Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Representación de títeres nas Mercedarias

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-01-2012 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA LINGUA NA UCI
GALICIA HOXE

Tesoirada do 70% nas axudas para o fomento do galego nos colexios públicos e privados

SANTIAGO. EDUARDO CARBALLO


A lingua galega segue na UCI pola política de recortes coa que a castiga a consellería que goberna Jesús Vázquez. Os centros de ensino non universitario, tanto públicos como privados, terán este curso menos fondos para dedicar ó fomento do galego. A convocatoria anual da Consellería de Cultura e Educación para esta clase de proxectos impón un recorte que chega ao teito do 70% dos orzamentos. A rebaixa é case homoxénea. O DOG establece que os centros públicos disporán de 250.000 euros fronte ós 800.000 do curso 2010-2011, un 68,7% menos. Os privados pasan de 50.700 a 18.000 euros, e perden un 65,5%.
Os grupos de traballo dispoñen agora dun mes para presentar as súas propostas, que serán avaliadas por unha comisión. O fallo dependerá da calidade do proxecto (80%) e do número de alumnos (20%). As contías máximas reduciranse tamén con respecto ao ano pasado: de 2.000 a 1.250 euros nos centros con máis de 50 estudantes, de 500 a 300 euros nos que teñen entre 50 e 25 matriculados e de 150 euros naqueles con menos de 25.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-01-2012 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL
DÍA: LUNS, 30 de XANEIRO 2012
HORA: 18,30 HH. EN 1ª CONVOCATORIA
19:00 HH. EN 2ª CONVOCATORIA
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

Orde do día:


1- Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
2- Aprobación das contas do ano 2011
3- Orzamentos do 2012
4- Programación de actividades para o ano 2012
5- Rolda de intervencións

Ferrol a 23 de xaneiro de 2012

A Secretaria: Carmen Cuesta
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 24-01-2012 00:05
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta reduce os cursos de galego un 22%
Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/01/2012


A convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos certificados de galego terá un 41% menos de orzamento este ano. Os niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga redúcese drasticamente respecto da convocatoria do pasado ano, deixando a 11 localidades sen garantía de oferta, segundo denuncia a CIG.

Na orde publicada no DOG do 9 deste mes o orzamento destinado á realización destes cursos preparatorios redúcese en máis do 41%. Na convocatoria de 2011 o orzamento destinado a esta actividade ascendía a 450.000 €. Na convocatoria para 2012 o orzamento redúcese en 185.000 €, di a central.

En 2011 a Xunta ofertaba 58 cursos de xestión directa repartidos entre as sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) e as vilas de Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Monforte, Sarria, Vilalba, Viveiro, O Barco, Verín, Celanova e Ribadavia.

Porén este ano soamente realiza unha convocatoria directa de 43 cursos (un 22,5% menos), sen realizar oferta ningunha fóra das sete cidades, polo que non queda garantido que haxa oferta fóra das sete cidades.

A CIG denuncia que "a Xunta do PP está utilizando a súa falsa política de austeridade para ir reducindo as axudas e as iniciativas a prol do uso e o coñecemento do noso idioma nun momento no que todos os estudos científicos indican que o galego está reducindo o seu espazo lingüístico na sociedade".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-01-2012 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Poemas para o certame Poesía e Imaxe 2012
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-01-2012 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Bases do XII Certame de creación artística Poesía e Imaxe
EN GALEGO, SEN FILTRO


1.- Poderá participar todo o alumnado matriculado en calquera dos centros de ensino –públicos, concertados ou privados- de Ferrol e aqueles centros que forman parte da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.

2.- As persoas participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo, pintura, colaxe e fotografía ou, de ser alumno/a de 2º ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos formativos, nalgún soporte relacionado coas TIC (vídeo, 3GP, flv, avi, mp4 .mov ou calquera outro de uso habitual). As obras en soporte relacionado coas TIC poderán ter un espazo máximo de 10 megas

3.- Para a realización da súa obra deberán escoller, como motivo de inspiración, unha (1) de entre as 15 propostas poéticas da literatura universal recollidas no anexo destas bases, o autor ou autora deberá indicar o texto seleccionado e esta autoría deberá ser individual. No caso de optar á modalidade de novas tecnoloxías, deberase indicar o texto seleccionado e esta autoría poderá ser individual ou colectiva

4.- Niveis de participación:

- Educación Infantil
- 1º/2º/3º de educación primaria
- 4º/5º/6º de educación primaria.
- ESO
- Bacharelato e Ciclos Formativos

5.- Os centros participantes desenvolverán as súas actividades en dúas fases:

a) fase nos centros
b) fase intercentros

6.- Na fase do propio centro realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica ou as novas tecnoloxías. O centro seleccionará nesta fase unha única obra por nivel definido na base 4 para participar na fase intercentros excepto na modalidade das novas tecnoloxías, en que cada centro poderá enviar un polo nivel da ESO, un de Bacharelato e un de Ciclos Formativos.

7.- Os centros deberán enviar os orixinais seleccionados (unha obra por nivel definido na base 4 e conforme co artigo 6), quer en man, quer por calquera outro medio, antes do 21 de marzo de 2012.

Os traballos seleccionados deberán enviarse a:

Equipa de Normalización Lingüística
IES Concepción Arenal
Rúa de Cuntis , 1 (15402) – Ferrol


8.- A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e o Concello de Ferrol - Normalización Lingüística - nomearán un xurado que seleccionará de entre as obras presentadas para a fase intercentros un máximo de vinte e cinco (25) cadros e dez (10) obras da modalidade de novas tecnoloxías atendendo aos seguintes criterios:
- calidade estética
- orixinalidade
- interrelación entre a linguaxe poética e a linguaxe plástica e visual

9.- O xurado garantirá que cada nivel estea representado por un mínimo de cinco obras, sempre que se ateñan aos criterios do punto 8 destas bases, e poderá declarar o certame total ou parcialmente deserto. A súa decisión será inapelábel.

10.- Todos os orixinais presentados na fase intercentros pasarán a ser propiedade da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística . Os traballos editados pasarán a ser propiedade do Concello de Ferrol. O Concello de Ferrol poderá doárllelos aos centros de ensino nos que estean matriculados os/as alumnos/as seleccionados/as.

11.- Coas obras seleccionadas o Concello de Ferrol realizará unha exposición pública no mes de maio de 2012 e os traballos realizados nalgún dos soportes relacionados coas TIC, referidos no artigo 2, exporanse nas páxinas web do Concello de Ferrol, na páxina web da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e ademais en calquera outro espazo que estas dúas entidades acorden coa conformidade dos centros de ensino correspondentes e dos autores e autoras das obras.

12.- A participación no certame implica a aceptación destas bases. A súa interpretación correspóndelle ao xurado.

Ferrol, xaneiro de 2012.


Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-01-2012 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
RETALLOS DUNHA ÉPOCA
GALICIA HOXE

Política lingüística (1)

XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN


O nomeamento do novo secretario de política lingüística non deixa indiferente a ninguén xa que é unha decisión política máis, un acto de poder da administración como instrumento de decisión e de poder que é, para lle dar continuidade, como se expresa na toma de posesión, aos proxectos, obxectivos e tarefas que a consellería de educación e o Goberno galego teñen a respecto da política lingüística.

E, a política lingüística non é outra cousa que tomar e instrumentar decisións políticas, de aí a palabra política. O lingüístico é, neste caso, o adxectivo, o referido ao campo de actuación daAdministración en materia lingúística, de xeito oficial e por medio da lexislación e de actuacións políticas que procuran determinar o uso da lingua e outros aspectos que rodean a este uso por parte dos falantes e garantir os dereitos destes a usaren e manteren a súa lingua.

A política lingüística debe ter en conta a realidade sociolingüística concreta do territorio que abrangue a administración que exerce esa política lingúística desde un ente ou departamento concreto e específico que se ocupa de emprender accións lingüísticas determinadas: lexislación, formación, promoción, dinamización ou ofrecerlles aos cidadáns diferentes axudas e servizos en materia lingüística e de lingua.

De acordo con isto, considerando a lingua e o seu uso, a política lingüística, en Galicia debe ter presente a situación lingüística da súa lingua propia, instrumento de expresión da comunidade no seu conxunto.


De aí a importancia da normalización e do esforzo por normalizala e potenciala como vehículo de comunicación e de cultura dun pobo que a ten de seu.


O mellor instrumento da normalización é a planificación lingüística. Galicia conta cunha Lei de normalización e cun Plan xeal de normalización lingüística, que seguir e que deben favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego.

Agora ben, para acadar este obxectivo colectivo, necesítase algo máis ca un conxunto de decisións que conlevan pór en marcha determinadas accións; porque esas decisións e esas accións poden resultar as peores decisións para a situación lingüística dese territorio e a lingua dese territorio.

Precísase pois que esas decisións e accións respondan como así foi cando se aprobou o nomeado Plan de normalización a un compromiso colectivo e asumido por todos, tal e como se sinala nas verbas de Valentín García, chamándolle ás cousas polo seu nome, para construírmos colectivamente este país.

Só así será posible avanzar. Este é o reto e o ánimo que coñece de primeira man un técnico de normalización coma el, para podermos avanzar no labor normalizador que non é outro que avanzar, sumar, na extensión e no prestixio do galego.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-01-2012 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
O IDIOMA GALEGO, NO LABIRINTO
Ferrín e Neira Vilas, na toma de posesión de Valentín García á fronte de Política Lingüística
“Traballarei para facer e construír en positivo, e ademais para escoitar a todas e todos, coa man sempre tendida e as portas abertas", promete o novo secretario xeral

GALICIA HOXE - SANTIAGO. REDACCIÓN


Valentín García Gómez tomou hoxe posesión do seu cargo como secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despois de que onte o seu nomeamento fose aprobado no Consello da Xunta.

No acto estiveron presentes todos os membros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Mendez Ferrín, e o escritor Xosé Neira Vilas, entre outros representantes da cultura e a lingua galegas. Tras a toma de posesión García Gómez dirixiuse a todos eles e sinalou que “traballarei para facer e construír en positivo, e ademais para escoitar a todas e todos, coa man sempre tendida, as portas abertas, e a vista sempre no horizonte á busca de lugares comúns, posturas de expresión e entendemento que permitan avanzar na extensión o uso e do prestixio do idioma galego, pois xusto para iso é para o que o pobo o foi creando a través dos séculos, para entendérmonos e nunca para distanciarnos. Levaremos adiante o proxecto con impecable respecto ao pobo galego”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, sinalou que o novo secretario xeral de Política Lingüística ten como obxectivo continuar o labor iniciado polo seu antecesor no cargo, Anxo Lorenzo. “A continuidade nos proxectos, nos obxectivos e nas tarefas é, para esta Consellería, unha cuestión de especial relevancia, no tocante ás responsabilidades e ás tarefas que teñen que ver coa xestión pública” sinalou Vázquez Abad ao tempo que se referiu ao novo secretario e destacou a importancia do seu perfil, así como a traxectoria, pois “contribuíu co seu traballo e dedicación á posta en marcha dun dos proxectos prioritarios do Goberno galego en materia de promoción do uso do idioma: a Rede de Dinamización Lingüística. Ninguén mellor para darlle continuidade e para seguir avanzando na promoción social do uso da lingua galega ca un dos profesionais técnicos que teñen desenvolvido ata o día de hoxe un maior labor de dinamización do noso idioma”.

Ata o de agora Valentín García estaba a traballar como técnico do servizo lingüístico do Concello da Estrada, onde dirixía o departamento de Cultura, Normalización Lingüística e Xuventude; e colaborou, tamén, no deseño e posta en marcha da Rede de Dinamización Lingüística, da cal era coordinador técnico. Esta rede está a supoñer unha novidade importante no deseño e na aplicación das políticas lingüísticas en Galicia e conta actualmente con 97 entidades adheridas: 90 concellos, 3 mancomunidades, 3 deputacións e o Consello da Cultura Galega.

O novo secretario xeral de Política Lingüística presidiu a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e foi co-autor da proposta de creación dun consorcio de normalización lingüística presentada por esta entidade en 1998. Ademais, foi membro da comisión creada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para redactar os estatutos de creación dun Consorcio de Planificación Lingüística.

García Gómez colaborou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e formou parte da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (Consello da Cultura Galega). Ademais, foi secretario da Fundación Xosé Neira Vilas, da Fundación Cultural da Estrada e do Premio de Novela M. García Barros. Tamén, representante do Concello da Estrada na Fundación Antón Losada Diéguez e membro do Comité de Seguimento do Premio Xornalístico M. Reimóndez Portela.

Ten publicados diversos artigos e estudos sobre sociolingüística e a necesidade de formular políticas lingüísticas adaptadas á realidade social de Galicia, tema que desenvolveu en numerosos congresos, simposios, conferencias, así como na elaboración de proxectos da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén foi secretario da Fundación Castelao, e no eido da formación para persoal das administracións públicas, foi profesor colaborador da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Ten feito desde hai anos un intenso labor de dinamización da cultura e lingua de Galicia dende o ámbito dos municipios, no cal resaltou a planificación e execución de programas de amplo contido no fomento do idioma.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-01-2012 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
O filólogo Valentín García Gómez, novo secretario de Política Lingüística da Xunta
galiciahoxe

NOMEAMENTOS


Fernández-Campa asume a Secretaría Xeral de Sanidade, Nieves Domínguez releva a Rocío Mosquera na xerencia do Sergas e Juan Carlos Argüello presidirá o Xurado de Expropiación os próximos 4 anos.

O filólogo Valentín García Gómez relevará a Anxo Lorenzo na Secretaría Xeral de Política Lingüística tras asumir este a Secretaría Xeral de Cultura, mentres que Antonio Fernández-Campa, anterior secretario xeral no departamento que dirixía Roberto Varela, ocupará o posto que deixa libre Sagrario Pérez Castellanos, que cesa "a petición propia" como secretaria xeral de Sanidade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-01-2012 13:36
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco López: “O galego está en serio perigo de extinción”
galiciaconfidencial

Francisco López é un dos impulsores de Galiza co Galego, entidade que pretende garantir o dereito a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego. Critica á Xunta por non defender o idioma e pide o compromiso social para espallalo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/01/2012


Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.

Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.

Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.

Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.

Escola “democrática, de calidade e en galego”

GC.- Cales son os obxectivos a longo prazo?
FL.- A longo prazo o noso obxectivo é non ter razón de ser. A curto prazo, é o de facer efectivo e garantir o dereito –en especial da infancia- a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego.

GC.- E credes que o país ten unha masa crítica para soportalos?
FL.- O País está ateigado de xente boa e xenerosa que, con independencia das súas ideas ou da lingua en que se expresan, desexan que os seu fillos aprendan en galego. Eles saben que é unha riqueza.

GC.- Por que credes que desaparecen os medios en galego?
FL.- Seguramente non conveñan a quen está a promover o unionismo español, aniquilador da diversidade, e quizais, dende o punto de vista capitalista, non sexan rendíbeis. Pero a responsabilidade do seu mantemento é da sociedade e de quen está na vangarda da súa dirección.

Sen “administración propia”

GC.- Xa tedes dito que o papel da Xunta non axuda, que debería facer unha administración polo seu idioma?
FL.- A administración pública debera servir á cidadanía, defender o propio, xerar auto-estima e dar apoio. Mais acontece que Galiza non conta cunha administración propia, así que non hai moito que agardar.

GC.- Credes que o galego corre risco de desaparición?
FL.- O galego, de seguir coa presión do unionismo español e o desleixo social, está en serio perigo de extinción. É unha teima de diversos sectores, algúns incluso antagónicos entre si, que o galego pase a ser unha reliquia etnográfica e desapareza como lingua diferenciada e propia de Galiza.

GC.- E cal é a solución para evitar males peores?
FL.- O apoio decidido e práctico á educación infantil en galego.

O papel dos medios

GC.- E o papel dos medios neste conflito, cal debería ser?
FL.- Os medios deberan prestar máis atención ás actuacións daqueles que empregan o galego na súa acción diaria, con independencia dos avales”,“persoeiros” e demais que os acompañen. Non dar bombo ás accións contrarias á lingua, asociacións, etc. que buscan o descrédito da mesma e o enfrontamento entre a cidadanía.

GC.- Están os partidos políticos a altura das circunstancias?
FL.- A lingua galega non é unha cuestión de partidos políticos, é unha cuestión dos galegos e das galegas. A lingua galega é unha creación do Pobo da Galiza. A cidadanía dá o seu apoio electoral a partidos políticos que actúan na Galiza, que non son galegos e que xeralmente entenden a lingua propia de Galiza como un atranco. En xeral, os partidos políticos que son galegos defenden e actúan en favor do idioma.

GC.- Un desexo para o futuro....
FL.- Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno.
--
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 12-01-2012 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal