Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A protección legal da lingua mellorou nas últimas tres décadas aínda que os principios da súa salvagarda están ameazados polas medidas anunciadas por Núñez Feijóo
galicia hoxe


O labirinto presidencial

En 2004 aprobouse por unanimidade o Plan xeral de normalización lingüística no Parlamento galego

A lingua é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección. É un dos principios dos que nace a salvagarda legal do galego na Constitución de 1978 que fixa a coo- ficialidade da lingua propia e o castelán. Principios que hoxe están ameazados polo goberno de Núñez Feijóo que non só formulou a derrogación do decreto do galego no ensino senón mesmo do Plan xeral de normalización lingüística aprobado en 2004, baixo mandato do PP.

Nas últimas tres décadas, a protección legal do galego non parou de medrar, grazas ó Estatuto de autonomía, a Lei de normalización lingüística e o Plan xeral de normalización da lingua galega.

En 1981, o Estatuto de autonomía de Galicia amplía a protección legal do idioma incidindo en que "todos teñen o deber de coñecer e usar" galego e castelán. O Estatuto marca cal é o papel da Administración en relación coa lingua propia: "Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento".

Igualdade de competencia lingüística ao remate do ensino

Só dous anos despois, apróbase a Lei de normalización lingüística (LNL) que non só garante a igualdade de galego e castelán senón que afortala a normalización do galego en todos os eidos da sociedade, como "núcleo vital da nosa identidade". Este texto apontoa a dignificación do idioma afirmando que "a lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade". No artigo 14, a LNL indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais, un dos principios dos que bebe o actual decreto do galego no ensino que a Xunta quere derrogar.

A Lei de normalización fornece a lingua de maiores posibilidades de proxección ao indicar que "os cidadáns poderán dirixirse aos xuíces e tribunais para obter a protección xudicial do dereito a empregar a súa lingua". Tamén reforza a súa presenza na Xunta: "Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns" e tamén na redacción de "leis, decretos, disposicións normativas e resolucións oficiais" que se publicarán en galego e castelán no DOG.

A Lei de normalización tamén establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega" ou que "nas resolucións de concursos e oposicións para proveer de maxistrados, xuíces, secretarios xudiciais e todo o persoal da Administración de Xustiza (...) será mérito preferente o coñecemento do idioma galego".

En 2004, no derradeiro goberno de Manuel Fraga á fronte da Xunta, todos os grupos políticos aprobaron no Parlamento de Galicia por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega, que pretende conseguir para o idioma máis funcións sociais, máis espazos de uso e maior presenza en sectores estratéxicos da vida pública.

Para garantir lle"a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe", o plan establece que a Xunta terá que dotar o idioma propio de "recursos lingüísticos e técnicos que ao capaciten para vehicular a vida moderna". Proponse así que se aumente o seu uso na Xustiza, nos medios de comunicación, na economía, na sanidade ou na educación. A partir de agora, a incerteza domina a protección legal do galego ante a belixerancia mostrada dende a Xunta co idioma galego.
TRATADO INTERNACIONAL

Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias

O último informe do Comité de Expertos da Carta Europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992 -ratificada polo goberno do Estado español en 2001- considera que Galicia non cumpre cos principios marcados neste tratado internacional.

Entre outras cousas, a desaparición das Galescolas ou a derrogación do decreto do galego no ensino desafía a aplicación deste tratado internacional que foi asumido por unanimidade no Congreso durante a presidencia de José María Aznar. En materia de ensino, a Carta Europea das linguas rexionais fixa o compromiso do estado a "prever" unha educación preescolar, primaria, secundaria e profesional ou universitaria "asegurada nas linguas rexionais ou minoritarias".

Do mesmo xeito, establécese a creación dun ou de varios órganos de control "encargados de seguilas medidas tomadas e os progresos realizados no establecemento ou o desenvolvemento do ensino das linguas rexionais ou minoritarias, e a establecer sobre estes puntos informes periódicos que serán feitos públicos", outro dos factores que Galicia tampouco está a cumprir.

Por iso, o novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo terá que explicar todas as súas actuacións do que deu en chamar "bilingüismo cordial" xa que os principios deste tratado internacional, ao ser apoiados polo Estado español, son de obrigado cumprimento para todos os gobernos con linguas minoritarias.
DERROGARASE OU NON?

O incerto futuro do Decreto do galego no ensino

A Consellería de Educación xestionada por Laura Sánchez Piñón aprobou en 2007 o Decreto que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, a norma que máis contestación tivo por parte do PP.

Porén, as razóns argumentadas por Núñez Feijóo para oporse ó decreto en favor da "liberdade lingüística" e da "liberdade de elección de idioma" perden validez se atendemos aos contidos estritos do texto. "Asignaránselle o mesmo número de horas ao ensino en galego e castelán", remarca o decreto que fixa que a metade da docencia sexa en castelán e a outra metade na lingua propia de Galicia.

No caso da educación infantil, "o profesorado usará a lingua materna predominante entre o alumnado e coidará de que o alumnado adquira o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia". Neste caso, a lingua predominante será determinada polo claustro de profesores.

Despois do nomeamento do novo secretario xeral de Política Lingüística - o filólogo vigués Anxo Lorenzo-, Feijóo teríase comprometido a negociar o novo decreto con socialistas e nacionalistas.

O novo presidente da Xunta estaría pensando en fixar un terzo das materias obrigatoriamente en galego mentres que as restantes se impartirían en castelán e inglés, con certa marxe de elección para os pais de alumnos. Con todo, nin sequera o goberno galego ten claro se terá listo o novo decreto para o vindeiro curso lectivo.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-05-2009 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0