Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Exemplo de compromiso
O mundo cultural galego destaca a xenerosidade e entrega do intelectual lugués que "loitou con vontade de ferro sempre, en favor da liberdade e da patria", segundo Axeitos.

VANESA OLIVEIRA - Galicia Hoxe. SANTIAGO


O mundo cultural galego recibiu onte con conmoción e pesar o pasamento de Francisco Fernández del Riego, ao que non dubidaron en cualificar como un dos motores da renovación cultural da Galicia de posguerra. O estado de saúde do intelectual lugués empeorara nas últimas semanas. "Levaba anos cun tratamento forte pero era un loitador que non se deixaba vencer aínda que nos últimos días lle dera un baixón moi forte", lamentou o académico Manolo González. Segundo fontes próximas á familia, don Paco será incinerado na intimidade, sen velorio oficial, e o vindeiro luns, día 29, celebrarase un funeral na súa memoria ás 19:00 horas na Colexiata de Vigo. O que era o último representante do Grupo Nós e un dos principais impulsores da editorial Galaxia, "representouno todo para a cultura galega do século XX", en palabras de Manolo González.

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, parafraseando a Méndez Ferrín, salientou que Del Riego era "un corazón de ouro, unha mente luminosa e unha vontade de ferro ao servizo da patria galega". Axeitos lamentou o seu pasamento repentino, que deixa "unha grande orfandade" para Galicia e destacou os seus "case cen anos" de traxectoria, siempre con "gran dignidade". "Loitou con vontade de ferro sempre, en favor das liberdade e en favor da patria, innegable e dende todas as trincheiras posibles", dixo o secretario da RAG.

Para Manolo González, don Paco, foi "un dos motores da recuperación cultural de Galicia, que estivo detrás de case todas as iniciativas culturais, na fundación de Galaxia, mantivo durante anos a revista Grial, dando a coñecer o que pasaba en Galicia ao estranxeiro, figura básica do acontecer de Galicia".

Manolo González tamén salientou o "compromiso político" do intelectual lugués. "Dende moi novo militou no Partido Galeguista e tamén participou na campaña do Estatuto. Xa durante o franquismo axuda na fundación do Partido Socialista Galego. Sempre se mollou. Foi verdadeiramente un exemplo de coherencia", afirma.

Figura central do galeguismo cultural á fronte de Galaxia, tamén liderou un proxecto de renovación á fronte da Real Academia Galega, institución que presidiu de 1997 a 2001. "Para a RAG significou moito: a súa renovación necesaria, abriuna a moita xente que tiña reticencias contra a Academia, pero tamén a abriu á sociedade. Impuxo unha cultura de independencia da Academia con respecto aos poderes públicos que chega até hoxe", destaca González. Pola súa parte, o historiador e ex presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro cualificou a figura do intelectual lugués como un "galeguista fiel a Galicia".

Barreiro Fernández, que o sucedeu na presidencia da institución, lembrou a Fernández del Riego como un "home optimista, alegre e moi traballador". Destacou que a pesar dos "momentos tremendamente duros que tivo que afrontar", soubo sobreporse e contribuír a revitalizar a cultura galega en momentos "convulsos" do país. Ao seu ver, o tesón do lugués permitiu proporcionarlle á Academia "a autoridade que hoxe ten e a dignidade da que desfruta".

Alonso Montero: "Foi máis profesor que os da Universidade"

Xesús Alonso Montero, amigo de Fernández del Riego, lembrouno como "unha experiencia fundamentel" na súa formación intelectual". De feito, coñeceu ao intelectual lugués cando empezaba os seus estudos universitarios e tamén, cando comezaba a introducirse no "mundo do antifranquismo e do galeguismo cultural".

Alonso Montero salientou as escolmas de literatura galega publicadas por Del Riego en Galaxia. "A primeira delas, que saíu do prelo en 1919, era a primeira escolma consultada de poesía galega da época. É asombroso porque cando eu estudaba Filoloxía Románica non había ningún manual de literatura galega ao noso alcance. Foi grazas ao manualiño de Del Riego que o puidemos ter entre mans", destaca.

A influencia de Fernández del Riego non só se deixou notar na súa formación senón tamén no seu compromiso. "Para un rapaz coma min -apunta Alonso Montero- que estaba abrindo os ollos ao compromiso coa cultura galega, a relación persoal con Del Reigo foi moi grande". Do intelectual lugués lembra que "era un home que sabía de todo, falaba de fútbol, de mulleres, de cine, de viaxes, de comidas, de viño. Foi para min máis profesor que os que tiña na Universidade", destaca.

Finalmente, Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol que relevou a Del Riego á fronte desta cargo este mesmo ano, destacou que era "unha das figuras máis importantes na loita por Galicia, con moita xenerosidade na entrega, que fixo todo por Galicia, era dos bos e xenerosos galeguistas que entregaron todo sen intereses económicos nin de ningún outro tipo, entregado a Galaxia, doando todo o seu legado a Vigo e á fronte da Fundación Penzol".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-11-2010 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal