Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Marcos Maceira: "A obra de Pepe Chao constitúe o monumento máis grande ao compromiso desde e con Galiza"
Sermos Galiza

A seguir, publicamos un texto de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística con motivo do pasamento de Xosé Chao Rego, do que tivemos coñecemento este sábado.


Foi Castelao quen situou Prisciliano á fronte da Santa Compaña de inmortais galegos. Non mudaríamos unha soa liña do seu Alba de Gloria, se hoxe situarmos Xosé Chao Rego na procesión de galegos inmortais. Pola súa obra, escrita ou non, de toda unha vida dedicada a quen máis o precisou, a conxunto do pobo, de todos e nós, coñecémolo e seguiremos a coñecer a que nos fixo revivir renacendo galegos.

O texto que vén a continuación mantén plena actualidade, e foi escrito con motivo da publicación en 2010, pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, das actas do simposio-homenaxe a Xosé Chao Rego, Renacer galego que a Agrupación Cultural O Galo organizou en 2004, e que para min foi unha honra inmensa coordinar pola oportunidade que se me deu de me de achegar directamente á inmensa persoa de Pepe Chao.

?Os elementos que conforman a identidade de Galiza son tamén parte fundamental da súa existencia; son os que permiten que nos poidamos mirar ao espello e vermos unha imaxe compartida que a podemos describir cunha palabra bonita e sinxela mais da que aínda renegan moitos e moitas, especialmente desde o poder: galegos, galegas.

O poder que, cando non oculta a nosa propia imaxe, manipúlaa, defórmaa e transfórmaa nunha caricatura de nós mesmos. Desgraciadamente esta imaxe ridiculizada é a que aínda moitos galegos teñen de si como individuos e como pobo.

Somos pesimistas porque vemos a realidade que nos rodea e porque non nos conformamos con ela. E por iso mantemos a esperanza que nos dá forzas para facermos fronte á adversidade.

Chao mostrounos a verdadeira imaxe de Galiza, a do pobo, a dos humildes, a que se pode mostrar con orgullo e alegría de manterse viva contra vento e maré

E a esperanza mantémola grazas a homes e mulleres como Xosé Chao Rego, profeta contra o poder como o fora Prisciliano no seu tempo. Nesa loita de liberación contra o poder que nos cega, Chao mostrounos a verdadeira imaxe de Galiza, a do pobo, a dos humildes, a que se pode mostrar con orgullo e alegría de manterse viva contra vento e maré.

A magna obra de Xosé Chao fai case imposíbel relatar todos os aspectos que trata. Mais sempre está presente o seu país e a denuncia contra todas as formas de opresión. A súa obra constitúe o máis grande monumento ao compromiso desde e con Galiza. Pepe é dos que se molla nas augas de todos os ríos que atravesan o noso país; é dos que se atreven a nadar contracorrente e non busca o acubillo fácil das augas encoradas que non levan a ningún lugar.

A mensaxe liberadora está presente en toda a obra de quen é o maior escritor galego en cantidade e, especialmente, en calidade

A mensaxe liberadora está presente en toda a obra de quen é o maior escritor galego en cantidade e, especialmente, en calidade. Resaltamos o de galego porque non abonda con escribir desde Galiza se non se ten o compromiso de facelo como galego, o que Pepe fai xa en plenitude de conciencia desde que decidiu volver á vida, renacendo no Pedregal de Irimia, onde tamén renace cada día o Pai río das galegas e galegos.

Se xa sempre o foi, hoxe, case seis anos despois daquel Simposio-Homenaxe (29, 30 e 31 de outubro de 2004), coñecermos Pepe Chao e a súa obra é máis necesario que nunca. Hoxe os poderosos de sempre reaxen con máis virulencia e cargados de cinismo contra a base da nosa identidade e unidade nacional e colectiva, a nosa lingua. Hoxe temos que escoller entre a comodidade de deixarse levar ou tomar partido activamente con nós mesmos, cos que máis precisamos de manternos na loita como único de xeito de vencer á adversidade.

A Homenaxe a Xosé Chao foi o agradecemento colectivo a quen nos dá a fe e a esperanza imprescindíbel para acreditarmos e comprometérmonos co futuro de liberdade que chegará máis axiña que tarde.

Recoñecermos Xosé Chao foi o obxectivo do Simposio Homenaxe que o seu pobo lle tributou coa intermediación da Asociación Cultural O Galo de Santiago e co traballo de todas as persoas que achegaron os seus traballos dotando ao Simposio dun grande nivel en todos os aspectos, especialmente no humano. Desde O Galo mostramos o noso máis sincero agradecemento a todos e todas as autoras que colaboraron para que estas actas puidesen ver a luz; uns traballos de grande valor, tanto desde unha perspectiva histórica como ensaística.

O grande recoñecemento e agradecemento que existe a Chao Rego evidenciouse no Teatro Principal de Santiago onde centos de persoas acudiron á homenaxe nacional (11 de decembro de 2004) que se lle tributou

O grande recoñecemento e agradecemento que existe a Chao Rego evidenciouse no Teatro Principal de Santiago onde centos de persoas acudiron á homenaxe nacional (11 de decembro de 2004) que se lle tributou e onde se contou coa inestimábel colaboración da Asociación Cultural Musical Solfa de Santiago, da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, do grupo A Quenlla e dos poetas que participan nesta publicación. Tamén na declaración, por parte do Concello de Santiago, de Xosé Chao Rego como fillo adoptivo da capital de Galiza dándolle o seu nome a unha rúa.

Ao Galo só lle correspondeu a iniciativa. Unha iniciativa tan necesaria como necesaria é a obra de Xosé Chao Rego como ferramenta para o compromiso coa que luxar as mans e construír un futuro de xustiza e paz para Galiza, o seu pobo e toda a humanidade. Galiza recoñeceu neste tributo que hoxe transformamos en publicación ?grazas á colaboración da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas?, o traballo e esforzo inesgotábel de Xosé Chao Rego, que puxo sempre o mellor de si mesmo ao servizo do seu País, da súa Nación, e xa que logo ao conxunto da humanidade, tan necesitada de recoñecerse na súa propia identidade nun mundo cada vez máis globalizado, no que se pretende reducir a pluralidade étnica, nacional, cultural, a unha lacra contraria ao progreso, nese camiño que se nos pretende marcar cara a unha visión única do mundo no que, en consecuencia, os Pobos non teñen espazo.

Pepe realizou e realiza unha obra necesaria para entender o país e a nós mesmos. A súa obra, unha vez lida, non nos resulta indiferente

Fronte a isto, Pepe realizou e realiza unha obra necesaria para entender o país e a nós mesmos. A súa obra, unha vez lida, non nos resulta indiferente. É Pepe un home apaixonado e comprometido coa Galiza até mais aló do que poida alcanzar a nosa imaxinación. O seu compromiso social e cultural levouno a proclamar e afirmar o Eu Renazo Galego. Frase que define a súa andaina e a de case que todos os galegos e galegas, xa que todos tivemos que ter un segundo nacemento, o galego, para atoparnos a nós mesmos. O primeiro fustrouse polo ocultamento do noso País e a negación da súa historia. Nacer orfos de identidade e anestesiados con vacinas inxectadas na nosa razón por quen negan, renegan e buscan suprimir Galiza. Renacer galego é atoparse co que é un e co que é o País.?
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Falece o escritor e teólogo vilalbés Xosé Chao Rego
Praza pública



Un día despois da morte de Xosé Neira Vilas, o mundo da cultura galega recibiu un novo pau co falecemento do teólogo e tamén escritor Xosé Chao Rego aos 83 anos de idade en Compostela. Nado en Vilalba, foi promotor de revistas de renovación cristiá como Irimia e Encrucillada, habitual columnista da prensa galega e Premio da Crítica de Ensaio en Galego en 1984 por Eu renazo en galego e en 2005 por O demo meridiano.

O teólogo e escritor impulsou revistas de renovación cristiá como 'Irimia' e 'Encrucillada'

Xosé Chao estudou filosofía en Salamanca e Madrid e teoloxía en Roma e foi consagrado sacerdote en 1956 na basílica de San Pedro. Ademais, foi profesor do seminario de Mondoñedo e párroco de Santa Mariña do Vilar en Ferrol (1959-1976), nun período clave dos últimos anos do franquismo. Acaba regresando á súa casa natal de Vilalba, onde dedica a súa vida ao estudo e á publicación cultural e relixiosa, converténdose nunha das principais figuras de todo o Estado sobre temas teolóxicos e antropolóxicos.

Exerceu tamén como profesor de instituto en Vilalba e en Santiago de Compostela e unha das figuras clave da renovación cristiá e do galeguismo que se artellou arredor das publicacións católicas que el mesmo impulsou. Irmán do xornalista e escritor Ramón Chao e tío do músico Manu Chao, desde 2002 foi socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Entre a súa inmensa obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega, entre moitas outras creacións.

O velorio de Xosé Chao levarase a cabo no tanatorio de Boisaca e o funeral terá lugar este mesmo domingo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo golpe á cultura galega: morre Xosé Chao Rego
Sermos Galiza

Un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas, temos que informar doutra triste noticia: a morte do teólogo Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), unha das principais figuras no ámbito do ensaio sobre temas antropolóxicos e teolóxicos.



Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932) morreu este sábado ás 9.30h, tan só un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas. O teólogo e escritor entrou no seminario de Mondoñedo con dez anos. Posteriormente, licenciouse en Filosofía en Salamanca e Madrid. Tamén pasou por Roma, de onde voltou a Mondoñedo con 24 anos licenciado en Teoloxía.

Durante 17 anos, Chao Rego exerceu de párroco en Santa Mariña do Vilar, Ferrol, e en 1976 retirouse á casa natal de Vilalba para se dedicar ao estudo cultural e relixioso. Foi profesor de instituto en Vilalba e en Compostela.

Promotor da revista Irimia e de Encrucillada, Chao Rego recibiu o Premio de Ensaio da Crítica en 1983, foi finalista do Premio Nacional de Literatura polo seu ensaio Eu renazo galego e no ano 2002 dedicóuselle o Día das Letras Chairegas. Desde ese ano, é socio de honra da AELG.

Entre a súa prolífica obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; Eu renazo galego; Camiño verde: ecoloxismo e creación; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; Na fronteira do misterio: credo para xente non crédula; O demo meridiano, lembranzas dun transgresor; Biblia Popular Galega, Prisciliano; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega.

O corpo de Chao Rego velarase ao longo deste sábado no tanatorio de Boisaca. O funeral terá lugar este domingo (sen hora confirmada) en Boisaca.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
Falecemento de Xosé Neira Vilas
Artigo de La Voz de Galicia

Artigo de El Correo Galego

Artigo de Diario Liberdade

Artigo de Faro de Vigo

Artigo de La Región

Artigo de El Progreso
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Falece o autor de Memorias dun Neno Labrego
Galicia chora a morte do escritor do pobo.

Institucións como a RAG, o Parlamento ou a USC, asociaicións a prol da lingua como a Mesa, partidos políticos, deputacións e concellos lembran o legado dun dos escritores máis importantes dos últimos tempos en Galicia.


Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/11/2015


A morte de Neira Vilas non deixou indiferente a ninguén. O considerado como escritor do pobo por obras mestras da literatura galega como "Memorias dun neno labrego" recibiu o cariño e as lembranzas de numerosas institucións, organismos, asociacións e partidos políticos.

A Real Academia Galega (RAG) expresou o seu profundo pesar pola morte de Neira Vilas, membro de número desta institución. Nun comunicado, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, destaca que o escritor natural de Gres (Pontevedra) deixa un importante legado ás letras galegas, do que forma parte esta obra, que supuxo "un encontro solidario coas clases subalternas da aldea galega".

Tamén a Mesa pola Normalización Lingüística sumouse á dor pola morte do escritor, que faleceu aos 87 anos na súa casa de Gres, no concello de Vila de Cruces. Marchou, di esta entidade, "deixando orfo" non soamente a Balbino, o protagonista da soada obra "Memorias dun neno labrego", senón á cultura galega, que cultivou tanto na súa terra como durante o tempo que pasou no exilio.

Asemade, partidos como o BNG ou Alternativa Galega de Esquerda tamén mostraron a súa tristeza polo falecemento do escritor e a súa "firme defensa e compromiso" coa lingua e a cultura do país.

"A palabra do pobo galego perdeu hoxe una das súas voces máis poderosas, a de Xosé Neira Vilas", afirma AGE nun comunicado, no que incide en que a literatura do escritor "forma parte do patrimonio cultural do pobo galego".

Pola súa banda, o pleno da Deputación da Coruña comezou o debate no que se aprobaron os seus orzamentos para 2016 cun sentido recordo a Neira Vilas. Tamén o Parlamento de Galicia ou a Universidade de Santiago tiveron fermosas palabras cara ao escritor falecido. O Concello de Ferrol sumouse ás mostras de pésame do escritor. "Deixa un eterno baleiro na historia das letras e da cultura galega", asegurou o alcalde, Jorge Suárez, nun comunicado.

Neira Vilas é autor doutras obras destacadas que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas "Xente non rodicio" ou "Aqueles anos de Moncho", os libros infantís "Cartas a Lelo" ou "O cabaliño de buxo", e os poemarios "Xente ao lonxe" ou "Poesía recadada".

Ademais, nos anos nos que viviu en Arxentina e Cuba foi un traballador incansable en prol da memoria na emigración e, neste sentido, creou o fondo bibliográfico máis importante de Latinoamérica sobre Galicia.

De volta a Galicia en 1992, Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural a través da fundación que leva o seu nome e colaborou até o último momento cos seus artigos en prensa.

A súa capela ardente instalarase en San Domingos de Bonaval, en Compostela. O escritor recibirá mañá sepultura este sábado en Gres ás 17:30 horas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
A Esmorga acompaña a Caxade no festival de linguas minoritarias de Udine
Sermos Galiza

Onte comezou en Udine Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias, que bota a andar cunha mostra de cinema en linguas minoritarias. E A Esmorga é a fita que representa a Galiza. Será exhibida mañá sexta feira.



O multipremiado filme de Ignacio Vilar, que se encontra en pleno proceso de expansión internacional, poderá verse xunto con moitas outras películas en linguas minoritarias europeas como a vasca Loreak e outras procedentes de Gales, Occitania, Cataluña ou o Friul.

Trátase da primeira edición do Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias, que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Aquel era soamente un concurso de cancións, pero coa nova sede e organización -levada adiante por friulanos, sardos e ladinos- ampliouse tamén á literatura e á música. A mostra de literatura terá lugar do 3 ao 6 de decembro.

No que á música respecta Caxade será o representante galego no Suns Europe, que terá lugar o 11 de decembro. Alí competirá con outras oito bandas entre as que se encontran propostas vascas, bretoas, occitanas e frisoas. A gañadora levará un premio de 2.000 euros e a participación en varios festivais europeos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Neira Vilas: ?A miña identidade galega naceu aos poucos meses de chegar a Bos Aires?
Praza Pública

Domingo 11, Xaneiro 2015

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Días de Cuba e Lar, Nai, Pan (Galaxia) son dous dos últimos libros que publicou Xosé Neira Vilas. O autor de Memorias dun neno labrego non para. Nunca. Lar, Nai, Pan é unha evocación da infancia perdida, mais tamén a denuncia da sociedade desigual e clasista da posguerra. Días de Cuba é a crónica do entusiasmo co que Neira Vilas participou nos anos 60 e 70 da revolución cubana. Nun tempo no que todo estaba por construír. No que parecía que o pobo era, si, quen máis ordenaba.

Está a publicar moito ultimamente, non si?

Teño máis tempo para iso, si. Os últimos libros que publiquei foron o de Paco del Riego, o de Isaac Díaz Pardo, a autobiografía, un epistolario e o ciclo de discos: Cantos de sol a sol, Cantos de lembranza e Cantos que veñen de lonxe. Tamén van saír Canto de amor, outro con Mini e Mero, outro con Roi Casal...

Lar, Nai, Pan ten bastante de evocación da infancia.

Nai é unha evocación da infancia e da adolescencia. Esta parte vai acompañada dun disco, coa voz de Uxía Blanco. As tres partes están compostas por unha sorte de poemas en prosa, do estilo de Platero y yo, por poñer algunha referencia. Escribín Lar ao volver a Cuba tras unha viaxe de retorno que fixen aquí, no 1972, -emigrara no 1949-. Nai é unha evocación da miña nai, e escribino no 1977. Pan, do 1986, é máis universal. Son estampas realistas sobre o ser humano e a súa loita por gañar o sustento. Os tres libros foran editados por Galaxia no 1993, co título de ?Charamuscas?, e agora reeditámolos. Lar leva ilustracións de Xan Balboa, Nai de Xosé Luís de Dios e Pan de Siro.

Como Memorias dun neno labrego, non agocha o lado máis duro daquel ?paraíso perdido? da infancia. Pode haber algo de idealización, mais relativa. Lembra as cousas e as persoas daquel tempo.

Cando me preguntan se Memorias é autobiográfico eu digo que si e que non. Non o é nos detalles. Pero si o é no xeral, porque reflicte a vida de moitos rapaces galegos. A motivación de Lar, Nai, Pan é distinta. En Lar volvo a Galicia tras 24 anos de ausencia, e á volta á Habana escribo esas estampas evocadoras e entrañables do reencontro. Eu nin pensaba publicalo: era máis ben algo familiar. Anos despois, do reencontro coa nai e coa familia, dese lado máis íntimo, sae Nai. Pan ten un ton, como dicía, máis universal, de denuncia.

Esa denuncia ten que ver co poder esmagador da Igrexa ou cunha sociedade clasista...

Presento a un xudeu como o librepensador, o home que di o que dos demais calan. Si que conto detalles, como o cura que se mete coa muller porque lle morrera o fillo, pero en xeral non é que sexa un texto contra a Igrexa. Houbo mesmo curas e un bispo que dixeron que era o todo o contrario... Conto cousas concretas, cousas reais da vida. Non é ficción.

A guerra está no libro a través da miseria, o abuso de poder... Mais tamén nun relato sobre os corvos que van buscar a xente á casa e a deixan morta nunha gabia...

Iso ten que ver cunha lembranza moi concreta. Tería eu sete anos. Chegou a Garda Civil pola noite, e como tardabamos en abrir comezaron a bater co fusil na porta... Quedaron as marcas, de feito. Meu pai non estaba en nada, pero saíu pola porta de atrás cara ao monte, porque daquela era así: viñan matarte porque si. Miña nai abriu a porta asustada, e resulta que o que querían era saber onde vivía un veciño que era o dono do autobús. Quedoume gravado aquilo.

En Pan está retratado o cacique violador, o caseiro, o xornaleiro... A extrema desigualdade da sociedade da posguerra.

O cacique era o dono de todo, polo que podía facer o que quixera. E, si, era unha sociedade moi desigual. Falo, por exemplo, do neno que rouba pan porque ten fame e leva unha malleira... Ou dos caseiros, que traballaban terra allea a cambio de dar ao dono a metade da colleita. Xa o pai de Balbino era caseiro. Os xornaleiros tampouco tiñan terra, e andaban ao xornal. Agora a terra está a monte, xa non depende dela a subsistencia. Mais si, non todos os labregos galegos eran propietarios. Os que non o eran vivían peor.

A emigración é protagonista de boa parte dos seus libros. Temos que mudar a imaxe dominante sobre este fenómeno? Puido ser un drama familiar, mais tamén unha oportunidade para moita xente de fuxir do caciquismo, ter máis liberdade, acceder á cultura...

A emigración trouxo a Galicia 317 escolas e moitas cousas boas máis. Foi un factor de progreso para Galicia e non só unha desgracia. A xente nova marchaba para América... e si que é verdade que alí atopaban unha liberdade que aquí non tiñan. As primeiras escolas os emigrantes fixéronas alí, e foi alí onde moita xente puido estudar, ademais de ter oportunidades de desenvolverse profesionalmente que aquí non había.

En Días de Cuba conta como viviu os primeiros tempos da revolución cubana. Chegou a Cuba no 1961, desde Bos Aires.

O que vivimos entón foi un estado de emoción colectiva: o pobo podía gobernar, era unha realidade. Todos colaborabamos. Todo o mundo era solidario. Faciamos traballo voluntario... Eu estudara xornalismo en Arxentina, pero seguín o consello de Blanco Amor de non converter a miña vocación nunha profesión. Durante moitos anos traballei na industria, ata que comecei a traballar en Zunzún, unha revista literaria para nenos, desoíndo a Blanco Amor... Aínda que xa antes colaboraba en revistas e xornais e escribía libros. Zunzún era unha revista moi importante. Tirabamos 250.000 exemplares. Era a máis importante revista de literatura infantil en castelán.

Unha das cousas que conta, xa que estes días se fala tanto de liberdade de expresión, é que nunca o censuraron. Certo que vostede identificábase coa revolución. ?Poida que sexa Cuba o único país do mundo en que os dirixentes acollen a crítica como un xeito de contribuír a mellorar a eficiencia dos organismos que dirixen?, di en Días de Cuba.

É que á prensa, en xeral, esixíaselle que fose crítica. Lembro que houbo dous directores que foron cesados por non selo. Porque a crítica servíalle ao goberno para mellorar. Un día o ministro de Comunicacións criticou a revista Palante, que criticaba ata ao exército, por non ser crítica cos fallos que houbera no fórum de comunicacións postais... Todos aprendiamos das críticas dos outros e ensinabámonos uns aos outros. Eu ía polas mañás a clase de planificación industrial e pola tarde ensinaba o que aprendera...

Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. Dixo que descubrira Galicia en Bos Aires, ao ler e estudar...

E non só iso. A Biblioteca do Centro Galego foi moi importante. Pero nós tiñamos, ademais, o privilexio de recibir, nos centros galegos, clases, e en galego, de historia de Galicia, de lingua, de xeografía, de arte, de economía... algo impensable aquí. E os nosos mestres chamábanse Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor... No Centro Galego de Bos Aires había ademais un bibliotecario, Luís Ares, que nos foi xuntando aos mozos emigrantes. Así formamos as Mocedades Galeguistas, o periódico Adiante... Despois participei en moitas iniciativas para difundir o libro galego: fundamos a editorial Follas Novas, fixemos exposicións por América...

Tamén fixo moito pola investigación sobre a emigración.

Traballei durante 22 anos na sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba. E sen cobrar. Levaba o meu traballo ao día, e ademais dirixía a sección galega. Organizabamos moitas actividades. Hoxe queda o Fondo Gallego, que é o maior fondo bibliográfico sobre a emigración galega en América. Non son só libros. Tamén hai actas, correspondencia...

Nunha das cartas a Luís Seoane comenta que a loita armada era a única vía para mudar as cousas na Cuba da ditadura de Batista. Tras o pasado colonial español e o, daquela, presente neocolonial americano.

Cuba era antes da revolución un país neocolonial, dominado pola corrupción. Un país envilecido, reducido a servir de prostíbulo e casino para os norteamericanos. Un país de pobreza, analfabetismo, desemprego, cunha economía de monocultivo... As cartas que lle escribo a Seoane non son reais. Son supostas mais, si, cóntolle moitas cousas de como era Cuba. Non sei como é agora porque hai anos que marchei, pero si podo contar o que vin. Volvín hai seis anos, para a Feira Internacional do Libro, que non é a máis importante de América en termos de contratos que se poden conseguir, pero si como festa popular. A relación entre Galicia e Cuba foi sempre importante. Xa no XIX houbo moitos galegos que loitaron ao lado dos cubanos contra o colonialismo español.

Outra cousa que di en Días de Cuba é o que máis difícil non foi construír o Estado socialista, ou facer a reforma agraria, ou construír o sistema sanitario e alfabetizar a poboación, senón ?resistir o acoso brutal de Estados Unidos?. Agora que Obama admitiu que o bloqueo económico non funcionou.

Obama recoñeceu que o embargo económico fora un fracaso, pero de momento non o levantaron. Só comezou a haber relacións. Hai máis de 200 anos que Estados Unidos quere botarlle man a Cuba, que é unha perla estratéxica para eles. Por iso organizaron atentados, invasións... e nada conseguiron. Tampouco ese bloqueo brutal acabou coa revolución. Dixera Rodríguez Lapa que o máis importante que fixera Portugal fora resistir a Castela. Pois eu digo o mesmo de Cuba: o máis sobranceiro foi resistir a Estados Unidos.

O seu discurso sobre Fidel Castro é ben distinto do dominante nos medios de comunicación. Non hai nada do ditador que lle chaman no Fidel que vostede coñeceu?

Son os norteamericanos os que dominan a propaganda, os medios de comunicación do mundo. E tentan desacreditar a Fidel Castro e ao Che. Eu coñecín aos dous e o que vin neles foi cualidades humanas. O Che díxolle a unha señora que el era irmán de a quen lle doese unha labazada que lle desen a outra persoa en calquera parte do mundo. Agora moitos médicos cubanos están a ir a loitar contra o ébola, e moitos máis ofrecéronse para ir. Métodos de alfabetización de adultos que se utilizaron en Cuba están a empregarse agora en España... Iso foi o que construíron Fidel e o Che, coa filosofía de José Martí...

Vostede investigou tamén a prensa galega da emigración. As cifras son abraiantes.

A prensa galega de Cuba foi moi numerosa e tivo unha gran calidade. De 1878 a 1960 editáronse 71 publicacións da emigración. Con títulos como El Eco de Galicia, Follas Novas, A Gaita Gallega que foi o primeiro totalmente en galego...

En Cancela aberta asegura que ao Che non lle tería gustado nada ver o uso mercantil que se fai da súa imaxe... Alén diso, a súa figura segue a servir como referente?

Ao Che, tal como era, seguro que lle molestaría moito ese uso da súa imaxe que está a facer o capitalismo. Pero é algo que ninguén pode controlar. E claro que el segue a ser referente de valores.

En Vinte anos retornando lembra como Fidel Castro falou con vostede cando veu a Galicia e foi recibido por Manuel Fraga. Vírao moitas veces antes?

Non moitas tampouco. A primeira fora en Bos Aires, no ano 1959. No 1992 fomos Manolo Regueiro, Torrente Ballester e eu á inauguración da Cátedra de Cultura Galega na Universidade da Habana, e na véspera Fidel estivo con nós tres horas e media... Falamos de Galicia e de moitas cousas.

En Memoria da emigración afirma que cando soubo da morte de Castelao, en Bos Aires, comezou a interesarse máis pola súa identidade galega. En Crónicas Galegas de América reflicte tamén ese interese.

É que a miña identidade galega naceu aos poucos meses de chegar a Bos Aires. Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia... Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego. O meu pai dicía que era mellor escribir coas nosas palabras, ao noso xeito, e non nunha lingua que aprendéramos mal na escola. Os membros das Mocedades Galeguistas tiñamos moi presente a Castelao, pero non só a el. Castelao segue a ser un emblema para todos nós. O meu activismo pola cultura galega comezou en Bos Aires e ata hoxe que teño a miña Fundación...

Mais tampouco foi todo cultura na emigración. Cóntao Celso Emilio Ferreiro en Viaxe ao país dos ananos.

A Celso Emilio botárono da Irmandade Galega porque había por alí uns falanxistas. Foi nese contexto no que escribiu ese libro. O que eu dicía é que os galegos de aquí e de alá son os mesmos, cos seus defectos e virtudes. Claro que hai fariseísmo, xente tramposa na emigración, mais aquí tamén.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-11-2015 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Tan só o 5% das escolas infantís das cidades usa o galego maioritariamente
Praza pública

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Informe sobre a lingua galega na Educación infantil de 3 a 6 anos no curso 2015/16
O galego tan só se utiliza maioritariamente no 5% dos centros de Educación Infantil das cidades galegas. Ademais, no 40% destas escolas nin tan sequera se emprega a lingua propia e en máis do 75% ou non se usa ou a súa presenza é testemuñal. Estas son algunhas das conclusións que se tiran dos resultados do terceiro estudo sobre a situación do galego nas aulas de Infantil de 3 a 6 anos nas áreas urbanas que vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística. Trátase dunha estimación "dentro das posibilidades" desta entidade e froito das entrevistas que a asociación leva a cabo neses centros e ante a ausencia dunha avaliación "que corresponde á Xunta facer".

O informe d'A Mesa alerta dun "notábel incremento da exclusión absoluta do galego" na Educación Infantil

Tal e como se observa no estudo, e como lembra A Mesa, estase a producir un "incremento notábel da exclusión absoluta do galego" neste ensino en Infantil. Ademais, "e por primeira vez", hai centros que xa declaran "abertamente" non utilizaren nunca a lingua propia, supoñendo estes un 40% do total. Esta porcentaxe aumenta a máis do 75% de incluír tamén aqueles que recoñecen empregar "moi maioritariamente" o español e tan só "algunha vez" e de xeito testemuñal o galego, xa que logo, aqueles que o utilizan só nalgún momento dentro da súa distribución horaria (o 36,43%).

En detalle, e no conxunto das sete cidades, o 39,4% dos centros aseguran empregar o castelán no 100% dos seus contidos, mentres que o 36,4% declara usar tamén o castelán maioritariamente. Ademais, o 19% manifesta empregar equitativamente os dous idiomas -o 50% cada un-, mentres que só o 5,2% declara que o galego é o idioma maioritario nos seus centros.

O 40% dos centros di empregar o castelán no 100% dos contidos e máis do 36% úsao maioritariamente; só o 5,2% usa fundamentalmente o galego

"Se o coñecemento do galego depender do Ensino Infantil, grande parte do alumando que comeza a Educación Primaria, chegaría a esta etapa alleo á mesma existencia da lingua galega", destaca o estudo, que sitúa cidades como Ferrol, Vigo e Pontevedra entre as que teñen situacións máis "preocoupantes", dentro do mínimo uso que hai en todas elas.

Porque en resumo, tan só o 5,20% dos centros de Infantil das cidades emprega o galego como lingua maioritaria, un lixeiro ascenso de tres puntos con respecto ao último informe de 2014 e unhas cifras similares ás de 2012. Todo malia "a lexislación e política da Xunta contraria a esta posibilidade". "A mobilización social e as sentenzas que limitaron a aplicación do decretazo, conseguiron que se perdese o medo á utilización maioritaria do galego, aínda así moi residual e anecdótica", destaca A Mesa no estudo.

A elocuencia das cifras é aínda maior botando man dos dous anteriores estudos elaborados pol'A Mesa. No curso 2008-2009, aínda co decreto 124/2007 en vigor -establecía un "mínimo" do 50% das clases en galego- a presenza do galego no ensino infantil urbano era do 35%. No seguinte curso, 2010-2011, esa porcentaxe ficaba xa no 10%.

Datos por cidades
A enquisa realizouse a comezo deste curso 2015/16 en 269 centros galegos, públicos e privados de Educación Infantil de 3 a 6 anos. Por cidades, a situación máis preocupante para o galego é a de Ferrol, onde continúa sen haber ningún centro onde o idioma propio sexa maioritario, mentres máis do 82% deles empregan o castelán na súa maioría. Na Coruña, un 2,3% ten o galego como lingua principal, fronte ao 25,6% cun reparto igualitario, mentres que en Lugo, o uso maioritario do galego abrangue o 3,7%% das escolas e a repartición igualitaria de ambas linguas ao 22,2%.

En Ferrol, non hai ningún centro de Infantil onde o galego sexa maioritario e máis do 82% empregan o castelán maioritariamente

En Ourense obsérvase un "alarmente aumento da exclusión do galego, que no 67% non chega nin a unha utilización mínima", mentres que só no 6% é maioritario (sen variacións respecto ao ano anterior) e o 21% din utilizar as dúas. Pontevedra, pola súa banda, é unha das cidades "con índices máis altos de exclusión do galego, xa que só o 25% dos centros utilizan algo de galego, aínda que cómpre destacar o aumento dos centros onde o galego é maioritario que pasou do 0 ao 16,9%, ou onde se utilizan as dúas linguas que pasou do 0 ao 4,2%.

Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego nas escolas infantís

Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego, aínda que escasa (o 13,9% con uso maioritario e o 8,3% cunha repartición equitativa), mentres que en Vigo, o nível de exclusión do galego "é altísimo e por riba da media galega", sendo maioritario só no 1,2% e repartido no 22,9% das escolas.

A Mesa destaca tamén no seu informe o "proceso de estranxeirización da lingua galega", que é "perfectamente visíbel no feito de que hai máis centros de ensino con materiais didácticos en inglés que en galego". Segundo a información recollida, ?para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decreto 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino.

A Mesa repara no "proceso de estranxeirización do galego" ao haber máis escolas con materiais en inglés que en lingua propia

"Esta enquisa, declarada ilegal polo TSXG, pretendía por unha banda segregar o alumnado en función da lingua, e por outra negar a posibilidade de que aínda utilizando o castelán na casa, nais e pais contasen coa escola como ferramenta para a transmisión do galego", conclúe A Mesa.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
O 40% dos centros de Infantil non usan o galego
Sermos Galiza

A Mesa publica un estudo sobre a presenza da lingua galega no ensino para crianzas de 3-6 anos. Perante os dados aseguran que a responsabilidade da "extranxeirización" do idioma propio é do "decreto contra o galego de Feijóo".


A Mesa pola Normalización Lingüística vén de publicar os resultados do terceiro estudo sobre o uso da lingua galega nos centros de educación infantil. Aqueles que acollen crianzas de entre 3 e 6 anos.

Neste senso, segundo os dados fornecidos pola asociación para a defensa da lingua galega a porcentaxe de centros que usan "maioritariamente" o galego apenas alcanza o 5% mentres que o 75% usa pouco ou nada a lingua propia do país. No entanto, supón un leve incremento a respeito do anterior estudo no que se rexistraban só o 2,5% de centros co galego como lingua preferencia.

Desde A Mesa salientan que se trata dunha "estimación" realizada "dentro das posibilidades dunha entidade social" e aseguran que "corresponde á Xunta" levar a cabo "unha avaliación da situación através da Consellaría de Educación" como recolle "o seu propio Decreto 79/2010".

Así as cousas, coas enquisas distribuídas entre os centros de ensino Infantil das 7 cidades galegas A Mesa constatou que o 40% dos mesmos "declaran abertamente non utilizaren nunca o galego", sendo Vigo, Ourense e Pontevedra "os casos máis preocupantes" con porcentaxes que alcanzan o 67-75% dos centros.

A Mesa constatou que o 40% dos centros de ensino Infantil (3-6 anos) "declaran abertamente non utilizaren nunca o galego",

Fronte a isto, o 88% dos centros imparten materias en lingua inglesa sendo "moito maior" a disponibilidade de materiais didácticos neste idioma que en galego. Dados que, para A Mesa, reflicten o grao de "extranxeirización" da lingua propia de Galiza.

Enquisas ás familias

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, ?para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decretazo 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino". Maceira lembra que o TSXG declarou ilegal esta enquisa ao contradicir o fixado pola lexislación educativa que fixa na administración pública o deseño do ensino regrado e non nas familias.

Doutra banda, e de acordo co estudo realizado pola Mesa, a enquisa recolle un incremento de materiais didácticos na lingua propia, principalmente elaborados polo profesorado ou entidades privadas como O abecedario da Mesa e Pompas de Xabón, de Xerais.

?É urxente a implicación da Xunta de Galiza na mellora situación da lingua galega na educación infantil, retirando o decreto e aplicando as sentenzas", afirmou Marcos Maceira.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0