Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O IGEA aposta polo bilingüismo "do que se apropiaron certos sectores"
O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos achega un novo enfoque para implicar aos castelanfalantes na promoción do galego a partir da premisa de que é inviable unha sociedade monolingüe en galego.

XORNAL.COM25/11/2010 - 21:04 h.


“O bilingüismo non pode ser concibido como a suma de dous monolingüismos, que a metade da poboación fale unha lingua e a outra metade outra, senón que toda a poboación coñeza e use as dúas linguas aínda que estea instalada nunha delas”. Así explica o lingüísta Henrique Monteagudo a aposta polo denominado “bilingüismo restitutivo” que fai o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presentada hoxe en Santiago a través dun documento de “reflexión estratéxica” baixo o título “Por un proxecto de futuro para o idioma galego”.

O documento elaborado polo IGEA comeza analizando as causas do desencontro encol do idioma para logo propor un novo enfoque que potencie o galego a partir da “recuperación” do termo “bilingüismo”, que segundo se salientou hoxe “foi apropiado polos que queren calquera cousa menos a promoción do galego”. Así, o documento distingue entre o “bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador” e o “bilingüismo restitutivo ou regaleguizador”, indicando que o primeiro foi apropiado por “determinados sectores sociais privilexiados” que “unicamente aspiran a vivir en Galiza ignorando o galego”. Fronte a esta situación, “o sector galegofalante da poboación xa é necesariamente bilingüe”.

O documento parte da premisa de que para a normalización do galego entre a sociedade é “imprescindible a vontade individual dos cidadáns galegos”, o que se conseguiría a través dunha “nova estratexia” baseada en dúas premisas. Por un lado, o IGEA di que “o conflito lingüístico non é inherente a toda situación de bilingüismo social, senón que aparece cando se produce a mobilización dun grupo ou sector discriminado que aspira á igualdade, e esta mobilización desata unha reacción á contra por parte do grupo privilexiado”. Esta situación de conflito, segundo o informe do IGEA, “non necesariamente desemboca na imposición dunha lingua e a liquidación da outra, senón que pode irse resolvendo mediante sucesivos acomodos”.

Por outro lado, o informe pide que non se idealice “unha inviable sociedade monolingüe” en galego xa que ese “é un modelo inspirado no ideal do estado uninacional e a nación monolingüe”, pero “este ideal non pode considerarse universal”. Fronte a ese ideal, o IGEA indica que “no caso español, e particularmente no galego, a aplicabilidade dese modelo revélase moi problemática, porque o Estado español é constitutivamente plurinacional e plurilingüe, mentres que Galiza é unha nación sen estado e bilingüe”. Igualmente, o informe, pese a recoñecer que o galego é “a lingua propia de Galiza”, tamén deixa claro que “a estas alturas do século XXI resulta simplista considerar o castelán unha lingua estranxeira”. Así, Monteagudo defendía hoxe que o discurso a favor do monolingüismo en galego só consegue “asustar” aos monolingües en castelán e entorpecer o seu achegamento.

A partir destas dúas premisas, a do pacto social e a do abandono da idealización dunha sociedade monolingüe, o IGEA fai unha “aposta pola diversidade” na que deixa claro que “a idea de que o bilingüismo ou é insustentable ou é necesariamente desigual carece de fundamento racional ou empírico”. “O tipo de bilingüismo que propugnamos deberá tender a un tratamento equitativo (non un falsamente equilibrado) dos dous idiomas, o cal significa que aplicará políticas de acción afirmativa (discriminación positiva) a favor do que se atopa en situación máis desfavorable, o galego”, explica o informe, diferenciando así o denominado “bilingüismo substitutivo”, o que se estaría aplicando de facto a través das políticas públicas e que a longo prazo só prexudica ao galego, e o “bilingüismo restitutivo” que opta por ofrecer motivos para que a sociedade castelanfalante elixa empregar tamén o galego.

Segundo salientaban hoxe tanto Antón Reixa, condutor do acto de presentación en sociedade do documento, como Monteagudo, proposta do IGEA prodúcese precisamente “agora que a lingua xa non está tanto nos titulares, porque esta reflexión non pode ser de conxuntura, para debullar aspectos técnicos dun decreto”. Polo contrario, desde o IGEA “queremos a lingua siga nos titulares pero non por decisións conxunturais” senón a partir desta “reflexión estratéxica”, documento que xa conta co apoio expreso dunha vintena de destacados intelectuais, políticos e empresarios galegos e que, nunha segunda redacción a xeito de manifesto, estará aberto ás adhesións de toda a sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-11-2010 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal