Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Protesta contra Tele Cinco
Na Asemblea celebrada ontes aprobouse desenvolver unha campaña de protesta dirixida a TELE5. A campaña consistiría no envío de correos aos enderezos que aparecen ao remate. Velaí o texto a incluír no correo:

A Asociación Lingüístico-Cultural “Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, quere expresar a súa sorpresa e a súa protesta por constatar que Tele 5 vén utilizando sistematicamente nos seus informativos o topónimo La Coruña.

A SORPRESA, porque dende hai tempo, nos centros educativos, nos Administrativos, na cartografía, na correspondencia oficial, nos xornais, e noutras canles de TV xa se respecta o único topónimo oficial que se debe empregar para denominar a cidade herculina:

A CORUÑA.

A lexislación vixente é clara ao respecto:

“ Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”
(Lei de Normalización Lingüística, 1983)

Este comportamento reiterado de Tele 5 só o podemos interpretar como:

Un menosprezo aos dereitos lingüísticos dos galegos, refrendados unanimemen-te no Parlamento. (Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística...)

Un desprezo absoluto polas leis que rexen nun Estado de dereito.

Unha falta de sensibilidade coa diversidade cultural e lingüística dos seus televi-dentes.


Por todo isto, e desde este espazo aberto, expresamos


A PROTESTA, contra os responsables dos informativos de Tele 5 que teñen o deber de velar polo respecto ás normas, que democraticamente nos demos desde hai tempo.




Envía a túa protesta:

Montserrat Sedes Prego.
Produtora
Correo-e: msedes@atlas-news.com

Marga Velo García.
Delegada Telecinco Galicia
correo-e: mvelo@atlas-news.com
Comentarios (1) - Categoría: Campañas - Publicado o 26-01-2007 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
+ sobre o Louxo - Tirado de Galicia Hoxe
O hotel Louxo comprométese a galeguizar os seus servizos


O deputado do BNG, Bieito Lobeira, denunciou o establecemento por un manual no que lles prohibía ós seus empregados falar no idioma do país

REDACCIÓN
O hotel Louxo da illa da Toxa indicou onte que xa retirou o manual denunciado polo deputado do BNG Bieito Lobeira que lles prohibía ós seus empregados falaren en galego despois de recoñecer a súa "redacción desafortunada".

Nun comunicado en galego, o establecemento indica que o citado manual "foi eliminado de inmediato o pasado venres día 19", no momento en que "tivo constancia do erro". A dirección subliña que a súa "filosofía e práctica" é que "os traballadores falen sempre no idioma que entenda o cliente, que nun 90 por cento dos casos é de fóra de Galicia".

Engade que "nos máis de vinte anos de funcionamento" dese hotel que, subliña, é o único de capital galego" da illa da Toxa, "nunca houbo problemas lingüísticos nin cos clientes nin cos traballadores".

O establecemento hostaleiro apunta que ten prevista unha reunión con responsables da Mesa Pola Normalización Lingüística destinada a "confirmar todos eses aspectos" citados na nota.

A reacción do hotel Louxo é consecuencia á petición por parte de Lobeiro dunha intervención da Xunta para retirar o citado manual de "buenas maneras" do establecemento que, no apartado de "normas de cortesía", dise "literalmente": "Mantener posturas correctas delante del público, no hablar de temas personales con los compañeros y no hablar en gallego".

A Mesa saúda o "xesto de boa vontade" e acordou co director do hotel facer un seguimento dese proceso de introdución do galego no conxunto dos servizos que ofrece o establecemento.
Comentarios (0) - Categoría: Campañas - Publicado o 25-01-2007 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Resposta do Hotel Louxo
O Hotel Louxo respondeu aos que enviamos o correo electrónico de queixa. A súa resposta foi a seguinte:

En resposta ao seu correo electrónico, relativo ás normas de cortesía do hotel, explicarlle que se trataba dun grave erro de redacción, que foi correxido de xeito inmediato.
Atentamente,


Hotel Louxo-La Toja
Isla de la Toja, s/n
36991 - Pontevedra
Tel. + 34 986730200
Fax. + 34 986732791
Comentarios (1) - Categoría: Campañas - Publicado o 25-01-2007 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
POLO DEREITO IRRENUNCIABEL AO USO DA NOSA LINGUA
No Hotel Louxo-La Toja não deixam usar a língua aos empregados, mas não para falar com os clientes, não. Nem sequer permitem o seu uso para falar ENTRE ELES!!!!

A imaxe que se xunta é un estracto das normas de cortesía do hotel

Envía os teus email:
POLO DEREITO IRRENUNCIABEL AO USO DA NOSA LINGUA

ao seguinte enderezo
hotel@louxolatoja.com
Comentarios (0) - Categoría: Campañas - Publicado o 22-01-2007 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE REUNIÓN
DÍA: MÉRCORES, 24 DE XANEIRO DE 2007
HORA: 19,00 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL


Orde do día:
1- Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior
2- Aprobación, se proceder, Contas 2006
3- Aprobación, se proceder, Orzamentos 2007
4- Información sobre o estado das xestións das distintas actividades.
5- Rolda de intervencións.

Ferrol a 15 de xaneiro de 2007

A Secretaria : CARME RODRÍGUEZ TIZÓN
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 15-01-2007 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Lido en Galicia Hoxe
CADERNO ABERTO
Que falen galego as bonecas


Entender non entendo ben eu por que hai cidadáns galegos que se opoñen a que as bonecas falen tamén na lingua nai do portugués, no vello idioma galego que hoxe é universal, por exemplo, no Brasil. Non entendo como aproveitan unha interesante proposta de “normalización” –si, tristemente, de normalización, aínda andamos con estas– para, cun desviado sentido do humor, mofarse, unha vez máis, da lingua na que se fai o xornal onde escribo. Se as bonecas portuguesas falan portugués e se as brasileiras falan brasileiro (unha mínima variante do portugués), ¿por que as bonecas das nenas galegas –e dos nenos, se un quixer– non han falar tamén galego? Existen persoas “vixiantes”, moi activas, que cando se produce algunha idea positiva, algún tímido avance –tímido, moi tímido– na recuperación da lingua galega, saltan céleres –sospeitoso resorte– e claman contra tal cousa, como se de algo monstruoso se tratase, como se fose unha terríbel ameaza, como se estivésemos diante dunha “ofensa”. Señores e señoras vixiantes: cando as bonecas falen galego, que algún día falarán, non vai ser obrigatorio mercalas. Faltaría máis. Mérquenas vostedes de fala castelá ou de fala inglesa, que xa existen no mercado e ben que o ocupan practicamente todo. Haberá pais e nais que, libre e espontaneamente, de xeito natural, prefiran mercarlle aos seus fillos bonecas ou outros aparellos de xogo que utilicen o idioma galego. ¿Por que “disparan” vostedes contra esta posibilidade? ¿Por que lle negan ao idioma propio de Galicia, así o recoñece o Estatuto vixente, o pan e o sal? Triste e estraño país o noso, que ten o inimigo dentro, que está habitado por etnocidas (remítome a Pierre Clastres) que nel mesmo naceron. Molesta porque si que as bonecas poidan falar galego. É motivo de gracexo ou de grazola, ¡que ocorrencias son esas! Só transixen con que o galego sexa un idioma estilo “cabeza reducida”. E despois, iso si, din amalo moito, querelo até os mesmos miolos; eles, maltratadores físicos e psicolóxicos da lingua galega das bonecas.

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Comentarios (3) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-01-2007 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua das bonecas (tirado da Voz de Galicia)
A VOO DE TECLA
A lingua das bonecas

07/01/2007

-----------------------------------------------------------------------
A LINGUA materna é a fala que condiciona o pensar e o sentir dos humanos. Eça de Queiroz, que dominaba catro grandes linguas de cultura europea, chamaba á materna «a verdadeira pátria do homem» e din que para ser patriota traducía os seus espléndidos romances do francés ao portugués.

O maior problema do idioma galego é a súa falta de transmisión das mais aos fillos: as mais galegofalantes deixan de lles falar aos fillos na lingua patrimonial. Por iso cómpre aplaudir canta chamada haxa a favor de que as meniñas falen galego; porque algún día poderán transmitir fala materna -e cultura multisecular con ela- aos seus fillos.

Velaí a iniciativa parlamentaria do Bloque acerca da lingua das bonecas. Seica ultimamente esa organización está a converter ideas que andan nos eidos da Ciencia e da Cultura en apostas da Política, fronte ás que se reviran plumas conservadoras sen moito coñecemento das materias tratadas.

Non necesita o Bloque de avogados externos, pero calar o seu acerto sería facer de menos á lóxica. Aínda máis: conviría que as bonecas faladoras, con frases moi sinxelas, deixasen ben claro ás súas mamaíñas que elas non articulan unha lingua rexional senón unha lingua de proxección planetaria minorizada en territorio español por imposición de quen quere converter España nun ermo da uniformidade.

A lingua das bonecas é algo polo que loitar. Oxalá que os Reis Magos o entendan e para o 2008 enchan o país de criaturiñas mecánicas vacinadoras contra a diglosia que o degrada.

(Firma: XAVIER ALCALÁ)
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-01-2007 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Tirado da Revista Xurídica Galega (rexurga.es)
Comunicado de Xuíces pola Democracia sobre o galego na Administración de Xustiza


Ante as últimas e diversas manifestacións sobre a situación do idioma galego na Administración de Xustiza, a Sección territorial de Xuíces pola Democracia de Galiza, quere manifestar o seguinte:

Historicamente, as relacións da Administración de Xustiza co galego non teñen sido amábeis nin neutras. Non é indiferente nin casual que esa Administración optara, xunto con outras institucións de exercicio do poder, polo uso case exclusivo do castelán nas súas relacións e actuacións.

Non podemos compartir a afirmación realizadas que desbotan a presencia de problema algún na relación da Administración de Xustiza co idioma galego, cooficial na nosa Comunidade Autónoma. Probablemente, o que si sexa certo é que ningún problema padecen as persoas que, cumprindo coa súa función como partes desa Administración, optan polo uso do castelán.

O feito de que nunha sociedade en que a presenza do galego entre a cidadanía é tan masiva, podamos contar cos dedos dunha man aos membros da xudicatura ou da fiscalía que realizan as súas actuacións en galego, debería facer repensar esa afirmación. Cando menos debería ser un dato a ter en conta, que non se poda considerar sequera minimamente instaurado o uso do galego con normalidade na Administración de Xustiza. Tal circunstancia afecta ao dereito da cidadanía a recibir resposta no seu idioma. Ese dereito non é só das partes de cada proceso xudicial, do mesmo xeito que a elas non lles pertence en exclusiva o proceso en si. Igualmente, non podemos afrontar a existenza dun idioma como valor cultural sen fornecelo de terminoloxía propia, tamén no mundo do dereito. Por outra banda, é, queremos pensar, profundamente inxenua a afirmación dunha suposta decisión libre e autónoma sobre o idioma que emprega o cidadán que acude a un xulgado ante o representante do poder, obviando a influencia decisiva da posición do xuíz sobre a realidade que con el se comunica. O xuíz non é unha parte máis no proceso. Asume a posición do poder e determina ás persoas que con el se relacionan.

Os casos nos que determinados responsábeis xudiciais teñen negado o uso do idioma son certamente anecdóticos, e probablemente magnificados por unha mala información. Pero existen, e en ocasións non teñen sido denunciados publicamente. Non se pode dar as costas a esa realidade. Como tampouco podemos negar que a posición do responsábel xudicial non é a de mero cidadán en exercicio de dereitos individuais. É o representante dun poder do Estado. Tal circunstancia debe atenderse ao regular o seu estatuto legal. Pero, sobre todo, cando afronta o seu comportamento profesional, máis alá desas obrigas legais. Exista ou non obriga de coñecer e usar o idioma, a reflexión sobre esa opción debería facerse criticamente, e atendendo á realidade que nos rodea.

Por outra banda, non se pode analizar a realidade dos dous idiomas, sen atender á extraordinaria forza expansiva do castelán. Como tampouco ao uso imposto que do mesmo se fixo durante anos. Precisamos de accións e estructuras que faciliten o uso do galego. Non se pode afirmar que non existe conflicto, cando toda a estructura administrativa está dirixida ao uso do castelán. Os impresos, os formularios, os expedientes e, sobre todo, o sistema informático constan en galego. Os esforzos normalizadores teñen sido cativos e non sistemáticos. O sistema informático, non permite que o uso de modelos en galego sexa recoñecido polo mesmo, obrigando ao funcionariado a ralentizar o seu traballo. O galego enténdese como excepción, e só pode ser usado na tramitación, previa decisión activa nese sentido e asumindo custes persoais de maior esforzo. As equipas de normalización lingüística non cumpren a función que deberían, e non teñen afrontado un programa activo de galeguización. Fronte a eso, actúan como receptoras de solicitudes de información, residenciando, novamente, no voluntarismo duns poucos a execución dun verdadeiro programa que oferte e non só responda a demandas.

O debate sobre a obrigatoriedade ou non do uso do idioma galego é complicado. Cando vai referido ás persoas que exercen xurisdicción (xuíces e maxistrados) ten caracteres propios e afecta a varios principios que esixen actuar con prudencia. Sen embargo, comezar o debate negando a evidencia da existenza dun desequilibrio entre a realidade lingüística social e a realidade dos nosos xulgados e tribunais non axudara nese camiño. Igualmente, dirixir a mirada exclusivamente aos propios dereitos individuais non axuda a dialogar cunha sociedade que si ten dereito a esixir aos seus funcionarios. Como, con que ritmos e formas é o debate, entremos nel con calma e sen caer en dogmatismos, pero non o esquivemos ou obviemos, acudindo á súa negación.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2006

Autor: Sección territorial de Xuíces pola Democracia
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-01-2007 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal