Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Os Premios da Cultura Galega “naceron mortos” para Ferrín
A. R.19/11/2010 - 00:54 h. - xornal.com


“Como escritor, penso que se produciu unha devaluación dos galardóns. Non só porque non teñan dotación económica, senón tamén porque se reduciron categorías. Estes premios naceron mortos”. Con esta rotundidade, Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG), quixo valorar a título persoal a decisión de Agustín Fernández Paz de rexeitar o galardón. Como cabeza visible da RAG, Ferrín quixo deixar claro que a institución non tivo nada que ver cos galardóns. “A Real Academia está totalmente á marxe do proceso destes premios e creo que algunha universidade tampouco quixo formar parte”, explicou o escritor que ademais deixou claro que recibiu con “moita simpatía” a decisión de Fernández Paz.

Ferrín explicou a Xornal de Galicia a súa opinión sobre os galardóns dende a sede da Real Academia Galega. Unhas horas antes, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tamén entrou a valorar, tras o Consello, a decisión de Fernández Paz. “Recoñecemos e defendemos a liberdade creativa, a liberdade artística, a liberdade lingüística, a liberdade de expresión e a liberdade de voto dos xurados, e recoñecemos igualmente a liberdade de quen decide recoller ou non os premios”, sinalou Feijóo, que quixo concluír afirmando que “o premio non se dá con criterios políticos”.

A concelleira de Cultura da Coruña tamén quixo onte amosar o seu apoio a Agustín Fernández Paz. “Parabéns a Agustín, é difícil ver xente tan coherente coma el; moitísimas grazas a Agustín, alguén que ten premios tanto dentro como fóra de Galicia”, explicou María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña.

A intelectual e colaboradora de Xornal Pilar García Negro tamén amosou o seu apoio ao escritor dende A Coruña. “É digno de aplauso; débese valorar como unha chamada de atención a aqueles que dende o cinismo premian a cultura que están a afogar”, explicou Pilar García Negro.

MÁIS DE 57.000 ENTRADAS

Méndez Ferrín expresou a súa opinión como escritor trala presentación do Dicionario da Pronuncia da Lingua Galega, unha obra de Xosé Luis Regueira que conta con máis de 57.000 entradas e que se converte nunha peza fundamental na normalización da fala. “É un dicionario útil e necesario apoiado pola RAG e polo ILG. Non é unha normativa, pero será a gran base para que a RAG publique a súa proposta”, explicou o académico Manuel González.

O Dicionario que vén de publicar Regueira chega despois dun longo proceso que aínda non rematou . “Traballei nesta obra preto de dez anos, con interrupcións de cando en vez e coa colaboración de moita xente. Pero o traballo non remata aquí. No primeiro semestre do ano que vén as entradas estarán gravadas para que a consulta sexa máis sinxela”, adiantou oautor.

Os destinatarios deste proxecto son, principalmente, todos aqueles que fan uso público da lingua: periodistas, actores, dobradores, políticos e profesores. “Con este traballo énchese un baleiro ortofonético e búscase influír naqueles que fan uso público da lingua”, salientou Manuel González.

O presidente da Real Academia Galega gabou o traballo de Regueira e lembrou a súa importancia de cara ao futuro. “Axudaralle aos traballadores da palabra oral, ademais de ser un pulo cara a normalización que dálle un paso preparatorio para a futura norma que fará a Real Academia Galega”, dixo Ferrín.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-11-2010 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal