Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O Consello da Cultura esixe á Xunta que non vexa o galego como problema
O documento, en ton crítico, solicita que “non se tomen medidas que supoñan un paso atrás na recuperación do galego”
Cristina Díaz Pardo - o xornal.com 21/11/2009 - 00:33 h.


A voz lexitimada do CCG debe facer reflexionar a Feijóo

O Consello da Cultura Galega, dirixido por Ramón Villares, propuxo onte ao Parlamento de Galicia que impulse a constitución dunha comisión parlamentaria específica para abordar “a planificación consensuada” do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Unha comisión que deberá “elaborarse nos próximos meses” para a súa aplicación “na presente lexislatura”. O documento explicativo entregado onte por Ramón Villares á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, desliza sucintas críticas cara ás políticas da actualXunta de Galicia á que pide que non vexa o idioma “como un problema” e reitera que o Plan de Normalización Lingüística foi aprobado por unanimidade baixo un goberno do PP e ratificado polo anterior Executivo bipartito.

Nunha rolda de prensa, Villares anunciou que a proposta institucional que presentou foi acordada por unanimidade no plenario do organismo que dirixe o pasado 17 de novembro e elaborada durante os últimos meses pola sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello, coordinada polo editor e literato Víctor Freixanes.

Villares indicou que o Consello da Cultura se sente lexitimado “e con voz suficiente” para tomar parte no actual debate”, no que ven “excesiva virulencia”. “A sociedade ten que facer da lingua algo máis neutral en base aos principios defendidos por Ramón Piñeiro. Hai que buscar un obxectivo claramente construtivo, para contribuír e non empeorar as cousas, senón melloralas”, matizou.

Foi Víctor Freixanes quen durante a lectura do manifesto deixou claro “as liñas mestras da política lingüística de Galicia”. O escritor reiterou que “calquera modificación substantiva debe estar arroupada por un amplo consenso e en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan un paso atrás no proceso de recuperación do galego”. A manifestación deste membro do Consello da Cultura semella unha recomendación á Xunta de Galicia logo de que nos últimos meses o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicara que a Lei de Normalización podería estar nun futuro suxeita a variacións. De feito, nas próximas semanas, a Consellería de Educación abordará a derrogación do actual Decreto do Galego no Ensino, normativa que ten os seus cimentos no propio Plan de Normalización.

“Os responsables políticos en xeral e o Goberno en particular deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso ou activo social”, reza o documento do Consello da Cultura, que tamén destaca que é necesario abandonar calquera tipo de discurso que sexa prexudicial para o fomento do idioma propio de Galicia. “O fomento dun clima de controversia social e de enfrontamento entre falantes dunha e doutra lingua, o discurso de acusación e da sospeita constante contra o galego, deben ser substituídos por unha atmósfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos amplos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso histórico, como é a recuperación do galego”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-11-2009 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal