Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Falsificación recorrente - Francisco Rodríguez
Diario de Ferrol


Após os recentes resultados eleitorais, co retorno do PP ao Goberno galego, mesmo desde esferas vinculadas ao PSOE, reitérase que unha das causas fundamentais da desafección dos votantes co bipartito, foi a imposición da lingua do país. Mesmamente, o eco desta tese domina o comentario de Felipe Muhiño neste xornal, o 18 de marzo, intitulado “La experiencia nacionalista”. Fala da posición sobredimendionada do BNG no Goberno e de saturación nacionalista. Sen dúbida é certo que a iniciativa e presenza das Consellarías nacionalistas, en xeral, con moitas medidas de alcance estratéxico, foi superior ás do PSOE. O reparto de áreas fíxose conforme ao contributo de cada forza e ás práticas seguidas noutros gobernos de coalición en Euskadi, Catalunya ou outros países europeus. Porén, o nacionalismo galego non tivo nen o control da RTVG nen ostentou a presidencia do Parlamento, como aconteceu con forzas máis minoritarias nas coalicións de goberno noutras latitudes. O marcado perfil do BNG correspondeu ao seu activismo, con erros e acertos.

Por certo, nen a Consellaría de Educación nen a Secretaría Xeral de Política Lingüística, desde onde se podía facer unha política lingüística algo incisiva e diferente á do Goberno anterior, estiveron en mans do BNG. Hai que recoñecer que a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, tiña unha actitude construtiva e favorábel a que se aplicase a lei, a norma vixente, en materia de uso do galego como lingua veicular en determinadas materias do ensino primario e secundario. Como é certo que posibilitou unha vía prática para a existencia dun ensino infantil en lingua galega, co acordo previo dos país. Os resultados foron moi limitados, pero había vontade e comezaban a moverse algo as cousas, após máis de vintecinco anos de esclerose. A súa actitude hónraa.

Naturalmente non vivimos nun contexto neutro. Desde fóra comezou unha campaña inexorábel e destrutiva, intoxicadora, contando con toda a artillaría mediática, denunciando a imposición do galego e mesmo que o castelán estaba en perigo. Os intermediarios mediáticos internos deron altifalante tamén a esta versión invertida da realidade e cobertura ás organizacións sociais e políticas que a abadeiraban. Que unha parte importante da sociedade galega acreditase en semellante manipulación só demostra que estamos nunha democracia mediática, non a veracidade das teses presuntamente favorábeis ao bilingüismo que, paradoxalmente, o que perseguen é que os usos da lingua galega non avancen e que os galego-falantes sexan cidadáns sen dereitos. Poderíamos engadir que no seu combate contra os usos do galego, contra a aparición desta lingua en todos os ámbitos, late o propósito de que o pobo galego como tal non exista. Velaí a súa insistencia en que as linguas e os pobos non teñen dereitos lingüísticos, só os individuos. Iso sí, reafirmándose en que o pobo español existe, que todos somos españois e que a legalidade constitucional só avala dereitos e deberes para o denominado idioma común.

Felipe de Muhiño, tantas veces ponderado e ecuánime, mesmo defendendo a súa perspectiva ideolóxica, atribúelle unha capacidade ao nacionalismo que, desgrazadamente, non tivo nen ten. Como nen a tivo nen o intentou o Goberno bipartito no seu conxunto. Pola súa experiencia política sabe que nen a lingua nen a cultura galega se impoñen, que a presenza e o dominio do castelán son abafantes na Galiza. Coñece que a cooficilidade do galego é limitada, que o cambio de lingua a prol do castelán é o frecuente na interrelación social, que a desvalorización e secundarización do idioma do país é a norma. Os intentos do BNG desde o goberno tiveron máis un valor simbólico que real no plano lingüístico (as galescolas, por exemplo). Outra cousa é que, na Galiza, condutas que se debían considerar normais (espallar o coñecemento do himno galego, ou o intento de garantir a atención en galego aos usuarios dos servizos públicos, por exemplo) resulten desafiantes e mesmo provocativas, coa debida deformación informativa. Realmente, o proprio Felipe de Muhiño recoñece, querendo ou sen querer, onde estivo o problema, cando afirma: “ una nueva realineación tiene que ganarse paso a paso, llevándose mejor con la élite social dominante…”. Nen a élite social dominante dentro de Galiza nen a dominante no Estado foron pasivas ou neutras coas mudanzas que o BNG intentou.

FRANCISCO RODRÍGUEZ É SECRETARIO XERAL DA UPG
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal