Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Francisco Salinas: ?O PP quere substituír unha morte lenta pola eutanasia lingüística?
CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Nunca me gustou facer ostentación da escrita literaria e, talvez por medo ou por un estraño pudor, case nunca participo en recitais
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - GALICIA HOXE


Francisco Salinas deuse a coñecer como poeta no lendario colectivo ?De amor e desamor?
Francisco Salinas deuse a coñecer como poeta no lendario colectivo ?De amor e desamor?
Francisco Salinas Portugal naceu en Güín, unha pequena aldea do concello de Bande na Limia Baixa. Alí pasou a infancia até que foi para Ourense facer o bacharelato. Licenciouse en Filoloxía Románica e galego-portuguesa na Universidade de Santiago onde, posteriormente, se doutorou. Viviu en París e en Lisboa. No 1981 comezou a dar aulas de lingua e literatura no ensino secundario. Na actualidade é profesor Titular das áreas de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña. Despois dalgunhas publicacións dispersas en varias revistas, no 1984 publicou, xunto cun grupo de amigos, De Amor e Desamor e ao ano seguinte De Amor e Desamor II. Xa de forma individual publicou Os Habitantes da culpa (1988). Aínda que sen abandonar a creación literaria, dedicouse máis aos estudos de literatura galega, literatura portuguesa e, sobre todo, de literaturas africanas de lingua portuguesa (Rosto Negro, 1994, Entre Próspero e Caliban, 1999, A Máscara do Sagrado, 2001). No suplemento Revista das Letras, de GALICIA HOXE, publicou no 2007 os seus últimos poemas baixo o título Boca de cobra.



Nun comezo imos falar da creación, da poesía. Eu recórdote cando ambos os dous escribiamos poesía en ?Nordés?, aquel alento teu era estupendo, anovador, logo, polas razóns vivenciais, paréceme que fuches esluíndo, como quen entra nun mundo de sombras fuxidías... Que foi daquel tempo de ?Os habitantes da culpa?... Acaso foron devorados pola inxustiza, polos incendios, naufraxios de pesadelos da andaina de ver e vivir?

O tempo muda moitas cousas e na poesía tamén. Eu non deixei nunca de escribir nin de cultivar a literatura, aínda que, publicamente, fun ficando, como ti dis, nun mundo de sombras fuxidías. Nunca me gustou facer ostentación da escrita literaria e, talvez por medo ou un estraño pudor, case nunca participo en recitais porque, se cadra, outras preo-
cupacións, outros intereses, outras necesidades? leváronme a colocar nun segundo plano a escrita. É máis, algunha promesa de publicación, mesmo con insistencia solicitada, ficou en nada (o editor saberá por que); máis un naufraxio neste mar onde nos tocou remar. De todas as maneiras, continúo a escribir e gardar en caixóns talvez á espera de que a pátina do tempo lles dea valor aos obxectos.


Imos agora a cuestións lingüísticas. Ti mal que ben, creo que vives nun universo reintegracionista que eu coido que, se non en distinta harmonía, debería de se establecer en sentido contrario, de aquí para alá, cal foi o nacemento e recreación de río-idioma. Parece que as cousas, funcionan dou-
tra maneira. O noso idioma, coas súas distintas formulacións e variantes dialectais, está perseguido, odiado polas nosas tribos academizadas, autodesestimadas, ignorantes e mesmamente mergulladas no autoodio patolóxico, longa pandemia. A discriminación positiva é necesaria e xusta fronte ao castelán invasor e exterminador, polo tanto falar de bilingüismo harmónico é, agora mesmo falaz, perverso, e certamente ignorante. Galicia, ou Galiza, é monolingüe de si e natural, o que pretende o Estado español é un acto máis de barbarie lingüicida. Non hai máis que botarlles unha ollada ós chamados medios de comunicación para se decatar de que a colonización continúa, perpetúase ou pretende perpetuarse co gobernamento do PP español na nosa nación... Cal é a túa reflexión a propósito desta miña outra, cal a túa resposta?

Efectivamente, eu sempre me movín, como ti dis, nun universo reintegracionista, que sempre me pareceu a mellor solución para o noso idioma, mais hoxe esa batalla, como tantas outras, perdémola (ou eu perdina) e moitos ficamos cansos desa guerra. Nesa guerra do reintegracionismo estaba implícita unha visión da lingua e das posibilidades de futuro; había unha posición política respecto do idioma que uns non querían vela e outros disfrazaban. Xoguei e perdín nesa guerra, o tempo dirá quen tiña razón, aínda que sexa tarde. Sobre a reflexión que me pides. Diría que se houbese unha intencionalidade de recuperación de usos do idioma, a discriminación positiva sería necesaria; é máis, sería demandada polo propio corpo social, pero aquí, o idioma está pasando a se converter nun elemento máis de identificación pero non certamente o máis importante; mentres iso non mude, a perda progresiva do idioma será imparábel. E a culpa non deberemos buscala fóra, senón en nós mesmos; se os galegos non nos convencemos de que somos galegos porque temos un idioma, hai pouco que facer e eu vexo moita palabrería a ese nivel, mais pouca práctica consecuente.



Cal é, Francisco Salinas, o teu posionamento respecto da universidade e "cosmopolítica", unha expresión que a min me parece absurda e desnortada no evidente. O cosmopolitismo, é unha palabra, na miña opinión, máis ben absurda que non di absolutamente nada que fai referencia aos cosmos, un imposíbel como ser cidadán do mundo... Quen é de Sarria, ou Celanova, ou calquera outra xeografía da nación galega tamén é do mundo... Para min é obvio, innecesario e tautolóxico, por non lle dicir que é un disparate a quen a tal a si se expresa ou manifesta. Cal é Paco a túa opinión?

Fálase moito de cosmopolitismo, de que a cultura galega ten que deixar a corredoira, modernizarse? como se a corredoira non fose universal ou a cultura galega non estivese sempre á vangarda das estéticas! Iso pasou na Idade Media, pasou no XIX, ou no XX? ¿Encontrarás un valor máis universal que o mestre Mateo ou D. Dinis? ¿Quen supera esteticamente a Rosalía no último terzo do século XIX? ¿Cantas culturas posúen un Cunqueiro ou un Dieste?¿Non son cosmopolitas Luís Seoane, Quessada, Maruxa Mallo? En fin, que ás veces escoitamos alguns políticos que fan rir coa pailanada disfrazada de alta cultura, todo porque saben tres frases en inglés e queren convencernos de que a súa ignorancia é un signo de modernidade, as súas deficiencias e carencias queren presentalas como o máximo dos tempos modernos? Cando vemos todos eses políticos pagados de si mesmos ridiculizando o propio, pensamos na miseria de vérmonos gobernados pola mediocridade e pola ignorancia convertida en categoría.

Retornamos a ti mesmo, Paco, ti es un poeta surrealista no ámbito do silencio?

Non sei se son ou non surrealista; surrealista é este país que se quere suicidar e todos os días xoga á ruleta rusa (fascíname esa violencia autodestrutiva). A min resúltame moi difícil definir a miña literatura, non me importa definir a dos demais, mais cando falo de min mesmo, non é pudor, mais teño unha dificultade grande en autodefinirme. É verdade que gusto moito do surrealismo, quer do surrealismo literario, quer do surrealismo plástico. Penso que é un dos movementos estéticos máis interesantes do século pasado e a súa pegada pervive con forza non só na litertatura galega e non temos máis que visitar algunhas
das exposicións de pintura no país para vermos lecturas e relecturas do surrealismo.



Co PP, para min sempre español, estamos nun estadío de regresión e violencia lingüística, a favor do castelán para ferir de morte o galego, idioma cultura e pobo?

O PP pon negro sobre branco o que quere, infelizmente, unha parte da sociedade galega: eliminar, dunha vez, o idioma galego; quere substituír unha morte lenta e doce por unha eutanasia lingüística rápida e expeditiva; é a expresión máis evidente da capacidade de autodestrución deste país e o peor é que non se ve desexo ou capacidade de resistencia



A derrogación posíbel do Decreto de Normalización lingüística é realmente unha "voadura" e desfeita controlada polo fascismo renitente e recidivo?

É o que dixen antes, o ingreso na cámara de gas do enfermo terminal. Os nazis eliminaban os débiles, doentes e a derrogación do decreto, que non se cumpría, é o último episodio do linguicidio que contemplamos como contemplaban os alemáns os campos de concentración: ollaban para outro lado. Desde que se aprobou o decreto non se cumpriu; aquela lei que obrigaba a impartir determinadas materias en galego, sempre foi papel mollado e, agora cando se quería darlle un pulo a esa "normalización" anúnciase a derrogación do Decreto non-nato.


Con respecto á literatura en xeral... Galicia está a vivir nunha etapa-epopea de esplendor, ou non é para tanto?

Non é para tanto nin para tan pouco. A literatura galega está nunha boa situación a nivel de creación, outra cousa é como está en relación co público. De todas as maneiras non se pode xeneralizar. Hai cousas extraordinarias, cousas mediocres e outras que mellor é esquecelas. Isto é un signo de normalidade. Por iso non me gusta falar en termos absolutos e centrarme máis en autores, ou mellor, en obras concretas.



Ser bilingüe no sentido máis amplo da palabra é, para min ou imposíbel, porque sempre haberá unha lingüa de fondo a interferir na outra. Falando en castelán, por dicir algo, observo eu, non sen pena, como a xente aínda di "a los sábados", "Van en Valadouro a las cerezas", etc., e son eses "cosmopolitas" que digo, incluso con formación académica, universitarios/as. Cal é, xa que logo, a túa observación a esta miña pregunta?

Ser bilingüe a nivel individual é dese-
xábel (mellor multilingüe), ora ben a nivel colectivo non hai sociedades bilingües porque hai sempre unha lingua de base como a lingua de comunicación habitual dunha sociedade. A non ser que lles chamemos bilingüismo aos exemplos que citas, a eses "tener los niños en el colo", a ese "y luego por que no vienes?", ou a fonética dalguns persoeiros públicos que utilizamos como modelo de corrección fonética sobre unha sintaxe máis ou menos española e un léxico predominantemente español ou acastrapado. Individuos bilingües si, sociedades bilingües está por ver. Cando se pon o exemplo de Suíza ou Bélxica, é unha falacia. En Bélxica cada unha das comunidades (flamenga e valona) fala a súa lingua e descoñece ou ignora a outra. En Suíza, cada comunidade ten a súa lingua (alemán, francés ou italiano) e todos os habitantes falan, polo menos, algún dos outros idiomas do país.


Verbo dos credos, cal é, Paco, o teu pensamento?

Son un descrido: dos credos relixiosos, dos políticos, dos estéticos? un verdadeiro agnóstico e un pesimista creativo.



Reencarnación, trocamento, arte do posibilismo e función lóxica... Ilusión, vida, morte e medo... Agradézoche a túa respota a esta proposta-pregunta...É posíbel?

Non sei se me estás a pedir unha resposta literaria, pero a min ocórreseme dicirche que a ilusión non só é posíbel, perder a ilusión é morrermos, a vida é o que temos e a morte é o paso necesario para o que temos que prepararnos sempre, precisamente para que o medo non nos domine. No fondo somos nenos permanentes que fuximos do medo, da escuridade que trae as sombras da miseria moral. Monarquía e democracia é un contrasentido que ningún deus maior ou menos entende. Todo é antagónico entre unha e outra definición. Cal é a túa aposta, o teu pensamento?

A monarquía é, por definición, unha
institución non democrática por iso, en canto a monarquía permaneza, a democracia non existe. Monarquía e democracias é unha contraditio in terminis, a partir de aí a miña postura é clara.



"Mourir de ne pas mourir", é o que lle acontece á nación galega, que vive negada polo centralismo estatal e abrupto castelán?

O problema non é só que a nación galega sexa negada polo centralismo castelán, o problema, na miña opinión, é que a nación é negada polos propios connacionais e unha nación, como dicía Renan, é un plebiscito constantemente renovado pero os galegos, maioritariamente, teño para min, que non se consideran nin queren ser nación. A nación galega existe en tanto que os galegos queiramos ser nación. Construír esa nación é o desafío no que levamos tempo empeñados porque sen esa vontade nacionalitaria, non existe a nación galega.



Cal é a imaxe, o retrato (con palabras) que ti farías do tempo?

O tempo é un buraco negro no que perderse.



Xa que os status existen, nós outros, sen estado propio, que posibilidades tempos a curto ou longo prazo?

Non é imprescindíbel termos un estado, o imprescindíbel é querermos ser como grupo. O Estado é un horizonte que está aí, non necesariamente procurado mais non se pode negar a súa posibilidade. A curto prazo, resistir, a medio ou longo prazo, xa se verá?



No federalismo ou confederalismo, non estarían mellor as cousas para a nosa nación, insisto negada?

A tradición do nacionalismo galego e mesmo a tradición democrática no Estado, defenderon sempre unha proposta federal coa cal se lles permitiría ás diferentes nacións do Estado un nivel de autonomía-independencia suficiente para a realización dos seus obxectivos como nación e ao mesmo tempo organizaría a convivencia no marco dun Estado ao que as diferentes nacións cederían unha parte máis ou menos importante das súas competencias. Porén en España quedou a medio camiño de tal maneira que non se deu o paso a esa concepción do Estado en que cada parte ten garantida a súa existencia coa liberdade que implica un marco federal (e non digamos confederal!).



Podes facer un retrato dese mesmo tempo-vento-río que nos leva?

Nin o tempo nin o vento poden ser apreixados polo risco dun retrato que se esvai como o río que flúe; o tempo inapreixábel, o vento que se escapa? e ó final ¿non será que o río é sempre o mesmo?



O laicismo aínda non é máis que unha falacia no Estado español vixente?

Nin a Constitución consagra a laicidade do Estado (máis ben a pluriconfesionalidade) nin a sociedade española (a diferenza por exemplo da francesa) ten a laicidade como un valor para defender e un obxectivo para conseguir. O Estado español non é laico e as súas leis van polo camiño contrario a ese desexábel (para algúns) laicismo.


A crítica literaria é lapeleira, displicente, inexistente?

Deixando de lado algunha crítica que sería rigorosa, que a hai, si existe moita pseudo-crítica á que se lle poderán apor esas definicións: Por desgraza hai moita cousa con aparencia de crítica (máis ben serían noticias literarias) que son refritos das lapelas dos libros ou similares. Hai tamén os que van de grandes críticos ollando o obxecto para analizar desde unha superioridade irritante e iso fai con que o tratamento que fan mostre a displicencia que a súa superioridade lles dita. En definitiva, non me atrevería a dicir que a crítica literaria na Galiza sexa inexistente, pero si que é frouxa, en moitos casos parcial e pouco consciente sobre o papel fundamental que na consolidación do sistema ten o traballo crítico.



Pódese deter o día cunha flor ao xeito de Luz Pozo Garza, ou é van ilusión que foxe cal luceiro do imaxinario?

O día, desde logo, pódese deter cunha
flor, cun perfume ou coa violencia das mans, mais fica sempre esa estrela que foxe do día para se refuxiar nos escuros labirintos da imaxinación.



Somos e estamos para vivir, aínda que a morte estea a nos cerrar na constancia ou inconstancia dos días que pasan... Podes e queres reflexionar?

A morte está aí, non é ningunha desgraza e á volta de cada día está a nos espreitar con demorada paciencia. O pasar dos días non nos dá consciencia da vellez, mais o sentimento gozoso do efémero, do necesario instante feliz que nos permita simplemente, estarmos.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 14-09-2009 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0