Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

L?amnésie de la génese
Montserrat Recalde - Profesora Análise do Discurso

Xornal.com


O borrador do novo decreto do galego no ensino leva a pensar que o voluntarismo será a gran baza da política lingüística da actual lexislatura. A presenza do galego na educación infantil dependerá de modo exclusivo da vontade dos pais (da maioría dos pais), e a lingua na que se impartan as materias troncais tamén será sometida a referéndum paterno. Unha política lingüística baseada no voluntarismo ten avantaxes evidentes. En primeiro lugar é moi barata: o voluntarismo non precisa de financiamento público. En segundo lugar, é moi cómoda, ao delegar na cidadanía a responsabilidade da recuperación do galego. Se como resultas da liberdade de elección, a presenza social do galego e o nivel de competencia lingüística dos rapaces retrocede de aquí a un lustro, será porque os pais así o decidiron, non porque o goberno de turno eludise a súa responsabilidade política.

Esta concepción liberal das prácticas lingüísticas apóiase nunha retórica política que Bourdieu (1972), lucidamente, denominou ?l?amnésie de la genése? (a amnesia da xénese): a ignorancia deliberada dos procesos sociopolíticos de carácter histórico que colocaron cada lingua e os seus falantes no lugar que actualmente ocupan, e que gardan relación coa estratexia centralista despregada pola maioría dos estados europeos no tratamento das diferenzas lingüísticas, relixiosas, culturais ou étnicas: o ?pluralismo liberal?. O pluralismo liberal negou sistematicamente o dereito a un status diferenciado dos grupos minorizados, tolerados sempre e cando non cuestionasen a supremacía social, política ou económica dos grupos dominantes. O acceso dunhas variedades lingüísticas á condición de linguas hexemónicas das nacións-estado fíxose a costa de degradar as linguas rexionais a dialectos de clase. A desigual relación de forzas entre os grupos implicados ten pouco que ver con maiorías numéricas e moito coa capacidade dos grupos dominantes para concitar aceptación social sobre o elevado valor das súas prácticas lingüísticas e o escaso valor das prácticas alleas. A dominación simbólica, que conduce os grupos dominados a compartir un sistema de valores que devalúa a súa propia lingua, non é máis que a cara amable da dominación. As únicas saídas posibles son a aculturación ou a resistencia.

A filosofía que preside a actual política lingüística galega parte dun presentismo que naturaliza o desequilibrio social entre as linguas como se fose algo apolítico, asocial e alleo ás loitas históricas polo poder, ao tempo que artificializa as medidas que promoven as linguas historicamente minorizadas como medidas intervencionistas que castran a liberdade do individuo. Cando a maioría dos pais renuncien á lingua presa do estigma social (esa que non falan os presidentes das caixas, nin os socios dos clubes financeiros, nin os conselleiros da Xunta) coa ilusión de poder pensar que son libres, teremos toda unha xeración de nenos que aprenderán, no seu primeiro contacto coa escola, cal é o lugar que ocupa cada idioma. E aprendendo iso, saberán tamén cal é o seu sitio na sociedade. Como dixo Eric Hobsbawn no seu célebre libro Naciones y nacionalismo desde 1780, nada impide que as minorías conserven as súas linguas vernáculas, sempre que sexan conscientes do sitio que ocupan. Cabe preguntarse se para isto fai falla unha Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 10-01-2010 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0