Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Falece del Riego, impulsor de Galaxia e a “gran beizón” da RAG
A familia de Francisco Fernández del Riego despedirá na intimidade un dos intelectuais máis destacados da cultura galega do século XX.

ALBERTO RAMOS - xornal.com - 27/11/2010 - 17:51 h.


Francisco Fernández del Riego, histórico galeguista, un dos impulsores do Grupo Galaxia e o gran anovador da Real Academia Galega, faleceu onte á tarde no seu domicilio de Vigo aos 97 anos de idade. Dende que se coñeceu a noticia, as mostras de pesar e as gabanzas a súa histórica figura convertéronse nun torrente que percorreu todo o país. “A súa longa traxectoria definiuno tanto no plano político como no persoal”, explicou Méndez Ferrín, quen lamentou o seu falecemento dende un nivel moi persoal. “Paco era un amigo. A súa marcha síntoa como algo propio e sempre o levarei no corazón”, explicou emocionado Ferrín.
A admiración na RAG foi manifestada onte por varios membros da institución e todos destacaron o seu papel como gran anovador. "Sen lugar a dúbidas foi un pai da patria, un gran renovador para a Real Academia e da súa man saíu do letargo no que estaba sumida a institución. Foi a gran beizón para a RAG”, explicou a Xornal o académico Manuel González.

“O NOSO XOÁN XXIiI”
O seu impulso na Real Academia Galega foi unha das constantes escoitadas onte en todo o país. “Díxeno moitas veces: Fernández del Riego significou para a RAG unha especie de Xoán XXIII. Deu lugar a unha serie de transformacións esenciaIs”, explicou o académico Francisco Fernández Rei. Nese mesmo sentido, manifestouse o actual presidente da Academia. “Se non fose polo papel que el xogou, eu nunca sería académico. El foi quen decidiu que na Academia entrase quen tiña que estar e acabou cos vetos que sufrín eu como antes sufriu Celso Emilio ou Novoneyra, que nunca chegou a entrar”, recoñeceu Ferrín.
A súa pegada na RAG foi tan destacada que a sensación de perda é enorme. “A súa presidencia marcou un antes e un despois. Foi un gran loitador pola súa dignidade e sentimos agora mesmo unha gran orfandade”, explicou onte Xosé Luis Axeitos, secretario da RAG, que suspendeu o plenario e os actos que tiña previsto celebrar hoxe.
A institución da lingua que se amosa a súa vontade de axudar a familia en todo o que precise para despedir o insigne intelectual. “A Real Academia Galega ponse ao servizo da familia para todo o que dispoña”, explicou Axeitos. A familia indicou xa que a vontade de Fernández del Riego era que, a súa marcha, non se producise ningunha grande cerimonia e que todo a súa despedida se fixese na intimidade. “A familia quere respectar esa petición”, explicou Freixanes, que estivo onte cos familiares do intelectual.

O UNIVERSO GALAXIA
Galicia lembrou onte o papel de impulsor que Fernández del Riego –xunto a Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto– tivo para a histórica editorial Galaxia. “É unha columna do edificio nacional. É unha perda grande, é un dos fundadores do país e de Galaxia”, explicou Freixanes, actual director de Galaxia. O seu papel sobranceiro no mundo da edición foi lembrada onte polo presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado. “Eu enxuízo a Paco como un dos grandes editores do século XX que se une a tradición de Quintanilla, de Anxel Casal. Foi o gran editor, foi esencial a nivel cultural e a nivel editorial durante o franquismo. Era un editor indiscutible con gran dignidade”, recoñeceu onte Bragado dende o Culturgal.
O seu traballo dentro do universo de Galaxia significou a pedra angular da dimensión cultural da editorial. “Foi o piar básico de Galaxia e da revista Grial, que xogou un papel moi importante dende os seus inicios. Galaxia ou Penzol nunca chegarían a ser o que foi sen o seu traballo”, sinalou o académico Manuel González.
Os escritores manifestaron tamén o seu pesar a través do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. “Sentimos unha grande admiración por Fernández del Riego e a súa morte énchenos de tristura e pesar. Pero é a responsabilidade das xeracións que vimos dende atrás a de seguir os seus pasos, construíndo a nación, e de que non haxa regresión”, explicou Sánchez.

PESAR INSTITUCIONAL
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi quen expresou o pesar por parte do seu goberno. “Foise un dos últimos vínculos co primeiro Grupo Nós e foise un home que viviu en primeira persoa case todos os feitos substantivos da recente historia cultural de Galicia”, destacou o no aniversario do Club Financeiro de Vigo, mentres que Pilar Rojo, presidente do Parlamento expresou “o gran agradecemento de todos os galegos”.
Pouco despois de coñecerse a noticia, o BNG tamén quixo unirse ao torrente de condolencias. “Expresamos a nosa dor polo falecemento dun dos grandes persoeiros da cultura galega, un defensor imprescindible da lingua e da cultura de Galcia. Tamén amosamos as nosas condolencias á familia”, explicaron fontes da formación nacionalista.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-11-2010 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal