Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Pretenden prescindir do galego
Marisol López, que vive os seus últimos días en Política Lingüística "sen variar o ritmo", asegura que as teses lingüísticas de Feijóo son "unha insensatez" e resultarán onerosas para o contribuínte.
A.R. LÓPEZ - Galicia Hoxe


Marisol López, a secretaria xeral de Política Lingüística nos case catro anos que durou o goberno bipartito de socialistas e BNG, vive os seus últimos días no cargo "sen variar o ritmo de traballo" pero tamén cunha emoción que lle humedece os ollos ao pensar "no esforzo continuo" das mulleres do seu equipo, "a maioría abocada ao paro". Cualifica con contundencia de "frustrante" o resultado das últimas eleccións autonómicas e asegura, sen titubeos, que Galicia Bilingüe é un "instrumento político" que pretende "realmente prescindir do galego na vida pública do país". Do próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tampouco ten dúbidas: "As súas teses lingüísticas son unha insensatez".

¿Como asimila os resultados das eleccións do 1 de marzo?

Perder esas eleccións foi unha frustración que debe facernos reflexionar sobre o que fixemos mal, ou o que non fomos capaces de explicarlle á cidadanía, para que non volvese confiar en nós. Iso a nivel xeral. A nivel particular faime acordar do persoal do gabinete que naturalmente deixa de colaborar comigo despois de anos de entrega: xa non poderemos levar adiante os proxectos que tiñamos en mente para esta nova lexislatura. Para min, esa é unha segunda frustración.

¿Vese con algunha responsabilidade nesa perda? É dicir: a súa xestión foi moi duramente criticada tanto polos defensores do galego como dos defensores do castelán.

Non podemos esquecer que viñamos de 16 anos de Partido Popular, onde a política lingüística era unha Dirección Xeral de Educación. Trasladala a Presidencia foi un éxito para levar adiante politicas transversais. A partir de aí, eu debería dicir que as últimas enquisas do CIS valoraban moi positivamente o departamento dentro do goberno. Iso tamén hai que telo en conta. Dito isto, creo que, quizais, non fomos capaces de explicar o que se estaba facendo e como se facía, tanto para os impacientes como para os que pregoan a desaparición do castelán. O obxectivo primordial da nosa xestión foi lograr maiores ámbitos de uso para o galego e iso implica comprender a realidade na que estamos e marcar, en función diso, un ritmo. Supoño que non fomos capaces de explicarlle aos impacientes que as cousas non van ao ritmo que un quere e que en política lingüística se conseguen incrementar os ámbitos dun xeito pausado. Non pode ser doutra maneira. E para os outros, para os adaís do catastrofismo castelán, é moi dificil convecelos, porque aí si que hai unha cuestión política, ideolóxica: están claramente en contra do galego. Non o consideran de xeito positivo: para eles é unha lingua moi riquiña ou moi simpática, pero nada máis. Con esa obcecación, o máis importante é lograr que non convenzan a máis xente, porque están errados. Ter nunha comunidade duas linguas é unha riqueza e facer monolingues en castelán non ten sentido.

A Mesa foi un xuíz inclemente coa súa xestión...

A Mesa é unha asociación de carácter privado que ten a súa razón de ser. Pero cos pés na realidade galega, hai que recoñecer que os maximalismos non son posibles. Dígoo con sinceridade. Por tanto, os pequenos avances que se ían logrando había que poñelos claramente en positivo e avanzar desde aí. A Mesa non o fixo. Terá as súas xustificacións para actuar así.

Da outra banda tivo a Galicia Bilingüe...

Galicia Bilingüe é unha asociación con moitos apoios economicos, que dalgún sitio lle virán. O que pretende realmente é prescindir do galego na vida pública do país. É curioso que ao longo dos 16 anos de goberno do PP, cun Estatuto e unha Lei de normalización aprobada polo propio PP, cun Decreto e as súas Ordes correspondentes aprobadas polo PP, onde se indicaban unha serie de materias para impartir en galego, non houbo ningún problema nin ningunha manifestación. E de repente, no momento no que aparece o bipartito, sae ese grupo radical ao que, naturalmente, non lle importa nada o galego. Ademais de desprezar o idioma, pretenden algo inadmisible: a segregación. Ningún país que se prece separa os seus alumnos pola lingua. Espero que o PP o reflexione: non podemos facer un país de monolingües en galego ou en castelán.

¿Como cre que Núñez Feijóo vai levar adiante o seu plan lingüístico sen segregación?

Iso hai que preguntarllo a el, aínda que tamén existe, ao meu ver, unha posibilidade: que os nenos galegofalantes sexan incorporados aos casteláns. Non haberá segregación pero si unha aprendizaxe na que se prescinde do galego, ese idioma que el cualifica de moi bonito. E se realmente acaba facendo a segregación, tamén nos ten que contar como asume economicamente a duplicidade. As súas teses lingüísticas son unha insensatez. Entendo que na campaña se poden dicir cousas sen reflexionalas moito, pero esta é moi grave: pode supor unha rutura coa cohesión social.

¿Que suporá a derrogación do Decreto do galego?

Se o derrogan terá que substituílo por outro e nese caso tería que incumprir o propio Plan de normalización que promovou o goberno do PP, no que el era vicepresidente. Aprobaron no Parlamento por unanimidade un texto no que se di que, cando menos, o 50 por cento das materias se deben impartir en galego para lograr o equilibro entre as dúas linguas. Claro está, pode rectificar pero son textos que o PP aprobou e que agora non lle valen.

O Parlamento Europeo xa deslexitimou a súa proposta de que sexan os pais os que elixan a lingua na que deben educar os seus fillos...

Un estado ten que asegurar que os cidadáns adquiran uns coñecementos o máis altos posibles. O que non pode asegurar, porque non tería sentido, é a elección da lingua ou de calquera outra materia que se lle ocorra aos pais dos alumnos. Ten que asegurar un ensino no que se defenda a paz, a convivencia e a solidariedade. En Galicia está claro que existe unha notable diferenza entre o galego e o castelán. Nese caso, o ensino debe apoiar a máis débil, que é a lingua propia do país, como di o Estatuto de Autonomía, o galego. O Parlamento Europeo tamén lle dixo o que lle tiña que dicir ao PP: que hai que defender o plurilingüismo e as linguas en peores condicións. Iso é riqueza para o planeta.

¿Cales foron os momentos máis felices da súa xestión?

(Emociónase) Non houbo moitos, a verdade. O mellor foi a sensación de ir avanzando e ver o entusiasmo co que colaborou tanta xente.

¿E os momentos máis amargos?

Cando vimos que algún dos proxectos que tiñamos en mente non era posible levalos adiante. A nivel persoal, o inicio da lexislatura non foi alegre, polas circunstancias nas que entrei no goberno, con discusións que chegaron ás veces ao nivel persoal: son as que máis doen. Pero, en xeral, a miña experiencia é positiva e traballar co grupo de persoas que teño na Secretaría foi ilusionante.

¿Como foron as súas relacións co resto do goberno, incluídas as consellerías do BNG?

Foi unha relación correcta. A colaboración con Eduación resultou moi frutífera, pero tamén con Vicepresidencia, con Medio Rural ou con Industria, todas consellerías do Bloque.

¿Non se sentiu nunca illada?

Nunca, pero tiven a sensación, e iso non é un problema de bipartito, de que as decisións son túas: se te equivocas, es ti a que se equivoca; e se acertas é un éxito de todos.

Ao final, tamén entre socialistas había malestar polo apoio ao galego, como o demostraron as declaracións de Méndez Romeu ou o manifesto posterior ás eleccións...

Creo que Mendez Romeu foi por outro lado, polos pactos co BNG. No socialismo vexo un apoio á política lingüística que levabamos, en sintonía coa liña do PSOE de Madrid, onde hai unha aposta clara polo multilingüismo e a España solidaria.

Cando ve resultados tan desacougantes como o do Mapa Sociolíngüístico ¿que pensa?

Eses datos son de 2004 e o que nos están dicindo é que a política do bipartito en educación é necesaria se realmente queremos equilibrar o dominio e coñecemento de galego e castelán. Os datos poden ser unha reflexión para o señor Feijóo: deberíano levar a repensar e valorar o que se estivo facendo.

¿Que vai facer agora? ¿Seguirá atenta á política lingüística?

Son profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e no momento en que sexa cesada incorporareime á miña praza. Nacín nunha aldeíña, no Concello de Gomesende, en Ourense, onde fun á escola unitaria. A miña lingua de comunicación foi o galego, aínda que aprendín a ler en castelán. Eu son doutora en Filoloxía Galega, de xeito que ao longo de toda a vida, a miña preocupación polo galego estivo sempre presente, e seguirá sendo así. Estou convencida de que o galego vai ter un grande futuro como lingua nosa.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal