Este martes a escola Galiña Azul de San Roque, en Compostela, acolleu a presentación do libro-CD Canta o cuco, froito dunha conxunción de estrelas como as que son Uxía e Magín Blanco, realizado na casa de Manuel María e publicado por Galaxia na colección Sonárbore con arranxos musicais de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández. O traballo, ilustrado por Leandro Lamas, componse de 14 temas e unha sorpresa: son temas de poemas musicados como O carro, A vaca, A cidade, O cuco... extraídos do libro Os soños na Gaiola, que acaba de editar a Fundación Manuel María e que foi pioneiro da literatura infantil e xuvenil galega. Tamén conta con outros versos recompilados d'As rúas do vento ceibe, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, Todo me fala de ti, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade.
Como foi o proceso de creación? Coñeciades a obra de Manuel María? Uxía- Este verán estivemos na Illa de Arousa gozando da natureza e alí estivemos dándolle forma a este traballo, lendo os seus poemarios. Eu xa profundara na súa obra e, de feito, xa cantei a Manuel María en Andando a Terra, o cal me serviu para afondar na súa obra, que xa coñecía. Gozamos moito del, inspirados. Santi Cribeiro foi o director e intentamos facer un traballo honesto.
Magín Blanco- A precisión na métrica e na rima, é dicir, a musicalidade que atesouran os versos de Manuel María, as letras dos versos, son fáciles de musicar, de que a música os acompañe. Foi unha experiencia moi bonita e foi doado introducir os estilos musicais que posúe este traballo discográfico. Son os que se corresponden con el e co seu universo.
Leandro Lamas- Coñecía previamente a obra do autor e esperei a que me chegara para intentar plasmar o universo da súa obra. Empreguei óleo sobre unha táboa pequena enteada, en tamaño real e nun proceso delicado, menos groso que cando pinto nun formato de maior tamaño. Tratei de reflectir coa imaxe as características fundamentais presentes neste traballo.
Que queriades expresar? Como se ve reflectido na parte musical? Uxía- Para facer o libro-cd escollemos de entre a obra de Manuel María varios poemarios que inciden na súa temática, atendendo fundamentalmente aos espazos de Manuel María, a unha visión intimista, ao amor pola terra, pola lingua e pola identidade. Quixemos reflectir tamén a reconciliación de dous mundos, esa dicotomía que se dá en Galiza entre vila, aldea e as cidades. Nese xogo de versos e imaxe está o Cuco, que nos aproxima ao mundo da terra, que é o símbolo da confianza no futuro, do agromar da primavera e da enerxía da natureza.
Magín- No libro-cd hai diversidade de estilos musicais que abranguen desde a música tradicional até os ritmos próximos ao pop e ao rock. Hai moito 3x4, que é o ritmo do vals e do transmitir a tranquilidade, o repouso e o etéreo. É como se montaras nun bambán infantil.
Leandro Lamas é un dos ilustradores máis facilmente identificables polo seu traballo. Segues con atención o traballo dalgún ilustrador contemporáneo? Leandro- O papel do ilustrador cada vez é máis destacado, entre nós, na nosa cultura, temos unha boa mostra da vangarda creativa que nos arrodea. Sigo con especial atención o traballo de Rebecca Dautremer, con obras como Princesas olvidadas o desconocidas ou o francés Benjamin Lacombe, tamén o de Mariona Cabassa con traballos como o de Kalandraka Non hai berce coma o colo.
Volvendo ao disco, ao traballo sobre Manuel María, como vedes os tres a situación da lingua e a importancia de que este ano próximo se lle dedique as letras galegas? Uxía- Unha das funcións da música, de xente como Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, Manuel e Miguel, etc foi a da normalización e dignificación a través das letras dos nosos autores máis representativos Pondal, Curros, Cabanillas, Rosalía... Esta función debe continuar e debe actualizarse ese discurso para os máis pequenos. O discurso de Manuel María, escritor ao que se lle dedican as letras este ano, é o de loitar pola lingua, para que non se perda no futuro.
Magín- A reivindicación da tradición, da revisión do discurso musical e literario é un fenómeno que se está a levar a cabo na actualidade en América do Sur e no mundo anglosaxón. Debemos facer atractiva a lingua e a literatura, cómpren iniciativas que garantan o futuro da lingua. Nós queremos contribuír positivamente a través de símbolos presentes na súa obra como o son o cuco, o carro, a dorna e a súa elegancia...
Leandro- A lingua está en clara decadencia, é gravísimo. É necesario moito agarimo á hora de visibilizala. Xa estaba nunha situación difícil e existe un desleixo no urbano e unha non renovación no rural. Son necesarias máis ferramentas para garantir o seu futuro.
Hai algo que queirades destacar ou agradecer?
Manuel María é un referente e quixemos actualizalo, actualizar a súa mensaxe e a súa imaxe, facelo atractivo para os centros de ensino, as nais e os pais e o público en xeral. Agradecémoslle á Fundación Manuel María a súa colaboración total. Queremos deixar claro que o subtítulo do traballo é importante, xa que esa Casa, que está en Outeiro de Rei, é o universo de Manuel María e este ano hai que ir visitala. Agradecemos tamén a Carlos Blanco o feito de cedernos o título e a todas as músicas que participan nel, a Guillerme Fernández, ademais de a Galaxia, que é a editora.
O patrimonio inmaterial galego-portugués celebra cunha Gala do Patrimonio os seus dez anos de loita para ser recoñecido internacionalmente.
Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/11/2015
Ponte?Nas Ondas! celebra unha Gala do Patrimonio este mércores para conmemorar a data da presenza deste patrimonio na sede da UNESCO hai dez anos e continuar co seu compromiso de difusión e transmisión deste patrimonio. A data coincide co día no que recolleron o Premio Ondas pola ?mellor cobertura informativa?, o ano pasado.
A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués foi a primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea e os representantes de Ponte?nas ondas! reafirmaron o compromiso da asociación en continuar co labor de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.
O vindeiro 25 de novembro os actos comezarán coa Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa que baixo a denominación ?Temos Patrimonio!? convocará no Teatro Municipal de Tui a partires das 11:30 a alumnado de centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles ás novas xeracións as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira que se mantén viva na actualidade a través da música, o teatro, a narración oral.
Na Mostra participarán o escritor e músico Xurxo Souto, o grupo de música tradicional Tradisón, o grupo de música infantil, A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Os tres irmãos e outras historias de amor. A Mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e do proxecto CampUSCulturae que coordina a Universidade de Santiago.
En horario de tarde, ás 20:30 horas e tamén no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a Gala do Patrimonio, que dá cabida a persoas e grupos que se consideran 'portadoras' do valor do patrimonio inmaterial galego-portugués por todo o mundo. O cartel está composto por Malvela, un grupo de mulleres raianas que interpretan cancións tradicionais, o quinteto de Porto Vozes da Rádio, as Cantadeiras do Neiva de Viana do Castelo, o actor e director teatral Quico Cadaval, a cantautora galega Uxía, o músico portugués Augusto Canario, e o escritor e músico galego Xurxo Souto.
Santi Veloso, voceiro de Ponte... Mas Ondas, explicou que a gala ?pretende ser un acto de lembranza pero tamén unha mostra da vitalidade da nosa cultura galaico-portuguesa". "O patrimonio inmaterial galego-portugués foi transmitido de xeración en xeración e chegou até o século XXI con formas vivas e renovadas", engadiu.
Na homenaxe lembrarase a dúas das pioneiras que xa non están; a Señora Carme de Malvela (Galicia), que participou en diferentes actos da Candidatura (Círculo Bellas Artes de Madrid, Museo do Pobo Galego) e Nelson Vilarinho (Portugal) que foi un dos tocadores de concertina máis recoñecidos no norte de Portugal. Ambos participaron na XV edición de Ponte...Nas Ondas! 2009 coa temática dos Tesouros Vivos.
Esmeralda Carbalho, outra das voceiras da entidade, apuntou que ?dez anos despois, desde Ponte?Nas Ondas! queren convocar á cidadanía a defender este patrimonio común e a reivindicar "que os tempos son chegados para que as administración realicen o proceso de inscrición deste patrimonio na Lista Representativa da UNESCO?.
O Salón de Plenos do Concello de Tui foi o escenario onde se presentaron os actos conmemorativos dos dez anos da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da UNESCO. Participaron no acto, Jorge Mendes, presidente da Cámara de Valença do Minho; Enrique Cabaleiro, alcalde do Concello de Tui; Mª José González, concelleira de Cultura do Concello de Tui; Octavio Rodríguez, da TVG e Santi Veloso e Esmeralda Carbalho, voceiros de Ponte?Nas Ondas.
O Concello de Mondoñedo vén de dar a acoñecer o IV Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, cuxa gañadora é Elvira Ribeiro pola obra "Playlist para unha retirada".
Elvira Ribeiro (Cerponzóns, Pontevedra, 1971) acadou o primeiro premio, dotado con 1.500 euros; o segundo foi para Óscar García Ramos, da Coruña; e o terceiro para Martiño Maseda.
A poeta gañadora ten publicado en verso até o momento Andar ao leu, Arxilosa, Cania Haikai e Corpos transitivos; e en prosa un par de libros infantís: PaLaBrAs BrAnCas e As redes de Inés, ademais do ensaio Descubrir Pontevedra.
Ademais do Leiras Pulpeiro, conseguiu os premios poéticos Victoriano Taibo, o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas e o Avelina Valladares. En canto á prosa infantil e xuvenil, foi finalista do Premio Merlín e acadou o Neira Vilas por por PaLaBrAs BrAnCaS.
Na súa páxina de Facebook Elvira Ribeiro compartía hoxe alegría e un dos poemas que compoñen a obra premiada, escrita ?con banda sonora ao vivo e versos de Martine Broda ao fondo?:
"un tropel de medos á procura da invasión
asediánnos órganos vitais
un voitre atravesa o ceo
o escalpelo secunda a escena
no entanto resiste
algo da brancura
flashes das nosas coxas
estomballadas sobre o trevo
un peito fóra da camisa
desatento á predación
O vindeiro venres, 20 de novembro, A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o primeiro lanzamento dun novo proxecto didáctico destinado á educación infantil. Trátase do libro infantil ilustrado O abecedario.
Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/11/2015
O novo libro conta co apoio do Concello de Santiago e poderá xa ser mercado no Culturgal. A presentación será nun acto na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela ás 18:30 h.
O volume recolle as 23 letras do abecedario galego acompañadas dunha ilustración de Óscar Villán. O obxectivo é que os pequenos aprendan a recoñecer as letras e enriquecer o seu vocabulario.
"Este libro é para aprender o abecedario mais tamén para admirar as ilustración, para ver, imaxinar ou inventar", explica a Mesa. Co volume os nenos aprenderán a asociar letras e imaxes, a distinguir a grafía de cada letra e ampliarán o seu vocabulario.
A Mesa explica que na presentación os nenos e nenas colorearán e debuxarán abecedarios e que tamén haberá "unha sorpresa" para eles.
A Mesa - Publicado o 18 nov, 2015
Este decálogo está baseado nun texto deTilbert D. Stegmann coas modificacións e adaptacións ao caso galego.
Dez puntos, útiles para que os divulguemos e para que os practiquemos e conseguirmos que o galego avance.
Os concellos de Compostela, A Coruña, Lugo, Lalín, Ames ou a Estrada coinciden na necesidade de poñer en marcha máis plans de promoción e defensa do idioma.
Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/11/2015
Varios concellos galegos coincidiron, e algún deles comprometéronse, a impulsar a defensa e promoción da lingua. Foi no Encontro de Política Lingüística Municipal, organizado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL), e que tivo como obxectivo activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística e establecer pautas comúns nesta materia.
No encontro participaron, entre outros, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a edil de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaqueiro; o alcalde da Estrada, José López Campos, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña. Todos eles insistiron na necesidade de insistir nas medidas de promoción do idioma.
Na inauguración das xornadas, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reivindicou durante a súa intervención o papel histórico de Compostela na normalización do galego, "o noso máis prezado ben colectivo, aquilo que nos une como galegas e galegos". Así, lembrou a histórica declaración de alcaldes de maio de 1984 onde se marcaron os compromisos da Administración local en materia de lingua, e tamén a constitución, nos anos 2000 e 2001, do Consello Municipal para a Normalización.
Para Noriega, é necesario "actualizar o noso entusiasmo, traballar en rede e reforzar a colaboración entre todos os concellos", para ser "esa primeira pedra do novo futuro que queremos construír para a lingua".
No mesmo sentido se pronunciou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que foi aínda máis alá e anunciou que o seu concello vai triplicar o persoal e o orzamento para o servizo municipal denormalización lingüística, dentro das súas medidas a prol do galego. ?No Concello da Coruña entendemos que o galego ten que ser transversal?, indicou o rexedor, para sinalar como novidades o feito de que tanto a comunicación pública municipal como a dos concelleiros e concelleiras sexa ?sempre en galego?.
?A normalidade ten moito que ver, e vaise trasladando pouco a pouco á cidade. E os discursos, que teñen que ser amables e sedutores. Debemos ter discursos de promoción do galego que sexan atractivos, que enganchen e creen ese espazo amable para o galego?, suliñou.
A xornada completouse coas intervencións dos técnicos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Ourense, Pontevedra e Compostela, que puxeron sobre a mesa algúns proxectos de colaboración para o fomento do galego.