Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Laura Sáez: As linguas do Senado
Laura Sáez é lectora de galego en Oxford

o xornal - 30-01-2011 23:56


Moitas voltas lle levo dado ao asunto dos intérpretes no Senado. Aínda que absolutamente cada detalle da xornada do pasado martes xa daría para unha tese de doutoramento en sociolingüística, o que máis me interesa de toda a xornada foi comparar a intervención das senadoras replicantes, Saínz e Pan, coa declaración doutro senador do PP, o señor Barreiro, algo antes, cando dixo que “se cadra” falaba na súa lingua materna.

Estas dúas actuacións tan dispares e surrealistas, o feminino “amo al gallego pero no lo voy a hablar” (?) e o masculino “estar contra a lei non significa que non fale a miña lingua materna” (?) dentro do mesmo partido poden levar a pensar que o reparto de xénero neste asunto non é de todo unha casualidade.

Está claro que hai moitos galegos que non queren saber nada do galego. É máis, o galego é unha molestia, unha odiosa marca de clase, unha eiva de nacemento, unha espinilla purulenta.

E supoño que hai que comprendelo. Non aplaudilo, pero si entendelo. Supoño que haberá xente da xeración das senadoras replicantes á que aínda lle doan as orellas ou as fazulas da cara ao lembrar as labazadas ou os insultos ou as risas por conta de dicir algo en galego na clase, na rúa, ou por falar con acento galego polas rúas de Madrid.

Se cadra, logo de experiencias así haberá xente que teña ganas de mandar o galego a tomar polo saco, escondelo debaixo dunha alfombra, e perfeccionar o acento de Majadahonda ata pasar por nativo.

E que pinta o xénero en todo isto? Pois non teño nin idea, pero creo que é posible que xogue un papel importante nestas decisións linguísticas persoais.

A clave deuma un documental titulado A memoria da lingua, onde a xente fala da súa relación coa lingua en distintos momentos do tempo.

Unha muller declara que xa abondo teñen as mulleres con loitar pola igualdade, o seu traballo, a súa familia, como para aínda ir cargando coa lingua ás cóstas. E é que, di ela, en Galicia, falar galego marca, e se es muller e falas galego, pois ou es unha pailana ou unha nacionalista.

E voilá que se entende mellor a declaración amor-odio das senadoras replicantes. Son mulleres, non nacionalistas e non queren ser pailanas, ergo, falamos castelán.

Agora que entendo mellor a reacción das senadoras, tamén me fai sentirme moito máis orgullosa de todas as pailanas e nacionalistas galegas que falamos e tamén amamos coa práctica a lingua a pesar das marcas, e agora que está todo claro, se cadra as pailanas nacionalistas teremos que poñernos a traballar para que estas marcas desaparezan, e que futuras
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 31-01-2011 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE REUNIÓN
DÍA: XOVES 10 DE FEBREIRO DE 2011
HORA: 18,30 HH.
LUGAR:IES CONCEPCIÓN ARENAL

Orde do día:

1- Aprobación da acta anterior.
2- Aprobación das contas do ano 2010
3- Orzamentos do 2011.
4- Programación de actividades para o ano 2011
5- Páxina web ferrolconcarvalhocalero.com.
6- Rolda de intervencións

Ferrol a 29 de xaneiro de 2011

A Secretaria: Carmen Cuesta García
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 30-01-2011 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
Malores Villanueva: "A lingua é un capital"
GALICIA HOXE

"Nos 70 nace a conciencia de que o galego vai desaparecer porque é a primeira vez que se corta a transmisión xeracional"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

Malores Villanueva está a preparar a súa tese de doutoramento sobre a editorial Galaxia


"A lingua tamén é un capital. Do mesmo xeito que cando a Bolsa vai mal, non invistes, o mesmo pasa co idioma. Se a lingua condiciona que non te poidas presentar a unhas oposicións, o normal é que deixes de usala e te vaias á que si ten ese prestixio", comenta a investigadora do Instituto da Lingua Galega, Malores Villanueva que onte presentou na Deputación de Pontevedra o seu libro A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo, xunto ao vicepresidente da Deputación, Juan José Durán e o académico e director do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González.

A obra, premiada en 2008 pola Deputación de Pontevedra na categoría de Novos Investigadores, recolle a situación lingüística e social do galego durante os anos finais do franquismo a través de fitos como "a introdución dunha lingua sen ningún recoñecemento oficial na universidade ou no ensino obrigatorio, a proliferación de asociacións culturais que loitaron por mostrar o galego, a creación do Instituto da Lingua Galega, ou as cada vez máis numerosas publicacións en galego", como apunta Villanueva no limiar do libro. Para iso, toma como referencia o ano 1963, xa que é cando comeza a segunda andaina da revista Grial, o centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e cando a Real Academia Galega fixa o Día das Letras Galegas.

Na súa investigación, a autora -que está a preparar a súa tese de doutoramento sobre a editorial Galaxia- puido acceder ás cartas inéditas de Ramón Piñeiro ao Ramón Lorenzo quen naquel momento, 1962, rematara a carreira de Filoloxía Románica en Madrid. "As misivas rebelan como o grupo de Piñeiro tiña toda a confianza posta en Ramón Lorenzo como o futuro gran filólogo do país, e a verdade é que non se equivocaba", apunta Villanueva. O propio Ramón Lorenzo escribe no prólogo do libro que entón existía unha "disociación entre lingua escrita e falada".

De feito, segundo apunta o académico, "os escritores galegos escribían só para unha minoría culta escolarizada en castelán" e estes textos non chegaban á maioría, que non estaba capacitada para ler en galego. De aí que o primeiro estándar do noso idioma saíse do idioma literario. "Existía unha especie de normativa tácita, a de Galaxia, que unificaba a lingua facendo as correccións dos libros. Despois, coa creación do Instituto da Lingua Galega produciuse o primeiro choque coa liña culturalista da Real Academia Galega. O ILG formula unha variedade de lingua achegada ao que falaba a xente, depurada de castelanismos e hiperenxebrismos", explica. Esta situación producíase porque académicos como Ramón Piñeiro, Carballo Calero ou Filgueira Valverde "non tiñan coñecementos de lingua" fronte á base filolóxica do ILG, que foi a que finalmente predominou na creación dun estándar.

Os prexuízos contra o galego -o complexo de inferioridade, o autoodio, a inminencia da súa morte ou a súa extensión minoritaria- marcan a súa evolución sociolingüística. "Xa neste momento hai unha conciencia de que o galego vai desaparecer. A partir dos 70, é a primeira vez que se rompe a transmisión xeracional da lingua porque os pais só utilizan o castelán para educar os fillos. Esta situación prodúcese polo cambio do rural á cidade", asegura a investigadora.

Villanueva dá conta no seu libro de que as institucións, cando podían potenciar o estudo da lingua, foron remisas a facelo e mesmo se negaron en ámbitos como a administración, a xustiza e a Igrexa. "Perdeuse unha oportunidade co Conciclio Vaticano II, que fixaba que as misas se teñen que dar na lingua dos fieis. En Galicia, os sacerdotes seguiron falando castelán", engade.

Entre 1963 e 1975 abrollan numerosas asociacións culturais que se decidiron a pasar á acción enfrontándose a prohibicións, multas e todo tipo de atrancos. Por exemplo, cando non se permitiu celebrar un recital a Nova Canción Galega en 1968 ou cando se multou a O Facho con 5.000 pesetas por incluír nun acto dous poemas non autorizados previamente. "As asociacións están na base da creación dos partidos políticos. Facían conferencia, impartían cursos de galego, creaban concursos de teatro...", sinala. Era ámbitos de compromiso, moitas veces, particular, que, grazas á súa loita polo galego, conseguiron afastar o idioma do ostracismo.
NA DITADURA

PSG e UPG, dous partidos ao servizo da rehabilitación da lingua

Detrás do traballo de moitas asociacións culturais estaban os futuros líderes do Partido Socialista Galego (PSG) -presidido por Fernández del Riego- ou da Unión do Pobo Galego (UPG) -con Bautista Álvarez ou Méndez Ferrín nas súas filas-. "A súa incursión neste tipo de iniciativas culturais era a vía para penetrar na sociedade e a organización de eventos do máis diverso unha forma de rehabilitar a lingua e a cultura dun país que estaba sedado polo narcótico da ditadura", indica Villanueva no seu estudo.

As protestas obreiras vividas en Vigo e Ferrol no ano 1972 axudaron ao asentamento destes dous partidos, sobre todo, da UPG. "As reivindicacións obreiras canalizáronse en lingua galega, era a lingua do proletariado, sentíanse identificados con ela e era outra marca que os distinguía dos patróns", sinala a autora. Pero ademais, mesmo un partido foráneo, o PCE, chegou a implicarse coa defensa da lingua. De feito, en 1969 comezaron a editar A Voz do Pobo como un anexo de Mundo Obrero, o órgano do PCE. "Nos primeiros números o galego non era un idioma maioritario, pero tempo despois converteuse na lingua única do boletín", indica.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 30-01-2011 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Juan Pardo - Irmán Daniel!!!!...Na morte de Castelao
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 27-01-2011 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Xaime Bello Costa: Vergoñosa
Diario de Ferrol


O pasado 18 estreouse no Senado o uso das linguas cooficiais en debate de mocións. Cando lle tocou intervir á senadora compostelá Mª Jesús Sáinz rexeitou falar en galego porque a dirección do seu partido, o PP, decidira con grande apoio da caverna mediática, boicotear a utilización das linguas cooficiais na Cámara Alta. Na mesma sesión, outra senadora popular, a pontevedresa Dolores Pan, tamén renunciaba a falar en galego. Cando interviu a senadora do PNV, Miren Leanizbarrutia, non galega senón guipuscoana de Aretxabaleta, espetoulle á señora Sáinz o seguinte: É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos. Toda unha lección de sentido común ou, como diría o poeta Manuel María, “cantos rodados para alleados e colonizados”. Porque o Senado é a cámara de representación territorial e a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural de especial respecto e protección por mandado constitucional. Pero non acabou aí a cousa xa que, preguntado o presidente Feijóo a respeito do sucedido, censurou o uso do galego no Senado por ser un exceso. Unha postura propia dos personaxes da Farsa de Bululú, e que diferenza coa actitude do actor Luís Tosar cando falou en galego na entrega dos premios Goya do ano pasado! O que daquela foi un acto de dignidade e de coherencia converteuse agora nunha intervención vergoñosa.
(*) Xaime Bello Costa foi alcalde de Ferrol
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-01-2011 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
A reforma lingüística da Xunta xa é 14 veces máis cara ca o galego no Senado
O Xornal

O presidente teima en que xeralizar as linguas nas Cortes é “innecesario” e os 350.000 euros que custa, un gasto “excesivo”


“Non o entenden os españois, non o entenden os parados nin Europa” por supoñer un “exceso” do punto de vista “político”, pero tamén do “económico”. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitaba a pasada semana deste xeito a extensión das linguas cooficiais a algúns debates en pleno do Senado. Coa súa argumentación reproducía, cando menos en parte, a oposición frontal manifestada polo seu partido en Madrid centrándose esencialmente no custo da tradución, uns 350.000 euros anuais, que proceden de reestruturar o orzamento do Senado, e, polo tanto, non requiriu aportación adicional ningunha por parte do Estado.

Neste contexto, a valoración do presidente a conta do custo económico contrasta, en boa medida, coa xustificación que dende o propio Goberno galego se ten realizado ­doutro desembolso económico sensiblemente maior, o das reformas lingüísticas emprendidas pola Xunta dende 2009. O custo aproximado destas políticas rolda os 5 millóns de euros ou, o que é o mesmo, multiplica por 14 un ano enteiro de tradución simultánea no Senado.

Para chegar a esta cifra cómpre remontarse ao verán de 2009. Daquela, co obxectivo, segundo aXunta, de “despolitizar” a educación, os conselleiros de Educación e Benestar, Jesús Vázquez e Beatriz Mato, anunciaban a conversión das Galescolas en Galiñas Azuis. O cambio, aseguraban, non suporía “nin un euro”. Meses despois, e forzados pola oposición no Parlamento, o Executivo revelaba que o gasto fora realmente de 42.262 euros.

Alén das escolas infantís, a parte da nova política lingüística máis gravosa para as arcas públicas está a ser o denominado decreto do plurilingüismo. Xa antes de que a propia norma existise formalmente, Educación contrataba unha empresa privada para xestionar unha enquisa entre os pais, cun gasto, segundo o Goberno, de “6 céntimos”, isto é, 19.800 euros, aos que se engadiron 90.000 máis resultantes, segundo recoñeceu o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, da campaña de publicidade en prensa sobre a realización da consulta.

Con estes antecedentes, o salto cualitativo, no que respecta ao gasto, chegou coa aplicación real do novo decreto no que a libros de texto se refire. O cambio de idioma dos manuais de Matemáticas, Ciencias e Tecnoloxía supón, segundo a estimación de sindicatos, editores e partidos políticos –Jesús Vázquez negouse a dar o dato no Parlamento–, un mínimo de 4 millóns que poderían chegar a 8, aínda que só se inclúen 2 millóns nos Orzamentos de 2011 con esta finalidade.

Así, e atendendo a estes cálculos, unha estimación media de todos os gastos, libros de texto incluídos, dá como resultado uns 5 millóns de euros que poderían seguir a incrementarse se aXunta segue adiante coa intención de estender as enquisas a Primaria e Secundaria.

Fronte ao gasto de todas estas medidas, o propio Feijóo insistía onte, nunha entrevista na Cadena Cope, que o uso xeneralizado das linguas cooficiais no ensino é, a nivel político e económico, “excesivo e innecesario”. Mentres, asegura o presidente, en Galicia a acción do seu Goberno permitiu o regreso ao “equilibrio” lingüístico, cunhas medidas coas que, di, os cidadáns están “razoablemente satisfeitos”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-01-2011 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
De Álvaro Cunqueiro: Quen puidera namorala
Parte da banda sonora da película Pradolongo

Comentarios (1) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 25-01-2011 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia terá unha rede de escolas en galego o vindeiro curso
galicia hoxe

"O noso proxecto xa é viable"

PATRICIA HERMIDA . FERROL

Galiza co Galego comezou a impulsar a rede de ensino en galego en 2009


No colo dos avós, moitos nenos coñeceron as andan­zas dos raposos, recolleron os primeiros froitos das maciñeiras ou escoitaron temerosas historias do ho­me do saco. Aquelas casas onde fumeaban as lareiras convertíanse en improvisa­das escolas de galego para os cativos da cidade. Para evitar "que desapareza o ensino do noso idioma na educación infantil", o mo­vemento Galiza co Gale­go implantará no vindeiro curso unha rede popular de escolas para nenos de cero a tres anos. Nestes centros e garderías privadas, os pe­quenos adquirirán os seus primeiros coñecementos en galego.

Segundo Francisco de Li­miar, voceiro da comisión promotora desta corrente social, "vemos que os ra­paces están perdendo os seus referentes na aprendi­zaxe do galego, antes eran os avós pero agora cada vez falan máis en castelán, agás os que viven no mun­do rural". Este movemento xa traballa co sector do pro­fesorado para que escolas infantís das catro provin­cias ensinen en galego en 2011-2012. Neste proxecto de mínimos traballan sin­dicatos como CIG-Ensino, asociacións pedagóxicas e a Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asocia­do de Galicia, entre outras entidades, "ademáis de pro­fesionais que apoian a edu­cación en galego".

Estes días, a comisión promotora xa conta un­ha recadación superior aos 230.000 euros. A comisión considera necesario un investimento de 300.000 euros para soportar este proxecto. "Con este fondo xa sería viable a nosa rede de educación infantil en galego", indica Francis­co de Limiar. Pero de se­guir adiante a marusía de apoios, Galiza co Galego mesmo podería chegar aos "460.000 euros para garan­tir o ensino na lingua pro­pia", segundo indican os seus membros nun comu­nicado. Este fenómeno chegou onte a Pontedeume.

Galiza co Galego autode­fínese como "movemento social laico, activo e inde­pendente, para non depen­der do que a clase política e os gobernantes decidan". Iniciouse no ano 2009, con­textualizándose na desapa­rición das galescolas e na aparición do Decreto do Ga­lego. Así o indican os seus propios organizadores: "Apareceu logo da agresión da dereita española contra­ria ao galego, que se opón ao seu uso no ensino e que deu como resultado o ac­tual falta de apoio político á educación infantil na no­sa lingua". Galiza co Gale­go denuncia especialmente "un decreto redutor e su­presor". E polo contrario, anuncia o 2011 como "ano do ensino en galego".

Aínda que os centros non cumpran o ratio de nenos para dar clases en galego, a plataforma terá "o colchón económico necesario para ensinar igualmente na no­sa lingua". Escolas privadas e cooperativas xa se apun­tan á futura rede, que "terá este idioma como referente de calidade". Por exemplo: os nenos que aprenden as materias en galego "tamén sacan boas notas noutros contidos e idiomas".

FRANCISCO DE LIMIAR

"É anómalo ver un atranco na lingua"

Por que a rede se im­plantará só en centros de ensino infantil?

Porque nesa idade debemos defender o galego, cando os nenos teñen máis capacidade de aprendizaxe. Quere­mos que non se perda a presenza do idioma no seu contorno, con nor­malidade. Que se vexa o galego como atranco é unha anomalía.

Existe unha orienta­ción política neste mo­vemento?

Non queremos que se nos politice. Nós falamos do decreto contrario ao galego. Tamén hai xente da dereita que respecta ao noso idioma, pero hai un sector antilinguas que só defende o in­glés. O noso proxecto é imprescindible. Tamén denunciamos que esta administración botou abaixo o proxecto das galescolas.

Que valores defende?

A importancia do ensino infantil no noso país, e os dereitos dos nenos á súa educación. Nós só defendemos un dereito natural. Unha lexislación contra a educación infantil en galego é realmente al­go contra natura.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-01-2011 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
Feijóo cre "un exceso" xeralizar o uso do galego no Senado
O presidente da Xunta atribúe a introdución do galego no Senado á "determinados partidos expertos en sacar asuntos para esquecer os problemas".

XORNAL.COM - 20/01/2011 - 14:09 h.


Caamaño:"Contestarei en galego se me preguntan en galego no Senado".
ZP defende o galego que o pontevedrés Rajoy rexeita.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou hoxe un "exceso, do punto de vista económico e político" xeralizar o uso das linguas cooficiais no Senado. Despois de que unha senadora do PNV fose a primeira en empregar o galego na Cámara Alta tras a negativa dunha representante do PP a facelo, Feijóo coida que as linguas propias deben cinguirse só a "determinados debates".

En opinión do presidente da Xunta, "en España hai determinados partidos especialmente expertos en sacar asuntos para esquecer os problemas" e, sen ben asegura considerar "unha gran riqueza que temos que protexer" a existencia de "varias linguas españolas", esa mesma "riqueza" nos "Posibilita que sexamos quen de expresarnos e entendernos nun mesmo idioma".

Neste sentido, Feijóo rexeita que "cando os senadores falan no pasillo" o fagan "sen pinganillo" pero que teñan que empregar este mecanismo de tradución nas sesións plenarias.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-01-2011 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
IDIOMA. A "modestia galega"
Galicia Hoxe

Preséntase en Bremen unha tese de licenciatura que toma o Decreto de Feijóo como modelo para levar as linguas minorizadas á beira da súa extinción.

O decreto do galego xa provocou unha marcada mobilización social na súa contra


Na Universidade de Bremen (Alemaña) acaba de presentarse unha tese de licenciatura que analiza os efectos das medidas lexislativas tomadas polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo sobre o galego. A tese, un "estudo empírico" supervisado po Klaus Zimmermann, asínaa Zuzana Pesselova e leva por título Auswirkungen der neueren galicischen Sprachpolitik im Kontext des galicischen Weltbildes ("As consecuencias da política lingüística galega recente nun contexto do mundo galego).

O que Pesselova realiza é un intento de avaliar as informacións que recolleu en setembro de 2010, usando como "fío condutor" os criterios da Unesco, establecidos para facilitar a avaliación do estado de perigo dunha lingua. Para a investigadora, a situación actual en Galicia vén caracterizada polas "dúbidas colectivas do sentido da lealdade cara á lingua", segundo as bases da Theory of Language Death, de Sasse, e por iso a investigadora escolleu o contacto de "morte da lingua" (Language Death) e "linguas en perigo" (Language Endangerment).

O principal resultado é que "a vitalidade é un proceso inherentemente creador" e que o Decreto do ensino do Goberno Feijóo "corta" un campo do uso do galego (as matemáticas o as ciencias naturais, denominados Loss of existing Domain), de tal xeito que recorta a lingua na súa vitalidade, "porque de facto prohibe a creacion da lingua nun campo determinado e prohibe o desenvolvemento libre dos seres humanos", en conexión tanto cos dereitos lingüísticos como cos dereitos humanos.

Pesselova observa catro tendencias: a máis importante é a que deixa a lingua marchar cara ao "falecemento" e que se acomete unha "política de violación e manipulación", ao tempo que se rexistra unha perda do material educativo e a consecuente interrupción de transmisión entre as xeracións.

Deste xeito, co Decreto do 2009, o galego pasa de ser avaliada como unha lingua vacilante a quedar no estatus de "definitivamente en perigo".

Na segunda parte do traballo, a investigadora intenta chegar a un entendemento máis profundo do caso galego a través dos conceptos de "sentimento vs. emoción" (baseados en lingüística antropolóxica e psicoterapia moderna) e "concepto do mundo interno e externo" (baseados en Wilhelm von Humboldt). Facendo a síntese das dúas liñas, chega a unha interpretación de "modestia galega" que fai a situación comprensible.

DATOS

Os datos e as achegas

Para explicar o concepto do mundo galego actual, Pesselova sérvese das cualidades antropolóxicas máis destacadas da realidade galega e propón un proxecto para os galegos coherente con ese concepto.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-01-2011 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal