosa ou étnica, pero non nos casos nos que os cidadáns son discriminados por motivos de lingua". Badia (PSC) destacou ante a prensa que "no Tratado de Lisboa se establece o tratamento igualitario para todos os cidadáns da UE", pero "nin o tratado nin a normativa que o desenvolve cobre a discriminación por razón de idioma".

Romeva (ICV) e Sedó (Unió) tamén destacaron que, aínda que Europa debe dar respostas á discriminación lingüística, "antes hai que pedir protección dentro do Estado", en referencia ás discriminacións que as linguas minoritarias sofren en España. De feito, a Plataforma per la Llengua catalá presentou un informe sobre corenta casos de discriminación lingüística do catalán, principalmente por parte das administracións.

O propio Romeva recoñeceu a súa "frustración" logo de dez anos de loita polo uso oficial do catalán na Eurocámara e Tremosa (CiU) denunciou que xa remitiu "máis de dez cartas á Comisión" sobre discriminación lingüística, pero que o Executivo comunitario "sempre lavou as mans neste asunto".

Os eurodeputados propoñen modificar a directiva 2000/78/EC de novembro de 2000 sobre igualdade de trato no mercado laboral para engadirlle que tampouco se poderá discriminar un traballador ou un candidato nunha entrevista polo feito de falar unha determinada lingua. Tamén queren incluír a lingua na proposta da directiva europea para "implemetar o principio de igualdade de trato entre persoas, independentemente da súa relixión ou crenza, minusvalía, idade ou orientación sexual". Ademais, piden á Comisión que artelle unha directiva específica sobre a non discriminación lingüística, baseándose no artigo 21 da Carta de Dereitos Fundamentais.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-01-2014 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Campaña para que o Día das Letras Galegas se dedique a Carballo Calero
Unha comisión formada por tres ex alumnos do escritor busca o recoñecemento ao «pai lingüístico dá cultura galega contemporánea»

NOELIA SILVOSA - Ferrol / La Voz 28 de xaneiro de 2014


A comisión promotora que pretende lograr que o Día das Letras Galegas do ano 2015 sexa dedicado a Carballo Calero presentou esta mañá as súas intencións na Galería Sargadelos. Está formada por tres ex alumnos do escritor, Xosé Manuel Pazo, Xosé María Dobarro e Bernardo Máiz, que esperan que «acade ou honra para ou que ten recoñecemento a bondo». Así, a comisión defende que xa hai 24 anos da morte de Carballo Calero, cando a condición para o recoñecemento autonómico é que o personaxe teña morto polo menos 10 anos antes. Os seus integrantes sinalaron que xa se presentou a súa candidatura sen éxito noutras dúas ocasións, polo que esa vez se adiantaron co fin de facela máis firme.
Aínda non hai unha data marcada no calendario para que a Real Academia Galega (RAG ) escolla ao personaxe, pero a comisión apunta que se espera que o faga ao redor do mes de xuño. Así, enmarcan as súas accións nun dobre obxectivo: dirixirse á RAG e á sociedade civil de Ferrol. Doutra banda, organizarán unha reunión con asociacións veciñais, culturais e demais entidades locais co fin de que a iniciativa tome forza antes de acudir ás administracións públicas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-01-2014 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Unha comisión cidadá impulsa o Día das Letras para Carvalho Calero
DIARIO DE FERROL - REDACCIÓN FERROL | Actualizado 29 Enero 2014


A falta dun Día das Letras Galegas para o ferrolán Ricardo Carvalho Calero é unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. A súa defensa dunha ortografía que se aproximara ó portugués expulsouno da oficialidade e, malia o innegable valor das súas achegas na investigación lingüística e literaria e da súa obra creativa, diversos sectores continúan a loitar para sacalo do esquecemento. Desde Ferrol impulsáronse en varias ocasións iniciativas que buscaban influír nos membros da Real Academia Galega para que apoiasen que se lle dedicase o Día das Letras a Carvalho. Aínda non tiveron éxito, pero as propostas continúan. A última vén da man dunha comisión que, desde o movemento cidadán, quere aglutinar esforzos para conseguir esta conmemoración no ano 2015. Os profesores Manuel Pazo, Xosé María Dobarro e Bernardo Máiz (que foron alumnos do ferrolán) presentárona onte publicamente nun acto en Sargadelos, primeira chamada de atención para constituír unha plataforma plural nas vindeiras semanas. De feito, haberá unha reunión aberta a asociacións veciñais, culturais, colexios e outras institucións para definir o camiño a levar adiante a partir de agora.
“Carvalho Calero morreu hai 24 anos. Nós somos unha comisión promotora para tratar e conseguir que acade o honor para os que ten merecementos abondo”, explicou Bernardo Máiz. “El entendeu que a ortografía debía achegarse á portuguesa e xa en vida condenárono ao ostracismo, pero foi o pai lingüístico da Galicia contemporánea”, engadiu. Lembrou que a primeira homenaxe que se lle fixo foi en Ferrol, por parte da asociación Medulio, en 1981, e que en 2010 o Concello realizou un pequeno congreso e editou dous libros.
“Non representamos a ningúen”, apuntou o profesor Xosé María Dobarro, a quen Carvalho Calero lle dirixiu a tese de doutoramento. “Simplemente tivemos relación co profesor, somos afervoados admiradores de toda a súa obra como creador literario e como investigador”. De feito, subliñou que, malia que esta última faceta é a máis divulgada de Carvalho, ten unha obra creativa de gran valor no campo poético (onde se iniciou de moi novo, antes de ir estudar a Santiago), teatral (con obras tan representadas como “A farsa das zocas”) e en narrativa. De Carvalho foi a primeira novela en galego que se publicou despois da Guerra Civil (“A xente na barreira”, en 1951) e Dobarro sitúa “Scorpio”, de 1987, como “unha das mellores da literatura galega das últimas décadas do século XX”.
“Esperemos que este paso teña acollida na cidadanía ferrolá e en sectores da cultura de toda Galicia e que se lle recoñeza o que xa se lle tiña que ter recoñecido hai quince anos ou máis”, engadiu Dobarro.
Manuel Pazo afirmou que hai que superar as reticencias fronte a Carvalho por cuestións ortográficas porque “tantos anos despois da súa morte e do fin da ditadura, tentan impedir que poidamos formarnos as nosas propias opinións”. Aínda que esta petición xa foi aprobada no pleno ferrolán en dúas ocasións, “non temos por que renunciar a pedirllo á RAG outras catro, cinco ou vinte veces”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-01-2014 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
“Veño de Canadá, levo tres meses en Carballo e quero falar galego”
Sermos Galiza

Carballo continúa integrando a “nov@s galeg@s” a través da lingua. O Concello bota a andar de novo o “Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural”, un programa que achega desde o 2005 á nosa lingua a persoas que sen teren orixe galega residen no municipio.


“Son Gustavo, veño de Uruguai e gústame falar galego para ser máis de aquí”, “Son Verónica, veño de Gran canaria e levo seis meses en Carballo. Quero falar galego para ensinarlle á miña filla a cultura galega”, “Son Leo, veño de Cuba e gústame aprender galego para entender a letra dos grupos de aquí”, “Son Luci, de Colombia, levo un ano en Carballo e gústame aprender galego para ser máis de aquí”. Son algunhas das declaracións recollidas no vídeo do “Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural” da pasada edición co que o Concello de Carballo anuncia agora unha nova convocatoria dun programa que se leva desenvolvendo desde o 2005, con sorprendentes resultados e unha boa acollida.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a participar no programa, entre outras, coa lenda “Gustaríache que che dixesen: “Que rápido aprendiches a falar galego?” e, de feito, no vídeo “Nov@s galeg@s que queren falar galego” varias das persoas que se expresan nosa lingua manifestan levar tan só 3 ou 6 meses no país.

Dirixido a “novos galegos e galegas”, o obradoiro práctico desenvolverase do 11 de febreiro ao 3 e abril, a través de distintas actividades encamiñadas á integración de quen vén de lonxe tamén a través da lingua. O prazo de inscrición ao obradoiro, de carácter gratuíto, está aberto até o 4 de febreiro.



Cunha nova ordenanza

A normalización lingüística camiña con pulo en Carballo amparada tamén na nova ordenanza que aprobou no último trimestre do pasado ano segundo a cal o Concello empregará o galego na totalidade das súas accións, tanto nas administrativas internas como na comunicación social, as relacións coa cidadanía e con todas as entidades públicas que teñen sede na Galiza ademais das que admiten o galego nas actuacións administrativas. A ordenanza recolle tamén o uso do galego para as empresas que presten servizos do Concello.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-01-2014 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
O "inédito" de Rosalía xa vira a luz na revista dun instituto
Sermos Galiza

O poema “Dinche o corazón na man” que a Academia deu a coñecer como inédito fora xa publicado en xullo de 2013 na revista do Instituto Virxe do Mar de Noia. O responsábel da publicación é o mesmo investigador que un ano antes publicara unha fotografía como pretensa imaxe inédita da escritora e que finalmente non se correspondía con Rosalía.


A incerteza continúa arredor da maior escritora da literatura galega. Tan só unhas horas despois de que a Real Academia Galega anunciase a descuberta de obra inédita de Rosalía, entre outras pezas o poema “Dinche o corazón na man”, na rede xa rulaba a noticia de que o poema en galego fora xa publicado. Ningún dos especialistas na obra rosaliana presentes no acto, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira -investigador e responsábel da recente edición de “Cantares Gallegos”- o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, a investigadora María Xesús Lama -que participou por videoconferencia- nin o secretario da institución Henrique Monteagudo, que presentou o achado, tiñan noticia do previo desempoeirado do documento.

En certo modo, o descoñecemento era explicábel xa que o texto da autora máis recoñecida da historia literaria galega vira a luz na revista Casa da Gramática, publicación do Instituto Virxe do Mar de Noia, da man de Ramón Torrado, o mesmo investigador que tan só un ano antes errara ao asignar a Rosalía unha fotografía dunha muller con notábeis semellanzas, mais que non se correspondía coa autora de “Follas Novas”.

Un poema aparecido por volta de 1998

O erro previo pode ser a explicación da cautela do investigador á hora de publicar a composición descuberta nos fondos da Academia. O profesor do instituto de Boiro, Ramón Torrado, tería atopado o poema na Academia por volta de 1998, segundo recolle o xornal dixital Certo. Na revista Casa da Gramática, Torrado recolle os versos de “Dincho o corazón na man” anotando con prudencia que se trata dun “poema moi descoñecido, posibelmente inédito, que probablemente é obra de Rosalía na época de compoñer os Cantares Gallegos. No mesmo lugar onde se encontra, hai unhas trinta cantigas manuscritas, das cales máis de vinte non aparecen nos Cantares”. Aí quedou o tema e a publicación non ecoou nin para chegar aos ouvidos de especialistas na obra da maior autora da literatura galega.

O propio Henrique Monteagudo asinou a nota aclaratoria no fin da información da presentación dos inéditos na páxina da Academia para recoñecer o mérito de Ramón Torrado e explicar o proceso que conduciu ao erro. “Cómpre aclarar tamén que, antes de facer pública na Real Academia Galega a nova sobre “Dinche o corazón na man” e “Postrimerías” se fixo unha pescuda coidadosa da ampla bibliografía académica, edicións, estudos...) existentes sobre da obra de Rosalía, realizáronse consultas persoais a distintos expertos nesta, e mesmo se fixeron comprobacións a través dos buscadores na rede”, anota na aclaración Monteagudo. Porén, do poema de Rosalía non tiñan coñecemento nin especialistas, nin a bibliografía académica, nin edicións nin estudos. A súa publicación non saíra do ámbito do centro de ensino público que recollera a peza inédita da autora.

Un libro nunha casa de Santiago e unha biografía sen publicar

Cara e cruz dunha autora que aínda dá sorpresas. O ano 2013, conmemoración do 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” botaba a luz aínda un poema descoñecido da autora publicado por Francisco Rodríguez en Sermos Galiza e Anxo Angueira coa Fundación presentaban un extraordinario exemplar de “Cantares Gallegos” cunha fotografía nova da escritora e unha carta sorprendente. Pouco antes, a análise de especialistas desmontaría a fotografía que Ramón Torrado presentaría como imaxe descoñecida da poeta e que finalmente non se correspondería coa autora, o mesmo investigador que publicou, pola contra, o poema que a Academia presentou por inédito sen que case ninguén o soubese e sen que chegase aos núcleo de especialistas na súa obra. A imaxe que resultou non ser da escritora fora publicada no xornal dixital Galicia Confidencial nun artigo que levaba por título "Unha Rosalía inédita".

Segundo apunta o xornal Certo, Ramón Torrado ten unha biografía novelada sobre Rosalía inédita. Pola súa banda, Alonso Montero aventura a existencia dunha obra descoñecida de Rosalía gardada nunha casa de Santiago. Dous datos máis que son difíciles de entender cando se refiren á máis relevante escritora da historia dunha lingua.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-01-2014 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Catro inéditos de Rosalía, un achado histórico que deita máis luz sobre a súa obra
Praza Pública

Miguel Pardo | @depunteirolo


"É un día grande para o rosalianismo universal". Con esta frase, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, deu conta da importancia que a descuberta supoñía. A insititución presentou este xoves na súa sede novos textos manuscritos inéditos de Rosalía de Castro: un poema en galego da súa primeira etapa poética, así como varias pezas manuscritas en castelán máis dos seus derradeiros anos, das que dalgunha se tira formarían parte dunha obra que non acabou de de ver luz, Postrimerías. Un achado "valiosísimo" que non será un epílogo, senón, tal e como recoñeceu a RAG, o comezo duns descubrimentos que poderían rematar nun "acontecemento maiúsculo": a posible aparición de Historia de mi abuelo, un libro homenaxe que desaparecera tras o falecemento da autora.

A descuberta dos novos textos correu a cargo do profesor -e secretario da RAG- Henrique Monteagudo e da profesora María Xesús Lama, que interveu no acto a través de vídeoconferencia tras un problema coa conexión aérea, e aos que acompañou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Todos destacaron o "valiosísimo" dun conxunto de achado que coincidiu coa celebración durante o pasado ano do sesquicentenario da publicación de Cantares Gallegos.

"Parecía difícil pensar que aparecerían textos inéditos", recoñeceu Monteagudo, que explicou que a descuberta chegou durante o traballo que el mesmo, xunta a Lama, facía para publicar un álbum rosaliano que recollese pezas manuscritas da autora. Foi durante esa recollida cando se atoparon os manuscritos inéditos, no seu caso un poema en galego que fora depositado xunto con outros da autora no Arquivo Municipal da Coruña polas propias fillas de Rosalía e a petición do que era alcalde da Coruña, e despois presidente da RAG, Manuel Casás, a mediados dos anos 20.

"O texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos", explicou o secretario da Academia, que sitúa a data aproximada da escrita na década de 1860 e que destaca a importancia da descuberta ao reparar no feito de que os últimos manuscritos galegos inéditos de Rosalía datan de 1953. "Era descoñecido e este folio pasou desapercibido para o propio Murguía e tamén para os estudosos deste fondo", engade Monteagudo sobre un poema (Dinche o corazón na man) que lembra a pezas dos Cantares, aínda que non é un cantar popular, e que é un diálogo entre dous namorados.

Tamén presentou a outra descuberta a profesora da Universidade de Barcelona, María Xesús Lama, que fixo unha análise sobre os inéditos en castelán que estaban custodiados no propio Arquivo da RAG, dentro nunha serie que fora maioritariamente publicada xa no seu libro En las orillas del Sar. Pero sendo todo o conxunto de interese considerable, tanto pols variantes das versións publicadas como polo estudo grafolóxico, "é o último manuscrito o que chama a atención polo extraordinario valor da información que ofrece ese encabezamento e a nova persepctiva que deita sobre as poesías finais engadidas por Murguía ao preparar a segunda edición de En las orillas del Sar".

Segundo Lama, o poema agora recollido demostra a intención de Rosalía de publicar unha nova obra, xa que formaría parte dun proxecto para un novo libro. Porque no propio manuscrito pódese ver o título da futura obra, Postrimerías, que "delataba a conciencia da autora de que sería o derradeiro". É un poema "terriblemente funesto, tétrico e arrepiante", como lembrou Monteagudo.

A profesora María Xesús Lama engadiu que o achado deste poema que formaría parte da última obra de Rosalía fai que "cobre sentido" aquela frase que se lle atribúe a Murguía e que lle tería dito ás fillas cando, por vontade da autora, decidiron queimar os seus manuscritos: "Habéis quemado la gloria de ella y la fortuna vuestra". "Seguramente, tiña miotos máis poemas para este libro, pero decidiu destruílos", engadiu a profesora.

Para o presidente da Fundación Rosalía de Castro, todos estes textos "son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares Gallegos, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosa que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente".

Alonso Montero advirte da próxima aparición de Historia de mi abuelo, unha obra desaparecida de Rosalía que podería estar nas mans dunha familia compostelá

Pero non serán as últimas descubertas. Así o advertiu Xesús Alonso Montero, que asegura que "sen dúbida aparecerán algúns inéditos máis" e que avanzou que a RAG está a piques de confirmar o achado dun libro perdido de Rosalía de Castro, que se sabe que foi escrito pero que nunca apareceu. Trataríase, "probablemente", de Historia de mi abuelo, unha obra de homenaxe ao seu avó e que foi un dos manuscritos que desapareceu ao morrer a autora. "Sería un acontecemento maiúsculo e de moita máis magnitude aínda", aclarou o presidente da Academia, que avanzou tamén que o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, tamén puxo nas mans da institución "textos rosalianos moi importantes" que serían presentados no futuro.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-01-2014 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal