Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Tildan á Xunta "galegófoba" por recorrer as sentenzas do TSXG sobre o decreto do plurilingüísmo
AGE e a central CIG Ensino verteron duras críticas contra o Goberno autónomo.

GALICIA HOXE - SANTIAGO.


A CIG-Ensino criticou a "galegofobia" da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tras coñecerse a súa decisión de comparecer no Tribunal Supremo como paso preceptivo para poder formular un recurso de casación contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo.

Nun comunicado, o sindicato critica que esta actitude "vai provocar un gasto importante" e a contradición de que se formule recorrer unhas sentenzas "que menosprezou no seu día" e das que chega a dicir que "apoiaban os principios que inspiraban a norma".

"Poden adornalo como queiran, pero soamente hai unha conclusión posible: a Consellería entende que as sentenzas poñen en entredito o Decreto", interpretou.

Alternativa acusa á Xunta de "asañarse" co galego

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou á Xunta de "asañarse" co galego e denunciou que a "belixerancia" do Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo contra este idioma "non parece coñecer límites", tras coñecerse a súa decisión de comparecer no Tribunal Supremo como paso preceptivo para poder formular un recurso de casación contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo.

"O seu foi o primeiro Goberno na historia da autonomía en lexislar contra a lingua propia de Galicia e de reducir, por lei, a súa presenza na escola pública", recordou, nun comunicado, antes de lamentar que o Executivo de Feijóo "continúe" nesta liña.

A xeito de argumento, aludiu á decisión adoptada na pasada xornada, por o que ratificado que o actual Goberno galego, "a través do brazo executor" do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, "pasará á historia como lengüicida".

"Agora vemos que Vázquez e Feijóo perseveran no seu odio furibundo contra o galego e a cultura galega", lamentou, tras recordar que AGE xa interpelou en decembro do ano pasado ao titular de Educación para saber se a Xunta prevía recorrer esta sentenza.

Por outra banda, Alternativa denunciou tamén a "precarización progresiva" dos centros de orientación familiar dependentes do Sergas, unha cuestión que atribuíu, en palabras do seu vicevoceiro, Yolanda Díaz, á "formulación ideolóxica reaccionaria" do PP.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-01-2013 08:45
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa denuncia que Feijóo gasta os cartos dos galegos contra a lingua
Denuncia que a Xunta é o primeiro goberno autonómico do Estado que recorre aos tribunais para que o seu idioma propio "estea máis desprotexido".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/01/2013


"A Xunta tira diñeiro de todas e todos para atacar o noso idioma nos tribunais, cando a súa obriga é defender a nosa lingua e a nosa cultura". Con este argumento, a Mesa pola Normalización Lingüística, acusa a Feijóo de utilizar os cartos dos galegos para ir contra a lingua do país.

Por iso, e tras ser a primeira entidade que recibiu unha sentenza favorábel ás súas teses no recurso perante o TSXG polo decretazo contra o galego, considera “obscenos” os argumentos utilizados polo Goberno galego para utilizar o diñeiro público perante o Tribunal Supremo. A Mesa recorda que, aínda que houbo gobernos noutras comunidades do Estado que si practicaron nalgún momento políticas contra as súas linguas (como os de Navarra ou Valencia), a Xunta de Feijóo é “o primeiro goberno autonómico que recorre aos tribunais para conseguir unha maior desprotección para o seu idioma”.

O presidente desta entidade, Carlos Callón, apunta, ademais, que “está á vista de todo o mundo que temos un presidente que é mentireiro compulsivo”, pois “insulta a intelixencia de calquera que se nos diga que gañaron as sentenzas e que, ao mesmo tempo, as van recorrer”. “Ha de ser a primeira vez na historia que alguén recorre sentenzas que di que gañou!”, ironiza.

"Decreto zombi"

Segundo a Mesa, as varias sentenzas do TSXG anulan, "por ilegais", os núcleos do decreto do plurilingüismo e o cerne do discurso do PP sobre a presenza do galegos no sistema educativo. "O decreto en vigor é un decreto zombi, posto que, aínda que continúa en vigor, en realidade está xa morto xuridicamente, igual que estaba xa morto socialmente e pedagoxicamente, pois é unha norma sen apoios na comunidade educativa e considerada unanimente como inservíbel desde o ámbito da pedagoxía”, sinala.

A Mesa lamenta tamén que “nun momento como o actual, en que tan necesaria é a cohesión social de Galiza, a aposta da Xunta sexa destruír a nosa cultura todo o posíbel, mesmo malgastando diñeiro público nese obxectivo, como está a acontecer agora cos seus recursos ao Tribunal Supremo”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-01-2013 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Rexeitamento frontal ao recurso da Xunta que tenta "aumentar a desprotección do galego"
Redacción | @prazapublica


A Xunta decidiu enlamarse nunha batalla xudicial co galego como protagonista, logo de anunciar o pasado martes que xa se prepara para presentar un recurso de casación ante o Supremo contra as numerosas sentenzas que anulan o cerne do decreto do plurilingüismo. Todo, malia que o Goberno de Feijóo insiste unha e outra vez en que os ditames "avalan" a norma e a súa política lingüística. O rexeitamento de colectivos, sindicatos e oposición é, de novo, frontal e rotundo.

A Mesa pola Normalización Lingüística, a primeira entidade que recibiu unha sentenza favorábel por parte do TSXG, cualifica de "obscenos" os argumentos utilizados pola Xunta para os seus recursos perante o Tribunal Supremo e recorda que, aínda que houbo gobernos noutras comunidades que si aplicaron políticas contra as súas linguas, o Executivo de Feijóo é “o primeiro que recorre aos tribunais para conseguir unha maior desprotección para o seu idioma”.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, asegura que “está á vista de todo o mundo que temos un presidente que é mentireiro compulsivo”, pois “insulta a intelixencia de calquera que se nos diga que gañaron as sentenzas e que, ao mesmo tempo, as van recorrer”. “Ha de ser a primeira vez na historia que alguén recorre sentenzas que di que gañou!”, ironiza.

Outro dos colectivos aos que o TSXG estimou en parte o recurso, CIG-Ensino, cre que a Consellaría de Educación "amosa unha vez máis a súa galegofobia" e entende que o feito de que a Xunta decida finalmente acudir á Xustiza implica que o Goberno sabe que os ditames "poñen en entredito o decreto". "Insisten na súa política contra a nosa lingua, que é o seu obxectivo central, e para iso non dubidan en gastar importantes cantidades de diñeiro en recorrer estas sentenzas porque amparan o noso idioma", engade a central nacionalista, que coincide coa Mesa en denunciar tamén o gasto de cartos públicos para atacar a cultura propia.

AGE censura a "belixerancia do Goberno contra a lingua" e CxG destaca o "desprezo" ás insititucións propias ao levar ao Supremo unha materia que é competencia exclusiva de Galicia

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), pola súa banda, considera que "a belixerancia da Xunta contra a lingua galega non parece coñecer límites" e critica o "asañamento" do PP "co idioma que o Estatuto considera propio de Galicia". “Jesús Vázquez é un perverso galegófobo que desde a institución que debera defender a identidade galega”, lembra o deputado Xabier Ron, “non deixa de atentar contra a súa lingua”. "O conselleiro e Feijóo teiman no seu odio furibundo contra o galego e a cultura galega", insiste.

Ademais, o membro da Executiva Nacional de Compromiso por Galicia (CxG), Henrique Monteagudo, cre que “o Partido Popular ten que reflexionar”, xa que as sucesivas sentenzas do TSXG “desmontan un por un todos e cada un dos elementos principais do decreto”. O membro da Real Academia Galega considera tamén que Feijóo perdeu unha oportunidade para rectificar “unha política lingüística errada que se basea no desprezo total e absoluto ao galego”.

Monteagudo destaca tamén que "este desprezo e maltrato da lingua" está acompañado dun “desprezo ás institución propias”, xa que "Feijóo acode a Madrid, ao Tribunal Supremo, para que resolva sobre unha materia que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-01-2013 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
... para así promover a lingua
Fálase de... Medios amigos
Por Marcos Pérez Pena


Os xogadores da selección de fútbol de Cabo Verde néganse a conceder declaracións en calquera idioma que non sexa o portugués durante a celebración da Copa de África para así promover a lingua. Cabo Verde é a gran revelación do campionato e xa está en cuartos de final.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-01-2013 08:38
# Ligazón permanente a este artigo
As tecnoloxías da linguaxe poden converter a diversidade lingüística de Europa nunha vantaxe competitiva
TRADUCIÓN AUTOMÁTICA DE ALTA CALIDADE

A rede de excelencia Meta-Net, da que forma parte a Universidade de Vigo, elaborou unha axenda estratéxica

A catedrática Carmen García Mateo coordina o grupo que se encarga do galego.
GALICIA HOXE - VIGO. M. DEL RÍO | 10.36h.


Preto de 80 linguas, algunhas delas en situación precaria, e un continente en proceso de integración comercial, social e de negocios. Compaxinar estas dúas realidades pode ser unha tarefa titánica se non se conta con ferramentas tecnolóxicas para superar as barreiras de comunicación. Pero con recursos como os software de tradución automática, a diversidade lingüística e cultural do continente pódese converter nunha vantaxe competitiva, unindo os esforzos de enxeñeiros e tradutores arredor de empresas e proxectos de tecnoloxías multilingües. Con esta finalidade traballa a rede de excelencia Meta-Net, constituída por 60 centros de investigación de 34 países, entre eles o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo. Tras máis de dous anos de traballo veñen de presentar as bases dun programa de investigación panaeuropeo para o deseño destas ferramentas e servizos de tecnoloxías lingüísticas, a Axenda Estratéxica de Investigación (SRA).

Tras elaborar 31 libros brancos coa diagnose doutras tantas linguas do continente, este novo documento describe como o investimento en tecnoloxías da linguaxe pode xerar considerables beneficios económicos. Deste xeito, as barreiras lingüísticas tornarían en vantaxes competitivas, desenvolvendo estas tecnoloxías, deseñando programas e dispositivos axeitados para cada idioma e creando un gran mercado, que na actualidade conta xa con centos de pequenas e medianas empresas con tecnoloxías especializadas multilingües. Esta é a conclusión dos preto de 200 expertos que elaboraron “a folla de ruta coas recomendacións sobre a planificación do I+D+i no eido das tecnoloxías lingüísticas de cara ao horizonte da Estratexia 20-20”, explica a catedrática Carmen García Mateo, coordinadora do grupo vigués que se encarga da parte relacionada co galego.

Segundo o profesor Hans Uszkoreit, coordinador de Meta-Net e director científico do DFKI (Centro Alemán de Investigación en Intelixencia Artificial), "Europa necesita urxentemente un software de tradución automática de alta calidade para todas as linguas europeas e as principais linguas non europeas coa finalidade última de superar as barreiras do idioma. Estas barreiras prexudican o obxectivo da UE a longo prazo de establecer un mercado único dixital, xa que obstaculizan o libre fluxo de coñecemento, información, bens, produtos e servizos".
Este documento foi presentado aos representantes da Comisión Europea, a investigación, a industria e a tecnoloxía nun simposio celebrado o pasado venres, o 25 de xaneiro, en Berlín.


Tecnoloxías para frear a extinción dixital das linguas.

A diagnose previa determinaba que 21 dos 31 idiomas analizados estaban en risco de extinción dixital, incluíndo o galego. Isto significa que carecen das tecnoloxías da información para poder sobrevivir nun mundo dixital, xa que só unha pequena fracción da información valiosa está dispoñible en todas as linguas europeas, convertendo as fronteiras lingüísticas en fronteiras comunicativas e económicas. Georg Rehm, co-editor do documento e xestor da Rede de Meta-Net exemplifica esta situación en relación ao accidente de Fukushima en marzo do 2011. “Toda Europa debateu os proles e as contras da enerxía nuclear, pero só dentro dos límites de comunidades lingüísticas específicas: nunca houbo un debate a nivel europeo! As tecnoloxías que promovemos permitirán en Europa levar a cabo estes debates cruzando fronteiras lingüísticas e chegar a un novo nivel de identidade europea entre os cidadáns."

Ás portas dunha revolución.

Os expertos da rede Meta-Net falan dunha revolución das tecnoloxías da información e subliñan a vantaxe de poder posicionarse neste momento de cambios, no que irán gañando unha presenza significativa a linguaxe humana, o coñecemento e a emoción. Neste sentido, destacan que o sistema Siri de Apple e a busca de Google por voz son só os primeiros pasos. A linguaxe humana converterase no medio preferido para a comunicación entre as persoas e a tecnoloxía, sosteñen dende a rede, “eliminar a barreira de comunicación entre as persoas e a tecnoloxía cambiará o noso mundo”.

Coa vista posta no Horizonte 20-20, a Axenda Estratéxica de Investigación recomenda que os esforzos en investigación académica e desenvolvemento industrial se centren en tres temas prioritarios. Por unha banda, a Nube Translingüística (Translingual Cloud), que terá que proporcionar servizos de tradución xenéricos e especializados a todos os cidadáns, empresas e organizacións europeos. Estes servizos abranguerán tecnoloxías de tradución automática de alta calidade, precisas e fiables para a linguaxe falada e escrita, e implicarán tradutores e intérpretes nas tarefas que as máquinas, por si soa, non poden tratar. Por outra banda suxiren traballar en intelixencia social e e-participación, é dicir, no desenvolvemento de recursos e ferramentas para dar apoio á comprensión e o diálogo entre comunidades de cidadáns, clientes e consumidores, permitindo a participación electrónica e establecendo procesos máis eficaces para a preparación, a selección e a avaliación de decisións colectivas. Finalmente, a terceira área prioritaria confórmana os asistentes interactivos con capacidades sociais. Este campo a investigación concéntrase no desenvolvemento de asistentes dixitais omnipresentes capaces de aprender e adaptarse para ofrecer un apoio proactivo e interactivo segundo situacións concretas, lugares e obxectivos do usuario a través da interacción por medio de linguaxe falada.

Meta-Net tamén avoga polo deseño e desenvolvemento dunha plataforma europea de servizos de tecnoloxías da lingua que poida ofrecer tecnoloxías da lingua aos usuarios e clientes.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-01-2013 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
Fene conmemora San Valentín cun novo concurso de cartas de amor
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL | Actualizado 30 Enero 2013



O día de Rosalía –na imaxe, escultura en Ferrol– celébrase o 24 de febreiro en toda Galicia.

O certame de cartas de amor de Fene cumpre quince anos. A emisora municipal (Radiofusión) convoca unha nova edición deste concurso literario, que se falla o 14 de febreiro, coincidindo con San Valentín, día dos namorados. Tamén toman como referencia a Candelaria (o día 2), data na que, segundo a tradición popular galega, casan os paxaros.

O premio desta edición consiste nunha cea e unha noite romántica no hotel Hesperia, en Ferrol. As persoas que desexen participar poden enviar os seus orixinais a Radio Fene (Casa do Concello, 15500) ou ó correo direccion@radiofusion.eu. O prazo de presentación remata o 12 de febreiro.

As bases establecen que as cartas, en prosa ou en verso, deben estar escritas en lingua galega e a súa extensión non pode exceder dun folio ou de 1650 caracteres.

A edición de 2012 gañouna María Gómez Díaz, natural e veciña de Castro de Ribeiras de Lea, en Lugo. Fíxoo cunha carta real, que escribira tres anos antes coa intención de deixar á súa parella. “As cousas acabaron ben”, apuntaba a autora.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-01-2013 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
Kathleen March: Alguén perguntou: "Como fixeches túa a lingua galega? Non comprendín a pergunta...
Kathleen March é Catedrática de Linguas Modernas da Universidade de Maine (EUA).

Pola porta do portugués

SERMOS GALIZA


Alguén perguntou: "Como fixeches túa a lingua galega? Non comprendín a pergunta, que ninguén ma fixera encol de outras linguas. Mais tentarei dar unha resposta, en dúas partes:

Primeira parte. Entrei pola porta do portugués. Nin máis nin menos. Que non me digan que non son linguas irmás. Axiña puiden ler textos de Manoel-Antonio, Otero Pedrayo, Herrera Garrida, Pozo Garza, Rosalía. Abriu-se a porta, entón, e na casa galega abondaban persoas dispostas a deixaren-me escoitar a conversa, que non me traducían ao castelán o que dicían, como hoxe fan persoas adultas cos nenos. Entre os primeiros mestres: Ramón Martínez López, X.M. Alvarez Blázquez, X.R. Fandiño Veiga, María do Carmo Kruckenberg, Albina e Ovidio de Santabaia, José Luis Rodríguez, Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Lois Tobío e outros.

Unha estranxeira non aprendería galego se os galegos non o falasen, e moito. Con orgullo (ou orgulleza), se non for parte da identidade da Galiza. Non, parte, non. Minto. A base do país galego está, estivo e estará na súa lingua. Mesmo os estranxeiros sabemos iso. Cumpriría que os seus políticos o soubesen tamén.

Segunda parte: Unha vez que pasara eu pola porta e atopara sen dificultade con quen falar, a quen escoitar, a quen e que ler, non era preciso ficar dentro. Mais a lingua, en pouco tempo, fixera-me súa. Non experta; lonxe diso ando, senón que simplesmente non puiden deixar de coñecer o mundo da Galiza - mundo polo que non se pode viaxar sen unha lingua axeitada á conversa, ás lendas, ás lembranzas, á alimentación, ao clima e á leitura.

Entón, e resumindo, atopei-me presa nos aloumiños que daba o país, moitas veces sen saber el que os daba. Non esaxero e non podo oferecer unha lista completa dos meigallos que me fixo nin das couces que recibín cando as bandas galegas enfrentaban-se e eu no medio. Só inclúo un anaco do engado galego, e que ninguén - ninguén - interprete os exemplos como os dunha turista, porque van por outros vieiros.

A base do país galego está, estivo e estará na súa lingua. Mesmo os estranxeiros sabemos iso

Santa Escolástica; Ulfe e Trasulfe; Amandi con patacas e ovos fritidos; Toxos Outos; o Antroido; un lavadoiro en Cabo, perto de Bertamiráns; a resistencia contra a peste dos ercalitos e as celulosas - as maos que queiman os montes, escrebera un camboto -; o Preguntoiro; a confusión e morte de María Balteira; Iain o fotógrafo; a Biblioteca América da USC; os fiunchos; un xantar no Incio; (l)a Gran Enciclopedia Gal(l)ega; o vello local do Seminario do Pai Sarmiento, en Fonseca; Santa Mariña de Augas Santas; poetas, novelistas, contistas que dende 1863 empregan a súa lingua para o pracer dos demais; as leitugas da fachada da catedral; a Mesa pola Normalización; as mámoas e os petróglifos que as empresas nada respectan; a raiba de mulleres e homes que non se deixan castelanizar; certa rúa de Rianxo; a xustiza pola man e pola boca; as pedras e liques da praia de Tal (Muros); o románico.

Galiza. Unha casa ou seica unha nao, pensa como a de Manselle e capaz de loitar, sempre. Chea de conflitos, traizón, ambición - e de sabores, xentes de valor, política, creatividade. Complexa. Sedutora. Fría e agarimosa. Non, a lingua galega non é miña. Só podo agradecer a xenerosidade e a amizade que me permitiran aló polo ano 1979 entrar pola porta e despois comunicar-me cos que alí estaban.

Obrigadinha.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-01-2013 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta persónase no Supremo para salvar o decreto de plurilingüismo, rexeitado masivamente nas rúas
Dous días despois de que unha maré reclamase en Compostela o dereito ao ensino en galego, a Xunta dá un novo golpe na mesa personándose no Supremo “para ter opción a recorrer as sentenzas do TSXG sobre plurilingüismo”.

SERMOS GALIZA - REDACCIÓN


A nota de prensa emitida pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa de que hoxe mesmo se personou diante do Tribunal Supremo co fin de presentar o recurso de casación contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza galego arredor do decreto do plurilingüísmo.

No comunicado explica a Consellaría que ten á fronte a Xesús Vázquez que agardaron até o derradeiro día do prazo por se “se producía algunha resposta dialogante e construtiva acerca da proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta”.

Volven sobre os argumentos xa empregados e a Consellaría advirte que “non pode admitir as imposicións que algúns partidos ou colectivos pretenden”, ao seu ver, contrarias ao que opina a maioría e as propias sentenzas do TSXG “que non derrogou, como pretendían os recorrentes, o decreto de plurilingüímo”.

A vontade da Xunta é, polo tanto, continuar adiante co recurso de casación, para o que o Tribunal Supremo, de ser o caso, dispón dun máximo de 30 días para comunicar o prazo en que deberá presentalo. “Presentación que non impediría a súa retirada se os recorrentes e a oposición aceptasen a mencionada proposta feita hai máis dun mes polo presidente da Xunta”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-01-2013 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
A manda testamentaria de Ceferino Díaz
"Lembrade que entre os meus orgullos figura o de ser un dos primeiros profesores que na Universidade, nos últimos anos do franquismo, deu aulas na nosa lingua como acto de reivindiación e protesta, e que dende aquelas seguin fiel á nosa lingua que, como temos falado, é a mellor herdanza da nosa historia colectiva como pobo". É unha das últimas peticións do histórico galeguista Ceferino Díaz.

Artigo de Xosé González Martínez.
Galicia Confidencial| Redondela | 28/01/2013


O pasado día 23 de decembro finou en Compostela o amigo Ceferino Díaz. Hoxe repousa no camposanto da súa aldea natal do concello de Escairón. Neste tempo teño rememorado a nosa vella amizade que principiou en Compostela cando era profesor da Facultade de Económicas, e militante do Partido Socialista Galega.

Anos despois, cando fora elixido deputado ao Parlamento Galego, adoitabamos xantar de cando en vez en Santiago na compaña dos seus compañeiros Francisco González Amadios “Panchulo” e Pablo Sande García. Pertencían ao minoritario grupo galeguista do PSdeG-PSOE.

Un mes despois do seu pasamento, como digo, e a piques de ser aberto o seu testamento, quero dar a coñecer públicamente a súa manda testamentaria que eu lle pedira para incluír no libro “En galego, agora e sempre”, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en 2008 coa finalidade de fomentar o costume de incluír nas declaracións de herdeiros unha cláusula que os conmine a respectaren o patrimonio cultural e lingüístico do pobo galego.

Esta é a que deixou escrita Ceferino:

"Queridas, sabedes que non tiña présa por deixarvos, sabedes tamén que estaba gozando dunha prórroga que non era indefinida. Coidaba, tempo atrás, que recibido o aviso de que estaba nun proceso transitorio ía planificar con tempo a miña despedida deixándovos os menos problemas pendentes, pero o certo é que pasados os momentos críticos téndese –é o meu caso- a adiar iso indefinidamente até que non avisen de novo. Agora, sen tempo, apúranme para facer a derradeira manda; o reparto dos bens materiais é cousa vosa, sei que sodes xenerosas e que o faredes ben.

Ao longo da nosa vida en común compartimos intensamente momentos bos e algúns non tanto. En todo caso, sempre houbo unha constante, a da coherencia coas nosas ideas de amor á xustiza e á liberdade. Ben sei que na miña ausencia ides continuar, como deica agora, cunha forma de vida aberta á modernidade e ao tempo coas raíces na terra, con amor ao país e ao noso. Temos falado moito que sendo galegos, seremos máis importantes nun mundo que non promociona a diferenza pero que a valora se esta se fai valer. Nisto tamén vos pido que sigades sendo coherentes, a pesar das incomprensións que poidan vir de mentres estreitas.

Lembrade que entre os meus orgullos figura o de ser un dos primeiros profesores que na Universidade, nos últimos anos do franquismo, deu aulas na nosa lingua como acto de reivindiación e protesta e que dende aquelas seguin fiel á nosa lingua que, como temos falado, é a mellor herdanza da nosa historia colectiva como pobo. Lembrádelles este feito aos vosos descendentes que non o esquezan nunca.

Adeus, non teñades présa en seguirme. Eu cumprín no tempo que me deixaron, agora tócavos a vós seguir as vosas vidas e facelo neste país, nesta paisaxe, nesta cultura que tanto amamos”.


Deica sempre, Ceferino, e que os teus cumpran os teus desexos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-01-2013 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Recuperan a figura do galeguista Celestino García Romero
Foi o primeiro en estudar restos arqueolóxicos da zona de Barbanza e dar conta deles á RAG, da que era correspondente.
Por Galicia Confidencial | Boiro | 28/01/2013


O Centro Etnográfico da comunidade de montes de Comoxo estivo ateigado esta fin de semana para homenaxear ao seu egrexio veciño Celestino García Romero, intelectual falecido hai 84 anos (un 18 de xaneiro, en Santiago).

Máis dun cento de persoas puideron escoitar aos poñentes da mesa redonda que se programou arredor da súa figura, entre os que figuraban a presidenta da asociación etnográfica O Faiado 2, María Luísa López; o profesor José Antonio Santiago García, sobriño neto do homenaxeado; o presidente da comunidade de montes de Comoxo, Santiago Lojo; a concelleira de Turismo boirense, Cornelia Ces e incluso o alcalde de Boiro, o popular Juan José Dieste. Tamén ía asistir o teólogo Andrés Torres Queiruga, que prologou a edición de "Inferno e gloria", obra de teatro que resgatou no ano 2000 a editorial relixiosa Sept. No seu lugar acudeu o tamén aguiñense Unai González, presidente da asociación "Francisco Lorenzo Mariño".

Luisa López presentou as publicacións que hai ata agora sobre García Romero -o historiador Fernando Acuña Castroviejo publicou sobre el unha obra en 2005- e comentou o seu legado sobre un pequeno vídeo cos principais elementos do patrimonio etnográfico de Comoxo, dende a casa onde naceu o homenaxeado, cruceiros ou a casa do escudo de Quintenla, cun monumental pombal abandonado.

A concelleira de Turismo, Cornelia Ces, leu o conto "Os Reis en Comoxo", redactado para nenos da catequese no que se dá conta tamén de como se vivía e comía na zona a finais do século XIX.

Tamén se aproveitou para inaugurar no centro etnográfico unha colección con 30 imaxes antigas de Comoxo recollidas por Carlos Piñeiro nesta aldea que figura recollida por primeira vez nos papeis do Tombo de Toxos Outos en 1161 e que se sospeita pode ter importantes restos arqueolóxicos sen escavar arredor da súa capela.

Biografía

Xesuíta dende 1880, os seus votos definitivos fíxoos o 2 de febreiro de 1892. Foi poeta en latín, castelán e galego. O seu poema galego máis coñecido é o “Canto a Galicia”, publicado en 1929 e traducido ao italiano. Escribiu as pezas teatrais Santa liberata, drama histórico e a comedia A señá Tiburcia (estreada polo Colexio de Orfas de Santiago, 1920), así como moitos poemas e contos en galego para rapaces, ao que habería que engadir algúns traballos arqueolóxicos. Entre os seus contos para rapaces poden citarse “Un milagre do santo apostol”, publicado na revista de Santiago de Compostela, “Os Reis en Comoso”, en , “Santiago de rapaz” e “No portal de Belén” na mesma revista, “Antano” na compostelana , “Ninguén veu do inferno” e “A festa do Nadal” en .

Entre os seus poemas para rapaces poden citarse “O Sol”, “Os paxaros”, “As anduriñas”, “Ao meu neno” e “Un xastre”, todos eles publicados en . Aínda publicou outros relatos como “Non ten volta”, “Ninguén pode coma Dios”, “Sólo Dios, soliño”, “O neno Xesús” e “Señores tan sabios”.

Entre os seus traballos ensaísticos en castelán pode citarse “Un templo primitivo en el Coto de Amoreira”, publicado no (nº 145, 1922), “Una estación romana desconocida” (Ibid., III), “Las lápidas romanas de Ciudadela” (Ibid., III, VII, VIII), “Memorias romanas de Cuntis” (Ibid., IX, X, XII), “Un libro de Galicia y un escritor gallego” (Ibid., XIV), “De re epigrafica. Inscripciones en las iglesias de Padrón y Pastoriza” (Ibid., XIV) e “Galicia y las Islas Británicas en tiempos remotísimos” (Ibid., XV).

No ano 2000 a editorial relixiosa Sept de Vigo publicou o seu ensaio teolóxico Inferno e gloria. Trátase dunha edición facsímile do manuscrito, que ten o mérito de ser o primeiro tratado teolóxico escrito en lingua galega. Con introducións de Xesús Ferro Ruibal, Xosé Antonio Santiago García e Andrés Torres Queiruga. Sábese que deixou inéditas as obras “Las lámparas del Apóstol” e un interesante ensaio lingüístico titulado “Sobor do antiguo linguaxe do pobo gallego”, obra que se atopaba en mans de César Vaamonde Lores xa en vida do autor.

García Romero foi tamén poeta ocasional en latín e castelán, ademais de publicar algúns traballos ensaísticos en lingua galega, coma os titulados “As reliquias de Sant Yago” (, nº 643, 1920), “Un ourensán que n’e de esquencer” (, V) e “Defensa do protohistorismo do idioma gallego”. Colaborou con ensaios en castelán no e en .

Correspondencia

García Romero tivo unha intensa actividade epistolar con eminentes historiadores coetáneos seus, como César Vaamonde Lores, cos que consultaba dúbidas sobre inscricións e achados arqueolóxicos. Tamén lle preocupaban asuntos terrenais como os problemas do campo ou das explotacións forestais. Entre as súas ideas estaba a de formar unha gran cooperativa para explotar cítricos no val do Coroño e mesmo fabricar as caixas de madeira para a súa exportación. No eido forestal tivo correspondencia co enxeñeiro de montes Rafael Areses Vidal, o que se encargou de reforestar e ordenar o Monte Aloia, que foi o primeiro parque natural galego recoñecido.

Do xornal colaborador Certo
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-01-2013 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal