Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Os sindicatos do ensino estudan levar o decreto do galego ante a Xustiza
Os mestres censuran que Educación os “obrigue a incumprir o Estatuto de Autonomía” e non desbotan a convocatoria de novas mobilizacións
DAVID LOMBAO - Xornal.com - Actualizado 26/03/2010 - 00:53 h.


Máis separados ca nunca. A fenda aberta entre a Consellería de Educación e os sindicatos maioritarios do ensino fíxose onte un chisco máis fonda no momento en que o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, expuxo sobre a Mesa Sectorial –órgano que xunta a Administración e centrais sindicais– a folla de ruta do seu departamento para aplicar o denominado “decreto do plurilingüismo”. O divorcio pode acabar nos tribunais.

A “farsa” que, para CIG-Ensino, CCOO, UGT e STEG supuxo a “negociación” presidida por Lorenzo foi o detonante para que estes sindicatos, representantes do 90% dos docentes, abandonasen a Mesa, na que só permaneceu o minoritario ANPE. Segundo resume José Fuentes, de Comisións, “non hai intención de negociar” por parte da Xunta. A proba, indican, é que o prazo para presentar emendas ao decreto –que agora será enviado ao Consello Escolar de Galicia–, finalizou case 24 horas antes de que Educación recibise aos propios sindicatos.

Con estas condicións de partida, e diante do “talante imperativo” que, aseguran, preside a elaboración dun decreto auspiciado, segundo Xosé Cabido, do STEG, por unha “minoría radical”, os representantes dos mestres pensan xa na vía xudicial, entre outros aspectos, explica Cabido, porque a “desprotección da lingua galega” que trae consigo a nova norma “obriga ao profesorado a incumprir o Estatuto de Autonomía”. “A opción que nos queda é incumprir o decreto para cumprir o Estatuto” no que se refire ao deber de promocionar a lingua propia.

Tamén Anxo Louzao, da CIG, e Marcelino Brea, de UGT, consideran necesario “tomar medidas” ante un texto que, explica o representante uxetista, “producirá situacións absurdas e caprichosas” en aspectos como as consultas aos pais e levará “conflitividade” ás aulas partindo, unicamente, dun “problema político” que levou a “rachar unilateralmente o consenso”.

Neste sentido, apunta Louzao que a CIG “non desbota nada” polo que, ademais de prestar “apoio” aos docentes que decidan non cumprir o decreto, a central non pecha a porta a novas mobilizacións.

Alén das accións concretas a tomar, os catro sindicatos concordan en definir a creba das negociacións coma un “día tráxico” para a normalización do galego. A Consellería, afirma Cabido, revélase como “ignorante en materia educativa” mentres aproba un texto que, a respecto do “borrador” inicial, afirma, apenas sufríu unha leve “maquillaxe”.

Do mesmo xeito, os líderes sindicais non dubidan en sinalar a ausencia de apoios do decreto. “Non ten ningún –di Fuentes, de CCOO–, agás Galicia Bilingüe”.

Igualmente, os docentes rexeitan que o texto do departamento dirixido por Jesús Vázquez traia consigo o “equilibrio” de galego e castelán. Fronte á aposta por darlle “valor” á lingua recollida no Plan Xeral de Normalización do ano 2004, explica Anxo Louzao, o novo Goberno “sabe moi ben o que fai” para “erradicar o idioma de onde poida”, comezando, di, polo ensino infantil.

Así as cousas, o decreto chegará ao Consello Escolar de Galicia –que si apoiou a norma aprobada polo bipartito– co único soporte dos representantes do 10% dos docentes. Unha vez alí, terá que pasar tamén a peneira das organizacións estudantís que, malia non ser consultadas pola Consellería, xa mostraron o seu rexeitamento.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-03-2010 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal