Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Cinco expertos en materia lingüística analizan o polémico Borrador da Xunta
Vieiros 13.12h.

Fernando Ramallo (Uvigo), Mauro Fernández (UDC), María Pilar García Negro (UDC), Marisol López (USC) e Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) dan a súa opinión sobre a polémica normativa que pretende implantar o Goberno de Feijóo

AGN. SANTIAGO


A Xunta, completada a fase de consultas, está a piques de dar a coñecer o anteproxecto do decreto dos idiomas no ensino, no que se presumen cambios sobre o borrador presentado en decembro. Tras meses de debate, varios expertos en materia lingüística analizan as bases sobre as que se construirá a nova normativa, respondendo ás seguintes preguntas:

1. ¿É positivo consultar os pais sobre a lingua de parte da docencia?
2. ¿Resulta axeitado o reparto de idiomas proposto pola Xunta?
3. ¿Cre necesaria e viable a previsión sobre as linguas estranxeiras?
4. Visto o debate xerado co borrador, ¿cal pode ser o punto de encontro?

FERNANDO RAMALLO, profesor de Lingüística da Universidade de Vigo

1. Nos programas de ensino bilingüe nos que as linguas vehiculares están emparentadas formalmente non é pertinente ter en conta a opinión dos pais. As autoridades educativas deben deseñar un sistema que visibilice as linguas de acordo cos obxectivos que se pretendan acadar. Isto é o máis aconsellable en programas de aplicación universal, como é o galego.
2. Un reparto dun terzo da docencia en cada lingua non é recomendable agora, agás en contextos experimentais. Se a estranxeira queda como un proxecto de futuro e o reparto chega a un 50-50, garantindo unha presenza significativa do galego nas materias instrumentais, paréceme aceptable. En todo caso, o máis importante non é a porcentaxe en si, senón que haxa un seguimento da consecución progresiva dos obxectivos.
3. A introdución de linguas estranxeiras esixe unha situación de partida que agora non se contempla. Un modelo educativo bilingüe consistente debe centrarse na superación da situación sociolingüística regresiva de Galicia. A partir de aí, e traballando nas condicións que require poñer a andar un modelo trilingüe, nas próximas décadas pode pensarse en universalizar o trilingüismo.
4. O punto de encontro pasa por ser consecuentes coa situación dos grupos lingüísticos de Galicia, dende o máximo respecto á lexislación vixente. En todo caso, é necesario un pacto que permita augurar un futuro viable para o galego, contemplando non só o ensino, senón tamén a súa visibilidade noutros ámbitos que reforcen a súa demanda como lingua de prestixio social e recompense o dominio das súas destrezas. O plan de normalización debe ser o instrumento sobre o que establecer as condicións do pacto.


MAURO FERNÁNDEZ, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña

1. Non coñezo en detalle como afectaría ao traballo das editoriais, nin as dificultades organizativas das que falaron os directores dos centros. As obxeccións deses sectores parécenme atendibles. O resto dos argumentos en contra son demasiado grandilocuentes e non os comparto. O importante é que haxa materias troncais nas dúas linguas, e non importa moito cales sexan en concreto. Se a decisión a toma a Administración, parece todo máis doado, pero tamén máis ríxido.
2. O principio do equilibrio entre as linguas oficiais e habituais de Galicia paréceme fundamental. E a mellor receita para lograr que os nenos acaden un elevado nivel de competencia nas dúas.
3. Paréceme necesario darlles ás linguas estranxeiras máis lugar do que teñen agora. A introdución do seu uso como linguas vehiculares xa empezou en moitos centros, dando algún tema en lingua estranxeira, ou usándoa en materias nas que a docencia consiste en instrucións sinxelas, xogos, etc. Se a idea é ir avanzando por esa vía na medida que vaia sendo factible, ¿quen pode estar en contra? E tamén me parece necesario poñerlles un tope máximo.
4. Un consenso con todos os colectivos talvez sexa imposible. Habería que ver quen coincide nun punto básico: que o obxectivo lingüístico do sistema educativo debe ser fomentar as destrezas dos nenos nas dúas linguas oficiais e habituais, e o fomento de actitudes positivas cara ás dúas. E un obxectivo que se fundamenta en necesidades prácticas, e non ideolóxicas. Cos que acepten que ese, e non outro, debe ser o obxectivo, haberá consenso.


MARISOL LÓPEZ, profesora da USC e ex secretaria xeral de Política Lingüística

1. As consultas aos pais provocarán enfrontamentos nos centros e tensións que non existían. ¿Pídeselles aos pais opinión sobre as materias que deben estudar os seus fillos? Non, pois o tema lingüístico, como as materias, é responsabilidade da comunidade autónoma, que, segundo o Estatuto e a lei de normalización, debe apoiar e protexer a lingua "propia" de Galicia e, polo tanto, deseñar uns plans curriculares cos que os alumnos consigan dominar as dúas linguas oficiais. No ensino obrigatorio hai que primar a presenza do galego, porque é a lingua con menor presenza na sociedade.
2. No decreto en vigor, a porcentaxe de horas en galego establecida foi a aprobada no plan de normalización por unanimidade en 2004, gobernando por maioría absoluta o PP. Nas novas bases preténdese reducir a presenza do galego coa incorporación da lingua estranxeira. A iso hai que engadir as preferencias dos pais, non se sabe se cada ano, cada catro, etc. Todo un xeroglífico difícil de comprender e de aplicar sen provocar danos irreparables no sistema educativo.
3. Non é razoable darlles o mesmo estatus ás dúas linguas oficiais e ás estranxeiras. Ademais, non é realista, porque nin os estudantes están en condicións de seguir unha materia de ciencias sociais nunha lingua estranxeira, nin hai suficientes profesores con esa competencia. Isto só é para rebaixarlle horas ao galego. Estou de acordo en que os alumnos aprendan linguas estranxeiras. Iso pódese conseguir se rebaixan o número de alumnos por aula, fan formación do profesorado e dispoñen máis recursos para que os estudantes fagan estadías no estranxeiro ou para cursos de inmersión en campamentos de verán.
4. Cando gobernaba o PP, a proposta súa, aprobouse no Parlamento o plan xeral de normalización. Este ha de ser o punto de encontro. Non parece moi sensato que o PP, por motivos electorais, provoque fracturas e tensións na sociedade nunha cuestión tan delicada. O punto de encontro é a busca dunha sociedade na que todos os cidadáns teñan competencias nas dúas linguas oficiais para que poidan vivir na que elixan. Non hai dificultade para vivir en castelán, pero se queremos vivir en galego non é doado nalgúns ámbitos.


HENRIQUE MONTEAGUDO, profesor da USC e secretario do Consello da Cultura Galega

1. Consultar a opinión, de forma xenérica, pode ser positivo, sempre nun marco dunha maior participación das familias en distintos aspectos da vida educativa, a través das canles que existen: nomeadamente, o Consello Escolar de Galicia e os consellos de cada centro. Agora, a decisión sobre o uso das linguas non é nin debe ser responsabilidade dos pais, senón das autoridades educativas, e nalgún caso do claustro de profesores e da dirección do centro.
2. A Xunta debe establecer un marco común xeral e flexible, en que se pode prever como regra xeral un uso a partes iguais do galego e o castelán, sen esquecer que o galego precisa unha presenza reforzada. Pero ese marco ten que poder adaptarse aos distintos contornos escolares, permitindo aos centros que avanzaron ou consigan avanzar máis no uso do galego que sigan por esa vía, e que aos que lles custe chegar ao 50% poidan quedar nunha porcentaxe máis baixa, sempre que se respecte o principio de progresividade no aumento do galego, que sinala a lei.
3. Tal como está nas bases da Xunta a docencia en linguas estranxeiras, non estou de acordo. Si, se se dá con carácter gradual e, ao menos en principio, de xeito voluntario, con moito apoio para profesores e o estudantes. En todo caso, debe comezarse por reforzar o estudo do inglés como materia. O modelo dos tres terzos paréceme idóneo para as universidades, investindo moito esforzo e diñeiro en formación do persoal, e nun prazo de 10-15 anos.
4. Débese volver ao plan xeral de normalización, ratificado en outubro de 2008. O Goberno debe buscar o consenso coa oposición, o apoio das institucións e lanzar un debate social sobre o galego en positivo, non en negativo, como leva feito ata o momento.


MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO, profesora do departamento de Galego-Portugués da UDC

1. As nais e os pais ou tutores non poden co-gobernar programas, temarios e necesidades escolares dun ensino que é un servizo público e que pagamos todas e todos os contribuíntes, non só os que teñen fillos. A consulta aos pais é dunha demagoxia extrema. ¿A alguén se lle ocorrería consultarlles a pertinencia do ensino das matemáticas, da química ou da xeografía? Os pais teñen as súas canles de participación na comunidade escolar perfeitamente definidas, naqueles asuntos en que podan e/ou deban intervir, non neste.
2. O reparto indicado no borrador é ilegal e impracticábel, para alén de atentatorio contra direitos mínimos do galego. Ilegal, porque non se axusta á lexislación básica (Estatuto, lei de normalización, Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias). Impracticábel, por falta de adecuación do profesorado. Atentatorio contra o galego, porque o que pretende é a súa redución no uso escolar (xa de seu escaso ou insuficiente), e apela a unha abstracta equiparación de linguas (galego/español/inglés) que non existe na realidade. Se o esquema fose bon, ¿como é que non se propón para os centros de ensino españois ou ingleses?
3. O Goberno autonómico debe aplicar o método da inmersión á lingua que máis o necesita, a galega. Inglés, francés ou outra lingua estranxeira xa utilizan este método eficaz de docencia-discencia, só que gradualmente, claro está.
4. O único ponto de encontro é o cumprimento da lexislación vixente, que ordena protexer e fomentar o uso público do galego, con normativa específica para o ensino, polo seu papel activador da normalización necesaria, e que o Goberno autonómico se sitúe dunha vez por todas en 2010, na Galiza e no deber de cumprir as leis a que se debe e, por tanto, non desprezar todo o movemento pro-galego exterior a el mesmo, senón colaborar con el, de mans dadas.
Comentarios (3) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-03-2010 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 #blgtk08#
Comentario por Miguel (11-03-2010 20:09)
2 Mauro Fernández experto? Home, por favor.
Boto a f#blgtk08#altar a opinión de Xosé-Henrique Costas.

Comentario por moderatio (14-03-2010 19:59)
3 Thanks for the fan#blgtk08#tastic post here.
Comentario por Mulberry Replica handbags (27-06-2013 05:54)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal