Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Defensa da lingua
Manuel Mera: A xente falará galego se pensa que lle é útil

Xurxo González - Manuel Mera, membro da dirección da CIG, defende un cambio de estratexia na promoción da lingua, que pasa por incidir na denuncia dos casos de cidadáns aos que se lles impediu usar libremente o galego. Ademais, anuncia mobilizacións porque 'o PP vai agredir o galego'.
A Nosa Terra - 11.03.2009 | 13:46

Logo de coñecer os resultados das eleccións, as primeiras preocupacións de Alberte Núñez Feixoo foron as accións de goberno promovidas polo bipartito en relación á promoción da lingua galega. En concreto, afirmou que derrogará o decreto do galego e revisará a política lingüística das galescolas. A CIG, central sindical nacionalista, xa avisou de que os retrocesos no ámbito da lingua, como a eliminación do decreto, tería como consecuencia a mobilización dos seus afiliados. Manuel Mera, secretario de Formación Sindical e Comunicación do sindicato, explica a ANT a postura da organización.

O PP incidiu no tema da lingua, e vostedes foron dos primeiros en responder...
A clase traballadora non ten só intereses económicos. Para os asalariados son importantes o salario, a fiscalidade e os servizos sociais, pero ademais o traballador busca cultura, protagonismo na sociedade, democracia e identidade. Non penso que a identidade galega sexa só a lingua, pero si é un elemento vertebral na sociedade. Os ataques que se veñen facendo á lingua nas últimas décadas desde distintos ámbitos do poder non son admisíbeis. Dá a impresión de que agora se quere empregar como ariete o PP, e iso é grave. Grupos minoritarios como Galicia Bilingüe son menos preocupantes.

Cales serían as principais características destes ataques?
Estase tentando converter a vítima no asasino. Os galegofalantes somos as vítimas sociais da realidade idiomática, e quérennos facer pasar por verdugos. Isto conséguese pola instrumentalización de pequenos grupos que non saben como responder a estes temas, e pretenden impoñer o galego pola forza. Esta é unha postura minoritaria. A maior parte do nacionalismo non vai por aí, e a realidade é que o español si se impón pola forza. Nos últimos meses empregáronse todos estes resortes de xeito sutil e ás veces desde o nacionalismo non soubemos ou non puidemos combater quizais porque non temos os grandes instrumentos mediáticos necesarios.

Galicia Bilingüe saíu á rúa e atraeu moita atención. A CIG ten máis de 60.000 afiliados. Pensan que deben mobilizarse na rúa ou que a estratexia debe ir por outro lado?
O nacionalismo vai ter que mobilizarse porque o PP vai agredir á lingua galega. Teremos que encontrar argumentos para convencer á maioría social que fala galego. Até agora cometéronse erros como esixir leis para que a xente fale galego. Isto dálle argumentos aos españolistas, porque implicitamente se afirma que ninguén quere falar galego e son necesarias medidas represivas para conseguilo. Un camiño máis axeitado é o de insistir nos casos de persoas que foron despedidas por falar galego, que foron reprimidas. Esa é a mensaxe acertada, porque responde á realidade social. Os que defenden que os falantes de español están oprimidos teñen un caso e paséano por todo o país. O poder é intelixente, teñen argumentos, dialéctica, estudos, saben ofrecer mensaxes. contra todo iso loitamos nós. Hai que desentrañar, clarificar e emitir mensaxes precisas. Se a xente pensa que o galego lle é funcional, que lle dá valor, e que a realidade galega ten forza e importancia, falará galego.

A Nosa Terra Semanario publica no número do 12 de marzo unha entrevista con Manuel Mera sobre as expectativas económicas e laborais da CIG na nova lexislatura.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 12-03-2009 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal