Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O voceiro da familia afectada polo auto do xuíz de Alcorcón pide a implicación da Xunta
Manuel López: “A sentenza volve a unha España cunha soa lingua e tres dialectos”

David Lombao - O Xornal.com 19/11/2009 - 01:36 h.


Manuel López leva todo o día atendendo, pacientemente, o teléfono.Como voceiro da familia non cansa de denunciar o auto xudicial que ameaza con retirarlle á súa irmá a custodia das fillas por, entre outras cuestións, telas escolarizado en galego, unha lingua, di o maxistrado, sen “utilidade práctica” fóra de Galicia. Pouco acostumado a atender a prensa, explica que a nai das dúas nenas “non ten forzas” para poñerse á fronte dun proceso que, di, pon en risco a dúas rapazas “totalmente integradas” na cidade de Vigo.

Teñen as nenas na actualidade algunha dificultade a causa da lingua?

Somos unha familia de galegofalantes e sempre nos diriximos a elas en galego, escoitárono desde que naceron, e hoxe unha ten 8 anos e a outra 16. Por parte do pai, igual que da nai, son de ascendencia galega e todos os veráns botaban varias semanas en Cedeira.

Afectoulles ao rendemento escolar?

Iso é ridículo, unha patraña para tentar xustificar que non poidan vir aquí. Que o xuíz veña dicindo que fóra de Galicia o galego non é útil é unha valoración filosófica, significa dicir que como unha lingua se fala nunha comunidade pequena, non debe existir. A nena pequena, está sacando mellores notas en galego que algunhas nenas de aquí, a última, un 8,5, e a maior está exenta de galego por estar nos dous anos previos á universidade. Trauma, ningún.

Cal é a vontade delas, especialmente da que está próxima á maioría de idade?

A nena maior non ten ningunha intención de moverse de aquí. O ano pasado, o xulgado obrigoulle á miña irmá volver a Madrid coa menor e a maior escribiu unha carta ao Valedor do Menor, pedindo que non lle fixesen volver porque estaba perfectamente integrada en Vigo. O xuíz tamén critica que agora estude “en centros públicos”, cando é unha rapaza que en Alcorcón supendía e agora saca os cursos limpos.

Percibiron unha actitude hostil do maxistrado cara ao galego no transcurso do proceso xudicial?

O xuíz non tivo unha entrevista coa menor, pero si coa maior, e a conversa xirou, practicamente toda, en torno ao tema do galego. Preguntoulle se o entendía, e ela explicou que os seus tíos sempre lle falamos en galego, que aquí falaba galego, por exemplo, durante os veráns en Cedeira. Neste punto, o xuíz queda abraiado e explica que, malia a ter veraneado en Galicia con certa asiduidade, “yo no lo entiendo a día de hoy”.

É entón cando alerta do risco dunha “inmersión lingüística”?

O auto tenta xustificar que a miña irmá teña que volver a Madrid con cuestións como a dificultade do pai en vir visitar as nenas, ou alegando que, como miña irmá está xubilada pola súa enfermidade, ten tempo para visitar as nenas en Alcorcón, a onde deben volver porque en Vigo están en grave risco. Como non lle queda onde agarrarse, utiliza a lingua. Se marchase para Zaragoza, por exemplo, non podería utilizar este argumento, pero aquí si. Utilízao e ensáñase con el. O xuíz faise eco da reclamación da outra parte, que incide, teimuda e sistematicamente, na cuestión do galego, asegurando que é un grave problema poñerse en contacto cunha lingua estraña.

É a primeira vez, no transcurso do proceso xudicial da separación, que xorde a cuestión lingüística?

En xuño, a outra parte recorreu a sentenza que lle outorgaba a custodia plena á miña irmá. Nese momento, a Audiencia Provincial de Madrid dita unha nova sentenza na que lle volve dar a custodia, pero xa advirte “del peligro para las menores relativo a la inmersión lingüística en Galicia”. Volvemos atrás na historia, para que en España non haxa catro linguas oficiais, senón unha lingua e tres dialectos, unha lingua de primeira e outras de segunda coas que é mellor non estar en contacto.

Barallan iniciar accións legais despois do posicionamento do xuíz?

Despois de todo este tempo, aínda non sabemos se imos estar agardando meses ou anos, e hai dúas menores que queren saber onde van vivir e non estar agardando unha chamada que lles diga que teñen que marchar do lugar onde están integradas e teñen a súa familia. En calquera caso, non hai precedentes, nós consultamos con xuristas e quedan abraiados. O xuíz non tiña que utilizar unha lingua como arma arroxadiza.

Tiveron algún contacto coa Xunta para solicitar a súa axuda ou pensan telo?

Estamos tentando movernos a través do grupo do BNG para ter entrevistas coas Consellerías de Benestar e Educación, e pedir que emitan informes da realidade na que están as nenas. Eles o que terán que dicir é que as nenas están perfectamente integradas. A pequena, por exemplo, di que o galego mesmo lle gusta máis ca o inglés. Pedimos que a clase política en xeral, independentemente do partido, defenda unha cidadá galega que desexa volver ao seu lugar de nacemento.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-11-2009 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal