Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Decenas de miles de persoas berran contra o decreto en Compostela

El Progreso

21/01/2010 - Beti Vázquez

'Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma'. Dicíano os paraugas, as faixas, os adhesivos, os carteis. Dicíano as decenas de miles de persoas --60.000 segundo a organización e 30.000 segundo as estimacións facilitadas pola Policía Local-- que este xoves percorreron as rúas de Compostela para manifestarlle á Xunta a súa postura en contra das bases do decreto que regulará a presenza do galego no ensino. O Obradoiro converteuse, como se dixo desde o palco, nun clamor contra o texto que reserva para esta lingua o 33% das materias, a mesma porcentaxe que para o castelán e para o inglés.

O PP DI QUE A MAIORÍA DOS MANIFESTANTES ACUDIRON BAIXO PRESIÓNS

Os sindicatos reclaman á Xunta que modifique a súa postura ''unilateral''

BNG e PSdeG reclaman que o ''berro unánime'' contra o borrador fagan ''reflexionar'' a Feijóo

Os estudantes consideran a manifestación un ''exitazo'' e dinlle á Xunta que ''coa lingua non se xoga''

Unhas 500 persoas din non ao decreto do galego ante o edificio da Xunta en Lugo

Educación sitúa el seguimiento de la huelga por debajo del 50 por ciento


Convocada por Queremos Galego, a protesta arrincou da Alameda compostelá con destino á Praza do Obradoiro, tras descartar que a camiñada acabase en San Caetano dada a masiva resposta que tivo. Segundo informou a organización, uns 160 autobuses --"na tarde de onte xa estaban confirmados uns cen completos"-- desprazáronse ata a capital galega provocando pequenos atascos que se solucionaron sen incidentes.

O decreto non convence
'Non queremos trapalladas', rezaba escrito nun verde rechamante o cartel de cartón que colgaba a modo de colar no peito de Antonio. Aragonés, vivíu boa parte da súa vida en Cataluña e leva 15 anos en Galicia. Esta mañá madrugou para acudir á concentración, que arrincou da Alameda pouco antes do mediodía, "e defender a miña lingua". "Eu sei a importancia que ten para un lugar ter unha lingua propia e hai que coidala", di. Ao preguntarlle polo peso que o catalán ten na súa comunidade autónoma en comparanza co galego, pódelle a xenreira. "Aquí falar o castelán é sinónimo de importancia, mentres falar o galego é un desprestixio. Alí iso é impensable!", sinala.

O borrador do decreto que presentou o 30 de decembro Núñez Feijóo non o convence. "Nas escolas catalanas hai inmersión lingüística, a lingua minoritaria apóiase e o castelán os nenos apréndeno nas casas, sen deixar de ser bilingües". Para este galego 'por arraigo', a "desvalorización" desta lingua non pode atopar consolo nos brazos do Goberno do país.

Coas súas verbas concorda Montse, unha mestra de Educación Primaria que chega desde Narón con algúns dos seus alumnos. "Por que estou aquí? Porque estou ata os fuciños de oír a parvada de que o galego se impón! O galego non se impón! É noso!", di a berros para facerse escoitar mentres de fondo unhas 30.000 persoas que conseguiron entrar no Obradoiro coreaban os pegadizos cánticos do Carrabouxo e agradecían entre risas que escollese o lápis e non un micro para gañar o pan. De seguro que tal pensamento pasou polo maxín de Serxio, un mozo de 14 anos que se achegou ata Compostela "porque quero que na miña escola se fale en galego". Ao seu carón, un bebé durmía nun carriño cunha folla de papel pegada: 'Eu falarei galego'.

''Aínda me parece mentira que haxa quen odia o galego''
Entre a multitude destacaba a boina negra de Rosendo, un pontevedrés duns 60 anos. Unha chapa enganchada no xersei deixaba clara a súa postura: 'Somos unha nación'. "Estou aquí porque podo, que hai moita xente que quería vir e tivo que quedar. E estou aquí porque sinto noxo da política lingüística deste Goberno e porque aínda me parece mentira que haxa galegos que odian a súa lingua. Non viñen pola moda de manifestarme".

Ao seu carón, o histórico líder do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, non daba feito a repartir apertas. "Comentábao cun compañeiro hai un intre. Dicíame 'bota contas, que desde o tardofranquismo nos '70 non paramos de manifestarnos'. Este debe ser o único país onde se goberna contra os cidadáns, é o mundo ao revés. Pero esta guerra sí que se vai gañar!". A raíz das últimas declaracións feitas por Núñez Feijóo, nas que di aceptar un "bilingüísmo harmónico" entre galego e castelán mentres se implanta o inglés, Beiras di que se perde: "Pero en que quedamos?", pregúntase. "Para que fala de consenso? O consenso xa está logrado! Todo Dios contra eles!", sentenza tallante. Acto seguido, o silencio conquista a praza e distintas voces van pasando polo micro para darlle lectura ao seu anaquiño de manifesto.

'Rexeitamos un decreto presentadoo día antes do Nadal para esquivar as críticas, e acadado sen consenso'. 'Porque pretende fulminar o dereito do alumnado a unha educación de calidade'. 'Porque a política educativa non pode limitarse á unha opinión da comunidade escolar, senon que nos corresponde a todos os galegos'. 'Porque un terzo das materias en inglés é inviable'. Desde o medio da multitude, a potente voz dun mozo explicou as razóns entre as risas dos manifestantes: "Os meus profesores non saben inglés!".

Un manifesto, moitas voces
Un a un, os representantes dos distintos sectores da comunidade educativa, pais e estudantes foron deixando a súa queixa. Destacou unha: "Señor Feijóo, os meus pais nunca me puideron falar en galego". Saíu da boca de Craig Patterson, profesor en Cardiff e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos. "Esta movilización é necesaria, fundamental, excelente e danos folgos", dixo parafraseando a Carlos Callón, presidente de A Mesa, que falaba no mesmo intre no que Patterson nos atendía. "Se eu falo galego pode calquera!", dixo entre risas elevando a súa voz por enriba dos redobres de tambor que chegaban desde a Praza. O profesor arremeteu contra as bases do decreto, ás que tildou de "loxística, ética e filosóficamente un erro".


Mentres, Callón faláballe 'ás masas'. "Non sei que facedes aquí! Tantos extremistas, acomplexados, levantando muros en Galicia defendendo a vosa lingua!", dixo irónicamente para criticar os cualificativos "cos que o Goberno galego se dirixiu a nós, aos que non facemos nada máis ca defender o noso dereito básico a vivir no noso idioma". Para o presidente da Mesa, que falou en nome da plataforma Queremos Galego, "en San Caetano non se goberna pensando en nós, gobérnase pensando no que lle van dicir na rúa Génova de Madrid". Chamou á desobediencia, porque dixo que desobedecer o decreto de Feijóo significa obedecer o Estatuto, a Constitución, a Lei de Normalización e a Carta Europea de Linguas Minoritarias.

Na súa quenda de palabra houbo tempo para lembrarlle á Xunta que "a inmersión lingüística é un modelo educativo", que en Valencia, "onde gobernan vostedes", o 30% das materias se imparte en catalán, ou que "o brazo dereito de Feijóo manifestouse collido da man de Falange", en referencia ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. Pero tamén para ironizar sobre a emisión dos Teletubbies en inglés cos subtítulos en galego: "Se coñecen algún rapaz de tres anos que poida ler os subtítulos que o poñan na TVG".

Dixéronlle a Feijóo que "ninguén veu cunha pistola a esta manifestación", que o estudantado galego "é hoxe a honra do pobo e de Galiza enteira", ao deixar case baldeiras as aulas en Secundaria, segundo os datos que Anxo Louzao, de CIG-Ensino, compartiu coa prensa, cifras que sitúan nun 80% o seguimento da folga por parte do profesorado. Á hora de dar números houbo baile: a Xunta fixa en menos da metade os profesionais do ensino que secundaron o paro. Antes de recoller, porque a chuvia, a "bendita chuvia que limpará esta miseria", tamén saíu de manifestación, houbo que lembrarlles aos asistentes que os 160 autobuses fretados sairían por quendas. "Hai que esperar, pero máis tempo leva agardando a lingua galega".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-01-2010 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0