Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HENRIQUE COSTAS: Gobérnannos uns mentireiros que agora non poden xestionar a trola
O decreto do galego está montado sobre unha falacia que é a enquisa aos pais.

CRISTINA DÍAZ PARDO- Xornal.com - Actualizado 05/02/2010 - 12:02 h.

?A miña filla criouse en galego pero sabe falar en castelán. Comezouno a aprender porque dicía os diálogos da serie Bob Esponja?, conta Henrique Costas, o coordinador do libro 55 mentiras sobre a lingua galega que hoxe se presenta de forma oficial en máis de 70 lugares, tanto dentro como fóra de Galicia. ?Aínda que nós lle falabamos en galego, a sociedade e os medios fano en castelán. Ao revés, un neno educado en castelán non podería aprender galego só con ver Sin Chan?, conta Costas, quen só ten un obxectivo: desmontar ?as mentiras que rodean a lingua propia?.



Cal é a mentira máis gorda que se di sobre a lingua galega?

A de que o galego nunca foi prohibido. Efectivamente, non existe unha lei que prohíba falar en galego, o que si que hai é unha morea de decretos e de normativas prohibindo outra cousa que non sexa o castelán. Esa mentira é inmensa porque a xente sostén que aquí o castelán foi adquirido dunha forma moi tranquila e moi bonita, que o quería falaba galego e o que quería falaba castelán. Iso é unha burrada! Esta era unha comunidade monolingüe en galego. A principios do século XX o 90% da poboación galega era monolingüe. O castelán era a lingua das elites.

Como xorde a idea de facer este libro, ?55 mentiras sobre a lingua galega? no que participan moitos dos sociolingüistas máis recoñecidos de Galicia?

Isto nace hai cousa de ano e medio, dous anos. Nese momento estabamos en plena voráxine da mentira. Falábase moito de imposición do galego ou de cousas como de que só se deixaba falar galego nas escolas e os nenos choraban...Todas esas barbaridades espalláronse por moitos medios madrileños e tamén por algún galego. Parecía que en Galicia queriamos eliminar o castelán do mapa. Neste tema tamén influíu a nula acción de resposta por parte do bipartito, que non explicou o decreto nin o que estaba pasando co idioma. Non dixeron nunca que a nosa lingua estaba decrecendo e que moitos dos rapaces que acababan a etapa de escolarización non sabían desenvolverse en galego.

Pero a obra toma forma dentro da plataforma a prol do idioma Prolingua.

A idea xurdiu cando aínda non existía Prolingua. Cando os meus amigos me viñan con algunha desas mentiras sobre o galego eu respondíalles e explicáballes por que as cousas non eran así. Comecei logo a escribir unhas pequenas chuletiñas, unha especie de solucionario de dúbidas. Empregábaas, por exemplo, cando a xente dicía que o galego nunca foi prohibido en Galicia. Cando se fundou Prolingua eu puxen a disposición da plataforma todo este material. En principio pensouse que se podía ampliar e usar como uns folletos explicativos. Non obstante, en Prolingua tamén está Pancho Pillado, o editor de Laiovento, que dixo que isto tiña que ser un libro para ter unha maior divulgación. ?Tedes que facer un libro non tanto para os expertos senón para o pobo, que é o que está a sufrir todos os días estas agresións co galego?, dixo.

Analice as bases do novo decreto do PP.

O decreto está montado sobre unha inmensa mentira e unha inmensa falacia que foi a consulta aos pais. Unha enquisa tecnicamente desastrosa e nada democrática nin transparente. Á súa vez, esa mentira que é a enquisa está montada sobre outra mentira maior que é a da imposición do galego. Non obstante, todo o que se sostén sobre unha mentira acaba caendo. Este decreto pedagoxicamente é un desastre e sociolingüisticamente unha desfeita. Aínda así, teño claro que os galegos non van permitir que esta norma vaia adiante.

A presentación do libro é espectacular. En máis de 70 lugares distintos e tamén fóra de Galicia. Como o fixeron?

En Prolingua temos moitos socios que están fóra de Galicia, nós chamámolos ?a forza que vén de lonxe?. Ademais deles, tamén estamos en contacto con moitos estudosos da lingua de todo o mundo e con moitas universidades que imparten clases de galego e que neste momento están moi preocupados co que está pasando. É a primeira vez que un Goberno goberna contra a súa propia xente, contra a súa identidade e a súa forma de ser.

Entre estas mentiras, falan da forma de ?bilingüismo? que defende algunha que outra asociación.

Unha vez, unha das dirixentes de Galicia Bilingüe dixo: ?Queremos que a xente poida escoller entre falar castelán, e galego e castelán?. Esta xente, que di pular por un bilingüismo harmónico, non quere nin oír falar de galego. O propio concepto de bilingüismo está prostituído na súa boca. Para ser bilingüe non se pode ter prexuízos sobre ningunha das dúas linguas e hai que coñecer ben as dúas.

Estamos gobernados por mentireiros?

Si, estamos gobernados por uns mentireiros. Pedro Puy recoñeceu nunha entrevista que non houbo nunca imposición lingüística, pero en campaña dixo que a houbo. O PP mentiu e agora non sabe como xestionar esa mentira. As trolas son difíciles de manter.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 06-02-2010 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0