Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Sobre o odio ao galego
Xornal.com - 30-03-2009 - 00:00:42

Eu, debo confesalo, levo consumido boa parte da miña vida na teima de desentrañar o mecanismo psicolóxico, no sentido máis amplo -tamén no psicocultural-, que anima a un número importante de cidadáns galegos a odiaren o idioma propio de Galicia. Cando se sente respecto, e mesmo amor natural, por distintas manifestacións culturais e sociais, entre elas os idiomas (eu amo particularmente o castelán, o francés e o italiano, entre outros), costa traballo entender a existencia desas agullas de odio que se cravan, que se espetan hoxe no corpo, tan ferido e maltratado pola historia, do idioma galego.

¿Existirá algún tipo especial de "circuíto do odio" instalado na cortiza cerebral -este é un tema tratado pola ciencia- que active condutas agresivas como o "odio lingüístico" en relación cun determinado idioma? ¿E que acontece se ese odio lingüístico se manifesta, aínda por riba, por parte de cidadáns galegos contra o idioma propio e histórico do seu pobo?

Unha das frases máis bárbaras na liña torta do odio -pura raíz envelenada de frenesí etnocida- que lin nos últimos tempos foi a que pronunciou a presidenta dunha asociación disque cívica cuxo nome é trapela e mangancha que non quero mentar. É a seguinte: "Pero, en calquera caso, non se pode intentar conservar o galego a calquera prezo. Nin con estudantes, nin con nada". Analicen vostedes a carga bruta e profunda de desprezo que contén a tal frase, de corpo groseirón e espírito exterminador, toda unha declaración implícita e ao mesmo tempo explícita de odio á gran catedral ("pórtico da gloria" incluído) que é o idioma galego.

"Non se pode intentar conservar o galego a calquera prezo", di a señora. "Nin con estudantes, nin con nada", rebiricha taxativa. E brilla aquí, amplificada, e ben exposta, unha forma de penuria cultural e intelectual -unida a unha seria disfunción da sensibilidade social-, pois non é concebíbel en seres cultos e responsábeis tan túzara expresión sobre o idioma propio de Galicia, nin sobre calquera outro idioma de calquera parte do mundo. Véxano vostedes. "Nin con estudantes, nin con nada". E nese "nada" está o baleiro, a negación profunda, unha forma de "non" que significa cero, un xeito de condena á desaparición. Alguén con autoridade cultural e con autoridade ética debería dicir alto e claro, para que o pobo entenda, que non é de recibo a xenreira contra o idioma galego nin son de recibo as grotescas páxinas da infamia que hoxe están a escribir os odiadores profesionais e os etnocidas que medran á sombra da insensibilidade e da ignorancia.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 30-03-2009 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal