Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Eurorrexión, tamén no cultural
Vieros

Canles portuguesas na Galiza: Touriño co can por esfolar, di Jornal de Notícias

A transmisión está agora á espera de que o presidente da Xunta lle envíe un pedimento formal ao goberno español, afirman.
F.A.A. - 13:25 04/01/2008


O diario portugués Jornal de Notícias, máis unha vez, publica esta semana información relacionada coa posibilidade de que as canles portuguesas de televisión emitan no noso país.

Na edición desta quinta feira recollen a última iniciativa da Fundación Vía Galego neste senso. A entidade remitiulle unha carta ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, instándoo a que lle solicite formalmente ao goberno español que as televisións portuguesas se reciban en Galiza.

Este requisito foi solicitado por José Luis Rodríguez Zapatero cando afirmou que o seu executivo está "aberto a estudar a posibilidade de dar medios técnicos adicionais", en caso de lle ser realizado un pedimento neste senso dende a Xunta.

"A transmisión de canais portugueses na Galiza está agora á espera de que o presidente da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño, lle envíe un pedimento formal ao goberno español. E isto depois de que o primeiro ministro e de que as entidades españolas se manifestasen a prol da existencia de canais portugueses nos televisores dos galegos", afirman no Jornal de Notícias.

Outras iniciativas
O diario portugués recolle ademais as declaracións do director de actividades da Fundación, Ângelo Gonçalves Vicente, ao respecto: "Estamos a promover a publicación de artigos de opinión na prensa nacional galega, e tamén está prevista a organización dunha palestra con persoeiros galegos e portugueses da política e da comunicación social, entre outras actividades".

Para Carlos Callón, presidente do Padroado de Vía Galego, "non ten sentido que poidamos ter un mellor acceso televisivo ao que acontece en Murcia, a onde a maior parte de persoas galegas non viaxará nas súas vidas, e non o teñamos ao que ocorre en Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira ou o Porto, a onde moitas irán mesmo varias veces por semana".

Ademais, Callón afirma que a "recepción de novos canais na mesma lingua, aínda que nunha variante diferente, servirá de contrapunto positivo ao predominio de medios casteláns que están a prexudicar a nosa lingua".
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 07-01-2008 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
Benvido 2008
Bebidos os últimos grolos do ano que xa foi e afacéndomonos ao arrecendo destas primeiras horas do aninovo que aínda está a se descubrir, hai quen sente o desexo de aventurar as liñas continuas e discontinuas que iremos trazando como individuos e como sociedade que cohabitamos nun medio común.

2008 será un ano que irremediabelmente pasará á nosa historia persoal con etiquetas de seu coas que cadaquén irá cosendo con fíos de cores ou en branco e negro a sucesión de días e noites.

Mais 2008 xa é para a sociedade galega o ano de Curros Enríquez, pois é agora que lembramos que xa teñen transcorrido cen anos do seu pasamento e do seu enterro na Coruña, arroupado por unha multitude de máis de 40.000 persoas que abarrotou, desde o respecto e a admiración polo poeta máis popular do renacemento literario decimonónico galego, o percorrido fúnebre até o cemiterio coruñés de Santo Amaro. Un camposanto este recoñecido como proba veraz dunha cidade que de sempre viviu canda o incipiente ideario galeguista, rexionalista e nacionalista, e onde adormecen para orgullo da nosa memoria nacional Eduardo Pondal, Manuel Lugrís Freire, Ánxel Casal, Luís Seoane, Urbano Lugrís, Eladio Rodríguez, Wenceslao Fernández Flórez, Luísa Villalta ...

Revivirmos agora o presente da cidade herculina ten de implicar pasearmos polas rúas da memoria histórica dunha cidade atlántica que non tivo medo da súa ascendencia nin rexeitou aqueles que a axudaron a construír como o que entendían que debía ser: unha cidade galega de vangarda, á cabeceira sempre desde a súa faciana auténtica e senlleira.

Os "mariñeiros da Marola" e mais os "do Orzán" da nosa "meiga cibdá da Cruña" cobraron protagonismo nos versos do poeta de Celanova; as "lindas cruñesas" da "cibdá da torre herculina" foron lembradas na composición que Curros Enríquez leu con grande emoción no teatro da Coruña o 21 de outubro de 1904 no acto da súa coroación polo pobo coruñés, na mesma cidade que acollería no ano seguinte a sede da Real Academia Galega, da que, xunto con Fontenla Leal, Curros foi un dos principais promotores, pois tal era a súa preocupación pola lingua galega.

A recente aceptación da Torre de Hércules como candidata a Patrimonio da Humanidade, como en 2000 o foi con éxito a Muralla romana de Lugo, obríganos a falar e orgullármonos da nosa historia transcorrida desde o século II d.c.; eis algúns dos primeiros pasos que a cidade andou na liña do tempo que aínda, cal Penélope paciente, continúa a tecer canda nós. A lembranza viva nas rúas e edificios da cidade do vate Curros Enríquez e, de xeito especial, ao pé do impresionante monumento pétreo de Asorey, inaugurado polo Presidente da II República española o 11 de agosto de 1934 no Xardín de Méndez Núñez, converterá este recén estreado ano 2008 nunha boa ocasión para nos concienciarmos sobre que queremos ser cara ao futuro e reivindicarmos a pegada que nos deberá representar dentro de cen anos.

Mentres agardamos, recuperemos a poesía aínda atemporal de Curros Enríquez do texto dedicado a Rosalía de Castro:

"O valor, o carácter, as ideas,
falas, costumes ... son lendas douradas.
¿De que coor serán, ¡ai!, as alleas
que nos fan ler a couces e pancadas?"


Mercedes Queixas (03-01-2008)
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 07-01-2008 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Mes de xaneiro, mes do nacemento e morte de Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886, e morreu no exilio — en Bos Aires — o 7 de xaneiro de 1950. Pai do nacionalismo galego, Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Estudou medicina, pero confesaba: Fixenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade.


Na súa memoria e na súa honra inserimos este poema de Daría Xohán Cabana ao que puxo música Suso Vaamonde

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO

Compañeiro Daniel de vida innumerable
como os astros do ceo i os camiños do mar
na tenebrosa noite da patria inhabitable
témoste no recordo con mao á luz alba.
A ti falo Daniel morto lonxe da terra
es noso i a túa luz alumea a escuridá
que nos deixou a historia de tres anos de guerra
en que os lobos mataron a luz e libertá.

Compañeiro Daniel, as pistolas sonaban
i enloitaron cunetas con sangue loitador
as pistolas sonaban i os panbidos berraban
a terrible victoria do odio e do terror.
E ti fúcheste lonxe predicar no deserto
pra erguerdes un exército que endexamais loitou
e morriches un día sin veres entreaberto
o camiño da volta que a túa alma soñou.

Pro na Patria abatida e do pobo explotado
nacimos nós os fillos da morte e do tristén
percurando furiosos vinganza e novo Estado
i unha roxa alborada sin cabo nin comén.
I a ti bo compañeiro que o furacán aleibe
matou desesperado na outra banda do mar
prometémosche a terra dunha Galicia ceibe
pra enterra- los teus ósos onde teñen que estar.




De seguido inserimos, tamén, as imaxes da chegada dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres, en Compostela.
Comentarios (3) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 02-01-2008 13:41
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal