Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O novo decreto é puro teatro, falsidade camuflada, estudado simulacro.
O pasado sábado presentouse na Consellería de Educación o Anteproxecto do Decreto de plurilingüismo. Que curioso! xa presentaron o borrador en plenas vacacións de Nadal e agora volven escoller un día non lectivo, só lles faltou facelo pola noite para salvar a exclusiva , como os famosos. Se se descoidan non se decata nin o propio Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, que hai uns días dixo que descoñecía a data de presentación.

Non se entende que se fagan as cousas deste xeito se non é porque hai algo que agochar ou algo que temer. Agochar xa non se pode agochar nada, pois á vista está que a nosa lingua propia foi vendida por unha presa de votos. Polo que se deduce que o que temían era outra gran demostración de forza popular coma a do pasado xaneiro no Obradoiro.

Pero algo feito así non pode saír ben, para empezar non hai ninguén contento. O Novo Decreto, utópico, ambiguo, tépedo, hipócrita, manipulado, pensado para enganar a todos e para aniquilar a lingua galega , non lle gusta a ninguén.

Por unha banda, están furiosos e decepcionados os que se crían donos da “lingua” porque a compraran cos seus votos para matala. Eles que se chaman – supoño que ironicamente- bilingües, querían asasinala dun só golpe, inmediatamente e agora atópanse con que este decreto está pensado para exterminala, pero paseniñamente ,con disimulo, querendo quedar de conciliadores incomprendidos polas masas manipuladas.

Resulta que toda a montaxe que orquestraron de realizar enquisas aos pais, de prometer un ensino á carta , de que cada un estudase as materias na lingua da súa preferencia, de nenos trilingües..... quedou nun quero, pero non podo, ou talvez nun podo pero non quero, que non lles gusta nin un chisco aos bilingües.

Por outra banda estamos aqueles que seguimos sen poder crer que se vaia facer realidade o que consideramos terrorismo contra a nosa lingua propia. A Sociolingüística chama a isto que se está preparando co novo decreto “glotofaxia ou canibalismo lingüístico” nin máis nin menos que permitir que unha lingua trague a outra.

Nin o clamor popular, nin as peticións de numerosas asociacións culturais, veciñais, parroquiais... da Real Academia da Lingua, das Universidades, da maioría dos partidos políticos, das APAS, dos profesores, dos sindicatos, das personalidades máis relevantes de Galiza.... foron capaces de que os responsables desta atrocidade fixesen unha mínima reflexión. Limitáronse a cambiar aqueles aspectos do decreto nos que se lles fora tanto a man que nin eles mesmos eran capaces de defendelos ou aqueloutros que raiaban a ilegalidade, e novamente preocupáronse máis dos votos que venderan que do futuro da nosa lingua.

Pariron un decreto cunha carga de veleno concienciudamente calculada para xerar conflito nos centros escolares , que deixa en total desprotección ao profesorado que ten que dar as clases en galego e que só garante a aprendizaxe da lingua que xa a tiña garantida, a lingua castelá. É un camiño deseñado conscientemente para chegar á súa meta, o monolingüismo en castelán. Non lles importa que o galego quede como unha lingua ritual, enxebre, voluntaria na escola.... iso , incluso lles parece desexable.



Pasádeo, pero con cautela, que non saiban que o sabemos!


Esta información é moi confidencial , moi, moi secreta, unha auténtica exclusiva. Aínda non está totalmente confirmado, pero a través dunha filtración, sábese que se os responsables da Xunta non conseguen meter ao galego no “gueto” coa nova lei , teñen na recámara un decreto incluso máis sorprendente e surrealista ca este. Un auténtico foguete!. Na súa elaboración dis que contaron coa colaboración de Rosa Díez, especialista en galegos e galeguismo, como todos sabemos. Chámase Decreto de Residencia por Lingua. É anovador, orixinal e á altura de miras dos nosos dirixentes autonómicos.

Trátase de dividir a poboación de Galicia en dous grupos: os galegofalantes e os castelanfalantes e repartilos en distintas aldeas, pobos, vilas e cidades. Cada catro anos, igual ca no ensino primario e secundario, os habitantes deberán cambiar de lingua e está por ver se de pobo tamén. Isto soluciónalles o atranco e a mala sorte que teñen ao ter que gobernar unha comunidade na que conviven dúas linguas, e todo por culpa desas xentes que teñen a rara teima de querer conservar a lingua propia. Que obstinados, que turróns!

Ademais, con esta solución poderían facer un seguimento para confirmar se é certo iso de que a lingua galega limita, porque está acomplexada e ensimesmada, como dixo o Conselleiro de Cultura, e á vez preservarían os castelanfalantes do contaxio de perturbacións nacionalistas.

Están ultimando aínda onde situar os amabilingües. Non saben se será por sorteo, se farán unha consulta pública, un remuíño de ideas ou se empregaran cotas de compensación.
Por outro lado o traballo da Nova toponimia para os pobos castelanfalantes xa o teñen case feito: El Desván de los Monjes, Toro, Puentenuevo, Puebla, Sampayo...

Se ratificasen esta lei estariamos aínda un chanzo máis arriba no referente a convivencia lingüística, o que non é fácil, porque coa lei que veñen de presentar clandestinamente, xa estamos na elite de galego-apartheid destinada a evitar o perigo de que “A cultura galega poida ser un muro para o futuro” como xa dixo o noso Conselleiro de Educación. Seguro que ata recibiremos felicitacións do Consello de Europa e todo.

Esperemos que se a aproba nos avisen con máis tempo por se debemos preparar a mudanza ao termos que cambiar de pobo.

Corona Tato
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-03-2010 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal