Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Non creo nunha identidade baseada na música celta, o caldo, o hórreo e os cruceiros
Bieito Iglesias: Catedrático de lingua e literatura galegas e escritor
Está en perigo o galego, que pasou dunha situación de inferioridade diglósica, padecida ata hai pouco, a verse ameazado por un proceso galopante de substitución polo español.

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe

Bieito Iglesias recibiu o premio Blanco Torres de xornalismo e o Merlín de literatura infantil e xuvenil


Bieito Iglesias Araúxo naceu o oito de xaneiro de 1957 en Ourense. Aos cinco anos ?por emigraren os pais a Suíza? pasou a vivir cos avós paternos e maternos nos lugares de Figueiredo e Pol (Concello de Coles). Esta inmersión vital e lingüística na ruralía explica parte dos materiais literarios que usa nas súas obras e o colorido idiomático das mesmas.

O arrabaldo popular auriense e o agro dos anos sesenta, un mundo en transición, escarranchado entre unha tradición labrega centenaria e a penetración da modernidade (televisión, tractores, capitalismo), conforman escenarios moi frecuentados polo autor.

Regresou a Ourense para estudar o bacharelato e cursou posteriormente (1975-80) a carreira de Xeografía e Historia na Universidade de Compostela. Desde entón, con breves interrupcións, reside nesta cidade. Os anos de revolta estudantil santiaguesa e a actualidade capitalina ?ínfulas de clase media emerxente, intrigas arredor do poder autonómico? son outras tantas veas explotadas literariamente nos seus libros.

Militou desde a adolescencia en formacións nacionalistas, primeiro en Estudantes Revolucionarios Galegos e na organización universitaria da UPG, e logo nese partido, do que foi membro do Comité Executivo e secretario fundador das mocidades (Unión da Mocidade Galega). Nos anos oitenta promoveu con outras persoas un colectivo, Avante, que se propuxo renovar o discurso e a práctica política do Bloque Nacionalista Galego. Abandonou os traballos políticos hai máis dunha década para dedicarse ás súas profesións: catedrático de lingua e literatura galegas e escritor.

Tense dedicado á tradución (nove tomos da Biblioteca Sherlock Holmes) e ao columnismo en La Voz, A Nosa Terra e, actualmente, en Tempos Novos e EL CORREO GALLEGO. Por este labor recibiu o premio de xornalismo Blanco-Torres (en Barcos a pique recompila unha mostra do seu articulismo).

Ten publicado os libros de relatos Aventura en Nassau (1991), Miss Ourense (1992), O mellor francés de Barcelona (1999), premio da Crítica, Amor e música lixeira (2004); e as novelas Vento de seda (1992), Conta os latidos (1995), Bajo las más bellas estrellas(1999), A vida apoteósica (2001), A noite das cabras do aire (1999) ?que recibiu o Merlín de literatura infantil e xuvenil?, A historia escríbese de noite (2001) ?galardoada co Manuel García Barros? e Pan e coitelo (2008).

É cotradutor ?con Manuel Vázquez? da Biblioteca Sherlock Holmes, publicada pola Editorial Galaxia en nove tomos, que recolle a serie completa de novelas e relatos dedicada por Conan Doyle ao célebre detective.

Comecemos, se che parece ben Bieito, por cuestións lingüísticas, para pasarmos, xa que logo, a outras cousas. Poderemos mesmo comentar, a propósito da túa obra por esa "investimento vital na ruralía" que ti manifestas. Entendo eu isto como etimolóxicos de lugar, como campos semánticos, como semiótica, ou como diversidade dialectoxólica do noso idioma. Cecais estea trabucado, talvez, pero ao meu ver, e polo que teño lido de ti, entre o que levas escrito e aínda has escribir, hai na túa ánima ?se me permites a expresión? un galego ricaz, entre signficandos e significandos, que algunha certa intelectualidade filolóxica nega, refírome aos significandos. É, por suposto unha mínima reflexión, que ti, sen dúbida, poderás ampliar. Cal é entón o que ti podes e queres facer?

Tento escribir no galego que herdei dos avós, un legado que eles recibiron dos seus vellos, xentes dun mundo inteiramente designado no noso idioma porque non existía na ruralía presenza ningunha do castelán, isto é, dos axentes do Estado e do Mercado. Igual que se encabezan os viños con augardente, eu beneficio o galego popular herdado con achegas da lingua literaria de aquén Miño e do portugués.

Nación e idioma son conceptos inseparábeis?

Pessoa dixo que a súa patria era a lingua portuguesa. A miña é a lingua galega (e a portuguesa). Sei que existen nacións que compartillan idioma, por caso Austria e Alemaña falan alemán, e que hai nacionalismos ?o polaco ou o irlandés? fundados sobre a relixión como principal marcador identitario. Mesmo se coñecen movementos de liberación nacional que apelan a trazos étnicos distintos do idioma, tales como a gastronomía, o folclore musical ou os deportes tradicionais, pero de min sei dicir que non creo nunha identidade galega baseada na música celta, o caldo de nabizas, o hórreo e os cruceiros ou as moitas meiguices da Terra Meiga: verdes lameiros, grandes carballeiras, rías abrigosas, etc. Máis importante que as numerosas belezas naturais, é a beleza moral deste país, que Otero Pedrayo cifraba no seu espírito tolerante. Eu incluiría entre estas preciosidades morais a lingua propia, pola boa razón de que renunciar a ela sería un síntoma inequívoco de servilismo espiritual. Lord Byron, na súa obra ?A peregrinaxe de Childe Harold?, espétanos a seguinte observación: "Ata o último camponés español se sabe superior ao escravo lusitano, o escravo dos escravos". Se nós renunciasemos ao idioma, seriamos aínda máis escravos que o servo lusitano, pois este, mal que ben e despois de independizarse dúas veces de España, mantén a lingua nacional a salvo de Galicia Bilingüe e demais pragas mesetarias.

E así, Beito, pode ser ao teu ver o marxismo conxugábel co nacionalismo?

Si, iso xa quedou demostrado na polémica entre Lenin e Rosa Luxemburgo. Tamén é conciliable coa socialdemocracia ou o liberalismo, con calquera tendencia política.

Semellla algo badoco, por non dicir que o español, para min inexistente, está en perigo na nosa nación, galega, naturalmente, e polo tanto monolingüe, aínda que por diversas intencións, máis que razóns, o castelán sexa outra das linguas máis utilizadas en Galicia ou Galiza. En calquera caso o decreto de normalización lingüística, horas lectivas, paridade, etc., nin se respecta na primaria, nos IES, nin nas universidades galegas. Cal é a resposta que ti podes dar a esta miña pregunta?

Está en perigo o galego, que pasou dunha situación de inferioridade diglósica, padecida ata hai pouco, a verse ameazado por un proceso galopante de substitución polo español.

Literatura e compromiso, cunha lingüa, cun pobo, cun xeito de ver e entender a vida.... Cal é a túa proposta?

A literatura está comprometida só co goce estético, aínda que, como sentenciou Deleuze, referíndose aos autores das nacionalidades do imperio austro-húngaro: "Os escritores dun pobo menor escriben sempre para un pobo que falta, un pobo que existe porque o escriben e mentres o escriben".

Eu, Bieito, que vexo a nación galega ?moitas veces? en transo de desaparición, e con ela o idioma, non cres ti que poderiamos salvarmos, se tivesemos un Estado propio, e non fosemos subsidiarios ou colonia dun Estado aniquilador como ben pode ser o español?

A independencia nacional é condición necesaria pero non suficiente ?véxase o caso irlandés? para conservar o idioma galego. Ningunha lingua resiste a longo prazo o asedio dun Estado (do Mercado mediático e simbólico que as estremas estatais encortellan), agás que se trate do democrático Canadá, que consente a inmersión lingüística en francés no Quebec e mesmo autoriza referendos pola independencia. Logo están os casos, difícilmente exportables de Bélxica e Suíza, con monolingüismo en cada territorio con idioma de seu e ningún imposto como obrigatorio a todo o conxunto. É este un modelo excepcional, que esixe un equilibrio demográfico interno (60% de flamengos e 40% de valós francófonos no exemplo belga e un 60% de alemán-falantes suízos fronte a un 40% que parla en francés, italiano ou romanche) e tamén patrocinadores ou padriños externos: os flamengos únense a Holanda vía neerlandés e os valóns apóianse na República francesa; no tocante aos suízos, coa excepción do romanche probablemente condenado a desaparecer, uns teñen o patrocinio de Alemaña, outros da Franza e os do cantón do Ticino de Italia.

Multilingües, plurilingües, cal é para ti a realidade?

Un país pequeno está condenado a ser políglota. Os países escandinavos sono, pero non desaparece o noruegués substituído polo inglés, va que non?

O bipartito, cal hoxe, e unha das mellores cousas, ou camiños que nos pode acontecer, para seguir desta maneira. Non che parece a ti Bieito que o BNG perdeu o roteiro dunha Galiza soberana e aproxímase ás posturas da socialdemocracia ou centristas, e polo tanto da aceptación submisa do capitalismo e a globalización?

Non creo que peque de moderación. Sucede que mesmo para erguer unha forza galeguista socialdemócrata se necesitan principios firmes, non abonda co oportunismo. "Os principios son necesarios, tanto para derrubar ao rei como para manter o rei no seu trono. A persoa que perde os seus principios confúndese coa indeterminación do campo, cos valados, os regueiros, as florestas e as hortas. Os nabos son excepcionalmente tolerantes". Algo así escribiu Chesterton.

Prosigamos en cuestións políticas.... O Estado español do que aínda somos grea, é aconfesional como di a súa Constitución, ou polo contrario entra en graves contradicións os termos?

Pola inercia do pasado nacional-católico, do fascismo de sancristía, é semiconfesional.

Imos agora Bieto á literatura en liñas xerais... Vivimos uns anos de ouro ou non é para tanto?

Ímola virando e tan bo día. Son malos tempos para a literatura universal porque o Mercado é anticanónico e rexeita a excelencia. De por parte, neste século XXI domina o número sobre a letra, de maneira que as intelixencias máis preclaras (que no quattrocento se orientaban ás artes plásticas e no XIX á literatura) optan polas enxeñerías. Por contra, arriba ás belas letras moito parvo de Deus Noso Señor. Infelizmente, aos infelices que antes aspiraban a dirixir o tránsito arremedando os villeus ou que lle arrebataban a batuta ao director para facer que dirixían a banda de música, dáselles hoxe por escribir poemarios, ensaios e romances.

Ti es un escritor de aventuras, así, sen máis, ou pola cantra, nesas aventuras hai mensaxe e mesmo compromiso como antes mencionei?

Son un escritor case secreto e por iso hai quen pensa que ecribo aventuras. Os que me len saben que -dentro dos meus talentos- procuro seguir a certos mestres: Faulkner, Nabokov, Bellow, Updike, Tournier, Blanco Amor, etc, sen desprezar autores máis populares como o Rubem Fonseca. Os meus libros parécense máis, espero, aos de Amis, Barnes ou William Boyd, que aos de Ian Fleming.Nada me afasta da poesía, tanto é así que escribo poemas aínda que raramente os publico. Detesto o que Manuel Antonio chamaba "liridades", non podería saír da casa envergoñado despois de escribir una aliteración prosmeira como "gladiolos galantes".

Que é o que te alonxa a ti da poesía, se é que algo te
alonxa?

A miña literatura tende á desorde, á entropía moral, e a novela é un xénero que triunfa en períodos de crise de valores, no helenismo ou na Franza de despois da Revolución.Os asuntos que me ocupan son a memoria ferida (a experiencia máis a ferida que nos deixou), a dor do desexo contrariado e o desvío ao vermello, non precisamente o desvío das galaxias que se afastan unhas das outras a pavorosa velocidade de recesión, senón o abismo entre os individuos condenados presentemente a loitar todos contra todos nunha briga que se suma as vedraias lideiras étnicas e de clase.

A respecto dos credos, cal é a túa opinión, a túa secuencia, a túa actitude?

Son ateo, pero non me alegro de selo.

Eu entendo as monarquías sempre absolutistas, por máis que pola súa supervivencia se autointulen parlamentares, cal o caso da que representa o Estado español. Creo que Marx xa falaba algo disto, se mal non recordo. Cal é o teu
posicionamento?

Son republicano? da República de Irlanda.

No caso do federalismo -e desculpa- que non prosega na literatura anunciada máis arriba, non sería mellor para nós?

O federalismo canadiano teríache boa dúbida, o norteamericano ou alemán non recollen a diversidade cultural e idiomática.

Regresamos á República das Letras... Por que e para que se escribe, Bieito....?

Eu escribo por vicio.

Unha hipérbole, unha metáfora... Cantos axóuxeres perderon, quen as perdeu, no camiño de Damasco?

De todas as perdas só unha me pesa: por aciagas circunstancias que non veñen ao caso perdín de bailar coas mozotiñas nas verbenas de antes. Caín do burro embaixo moitas veces camiño da escola, que estaba en Vilarchao e non en Damasco, pero iso non me converteu en admirador de Juan Ramón. Aborrezo ?Platero y yo?.

Que libro que aínda non escribiches e che tenta escribir?

Gustaríame alumear un libro titulado Por que non escribín certos libros meus, no que explicaría por que fican no limbo textos que debería escribir sobre o tema da valquiria Brunilda (este é o nome tamén do virus da polio) e sobre outro tema alemán: a foria ou transporte de nenos, que coñezo porque andei ao lombo de pais e parentes ata ben grandiño e así librei do ataque ogresco do Señor dos Amieiros.

Cal o libro que deixou máis grata impresión na túa memoria de lector?

Ada ou o ardor, por mister Nabokov.
, por mister Nabokov.

Traballas agora mesmo nalgunha obra de aventuras, librescamente falando?

Teño millo vello no cabaceiro (un libro de relatos e un poemario xa escritos), escribo actualidades para diversos medios de comunicación e redacto páxinas a medias inspiradas polo afecto e o rancor sobre a miña cidade natal, que compoñerán un libro de viaxes a Ourense, ao pasado que é un país estranxeiro. l
(un libro de relatos e un poemario xa escritos), escribo actualidades para diversos medios de comunicación e redacto páxinas a medias inspiradas polo afecto e o rancor sobre a miña cidade natal, que compoñerán un libro de viaxes a Ourense, ao pasado que é un país estranxeiro.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 23-02-2009 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0