Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Queremos Galego chama a “saír do armario” os galeguistas do PPdeG
DAVID LOMBAO - O Xornal - Martes, 09 de febrero de 2010 - 10:51 h

Carlos Callón pide apoio aos votantes populares “defraudados coa política galegófoba” do Goberno de Alberto Núñez Feijóo


De participantes entusiastas na manifestación de Galicia Bilingüe a receptores do rexeitamento ao “desmantelamento á oficialidade da lingua galega”. Onte, cando se cumpría exactamente un ano de que destacados dirixentes do PPdeG –coma o seu secretario xeral e actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o coruñés Carlos Negreira ou a viguesa Corina Porro– compartisen pancarta coa asociación contraria á normalización da lingua galega, as protestas contra o denominado decreto do plurilingüismo formalizáronse no Parlamento de Galicia.

Doce meses despois daquel polémico 8 de febreiro, a plataforma Queremos Galego iniciou os trámites da súa primeira iniciativa lexislativa popular (ILP), unha proposta coa que o colectivo en defensa da lingua trata de que a Cámara galega reafirme o seu compromiso “cos dereitos lingüísticos” que, en palabras do seu voceiro, o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, “está a botar abaixo” o novo Goberno da Xunta.

Apoiados por representantes do mundo da cultura como a académica Margarita Ledo ou o debuxante Xosé Lois González O Carrabouxo, varios membros da plataforma, que xa aglutina a máis de 600 entidades políticas e sociais, presentaron no rexistro parlamentario unha iniciativa que insta á Xunta a “cumprir o mandato estatutario de promoción da lingua propia”, así como a traducir en eidos coma o ensino a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas e o Plan Xeral de Normalización, aprobado en 2004 co apoio unánime de PP, PSOE e BNG.

Neste sentido, Callón salienta que a proposta legal, para a que agora Queremos Galego recabará apoios entre a cidadanía, “non vai contra ninguén”. Por ese motivo, explica, uns dos principais destinatarios das mensaxes da plataforma serán, precisamente, os membros do PP.

Así, o voceiro da plataforma insta os votantes da formación dirixida por Alberto Núñez Feijóo “defraudados coa política galegófoba” do Executivo a que “saian do armario” e apoien, coa súa sinatura, a ILP que, unha vez rexistrada, inicia a súa correspondente tramitación.

A “intensa campaña social” que promoverá o colectivo dirixirase dun xeito significativo “aos cidadáns que, co corazón na man, defenden o bilingüismo” xa que o seu obxectivo, explica a plataforma, é “defender os consensos” acadados no ámbito político e educativo dende o comezo da andaina autonómica.

Mentres no seo do propio PPdeG medran as voces discordantes coas propostas recollidas nas “bases” do decreto elaboradas pola Consellería de Educación, Carlos Callón ten claro que eses militantes conservadores, “contrarios ao odio á nosa cultura”, respaldarán o actual marco normativo das linguas no ensino.

MEDIDAS DO GOBERNO

Partindo da base de que “a lingua é motivo de unión”, Queremos Galego chama aos votantes populares a “reflexionar se avalaron ese partido para que ataque a lingua, crispe a cultura e divida a sociedade”, unha circunstancia que, na súa opinión, demostra o rexeitamento ao decreto explicitado pola práctica totalidade de colectivos vinculados ao ensino e polas manifestacións celebradas en outubro e no pasado xaneiro.

Do mesmo xeito, e despois de que o Executivo reiterase o carácter “preventivo” das mobilizacións, Callón asegura que “no tempo que leva Feijóo” coma presidente da Xunta, “non houbo a primeira medida en defensa do idioma”. Pola contra, lembra, ademais do proxecto de decreto para o ensino, o Executivo derrogou a obriga de realizar exames en galego para os funcionarios, modificou a normativa lingüística en ensino infantil e “algúns conselleiros –di– presumen de non saber galego”.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-02-2010 14:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
 
Ligazóns dende outras webs
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra














PESQUISA NO e-ESTRAVIZ





>

Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal