Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Eurocámara rexeita que os pais elixan a lingua escolar
Como propuñan os 'populares' europeos

Redacción A Nosa Terra. O Parlamento Europeo aprobou hoxe unha resolución que subliña a necesidade de prestarlle unha atención especial aos alumnos que non poden estudar na súa lingua materna. O texto adoptado non menciona a idea de que os pais teñen dereito a elixir a lingua na que queren educar aos seus fillos, tal e como defendía un informe aprobado previamente pola comisión de Cultura. Por outra banda, os deputados piden máis medios para que os inmigrantes aprendan a lingua do país de acollida, aínda que sen deixar de lado o seu propio idioma.

A resolución, promovida polos grupos socialista, liberal e Verdes, foi aprobada con 335 votos a favor, 279 en contra e 69 abstencións. Segundo informa o Parlamento, o texto adoptado suprime algúns dos parágrafos incluídos no informe do portugués Vasco Graça Moura, do PPE-DE (Partido Popular Europeo e Demócratas Europeos), que fora aprobado pola comisión de Cultura da Eurocámara. Entre eles, o número 11, no que se subliñaba a importancia de que os pais poideran elixir a lingua na que queren educar aos seus fillos nos países nos que coexisten unha ou máis linguas oficiais.

Ademais, o pleno optou por suprimir a solicitude de que ningún escolar sexa privado do ensino na lingua oficial do Estado, recollida igualmente no informe de Graça Moura, á iniciativa do eurodeputado popular Luís Herrero, que tamén defendía a "importancia decisiva" do ensino na lingua materna e advertía do "erro" de "promover unha lingua á conta dos dereitos dos falantes doutra" (parágrafos 17 e 12).

Educación na lingua materna

Con todo, a resolución aprobada polos eurodeputados si destaca a "necesidade fundamental" de que nas escolas se preste unha atención e un apoio especiais aos alumnos que non poden recibir educación na súa lingua materna. Así mesmo, afirma que é "esencial salvagardar o multilingüismo nos países ou rexións nos que coexistan dúas ou máis linguas oficiais" (parágrafos 15 e 11).

Segundo os eurodeputados, é imprescindíbel que, nos Estados membros con máis dunha lingua oficial, "se garanta a plena intelixibilidade interlingüística", en especial para as persoas de idade avanzada e nos sectores da xustiza, a sanidade, a administración e o emprego (parágrafo 12).

Por outra banda, o Parlamento Europeo reitera o seu compromiso permanente de promover a aprendizaxe de idiomas, o multilingüismo e a diversidade lingüística na Unión Europea, incluídas as linguas rexionais e minoritarias. Así mesmo, considera que o multilingüismo é fundamental para unha comunicación efectiva e constitúe un instrumento que facilita a comprensión entre as persoas e, xa que logo, a aceptación da diversidade e das minorías (parágrafo 26).

Vehículo de integración

Os parlamentarios resaltan a importancia que reviste o dominio das linguas oficiais do país de acollida para a plena integración dos inmigrantes e as súas familias, e pídelle aos países da UE que proporcionen os medios necesarios para aprender a lingua e a cultura do país de acollida, "aínda que permitindo e fomentando que manteñan a súa propia lingua" (parágrafos 17 e 42).

Subtítulos nos programas televisivos

A resolución adoptada polo pleno observa que o uso de subtítulos nos programas de televisión facilitará a aprendizaxe e a práctica das linguas da UE e mellorará a comprensión do contexto cultural das producións audiovisuais (parágrafo 38).

Outras propostas

O Parlamento Europeo propón que en todos os niveis da educación, e independentemente da contorna xeográfica, haxa profesores cualificados de linguas estranxeiras. Ademais, pide que os indicadores de competencia lingüística abarquen, canto antes, todas as linguas oficiais da UE, sen prexuízo de que tamén se amplíen a outras linguas faladas na Unión Europea (parágrafo 48).
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-03-2009 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal