|
|
|
|
A Xunta recúa co inglés pero non na decisión dos pais |
|
O 'DECRETO DO PLURILINGÜISMO' MUDA EN 'DECRETO DO EQUILIBRIO'
Manuel Vilas . O galego excluído das ciencias máis abstractas en Primaria e Secundaria. Unha consulta vinculante ás familias decidirá a lingua de escolarización en Primaria e bloques de materias no resto de cursos.
A Nosa Terra - 13.03.2010 | 13:57
O Goberno do PPdeG desoe ás protestas do Consello da Cultura, a Real Academia e a práctica totalidade de asociacións de pais, profesores e alumnos. A decisión dos pais será vinculante para decidir moitas materias, aínda que o Goberno garante sempre o "máximo equilibrio posíbel de galego e castelán".
U-lo novo borrador?
Nunha estratexia de comunicación peculiar, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron o novo borrador da norma do idioma nas aulas sen facilitar o texto nin aos medios (nunha rolda de prensa protexida cun forte dispositivo de seguridade) nin ao sector. Os sindicatos agardan recibir o luns comunicación oficial, polo de agora só teñen unha nota de prensa.
Infantil, votación dos pais sobre a 'lingua materna'
En Infantil, mantense que o profesorado usará a lingua predominante dos alumnos. Serán os pais os que decidan cal é o idioma maioritario. A Xunta preguntaralles cada curso, en principio pola "lingua materna" e non pola lingua da súa preferencia.
O resultado desta votación será vinculante. Con todo, a Xunta aínda non ten decidido como organizará a "consulta", que debería lanzar antes de agosto.
Primaria, os pais só escollen unha materia cada catro anos
En Primaria, darase en galego Coñecemento do Medio e en castelán Matemáticas. A lingua na que se impartan o resto de materias será decisiónde cada centro, pero sempre "garantindo a mesma porcentaxe nas horas semanais" nas dúas linguas oficiais.
Ademais, cada catro anos tamén serán consultados os pais. Se a metade das familias así o decide, pódese cambiar a selección da Consellaría, pasando as Matemáticas ao galego e Coñecemento do Medio ao castelán.
Secundaria, o galego excluído das materias de ciencias máis puras
Algo similar sucede en Secundaria. A Xunta fixa en galego a metade das materias, entre elas Ciencias Sociais, Historia, Natureza e Bioloxía. O outro 50 por cento en castelán, incluídas Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química.
Como en Primaria, cada catro anos consulta aos pais e, en función dela, o centros aplicarán o intercambio de bloques lingüísticos.
En Formación Profesional, garántese unha "oferta equilibrada" e que en todas as materias os alumnos aprendan o vocabulario nas dúas linguas oficiais.
A "tradición" xustifica que o galego teña un papel menor nas ciencias
Isto implica, en termos xerais, que Educación aposta polo castelán para as ciencias máis abstractas (Matemáticas, Física, Química, etc).
Cuestionado polo motivo desta discriminación inicial do galego neste eido, Vázquez deu unha resposta confusa, aludindo só á "tradición" e a suposta "demanda" das familias.
O 'Decreto do Plurilingüismo' muda no 'Decreto do Equilibrio'
O único paso atrás que, entre liñas, recoñece a Administración é no Inglés. A primeira versión facía moito énfase na lingua estranxeira, velaí o alcume de 'Decreto do Plurilingüismo'.
O novo texto, presentado como o 'Decreto do Equilibrio', destaca que o idioma foráneo introducirase ?de maneira gradual e voluntaria? até nun 33 por cento. O Inglés queda regulado nun capítulo aparte, cando no outro texto era parte central da norma.
O conselleiro de Educación admitiu que así atendíase ás peticións das organizacións consultadas. A práctica totalidade de sindicatos, o Consello da Cultura e a Real Academia Galega protestara pola equiparación do Inglés cos idiomas oficiais. Igualdade que, en opinión de moitos xuristas, podería vulnerar a Constitución e o Estatuto.
Os pais poden pedir inglés, pero dependerá de se hai profesores
En todo caso, cada catro anos o Executivo preguntará aos pais se queren certas materias en inglés. Iso si, só se aplicará, até un máximo do 33%, se hai profesores dabondo.
Xesús Vázquez negouse a detallar como será esta consulta e quen formará ao profesorado. Unha tarefa que probabelmente caerá nas Escolas Oficiais de Idiomas, que así reducirían a súa oferta para o público en xeral.
O Executivo segue sen dar prazos ou explicar como formará os mestres até acadar o 33%.
Vázquez negouse a valorar a protesta de Queremos Galego. A plataforma xa advertiu que chamará á "insubmisión" dos profesores se a novo norma discrimina ao idioma do país.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|