Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O decreto definitivo darase a coñecer en febreiro

Anxo Lorenzo adianta que “deixará claro” un reparto ao 50% até que non se introduza o inglés e chama a “pechar canto antes” o debate sobre a lingua.
Redacción Vieiros - 13:00 31/01/2010



O chamado pola Xunta “decreto do plurilingüismo” (“decretazo” polos seus opositores) estará rematado en febreiro. Así o adiantou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, nunha entrevista a Europa Press ao remate da ronda de contactos cos diferentes colectivos educativos. A partir dese momento, a axenda será a que segue: levarase o documento á mesa sectorial de educación, onde “se retocarán puntos en función dos consensos que se poidan acadar” para, finalmente, aplicalo no vindeiro curso.

Metade galego, metade castelán
Lorenzo deixa agora claro que “mentres non se poida impartir o terzo das materias nun idioma estranxeiro, haberá un reparto igualitario ao 50% entre galego e castelán de materias e horas semanais”, á marxe das materias de lingua. Defendeu así o modelo como “unha aposta valente e arriscada” porque “neste país falar de trilingüismo e mesmo falar de equiparar no número de horas semanais o galego e o castelán parece que é tabú”.

Á pregunta de por que se derrogará un decreto que, en liñas xerais, tamén mantén o reparto igualitario de horas entre os dous idiomas, explicou que “nos últimos anos houbo un fortísimo debate lingüístico na sociedade galega” e nesta situación considera “inviábel” aplicar a política do anterior Goberno”. “Aspectos da política lingüística que hai catro anos pensabamos que se podían poñer en práctica, á vista do que está pasando nestes momentos, creo que é absolutamente inviábel”. A seguir, asegurou que as bases propostas para o decreto “cumpren estritamente” a Lei de Normalización Lingüística” e adiantou que “o Plan de Normalización segue sendo un documento de referencia”, se ben engadiu que “este plan di moitas cousas” e cada Goberno “estabelece as súas prioridades e ritmos de aplicación”.

Consulta os pais
Sobre a consulta os pais sobre a lingua en que queren que se impartan determinadas materias, Lorenzo afirmou que analizan “como canalizar este precepto” e “que é máis conveniente dende o punto de vista político, pedagóxico e da organización dos centros”. “A voz das familias é importante”, dixo, “como a canalicemos, de forma vinculante ou orientadora, iso é o que hai que ver”.

Ao respecto do artigo que permite o alumnado “utilizar nas manifestacións oral e escrta a lingua oficial da súa preferencia”, o secretario xeral de Política Lingüística avanzou que na nova proposta buscarase “unha fórmula aberta” para non contravir o marco constitucional e, en particular, apostou polo modelo do decreto de 1995 (goberno de Fraga), que reflectía que “o alumnado debe procurar utilizar a lingua na que se imparta a materia”, mais “sempre que se deixe un espazo de liberdade”.

O inglés no horizonte
Anxo Lorenzo asegurou que o que busca a Xunta é “facer real unha utopía” no referente ao ensino trilingüe. Para este futuro estimou un tempo necesario de oito ou dez anos e asegurou que “non se fará nin nun proceso obrigatorio nin de golpe, será gradual, progresivo e mesmo a estas alturas me atrevería a dicir que voluntario” e adiantou que se porán en marcha “os incentivos axeitados” porque o profesor “ten que estar motivado”.

Así, adiantou que se habilitará un sistema de “incentivos económicos e tamén na carreira profesional, no concurso de traslados” para aqueles profesores que “voluntariamente” se formen para impartir as súas materias nunha lingua estranxeira.

Pechar o conflito lingüístico
Ademais, Lorenzo insistiu na necesidade de “pechar canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate público e político” porque “non é bo nin para o presente nin para o futuro do galego ter este debate permanentemente aberto”. “Non é bo nin saudábel”, dixo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-01-2010 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
FERRÍN: Inmersión lingüística é o que me fixeron a min ao educarme en castelán!
Galiciaé - 22/01/2010 - Beti Vázquez

Ingresou na Real Academia Galega no 2000 pronunciando un discurso sobre a poesía medieval galega. Dez anos despois, o seu nome oíuse alto e claro desde que caeu o primeiro gran de area do reloxo que marcaba o tempo de Xosé Ramón Barreiro á fronte da institución. E aínda que se mostrou disposto a retirar a súa candidatura se perigaba o consenso, finalmente non fixo falla. Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) converterase este sábado, 23 de xaneiro, en presidente da RAG despois dunha partida que gañou sen contestación: xogouna contra si mesmo.



Pregunta: Dixo estar disposto a retirar a súa candidatura se había máis 'aspirantes' para evitar enfrontamentos. A que viña ese sacrificio?

Resposta: (ri) Non era un sacrificio, é que para min o importante é que se lograse un consenso máximo. A Academia é unha corporación viva na que existen puntos de vista diversos, e pode haber membros que propuxesen outro candidato. Retirarse sempre é unha posibilidade a ter en conta.

P: Hai unhas semanas non quixo confirmarme a súa candidatura. Cal foi o motivo que o levou a presentarse?

R: Que a miña candidatura chegase avalada por tres académicos --Xosé Luís Axeitos, Ramón Lorenzo e o último presidente Xosé Ramón Barreiro--. Pensei na posibilidade de presentarme nese momento, cando un grupo de académicos me pediron que fixese a postulación. Despois veu a presentación da candidatura.

P: E o proceso para gañar adeptos, como o leva?

R: Eu non fixen nada! (conta entre risas) Fixen a miña candidatura, todo o mundo sabe quen son eu e a ver que pasa!

P: E contar co aval do anterior presidente, axuda á hora de conseguir apoios?

R: Pois foi el un dos que me propuxo, pero entendo que nestes momentos é un voto máis, unha personalidade máis entre os trinta e tantos que hai.

P: O seu nome soou con forza desde o minuto un e quedou como candidato único. Non se atreven a enfrontarse con vostede?

R: Podía presentarse outro candidato ata 48 horas antes. Non creo que non se atrevan, igual non queren ocupar ese cargo (ri)

P: Manuel González, presidente en funcións da RAG, definiuno como ''un bo candidato''. Por que é un bo candidato? Nunca ocupou un posto destas características...

R: Nin destas nin de semellantes! Pero teño a idade e a experiencia sufiente como para poder facerme cargo da responsabilidade.

Traballar de portas para dentro
P: Cal é o reto máis inmediato ao que se enfronta a Academia?

R: Fundamentalmente cuestións internas. Neste momento está inmersa dentro dun debate social e político moi importante, que é a defensa do idioma fronte á pretensión dun decreto que é lesivo para a lingua e a cultura galega e para Galicia en xeral. Pero os retos inmediatos da Academia, polos que ti me preguntas, son fundamentalmente internos. É momento de pechar as portas, en silencio, e de traballar no léxico, na gramática, na onomástica, na historia e na literatura. Que é o que ten que facer! (ri)

P: E vai seguir co camiño trazado ou haberá desvíos?

R: Nós imos seguir polo camiño que está marcado a partir dunha etapa determinada histórica, a iniciada pola presidencia de Francisco Fernández del Riego e continuada por Xosé Ramón Barreiro. En certo sentido imos ser continuistas, e perfeccionar un pouco o que xa se leva feito.

P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?

R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.

P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín a respecto do borrador?

R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senon por aclamación (enfatiza o termo 'aclamación')

P: Con que termo definiría ese borrador?

R: Creo que algún académico dixo 'trapallada'... (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.

''Inmersión lingüística é o que me fixeron a min educándome en castelán''
P: Deféndese a inmersión lingüística no informe, como dixo Alfonso Rueda?

R: (levanta a voz) A inmersión lingüística é o que che fixeron a ti, cando te educaron en castelán, igual que a min! E a todo o mundo! (ri) E é o que está recomendado en varios modelos pedagóxicos cando se quere fomentar e recuperar unha lingua que está a perderse. O exemplo que se pon é o do Canadá, onde se ensina o inglés e o francés, pero as linguas indíxenas están especialmente protexidas. A inmersión é un ben! Eu, as linguas que aprendín, aprendinas por inmersión lingüística.

P: E as críticas de que o galego que defende a RAG é artificial?

R: (non deixa rematar a pregunta) E o castelán é artificial porque o artificiou a Real Academia española! Por iso ningunha das persoas que asina esa crítica pode escribir 'vaca' con 'b' para falar do animal! (ri a gargalladas)

P: Que papel xogarán as súas opcións políticas no seu novo cargo? Será quen de deixalas a un lado?

R: Non, non podo deixar de pensar como penso. Sería coma se cres nas teses de Freud e tes que deixar de crer. Pero é certo que a Academia é a Academia, e a ela me vou dedicar, a servila as 24 horas.

P: E que fará a Academia se o decreto do galego vai adiante?

R: Nada. Xa fixo o que tiña que facer: emitiu unha doutrina admitida polas persoas dispostas a salvar o galego. A RAG non é un partido político, nunca vai ter representación no Parlamento. Non hai nada máis que facer.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 31-01-2010 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
CAMILO NOGUEIRA: Foi alí, no Obradoiro
Vieiros 12:34 29/01/2010


Foi alí tamén no Obradoiro onde hai mais de oito centurias se codificou como culta a lingua que o actual Governo lle nega a Galiza como propria. A Escola de Santiago era o centro da cultura expresada nos Cancioneiros, estendéndose de Galiza, a Lisboa, Toledo ou Sevilla. Onde xacen os restos de reis da Galiza independente, Fernando e Afonso, que levantaron o Pórtico da Gloria, celebraron no século XII a primeira Asemblea con participación de representantes do povo, estabeleceron a Universidade de Salamanca, a máis antiga da Península, no sur do seu Reino, con profesores galegos formados en Santiago, Boloña ou París, fundadores de cidades que levan agora o mesmo nome. Desde onde se expandiu a fala das Cantigas, escritas na lingua da súa familia polo rei Afonso, IX de Galiza e II de Castela, o que en Toledo codificou depois o castelán como lingua da administración, entanto que en Galiza se facía o proprio co galego, tal como no Portugal do seu neto o rei Dinís. Esta lingua que depois, desde o final do século X e a até onte, foi proibida tanto pola monarquía e o Estado español como polas determinantes instituicións eclesiásticas, sendo quen de manterse malia todo como lingua da rica cultura agraria, mariñeira e artesana.

Ollando para Europa sen a mediación da ideoloxía española non se encontra outro exemplo de resistencia como o galego. O galego, a lingua ainda maioritaria apesar de a sociedade ter mudado radicalmente nos últimos trinta anos, pasando de rural e agraria a urbana e industrial, e de ficar ausente ou esmagada en instituicións políticas, eclesiásticas e educativas, sectores económicos e sociais ou medios de comunicación que navegan na onda do poder e a lingua oficial do Estado. Tampouco parece que exista no mundo outro Estado que negue como sua unha lingua, nacida e presente no territorio que integra, que como o galego na forma portuguesa pertenza ademais a múltiples Estados, sendo falada por máis de 230 millóns de persoas, refletindo unha variedade semellante á do castelán ou a do inglés.

A manifestación do 21 de xaneiro no Obradoiro sitúanos pola sua dimensión e significado nun momento crucial na emancipación linguística e cultural de Galiza. Convocada por Queremos galego e as demais plataformas xurdidas para facer frente á intención temeraria do actual Governo Galego de marxinar a lingua propria, os seus obxectivos foron feitos seus por organizacións de profesores e alunos de colexios públicos e privados, equipos de normalización, xuristas, reitores das tres universidades, medios de comunicación, asociacións de libreiros, sindicatos, grupos de cristiáns de base, organizacións políticas da esquerda e nacionalistas. A Real Academia Galega -a instituición que por historia e pola Lei de Normalización Linguística lle corresponde singularmente a extensión e o cuidado normativo do galego- fixo unha enérxica crítica do contido das chamadas Bases para a elaboración do decreto do plurilinguismo no ensino non universitario de Galicia, que negan mesmo os elementos positivos, ainda que limitados e insuficientes, derivados dos texto constitucional en vigor. Nunca antes se producira tal conxunción de vontades expresas e tal demonstración de firmeza na sociedade civil.

A resistencia do galego non é hoxe allea a existencia desde hai tres décadas de instituicións, do Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización Linguística, que contribuiron a frear en Galiza a influencia desertizadora dos poderes do Estado español. A reclamación da plena aplicación de tais normas, que recoñecen o galego a lingua propria e obrigan a potenciar e normalizar o seu uso en todos os ámbitos, constitui a exixencia principal deste momento. Porén, tanto máis nun tempo como este en que as línguas nacionais precisan inexcusabelmente dun Estado proprio ou dunha instituición estatal que governe nisto con plena independencia, o galego debe dispor do status institucional das linguas oficiais dos Estados, igual que o portugués e sueco ou o francés, o alemán, o italiano e o romanche na Confederación Helvética e o neerlandés, o francés e o alemán en Bélxica. Resulta aberrante e inadmisíbel que nun Estado plurilingue como o español se lle negue ao galego -como ao euskera e ao catalá- a condición de língua estatal e nacional. Como o castelán en Castela, en Galiza a língua propria é o galego. Así, en paz.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-01-2010 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
MANUEL RIVAS: O día que fiquei ensimesmado
El País 22/01/2010



Ten razón o conselleiro de Cultura. A cultura galega está "ensimesmada e acomplexada". Está pampa. Atónita. Eu diría que Galicia enteira está abraiada. Aloulada. Levítica. Como Santa Teresa, está en "ausencia". Non me estraña. De Galicia foron desaparecendo cousas até que desapareceu o nome. Iso é o que contan do spot oficial do Xacobeo. Que non hai Camiño, non hai Santiago, non hai Galicia. Lóxico que a xente ande ensimesmada, a tocarse, dispensando, as partes mesmas. Os órganos da existencia. De aí o atinado do lema existencialista dos valados publicitarios: "Agora é cando, Galicia é onde". De aí tamén a continua invocación do presidente á "maioría silenciosa". Despois de tanta deconstrución, os galegos andamos todos con cara de encrucillado e de sudoku pola rúa, a preguntar con acenos desacougados: "Onde é Galicia?". E a xente sae de ler os xornais nos bares como se estivese a profundar nas Faragullas filosóficas de Kierkegaard: "Cando é agora?".

Todo cadra. En poucos meses pasamos de ser unha nacionalidade histórica a ser unha cousa ignota. De ser un pobo plural e democrático, a estar sometidos ao inextricábel mando dunha "maioría silenciosa". De ter unha cultura, a ter unha fábrica de pedras contra o propio tellado. De ter un plan de normalización lingüística, a ter unha trapallada. Non me dirán que este caos non é un horizonte apaixonante. Anda a xente aborrecida pola vella e cínica Europa. Xa nada pode épater la bourgeoisie. É a burguesía máis podente a que escandaliza ao resto. En Galicia estamos a vivir unha aventura como a de Perdidos, pero fóra da pantalla. Por iso, o que fai un galego da xeira Feijóo antes de deitarse é ir onde o telescopio e percorrer os barrios das estrelas, as constelacións, o zodíaco, cun cosmopolitismo melancólico: "Onde é Galicia?".

O que supón un desafío para un xornalista é localizar a Maioría Silenciosa. É un personaxe principal na obra que actualmente se representa en Galicia, mais non a podemos ver no escenario. Levo días preguntando por ela, investigando, esculcando sen éxito. Sei da súa orixe. Deuse a coñecer durante un célebre speech de Richard Nixon, en 1969. Esa dona foi a desculpa que aquel presidente dos Estados Unidos utilizou para soster a súa política belicosa. Malia as protestas civís, malia os extremistas, dicían os voceiros presidenciais, temos o apoio de Maioría Silenciosa. Todos sabemos como acabou a guerra, e como acabou Dick.

A misteriosa dona desapareceu para rexurdir como unha vedete na España dos anos 70, pre e post franquista. A xente que protestaba na rúa contra a ditadura eran unha minoría rabuda. Quen sabía de verdade o camiño era a Maioría Silenciosa. Agora anda por Galicia. Teño de falar con Maioría Silenciosa! Caladiños, caladiños, atopo moitos, mais ningún sabe ou ningún quere levarme onde Maioría Silenciosa. Cóntanme que os admirados comentaristas Carlos Luís Rodríguez e Roberto Blanco Valdés conseguiron unha exclusiva con ela. Que sorte, que envexa, poder confraternizar con Maioría Silenciosa! Saber o que ela pensa, sen intermediarios. Mais un é teimoso, non quere ser menos, e á fin, consigo o encontro coa simpática axuda dos Trobeiros de Compostela (Luís Rial, Miguel Cancio e o Príncipe Galín, intérpretes en Youtube da xenial Y toooooooodo gracias a Feijóo, música de Palito Ortega). Velaí está Maioría Silenciosa, como unha señora meiga. Pero algo lle pasa. Está ollando abraiada para un mesmo punto, coa típica expresión estupefacta da Santa Compaña.

-Are you the Silent Majority?, pregunto por se acaso.

-Yes, neno, yes -responde con tristura e en voz baixiña, a fitar algo no lugar borroso-. Viches o que fixo Feijóo?

-E que fixo?

-Tiña case todo a favor. Pero sentiu a atracción do baleiro. Tirouse e...caeu fóra. Mira que é triste tirarse ao baleiro e caer fóra del.

Non esperaba encontrarme cunha Maioría Silenciosa tan filosófica, cavilosa e razoábel. Cando este Goberno invoca a Maioría Silenciosa semella que fala dunha gran fera oculta que come e remoe as follas do censo electoral. Sempre me deu que pensar o que José Ortega y Gasset escribiu verbo de Galicia en La España invertebrada: "No he comprendido nunca por qué preocupa el nacionalismo afirmativo de Cataluña y Vasconia, y, en cambio, no causa pavor el nihilismo nacional de Galicia". Aquí moitos dan por feito que o perigo son os nacionalistas. Mesmo algúns teñen o feo costume de chamarte "nacionalista" sen preguntar se o es, como ese demachiño que leva no móbil o conselleiro Rueda. O seu rudo discurso ten unha raíz autoritaria, o reducir todo ao esquema de Carl Schmitt: ou amigo ou inimigo. Se queres protexer o galego e que es nacionalista, e se es nacionalista es un extremista. Que tiña en común o mar de xente que onte encheu a praza do Obradoiro, o corazón simbólico de Galicia? Non unha ideoloxía, non un carné. Alí estaba a Galicia afirmativa fronte a un Goberno nihilista.

Porque esa é a curiosa conclusión á que chegamos hoxe lendo o que en 1921 dicía Ortega é un século despois o que temos en Galicia non é un pobo nihilista senón un Goberno con esa tendencia ao baleiro. Un Goberno que non procura grandes entendementos da intelixencia, senón que fai estourar as confianzas básicas existentes. Non me estraña nada que o país, a cultura,e até a natureza, todo fique ensimesmado e acomplexado. Velaí un pobo tranquilo encirrado por un Goberno nihilista.

Malia todo, a miña esperanza está na ensimesmada cultura.

Informan que grande parte das montaxes futuras do Centro Dramático Galego serán obras de mimo. De primeiras, trátase dunha opción de grande coherencia. Mesmo sen sabelo, e á marxe do valor estético, a escolla do mimo ten un sentido histórico, estratéxico e mesmo lingüístico. Así, como na broma dos terzos infindos, temos un terzo de galego, un terzo de castelán, un terzo de inglés e un terzo de silencio... Mais, en arte, a linguaxe do silencio non é o da "maioría silenciosa". Samuel Beckett dicía que a súa verdadeira procura era esa linguaxe do silencio. E as pausas silenciosas de Harold Pinter son demoledoras. Se Galicia se converte nunha potencia artística en mimo, se fai arte do silencio, asistiremos a un sublime e ensimesmado corte de mangas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-01-2010 15:42
# Ligazón permanente a este artigo
O persoal investigador do ILG pídelle a Feijoo que retire as bases do decreto
Manifesta a preocupación xa que os plans do Goberno “representarían unha involución no proceso de normalización”
Redacción Vieiros - 11:01 29/01/2010



Ofrecémoslle o contido íntegro da carta remitida a San Caetano:

Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia,

Á vista das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non
universitario de Galicia presentadas pola Xunta de Galicia o pasado 30 de decembro, os investigadores do Instituto da Lingua Galega dirixímonos a vostede para lle manifestar a nosa preocupación polas consecuencias negativas que este conflito ten para o status da lingua galega, facendo nosa en todos os seus aspectos a análise elaborada pola Real Academia Galega e feita pública o día 16 de xaneiro.

Consideramos que o novo decreto, a teor das Bases publicadas, representaría unha
involución no proceso de normalización da lingua galega. A súa aplicación faría imposible que a maioría dos alumnos e alumnas poida chegar a ter competencia comunicativa na lingua propia de Galicia, co que se agravaría o déficit que xa existe na actualidade, como sinalan todos os estudos científicos, e que só é posible corrixir con medidas de discriminación positiva cara ao galego. Esta situación suporía unha seria eiva na formación dos estudantes, que dificultaría a súa capacitación futura, privaríaos do acceso ás súas raíces culturais e limitaría a súa proxección cara aos ámbitos de lingua portuguesa.

Esta nova política lingüística da Xunta de Galicia é cuestionada con serios argumentos
xurídicos por un numeroso equipo de xuristas, e no ámbito educativo provoca enfrontamento e conflito. Por estas razóns é rexeitada de maneira unánime polos diferentes colectivos implicados nestas etapas do ensino (pedagogos, profesores, pais e alumnado) e pola sociedade en xeral, como se fai evidente polos numerosos pronunciamentos contrarios a esta norma e se plasmou na multitudinaria manifestación que tivo lugar o pasado día 21 de xaneiro en Santiago de Compostela.

Por todo isto, instámolo a volver ao consenso que presidiu a política lingüística en
Galicia desde a promulgación da Lei de normalización lingüística ata a aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Animámolo a desenvolver as medidas de normalización real da lingua previstas neste plan, o cal expresa a vontade política unánime dos representantes da cidadanía galega nunha altura en que o seu partido tiña maioría absoluta no Parlamento Galego e en que vostede mesmo era un dos máximos representantes do Goberno de Galicia.

Persoal investigador do Instituto da Lingua Galega
Universidade de Santiago de Compostela
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-01-2010 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
As 55 mentiras sobre a lingua galega
O TRIUNFO DA RAZÓN

A plataforma Prolingua presentará un libro no que desmonta as principais falacias sobre o idioma que nos é propio.

Redacción Vieiros - 11:15 27/01/2010


Fóra prexuízos, falsas teses de imposición lingüística, fóra tópicos. A plataforma Prolingua presentará o vindeiro venres 5 de febreiro o libro '55 mentiras sobre a lingua galega'. A publicación, coordinada polo profesor Xosé Henrique Costas, pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.”

Pero un dos aspectos máis chamativos da presentación do 5 de febreiro e que se fará de xeito simultáneo en máis de medio cento de cidade e vilas de Galiza e do estranxeiro. Así, á mesma hora, diferentes persoas encargaranse de dar a coñecer a publicación nas principais cabezas de comarca do país; en cinco localidades do Estado Español (Ponferrada, Madrid, Barcelona, Gasteiz e Trintxerpe). O libro tamén se dará a coñecer esa mesmas xornada en Tübingen, Bos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague. Unha relación de puntos de encontro e presentación longa e aberta, pois a recepción a esta iniciativa por parte da sociedade está a ser altamente positiva e comprometida.
Comentarios (6) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-01-2010 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE REUNIÓN
DÍA- MÉRCORES, 3 DE FEBREIRO DE 2010
HORA- 18:30 HH.
LUGAR- IES CONCEPCIÓN ARENAL

ORDE DO DÍA:

1- Aprobación das contas do ano 2009
2- Orzamentos do 2010.
3- Información das diferentes xestións levadas a cabo pola Directiva.
4- Rolda de intervencións

Ferrol a 18 de xaneiro de 10



A Secretaria

Carmen Cuesta García

Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 27-01-2010 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Nova entrada na nosa sección de recomendados
Na sección de recomendados (menú da dereita) podedes atopar unha nova ligazón:

http://www.crtvg.es/TVG/acarta.asp

na que poderedes ver programas da TVG que xa foron emitidos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-01-2010 09:30
# Ligazón permanente a este artigo
Educación descarta unha discriminación positiva cara ao galego
A PESAR DA DEMANDA SOCIAL

A Xunta afirma que está aberta ao diálogo pero mantén que ten que haber un “equilibrio total” co castelán.

* A CIG-Ensino anuncia novas mobilizacións se Educación non retira o borrador do decreto

Redacción Vieiros - 17:37 25/01/2010


O conselleiro Xesús Vázquez deu por concluída a primeira fase do “diálogo político” e afirmou que hai “marxe para chegar a moitos puntos de encontro” aínda que reiterou que o PPdeG “non vai renunciar a uns principios que están no programa electoral”. O punto ao que se aferra a Consellaría de Educación é o “equilibrio total” entre galego e castelán. Esta rixidez impide chegar a un acordo coas numerosas organizacións políticas e sociais que demandan unha discriminación positiva para o idioma do país.

E aí, máis aló dunha simple cuestión de porcentaxes, estriba a gran diferenza entre o executivo de Núñez Feijoo e os partidarios da normalización lingüística. Na consellaría tiran por terra todas as teorías sobre a situación lingüística do país e dan por feito que hai unha igualdade real entre os dous idiomas: “O que nunca aceptaremos é unha inmersión lingüística nunha das dúas linguas”. Vázquez anunciou que o a Xunta mantén os seus plans de ter en vigor o novo decreto en setembro deste ano.

Tanto PSdeG como BNG manteñen que a única base para o consenso é o Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado no seu día por unanimidade parlamentaria. Pola contra o PPdeG fixo público este luns un comunicado no que aplaude o posicionamento da consellaría e a súa vontade de “diálogo e transparencia”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-01-2010 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Begoña Caamaño: “O galego resúltalles un moribundo demasiado lento e molesto”
Galicia Hoxe

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

“Os representantes políticos de quen está en contra da eutanasia son os mesmos que queren dar morte á lingua”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE


Begoña Caamaño traballa no ‘Diario Cultural’ que dirixe Ana Romaní na Radio
Begoña Caamaño naceu en 1969 no Calvario, cando a xente do barrio aínda "baixaba a Vigo" e lembraba con orgullo os tempos da súa pertenza ao concello de Lavadores. A adolescencia pasouna noutro barrio emblemático vigués, o de Coia, onde aprendeu a sortear os perigos da marxinalidade. Estudou no INB "Alexandre Bóveda", onde entrou en contacto con profesores que marcaron a súa vida, o seu gusto pola literatura e o saber en xeral mais a súa implicación ideolóxica e política.

Chegou ao xornalismo de casualidade. Rematados os estudos de Maxisterio e cursando a licenciatura de Pedagoxía ofrecéronlle a oportunidade de realizar un cursiño de radio na canle Radio Nororeste. "Foi un absoluto descubrimento vocacional e un namoro instántaneo", asegura. Logo traballou en Radio Popular de Vigo, e despois na Radio Galega, formando parte do primeiro equipo que constituíu a delegación en Vigo da cadea autonómica. "Eran tempos en que criamos que estabamos a construír unha radio para un país", apunta. Nesa altura, aínda en Vigo, foi correspondente da Agencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño El Sol .

Cheguou a Compostela nos primeiros anos da década dos 90, para incorporarse á redacción central da Radio Galega. Aí comezou a descubrir "o lado menos interesante e sórdido do xornalismo: a manipulación, a censura, o amarelismo...", afirma. Durante un tempo asumiu tarefas de representación sindical, chegando a presidir o Comité Interempresas da CRTVG, cargo que abandonou, "esgotada e desilusionada", di, despois do conflito do Prestige e as súas derivacións nos medios de comunicación. Tras un par de anos de "desintoxicación" e reflexión que a levaron por África e o País Vasco, reincorporouse á Radio Galega, onde actualmente traballa no Diario Cultural, nun equipo coordinado por Ana Romaní e do que forman parte Anxo Quintela e Xiana Arias.

Tamén colaborou en A nosa Terra, Tempos Novos ou Festa da palabra e formou parte do consello editorial da revista antimilitarista AR, creada para darlle voz ao movemento galego pola Obxección de Conciencia.

Begoña, está latexante o borrador para eliminación do Decreto de Normización Linguïstica, por certo un Decreto minimalista que apenas se cumpría na súa elementalidade e na súas secuencias e esencias fundamentais. A cuestión era e é nin máis nin menos que perpetuar a diglosia perversa ata consumar (consumatum est) a morte do idioma nacional de Galicia. Feijóo, a última hora rebaixou os"créditos". O "trilingüismo harmónico" non é máis que unha parvada. Cal é a este respecto a túa opinión?

Non existe "trilingüismo harmónico", como tampouco o bilingüismo. Cada quen, cada individuo, cada pobo, ten unha lingua de seu; distinto é que sexamos persoas altamente competentes noutras linguas, o cal sería moi desexable e a educación debería fomentar esas competencias dende os niveis máis básicos, pero sen esquecer xamais a lingua que nos é propia e o lugar preferente que debe ocupar. O termo "bilingüismo harmónico" cuñado pola administración Fraga, foi de seu unha falacia, unha completa mentira; non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego. A sociedade galega en xeral, e a rapazada e a mocidade aínda máis, están sometidas a unha presión constante do español: a televisión, a radio, o cine, os videoxogos… todo o seu ocio transcorre baixo unha xerarquía castelanizante. Xa que non se toman as decisións políticas e económicas para mudar esa realidade, o ensino debería actuar, cando menos, coma elemento equilibrador, potenciando o coñecemento, estudo e uso da lingua minorizada, que é a nosa. Con este novo decreto queren facer o contrario. Van asinar non a defunción, senón a execución do galego. Fraga pretendía que o idioma morrese "de morte morrida", pero seica estes son máis impacientes e o galego estalles a resultar un moribundo demasiado lento e molesto. Non deixa de ser curioso que sexan os representantes políticos de quen está en contra da eutanasia os mesmos que se apresuren a darlle morte a un ser tan vivo como é un idioma.

Hai opinantes, ao meu xuízo dunha incultura estarrecedora, que consideran que o idioma non é máis que un vehículo de comunicación. Minusvaloran na súa estulticia a cultura, o elemental dun idioma, a sublimación da praxe. "Irmáns, fuxide dos parvos, escribiu en Sempre en Galiza, Castelao no seu desterro en Badaxoz, recordas? Cun país así o concepto independentista da nación é dunha levidade amortalladada, predisposta a autoinmolación. Conconcordamos?

Concordo en que son incultos e parvos, por sermos amables. Aos que pensen que o idioma é só un vehículo de comunicación interrogaríalles primeiro que é o que entenden eles por comunicación e que é o que queren comunicarlle ao mundo dende as súas posicións reducionistas. Se así for, porque non triunfou a idea do esperanto? Porque cada país colonizador o primeiro que fai é imporlles a súa lingua aos conquistados? Ás persoas benintencionadas e que se cren os argumentos esgrimidos polos que, con ningunha boa intención, queren convencernos do atraso de ter unha lingua propia e diferente, preguntaríalles se pensan que é casual e absurdo e antieconómico que os esquimós teñan centos de palabras para definir a cor branca e que no Sahara sexan quen de diferenciar entre ducias de tipos de area. Non entendo tampouco as posicións españolistas da esquerda que se define ecoloxista e antiglobalización e que aplaude o esmagamento das linguas. Un idioma é algo precioso, único, o froito de séculos de traballo, cultura, discusións e consenso. A desaparición dunha lingua, de calquera, debería ser considerada un drama para o conxunto da humanidade. Con respecto á segunda parte da túa pregunta, discrepo. Creo que todo pobo, toda nación ten dereito a se reivindicar a si propia e a esixir o seu recoñecemento. Mesmo nos tempos máis difíciles, se cadra, aínda máis nos tempos máis difíciles. Ao meu entender, o problema estriba máis en atopar as estratexias acaídas para cada momento histórico, pero, por seguir usando frases célebres, "resistir é vencer" e son as batallas que non se dan as primeiras que se perden.

Begoña, a vida, despois de todo non é máis que un desiderato que alimentamos e procuramos?

Creo que vida é máis ben unha batalla permanente entre a procura do benestar persoal e a ética.

Ser culto ou culta é unha formulación da indiferenza?

Penso que ser culta ou culto é fundamentalmente unha actitude, unha forma de estar no mundo e de querer comprender todo aquilo que nos rodea e, xa que logo, a antítese da indiferenza.

Por máis que se hipoteque na súa política de corte fascistoide ou liberal agachado, o PP español en Galicia, e mesmo as derivación galegas do PS non son unha mesma parecida cousa?

Cada vez fica máis claro para todo o mundo a escala mundial que a socialdemocracia é só a cara amable do liberalismo. A diferenza está nas formas e, aínda non sendo unha cuestión menor, PP, PS, e moitas outras formacións políticas, defenden o mesmo tipo de sistema e sérvenlles aos mesmos intereses. No caso da Galiza esa coincidencia de intereses dáse tamén ao respecto do estado español, da consideración de España como marco único e como o único país ao que lle deben lealdade.

A vontade do pobo con respecto ao idioma é irrenunciábel?

A vontade dun pobo con respecto a calquera asunto debería ser sempre irrenunciábel. No momento en que renunciásemos deixaría de ser a nosa vontade. O fundamental da cuestión do idioma é que, para alén doutras consideracións, nos interpela directamente sobre a nosa vontade de ser ou non un pobo.

O trilingüismo proposto non che parece a ti un acto de barbarie lingüística próxima ao capitalismo con distintas adxectivacións, ou sintagmas nominais?

O trilingüismo, creo que xa o dixen, paréceme unha falacia. O que realmente se agocha tras desa palabra, é dicir, a perpetuación da subordinación da nosa lingua ata a súa extinción si que é unha barbarie, e non só lingüística. Tamén, como apuntas, en termos económicos, políticos e sociais é un atentado contra a nosa identidade.

Que prezo ten Begoña, a liberdade, a nosa liberdade?

Ah, pero somos libres (he, he)? No sentido máis estrito do termo, a liberdade non debería, non podería ter prezo. Non é unha mercadoría nin nada que se poida comprar, aínda que tanto se esforcen en convencernos do contrario. E ademais é que o conseguen. Semella que cada vez hai máis xente disposta a renunciar á liberdade por un falso concepto de "seguridade". Incluír na mesma frase as palabras prezo e liberdade demostra de seu canto calou en nós o concepto de servidume, vasalaxe ou escravitude. Convencéronos de que a liberdade haina que mercar. Deberiamos falar máis ben do que estamos dispostos a arriscar para non perdela. Cada quen, individualmente, debería facer a súa valoración e como colectivo teriamos que consensuar uns mínimos irrenunciábeis. Non se trata de declaracións de heroicidade, senón saber cal é o punto de non retorno, a liña que unha vez traspasada xa non nos permite ollarnos ao espello sen vergoña. Por falarmos en prezos, eu poño un igual difícil de cuantificar, o da dignidade.

Somos máis pasado ignorado que presente activo?

Somos presente, e futuro. Somos aquilo en que queremos converternos, aquilo que aspiramos a ser, un proceso, un devir. Pero que non nace da nada, creámolo co que nos foi dado, e mellor saber que é o que cargamos nas nosas mochilas se queremos avanzar.

Monarquía parlamentaria e democracia, podes facer
unha reflexión?

República, autoxestión e democracia participativa.

Que ten de falacia institucional a chamada "violencia de xénero"; non hai encubertos perversos aí dos cales se libran as familias "bempensamentes"… Acaso non continúa o machismo con suavizantes de perfumarías?

O machismo continúa na educación, na publicidade, nos medios de comunicación, na economía, na política, no eido laboral… Agora mesmo, a piques de entrar no entroido, unha grande area comercial amosa na súa publicidade ás nenas vestidas de princesas e aos nenos de piratas… é obvio que sacudir o machismo da sociedade precisa de cambios estruturais moito máis fondos que a creación dun instituto da muller ou a aplicación dunha lei contra a violencia de xénero, mais mesmo así son necesarios. Hai que impedir que sigan matando mulleres e acabar coa impunidade dos maltratadores. Se te refires á escolla da expresión "violencia de xénero" sobre outras posibles denominacións, teño que recoñecer que é un debate aberto, mesmo dentro do feminismo, pero, malia a diversidade de matices, no feminismo europeo chegouse máis ou menos a un consenso á respecto desta denominación como xeito de englobar todas as violencias que sufrimos as mulleres polo feito de o sermos e tamén para identificar a causa, á orixe desa violencia. Seméllame , en todo caso, moito máis acaído que falar de "violencia doméstica", que disfrazaba a fondura do problema limitándoo á dimensión familiar é privada. O xénero é un concepto político,
unha construción cultural e social e aí é onde temos que situar a orixe do conflito.


Os credos… Todo o teocrático é para min falacia, cando non estulticia ou estolidez. Cal é Begoña a túa actitude, o teu pensamento activo?

Non creo nas verdades únicas e absolutas e rexeito os dogmas. Defendo a disidencia e a transgresión. Das famosas "virtudes teologais" quedo só coa esperanza. Cambio a fe polo coñecemento e a comprensión e a caridade pola xustiza e a solidariedade. En calquera caso, non é doado, ás veces resulta moito máis fácil crer cegamente en algo, unha relixión, un ideario político, un deus, un dirixente, que estar permanentemente cuestionando e cuestionándote.

Un Estado digamos federal con aceptación de repúblicas como Galicia, Euskadi ou Cataluña é, en principio un punto sine qua non de partida?

O punto sine qua non do que falas ten que ser o respecto ás diferenzas e o recoñecemento da lexitimidade das aspiracións do "outro".


Poderías con palabras pintar un retrato de ti mesma?

Non. Creo que son alegre, amábel e honesta, pero iso só é un resumo do lado agradábel, o outro, o escuro e malvado non o vou desvelar.

Marx fixo un tratado de amor?

Estou convencida. Aínda con erros e equivocacións. O marxismo só ten sentido dende o amor. O obxectivo é o benestar e a liberdade da poboación. Unha lectura de Marx allea ao humanismo pode xerar aberracións como os xemeres roxos, a revolución cultural chinesa ou os gulags. A dialéctica marxista, a produción, a economía planificada, o estado como grande regulador só teñen sentido se están ao servizo da xente, non ao revés. Trátase de acabar coas opresións, non de crear novas.

A propósito do amor, cal é a túa opinión, cales as trampas propostas polo cinismo da sociedade capitalista?

A primeira: a norma; facernos crer que só existe unha forma de amor. A segunda revestir de romanticismo o seu obxectivo de consolidar a familia como unidade básica de organización, produción e control.


Ilustra viaxar?

Ilustra querer aprender. Hai xente que viaxa moito e só sabe de hoteis, aeroportos ou praias paradisíacas…Como tamén hai xente que le moito e non aproveita as lecturas. Viaxar, como ler , é unha porta magnífica ao coñecemento, pero hai que desexar entender, esforzarse por comprender todo o que a viaxe nos ofrece, senón aprendes o mesmo que no sofá da casa mirando os documentais na televisión.

A literatura galega vive entre luces e sombras, ou talvez a súa etapa dourada?

Todas as literaturas viven entre luces e sombras. Creo que para definir
unha etapa como dourada hai que ter a perspectiva do tempo, serán as xeracións vindeiras as que xulguen a dimensión do que se achega neste momento. Outra cousa é o mercado literario. Nese terreo penso que nunca antes houbo tantas editoriais, tanta diversidade nas publicacións…pero tamén temos diante riscos tremendos: a globalización cultural, o poder esmagador dos grandes grupos internacionais e os seus best-sellers, e o decretazo, claro, se non se forma poboación lectora en galego mal futuro ha ter a nosa literatura.


Cal foi o libro que non escribiches que non se che vai da cabeza?

Non escribín tantos… apenas si comezo a escribir…! Pero se falamos de desexos máis ca un libro gustaba de poder escribir a crónica dun cambio social universal, narrar o inicio dun novo mundo, sen fames nin guerras, onde todas as diferenzas fosen non só aceptadas senón queridas e valoradas e no que a desaparición dunha lingua provocase un estarrecemento global.

Regresando co tema do amor, cal é a súa liberdade, a súa conditio?

Xa dixen que creo que non existe un único amor nin un só xeito de amar. Cada quen constrúe as súas relacións. Para min, a condición indispensable é a honestidade, tamén a lealdade. Polo demais, só entendo o amor cando me fai libre, afouta e enteira.
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-01-2010 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal