Case mil linguas de todo o mundo están morrendo mentres o inglés afianza o seu dominio absoluto na Rede, onde o galego ocupa o posto 48 co 0,0095% dos contidos publicados.
Por Alberto Quian - Galicia Confidencial | Manchester | 02/12/2015
Algúns investigadores están a traballar coa hipótese de que Internet está contribuíndo á morte de moitas linguas no mundo. Segundo Ethnologue: Languages of the World ?un proxecto participado por lingüístas e investigadores internacionais?, 915 idiomas en todo o mundo están morrendo e cada ano desparecen, de media, seis linguas. Mentres, na Rede, o inglés camiña cara a unha supremacía global.
O feito é que Internet é o maior medio de comunicación xamais soñado polo ser humano. A Rede non entende de fronteiras e o atravesa todo. E a maior parte dos contidos aquí publícanse en inglés; en concreto, o 54,5 por cento da World Wide Web está en Inglés, e o número de usuarios que optan por esta lingua para as comunicacións no ciberespazo vai crecendo a medida que outros idiomas van minguando en peso.
O poder crecente da lingua inglesa non deixa de ser chamativo por canto algúns indicadores deberían levarnos a hipóteses diferentes que semella que non se están cumprindo.
Por un lado, calcúlase que a finais de 2015 uns 3.200 millóns de persoas ?preto do 44 por cento da poboación mundial? estará en liña, fronte ós 2.900 millóns (40,6 por cento) que había no ano 2014. A proporción de fogares no mundo en desenvolvemento con acceso a Internet medrou do 31,5 por cento a finais do ano 2014 ó 34,1 por cento actual. E malia que o maior crecemento de usuarios de Internet se dá en poboacións onde non se fala o inglés ou onde esta é unha lingua pouco usada, o certo é que este idioma domina a Rede e segue ampliando o seu poder de influencia.
Por outra banda, os grandes provedores de contidos en liña veñen ampliando o seu catálogo lingüístico, incorporando nos últimos anos unha maior variedade de idiomas, algúns deles minoritarios nun contexto global. No eido das redes sociais, Facebook xa recoñece uns 120 idiomas; lonxe quedan Twitter, con 48, e LinkedIn, con 24. Google ampliou os seu servizo de tradución automática a 91 linguas e as buscas, a 348. E a Wikipedia ?a enciclopedia libre da Rede? xa ofrece contidos en 290 idiomas. Con todo, están moi lonxe de reflectir a realidade idiomática no mundo, onde se calcula que se falan arredor de sete mil linguas e dialectos diferentes. Pero o número de linguas faladas está minguando na realidade física ao tempo que o inglés segue ampliando o seu poder en Internet.
Pérdense linguas malia que os servizos en liña se amplían a máis idiomas.
As dez linguas máis utilizadas na Rede
O inglés mantén un dominio insultante en Internet, onde máis da metade dos contidos se publican neste idioma (54,5 por cento). Atrás e lonxe séguenlle o ruso, con preto do 6 por cento; o alemán, co 5,8 por cento; o xaponés, co 5 porcento; o español, co 4,8 por cento; o francés, co 4,1 por cento; o portugués, co 2,6%; o chinés, co 2,2 por cento; o italiano, co 2,1 por cento; e o polaco, co 1,9 por cento, segundo datos de W3Techs, división de Q-Success Web-based Services que actualiza a diario estatísticas da Rede a partir dos datos recollidos de preto de dez millóns de sitios web.
Destes datos é doado deducir que a saúde das linguas, cando menos na Rede, non pasa só polo número de falantes que teñan, senón, e sobre todo, polo volume da produción de contidos. Así, por exemplo, o dominio absoluto do inglés na Rede contrasta co número total de falantes nativos que hai no mundo, uns 335 millóns, segundo datos de Etnologue, é dicir, só o 4,7% da poboación mundial ten como lingua materna o inglés. Porén, o español, que é a lingua natural duns 400 millóns de persoas (o 5,6 por cento da poboación mundial) non chega ó 5 por cento de produción de contidos en Internet. Relevantes tamén son os datos para idiomas como o xaponés, falado por uns 128 millóns de persoas, é dicir, só o 1,8 por cento da poboación no mundo, pero que supera en produción na Rede ó español, ou ó portugués, esta úlima, lingua falada por preto de 203 millóns de persoas. O caso do portugués é curioso, porque o peso da súa fala no mundo (2,8 por cento da poboación) practicamente é o mesmo co da sua presenza na Rede (2,6 por cento). Outros casos substanciais son o do alemán, falado por 78 millóns de persoas (só o 1,1 por cento da poboación mundial), pero que é a terceira lingua con máis peso na Rede; ou o do ruso, falado por 166 millóns de persoas (o 2,3 por cento da poboación total), pero que ocupa o segundo posto en Internet.
A situación do galego en Internet
Actualmente, a lingua galega atópase no inmenso grupo de idiomas que representan menos do 0,1 por cento dos contidos web. En concreto, os contidos en galego só representan o 0,0095 por cento do total da Rede, o que coloca a lingua galega no posto 48 no mundo.Con todo, hai que subliñar que a tendencia da lingua galega no último ano é crecente. En decembro de 2014 estaba por debaixo do 0,008 por cento e até setembro deste ano mantívose máis ou menos invariable, pero dende entón vén crecendo o seu peso na Rede.
Porén, o galego está actualmente moi lonxe da porcentaxe que acadara no ano 2013, un 0,015 por cento do total de contidos web. Esta caída dramática plantea dúas hipóteses: ou ben se producen menos contidos en galego, ou ben a produción de contidos noutras linguas se ampliou moito máis que a nosa, hipótese que semella a máis probable.
Mais se miramos os datos desde unha perspectiva reintegracionista ?aquela que di que o galego e o portugués son a mesma lingua? a realidade muda un chisco, cun idioma, o galego-portugués, cun uso en Internet preto do 2,7 por cento do total.
Pero o certo é que na clasificación de idiomas máis utiizados na Internet o galego mantense no mesmo posto que o ano pasado, por debaixo do catalán, que ocupa o 35 no mundo, con preto do 0,09 por cento dos contidos da Rede, e por riba do euskera, que non chega ó 0,007 por cento, no posto 52.
PuntoGAL celebra o primeiro aniversario con 2.800 dominios. Un avance pioneiro para o galego, pero tamén unha cifra de rexistros menor que a de outros identificadores similares; por exemplo, catro veces menor co .scot ou un 51% menos co .eus. Falamos coa directora xeral de, entre outros puntos, as causas desta situación e as próximas promocións para estimular os rexistros. O .gal estará no culturGAL da man de ReiZentolo.
Por M.V. - Galicia Confidencial| Vigo | 02/12/2015
Hai algo máis dun ano comezaban a estar dispoñíbeis os novos dominios de Internet. Agora mesmo máis 800, entre os que está un grupo de identificadores para comunidades lingüísticas e culturais europeas: o .gal (Galicia), .eus (Eukal Herrria), .bzh (Bretaña), cymru (Gales) e .scot (Escocia).
A Asociación puntoGAL informou hoxe nunha nota de prensa que ?o dominio galego en internet celebra hoxe o seu primeiro aniversario con preto de 3.000 nomes rexistrados?. Fontes da Asociación puntoGAL concretaron a cifra en máis de 2.800 dominios. Segundo o portal Ntldstats, especializado neste novo mercado, hai 2.826 puntogales rexistrados.
Das comunidades lingüísticas europeas que teñen un novo dominio propio, os galegos somos os que menos apoiamos ao noso identificador na rede. As cifras dos outros dominios son moi superiores:
o .scot rexistrou 11.213 dominios,
o .bzh rexistrou 5.641 dominios
o .cymru rexistrou 5.446 dominios
o .eus rexistrou 4.516 dominios
o .gal rexistrou 2.826 dominios
Por que os outros identificadores multiplican o uso do .gal se o galego é, entre todas esas linguas, a máis coñecida e usada da súa poboación?
Nisto non é posíbel botarlle as culpas ao Goberno. A Xunta financiou a consecución do .gal e na súa propia nota de prensa puntoGAL sinala ?o apoio institucional da Xunta de Galicia que, co decreto 74/2015 regula a presenza na internet da Administración?.
Consultada sobre esta cuestión, Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación puntoGAL, admite que ?a resposta social nas diferentes comunidades e o apoio masiva ás iniciativas é claramente distinta?. En declaracións a GC, a profesora da Universidade de Vigo recoñece que entre os dominios citados hai moitas similitudes -de feito .gal colabora a miúdo con eles- e explica a situación citando ?factores entre os que está o coñecemento propio, a sensibilidade cara a importancia de internet e de posicionarse e tamén factores económicos?.
O certo é que dende que o .gal botou a andar foron varios os internautas que lle preguntaron públicamente porque é tan caro. O prezo medio, cando non hai unha promoción, ronda os 50 euros; moi lonxe dos 8 euros cos que se pode rexistrar, por exemplo, un .com ou un .cat.
PuntoGAL lanzou varias promocións de rebaixa de prezos, pero o resultado non foi unha suba moi significativa. Por exemplo, dende o 25 de xullo e durante todo o verán estivo a 36 euros máis IVE aproximadamente. O resultado foron uns 400 novos rexistros, segundo Ntldstats.
Volverá puntoGAL a baixar os prezos? ?O compromiso de baixar prezos mantense pero temos que ter en conta as necesidades que ten mantelo rexistro co número de dominios que hai e por iso non nos atrevemos a asegurar canto e cando poderemos facer?, explica de Lorenzo a GC. A Asociación quere repetir promocións en días como o 17 de maio.
E é que o dominio galego nunca poderá competir a nivel de prezos con xigantes como o .com ou incluso con mercados máis grandes e vellos como o do .cat. A cuestión clave pode ser como motivar á galegofonía para gastarse os cartos nun identificador que sempre será máis caro que outros.
?Contamos que a apertura de cada día mas webs e sitios en internet; .gal contribuirá a que todos vexamos a importancia e transcendencia de diferenciarnos e destacarnos en internet co selo de calidade que o galego ten; ademais de aproveitar esta oportunidade de sentirnos membros da comunidade galega tamén na rede?, anímanos a directora xeral.
Para estimular os rexistros, PuntoGal participará un ano máis no CulturGAL en Pontevedra, que ten lugar entre o 4 e o 6 de decembro, ocupando o stand 41. Con motivo da efeméride, a asociación presentará durante a feira o froito da súa colaboración con Rei Zentolo. Trátase dunha serie de deseños que homenaxea á revista Nós e outra na que se utiliza o humor como maneira darlle promoción o dominio. Seguro que as camisetas serán un éxito.
Un proxecto do Club da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces pretende promover o uso do portugués nas novas tecnoloxías.
Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2015
Proxecto FIFA. É o nome dun proxecto educativo impulsado polo Club da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces que pretende promover o uso do portugués nas novas tecnoloxías e ademais combater os prexuízos e comportamentos sexistas nos vídeoxogos e nas actividades deportivas.
Este proxecto conta coa colaboración da Associaçom Galega da Lingua, AGAL, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, de Silleda e tamén do apoio de deportistas de base e do fútbol profesional, con especial atención ao fútbol feminino. O Proxecto FIFA botou a andar cunha conferencia do programador informático José Ramóm Pichel, da empresa Imaxin, Factoria de Software e Multimedia.
"O objetivo deste projeto é que, sabendo que todos os video-jogos, aparatos eletrónicos, aplicações informáticas, filmes, telemóveis, etc, tenhem a OPÇÃO PORTUGUÊS, aproveitemos esta vantagem", apuntan os impulsores desta iniciativa. "Desde este ponto de vista, entendendo que o galego tem projeção internacional, temos a sorte de que a nossa língua se fala em diferentes lugares do mundo por mais de 200 millões de falantes", engade.
O proxecto vaise desenvolver a través de conferencias, actividades de dinamización e un campionato de FIFA 15 en XBox en portugués. Este campionato terá lugar no IES Marco do Camballón o 16 de xaneiro de 2016.
No campionato haberá tres categorías, feminina, masculina e mixta e será por parellas. Haberá 1 premio por categoría, e as parellas gañadoras de cada categoría disputarán o primeiro premio.
A xente que queira participar deberá anotarse enviando un correo eletrónico a fifaemgalego@gmail.com ou falando con Andrea (4º ESO) do IES Marco do Camballón. A inscrición é de 5 euros cada parella.
"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. ?Coma quen dis, un ninguén?. Un ?ninguén? que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.
Aínda que os letreiros, os debates sobre onde encaixalo nunha historia literaria en permanente (de)construción, son o de menos, se cadra. Do que ninguén dubida é de que houbo un antes e un despois de Memorias. E non só iso. Porque Neira Vilas non era, non é, só Balbino e as outras dúas obras do alcumado ciclo do neno: Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho. Neira Vilas era, -é-, tamén Xente no rodicio, -outra vez, a procura da verdade, mesmo que doia, mais desta volta do contexto urbano-, ou Querido Tomás. Ou Remuíño de sombras, novela coral de estrutura fragmentaria que expande a riqueza narrativa da súa obra.
Tamén é a LIX, que inaugurara, dalgunha maneira, con Balbino. Á que deu títulos como Espantallo amigo, O cabaliño de buxo ou A marela Taravela. Ou poesía: Dende lonxe ou Poesía recadada, entre outros. E moito, moito, ensaio. Ninguén sabía máis ca el da prensa da emigración en Cuba. E de tantas outras cousas. E non é de estrañar. Porque dedicou toda a súa vida a investigar e a escribir. A descubrir. Outra vez, a mesma teima: contar a verdade. Dese xeito que o ensaio e o xornalismo de hoxe refugaron, e que para el e os autores da súa xeración era como unha garantía de achegarse á obxectividade, aínda que esta sexa utopía: os datos. O detalle. A concisión. A mesma que desprega en Lar, Pan, Nai, recentemente editados.
Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre.
Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre. Acompañalo, na Fundación que leva o seu nome, era unha viaxe polo tempo. Pola memoria. Da infancia en Gres á emigración a Buenos Aires, onde el mesmo dicía que descubrira a súa identidade galega, como sinala en Memoria da emigración. ?Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia? en Arxentina. Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego. Os membros das Mocedades Galeguistas tiñamos moi presente a Castelao, pero non só a el. O meu activismo pola cultura galega comezou en Bos Aires e ata hoxe??, explicaba nunha entrevista recente en Praza.
Nos encontros da Biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires os mozos das que despois serían as Mocedades Galeguistas tiñan os mellores mestres. Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor? ?Despois participei en moitas iniciativas para difundir o libro galego: fundamos a editorial Follas Novas, fixemos exposicións por América??, contaba en Praza. E América foi Arxentina, -a partir do 49- e foi Cuba -desde o 61-. E máis furar na memoria. ?Traballei durante 22 anos na sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba. E sen cobrar. Levaba o meu traballo ao día, e ademais dirixía a sección galega. Hoxe queda o Fondo Gallego, que é o maior fondo bibliográfico sobre a emigración galega en América?, dicía Neira Vilas. Mais non só houbo libros. Contouno el mesmo en Días de Cuba. Como parte activa, que foi, da primeira época da revolución.
?O que vivimos entón foi un estado de emoción colectiva: o pobo podía gobernar, era unha realidade. Todos colaborabamos. Todo o mundo era solidario. Faciamos traballo voluntario... Eu estudara xornalismo en Arxentina, pero seguín o consello de Blanco Amor de non converter a miña vocación nunha profesión. Durante moitos anos traballei na industria, ata que comecei a traballar en Zunzún, unha revista literaria para nenos. Zunzún era unha revista moi importante. Tirabamos 250.000 exemplares?, lembraba, orgulloso.
E contestaba discursos baseados no prexuízo. ?Son os norteamericanos os que dominan a propaganda, os medios de comunicación do mundo. E tentan desacreditar a Fidel Castro e ao Che. Eu coñecín aos dous e o que vin neles foi cualidades humanas. O Che díxolle a unha señora que el era irmán de a quen lle doese unha labazada que lle desen a outra persoa en calquera parte do mundo. Métodos de alfabetización de adultos que se utilizaron en Cuba están a empregarse agora en España... Iso foi o que construíron Fidel e o Che, coa filosofía de José Martí??, apuntaba nesa mesma conversa.
Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios.
Mais Neira Vilas estivo, como di outro dos seus libros, Vinte anos retornando. En viaxes de ida e volta, ata a definitiva, a primeiros dos anos 90: o regreso a Gres coa súa compañeira, Anisia Miranda. A Fundación Neira Vilas. Os múltiples proxectos culturais. Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios. Tamén os das mans ás que tivo que achegarse á volta da emigración. Desde un credo oposto. Fóronlle outorgadas as medallas Castelao. O Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. É Premio da Crítica Española e Premio da Crítica Galega. Premio Laxeiro e Trasalba. Mais é, sobre todo, dos ?ninguén?. Da humildade. Do que representaba a voz de Balbino. Da procura da verdade. E da xustiza.
En outubro Xosé Neira Vilas concedíalle a Sermos Galiza -no número 166 do semanario- a que é probablemente a súa última entrevista impresa. Recuperamos esta peza na que o escritor repasa toda unha vida dedicada á lingua e á cultura galega.
Historia viva deste país e da súa cultura, Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), Pepe, como lle chaman os amigos, lembra de forma prodixiosa todos os detalles, datas, lugares e persoas que pasaron por unha vida que dedicou por completo á cultura galega.
- Con 20 anos emigrou a Arxentina. Que o levou a tomar esa decisión?
- Eu fixera a escola primaria, logo fixen un curso por correspondencia e puiden traballar nunhas oficinas, pero eu quería estudar e superarme e busquei traballo nas cidades para poder estudar polas noites e non o atopei, así que decidín marchar coma tantos.
- Entón toma conciencia alí do que é Galiza.
- Si, descubro Galiza ao pouco de chegar e creo as Mocedades Galeguistas da que son secretario xeral. Alí convírtome nun activista da cultura galega e da dignidade de Galiza até hoxe. De por vida. Aquí eu non tiña acceso a medios, pero tampouco eran tempos apropiados. Alí coñecín a Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, foron os moi cariñosos comigo.
- Nunca chegou a coñecer a Castelao?
- Non, cando eu cheguei el vivía aínda pero estaba xa moi enfermo, morreu meses despois. Eu vin o seu enterro, as carrozas, houbo moito movemento na cidade.
- Cal era o ambiente galeguista alí tendo en conta a situación real en Galiza?
- Nós eramos moi radicais, viñamos sendo as xuventudes da Irmandade Galega, que era á sua vez o Partido Galeguista, que non podía existir como partido noutro país. Faciamos moitas cousas: actos culturais, protestas e tiñamos un periódico, Adiante, en galego.
- Tamén fundou a editorial Follas Novas xunto con Anisia Miranda.
- Coñecina nun acto dunha conferencia de Suárez Picallo sobre Rosalía, así que ela empezou a achegarse ás Mocedades e logo fomos amigos, fixemos xuntos a carreira de Xornalismo e casamos no 57. Era cubana filla de galegos. Ese mesmo ano fundamos Follas Novas na nosa propia casa. Foi unha pequena editorial, publicamos 7 ou 8 libros nada máis, pero o noso traballo principal era concentrar todo o libro galego que se publicase en calquera parte do mundo e enviabámolo a toda América, aos exiliados, ás universidades, ás sociedades galegas.
- Vostedes de que traballaban?
- Eu nas oficinas dunha empresa importadora de madeira de Paraguai. E Anisia traballou desde o triunfo da Revolución na embaixada de Cuba. Cos ganancias que nos deixaba Follas Novas doábamos libros á Biblioteca Nacional para que Galiza estivera presente diferenciada da sección española. Ou a asociacións galegas con poucos recursos. Nós perdiamos cartos pero gañabamos vontades para Galiza. Era un labor patriótico.
- En 1961 marchan para Cuba animados pola Revolución.
- Si, xa colaboraramos coa Revolución antes, mesmo lle xestionamos a sede ao Movemento 26 de Xullo nun local dun centro ourensán. Eles apoiábannos e nós a eles. E logo triúnfa e non puidemos ir de forma inmediata, fomos no ano 61. Dous días antes de marchar fixéronnos unha cea na que estaba Seoane, Valenzuela, Dieste, Blanco Amor... Foi unha cousa moi bonita, moi tenra.
- En Cuba como se vivía o tema galego?
- Xa non había emigración galega, rematou coa crise do 29. Por iso cando quero facer un traballo galeguista non o fago coas sociedades galegas, que xa só eran simbólicas, e decido botar man dun centro do estado cubano. Propúxenlle ao Instituto de Literatura e Lingüística crear unha sección galega e déronme todas as facilidades. Atendín aquela sección 22 anos, sen cobrar nada. En primeiro lugar fun creando o maior centro bibliográfico sobre a nosa emigración a América. E alí foron estudar bolseiros do Centro Ramón Piñeiro e da Universidade de Leipzig. E antes de que a Xunta creara as cátedras de cultura galega, xa nós creamos dúas en Leipzig e en San Petersburgo, daquela Leningrado. Faciamos exposicións, conferencias e índices de todas as publicacións galegas de Cuba, nada menos que 71. Foi a prensa máis abundante e máis variada e de mellor calidade que fixo unha comunidade emigrante en ningún país do mundo. Nin sequera os irlandeses en Nova York.
- Miranda e vostede regresaron a Galiza en 1992. Por que?
- Porque na viaxe que fixen en 1990 doei á Xunta de Galicia a miña casa natal, en ruínas, coa condición de que a restaurasen e puxesen nela unha biblioteca pública. Entón xa me dixeron que si, designaron como arquitecto a César Portela, e crearon unha fundación co meu nome, polo que me tiven que vir para poñer a andar a institución. É unha continuación daquel activismo que eu comecei seis meses despois de chegar a Buenos Aires.
- A Wikipedia di que vostede escribiu uns 75 libros.
- Non, non creo. Cincuenta e pico si, están aí en Internet. A cantidade non é importante. Agora mesmo teño unha novela en Galaxia que se chama ?Romaría de historias?. Nesta última etapa eu veño traballando moito en letras para cancións. Estanse facendo discos completos, con María do Ceo, Manuel de Felisa, Mini e Mero...
- Non ficou farto de que todo o mundo lle pregunte polo best-seller das letras galegas, ?Memorias dun neno labrego??
- Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: ?Balbino desbórdate?, non precisa de min. Leva uns 800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante.
- Na súa vida está a historia deste país nos últimos 80 anos. Como cre que evolucionou o país?
- Desde o punto de vista social mellorou, esta non é a Galiza que eu coñecín, e desde o punto de vista de afirmación da identidade tamén, pero queda moito por facer. Hai que instalar a Galiza no mundo, que saiban que existimos. Temos que conquistar os nosos dereitos nacionais.
- Como ve vostede o proceso independentista catalán?
- Aí non me meto. A min téñenme preguntado en Bos Aires ?vostede cre que en Galiza debe ter estado propio? Dereito ten, pero hoxe por hoxe non lle convén?. Cataluña ten dereito, claro, pero desde o punto de vista de España e de Europa, non sei eu.
- E Galiza?
- Historiamente ten máis dereito que Cataluña e que Euskadi. Tivo monarquía propia cos suevos que non tiveron nin vascos nin cataláns.
- Nos últimos anos conseguiu infinidade de premios, está na RAG... quédalle pendente algún recoñecemento?
- Non, hai pouco xa me deron a Medalla de Ouro de Galiza, que é o máximo galardón. Eu agradezo todo, pero non busco nada. Hai pouco na TVG preguntáronme esas parvadas de ?por que escribe vostede?? E eu dixen: Escribo porque escribo en galego. Se fora escritor en español, hai 20 anos que o tería deixado. Eu escribirei até que morra, até que teña cabeza. E tamén me preguntaron outra parvada: como lle gustaría ser recordado? Por ser unha boa persoa, non pido máis. Eu traballo, e non fago ningunha valoración do que fago. Traballo humildemente, son un xornaleiro das letras, un obreiro da palabra galega, apaixoado, traballador, pero ser recordado... se aporto algo, mellor, e sempre para beneficio do meu país.
- Cando mira atrás, que valoración fai da súa vida? Cre que lle quedou algo por facer?
- Seguramente moitas cousas, pero penso que para ser un rapaz campesino movínme bastante polo mundo adiante. Estou máis ou menos satisfeito co que fixen. A miña vocación desde pequeno era escribir e funo facendo. Sempre en galego, non convertido.
?En Cuba ninguén está desamparado, non hai desafiuzamentos?
- Vostede viviu de primeira man a Revolución e coñeceu a Fidel e ao Che. Que lle parecían?
- Pois dous homes moi humanistas e moi solidarios. Fidel é un dos grandes líderes do século XX, e un grande humanista. Este esquema que fan del é absurdo. Non habería médicos cubanos en 67 países se non fose por el. Nas montañas, onde o Ché era o primeiro médico, coidaban antes aos feridos do inimigo que os deles. Eu co Che estiven en varias xuntanzas e mesmo fun cortar caña con el.
- Como ve agora, tantos anos despois, a evolución da Revolución?
- Cuba sufriu un bloqueo brutal, e segue a sufrilo, porque Obama non o puido sacar. Depende do Congreso e os republicanos teñen maioría. O que pasa é que Cuba ten un pobo moi valente, moi digno. Aguantará o que sexa.
- Todo o mundo se está preparando para un cambio na illa. Como o ve?
- Os cambios que hai xa son positivos: permiten o comercio, as viaxes, as remesas a familiares, pero falta a parte final, a máis importante, que é suprimir o bloqueo. Pero si, están indo empresarios de España, de todas partes, a investir alí. Até o Papa foi alá.
- Cre que permanecerá o Goberno cubano a pesar dos cambios?
- Iso non varía, a xente alí está moi firme. Hai descontentos, naturalmente, pero son minoría. E xa non falo no plano exclusivamente político. É que o que era Cuba como país neocolonial era tremendo. Aquilo era unha humillación completa. Era o prostíbulo de Estados Unidos, o paraíso da droga, estaba metido alí até Al Capone. Un campesino dicía: ?A Revolución tróuxonos moitas vantaxes, pero a principal é que agora somos xente?. En Cuba o nivel de vida, según a OMS dixera que os nenos cubanos son os mellor nutridos de América Latina, e a Unesco di que son os mellor escolarizados. Alí ninguén está desamparado, alí non hai desafiuzamentos.