Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Non se pode querer a Galicia e non ao galego
Xesús Palmou, en Xornal: "Non se pode querer a Galicia e non ao galego"

- ?O PPdeG ten que contar cunha absoluta independencia de Madrid para tomar as súas decisións?.

- Di que a Constitución "discrimina o galego".

- "Non creo que o sucedido en Ourense vaia ter un custe electoral para o PP".


Xoves, 12 de febreiro de 2009


Palmou sostén que o Estatuto "pódese desbloquear mencionando ás Irmandades da Fala". AMADOR LORENZO - Rodri Suárez / XORNAL.COM - A Coruña.- A estas alturas do xogo, Xesús Palmou non se vai agochar. Máis ben ao contrario. Dotado dun discurso que conta co aval de máis dun cuarto de século de carreira política, o que foi conselleiro de Xustiza na era Fraga defende o PP do que foi secretario xeral, aquel que resultaba difícil de imaxinar da man de organizacións como Galicia Bilingüe. Agora, o seu partido comeza a mudar ese discurso salferido de galeguismo e el afronta as eleccións fóra das listas, pero non por iso coxea a súa fidelidade. Simplemente, insiste na defensa de camiños clásicos, o que podería soar a contestación de non tratarse dunha figura coa suficiente autoridade moral para seguir a enriquecer o debate no PPdeG.

Vostede formou parte da comisión que traballou para reformar o Estatuto. Por que non se chegou a un acordo?
Non hai Estatuto porque despois dun traballo longo de máis dun ano, nunha ponencia na que houbo acordos moi importantes como a lingua, chocamos en flocos que necesitaban unha aproximación desde as máis altas instancias dos partidos, como o financiamento e o principal escollo, que foi a definición de Galicia no preámbulo, xa que na parte normativa xa había acordo, que era o de definirse como nacionalidade histórica. Pero ao non haber acordo no preámbulo xa non se entrou no resto, onde a aproximación era máis sinxela. En financiamento, o BNG pretendía contar co 90% dos impostos, mentres que o resto pedíamos o 50%, como Cataluña. Iso nos levaba a unha situación complicada porque podería rachar o principio de solidariedade do Estado, o que prexudicaría ás comunidades máis pobres. Pero, insisto, o problema foi o preámbulo, que é algo que non se aplica.


Pero non houbo nese apartado un principio de acordo?
Houbo unha posibilidade de acordo que ao final non se puxo enriba da mesa, que era que no preámbulo se fixese unha referencia á Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918, a primeira das Irmandades da Fala, na que se define a Galicia como ?Nación?, algo que é absolutamente obxectivo e era unha fórmula semellante á do Estatuto andaluz.


Pódese recuperar esa fórmula?
Como posibilidade segue aí. Na próxima lexislatura vai haber acontecementos que van posibilitar o acordo, como a sentencia dos recursos dirixidos ao de Cataluña ao Constitucional. Onde o Tribunal diga que non, aí non se poderá entrar. Estará claro o que é constitucional e o que non. Pero é importante lembrar que o que non hai nin houbo foi un bloqueo por parte do PP, o que houbo é falta de acordo. Tendo en conta que agora temos un Estatuto que non contou coa aprobación de todas as forzas parlamentarias, non se pode facer outro no que volva a pasar isto. O novo ten que ser de consenso, para que sexa realmente un Estatuto de Galicia, no que todas as forzas pidan o si no referendo.


Aceptaría a dirección estatal do PP que o seu partido en Galicia incluíse unha referencia nacional no preámbulo do Estatuto aínda que fose por medio das Irmandades da Fala?
Eu entendo que si porque aceptou a de Andalucía, que non di ?nación? pero si ?realidade nacional?.


Pero o PP semella que aposta pola centralidade. Aí está a recente imaxe de varios altos representantes da súa formación na rúa xunto a Galicia Bilingüe, que máis alá do que manifeste é obvio que non sente moito cariño polo galego.
No tema da lingua pártese dun erro. A Constitución impón o deber de coñecer o castelán pero non os idiomas autóctonos. Polo tanto, hai unha discriminación cara ao galego que debe solucionarse dende o Estatuto, estabelecendo a igualdade das dúas linguas no seu ámbito territorial, co deber de que os galegos coñezan o galego. Iso está claro. O Goberno de Albor, coa súa impecable Lei de Normalización Lingüística, decretou que os galegos tiñan o deber de coñecer o galego, pero recorreu o Goberno do PSOE e o Constitucional recortou a lei. Agora? Temos o problema de non ter a obriga de coñecer o galego e a segunda cuestión é que no ánimo de favorecer dende os poderes públicos o uso do galego, algo co que estou completamente de acordo, sacouse un decreto onde se di que hai que impartir en galego un mínimo do 50% das clases. Eu penso que o normal é que fose 50% en galego e 50% en castelán, porque se non se pode dar unha inmersión lingüística en galego de todo o ensino, o que non favorecería porque hai que fuxir das imposicións. Unha vez se igualen os dous idiomas, cada un ten o dereito de usar o que queira. Eu estou a favor das medidas de discriminación positiva a prol do galego pero sen imposicións para evitar que os están en contra do galego teñan argumentos.


A defensa da lingua non é un tema menor, polo tanto.
O galego é o principal elemento definidor da nosa identidade. Non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma. É incompatible. Non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio. Esa é a miña posición substancial e creo que tamén a de Alberto Núñez.


Entón, Corina Porro non quere a Galicia?
[Sorrí] Corina quere a Galicia e eu dou fe que fala galego porque eu tiven moitas conversas con ela en galego, máis que en castelán. Eu creo que foi un erro, incluso desde as posicións que queren o mellor para o galego, ese decreto do ensino, porque o utiliza xente que non quere falar o galego nin tampouco que sexa un idioma normal.


Depende este PPdeG máis de Madrid que o que lideraba Fraga?
Non. Creo que o partido en Galicia ten que contar cunha absoluta independencia para tomar as súas decisións. Tivémola durante a época de Fraga e creo que Alberto Núñez a mantén.


Preguntan os internautas se cre que Feijóo acertou coas listas, sobre todo logo do que ocorreu co destituído número un por Ourense, Luis Carrera.
A renovación ten que ser algo permanente, e é necesario. No que fai referencia a min contribuín no posible xa que é razoable que despois de vinte anos eu deixe paso a outro, malia que tampouco me excluín. Sobre o do home este de Ourense... eu supoño que Alberto Núñez miraría o currículo, e igual ata se fixera unha investigación non coñecería o que fixo este home. Pero hai que recoñecer a rapidez de reflexos e de actuación de Alberto Núñez, que fixo o que teñen que facer os partidos: poñer empeño en que haxa limpeza na vida pública.


O sucedido en Ourense terá custe electoral?
Non creo, os cidadáns teñen que ver que a actuación do presidente foi a correcta.


E as relacións de Pablo Crespo, recentemente detido dentro da trama de Madrid, co PPdeG?
Hai actuacións a título persoal que non teñen que ver coas organizacións. Hai que diferenciar. Xente que se salta as normas hai en todos os ámbitos e o que hai que facer é que esas actitudes desaparezan. Non hai ningún partido que queira ter no seu seo tipos desta calaña. Algunhas desas persoas que están detidas foron expulsadas do partido, aquí en Galicia. Non volveu a entrar, nin fisicamente nin con ningunha empresa.


Cre que houbo cambio no país coa chegada do bipartito?
O cambio valórase se hai mellora. E ese cambio non se ten producido. Si é certo que na primeira parte da lexislatura se deu a continuación da inercia de crecemento económico que viña da época de Fraga. Iso é consecuencia dos 16 anos de goberno anterior, nos que se modernizaron as estruturas produtivas do país. A xente malvivía da agricultura e iso modernizouse, como o sector servizos ou a industria, algo atribuíble ao goberno e tamén a outros axentes, como unha clase empresarial e laboral moi ben preparada. Con este Goberno non houbo variación no eido económico. E no último ano apareceu a crise, onde non está habendo respostas importantes dende o Goberno de España, que é onde residen as políticas transcendentais, e aí non se está acertando. Agora, estamos no furgón de cola.


Estamos inmersos nunha dura crise.
Afecta a todos, pero a uns máis que a outros. Porque a quen realmente afecta é aos que quedan sen traballo. A un funcionario non lle pasa nada, non lle afecta para nada, de feito ten as viaxes ou as hipotecas máis baratas. Aféctalle a quen queda sen traballo. E eles teñen que ser os primeiros aos que se dirixan as medidas.


Falando de medidas e dende un punto de vista político, pero tamén dende o xurídico, como ve a polémica do voto emigrante? Ten solución?
A saída democrática é unha: que os emigrantes voten igual que se vota aquí, en urna e identificándose. Non pode ser que unha persoa vote por outra como ocorre agora na diáspora, sabemos que un tipo pode chegar a Correos con cincuenta votos para quen lle dea a gana. Iso é unha trapallada. Un Estado de dereito non o pode permitir. Pero como esa situación favorece ao que ten a capacidade para cambiala pois mantense. Se aquí en Galicia teño que ensinar o DNI, como alí non? Como pode dicir un partido serio que iso é impedir que voten os emigrantes? É o mínimo. A solución ten que ser votar en urna, como fan outros países. Se supón maior incomodidade... haberá que facer o mellor posible e poñer facilidades. Pero os países que teñen aquí unha importante poboación emigrante pois votan aquí. É o lóxico, dende un punto de vista político e xurídico.


Afirma o PSOE que sería moi complicada esa medida porque non hai lugar físico para que voten tantos galegos.
En España as mesas electorais están en colexios ou incluso tabernas. Alá, por exemplo en Bos Aires, hai moitos sitios onde se poden poñer urnas como as de aquí ademais do Consulado, como o Centro Galego e similares. E se os votos chegan máis tarde, pois é igual que agora, pero chegarían con garantías. Non pode ser que chegue un tipo con cen votos. O 90% dos que votan alá non saben a quen votan.


Que pasaría se os sufraxios exteriores decidisen as eleccións?
Sería un desastre, un atentado á democracia. O voto emigrante emitido nesas condicións non pode decidir un Goberno.


Cando vostedes estaban no poder tampouco cambiaron o método.
O cambio lexislativo non se fai aquí en Galicia. Nós gobernamos en Madrid oito anos, pero é certo que en 2001, nas eleccións autonómicas, eu falei con todas as forzas para que se tomasen medidas para evitar que o voto emigrante chegase con dúbidas. Solicitaba que cada cidadán emitise o seu voto, pero non houbo resposta, seguramente porque daquela se pensaba que non podía decidir unhas eleccións. Pero agora, en Galicia xa afecta a deputados e pode definir gobernos, o que é escandaloso.


Vostede foi presidente de Sogama, como ve a polémica que está a rodear esta sociedade actualmente?
Sogama foi un proxecto absolutamente válido e imprescindible para Galicia, pero non se completou como estaba previsto e por iso falla. O evidente é que en Sogama na actualidade hai cousas que cheiran mal, nunca mellor dito. E se algúns dos que estaban antes agora fan mal o que antes facían ben é que a culpa pertence aos que mandan.


E, como avogado e ex conselleiro de Xustiza, cre que os xuíces teñen dereito á folga?
A situación da Xustiza hai que cualificala de insostible. É dramática e desastrosa. Os responsables fundamentais e únicos desta crise son os Gobernos. Hai problemas estruturais, incluso que afectan á organización. As Comunidades Autónomas teñen que ter máis competencias. Non se lle están dando á Xustiza os medios necesarios para facer o seu traballo, hai 176.000 casos pendentes só en Galicia. Non se reforzaron os xulgados. Ante isto, os xuíces non só teñen o dereito senón tamén a obriga de protestar. Tiñan que telo feito hai moito tempo. Non quedar quedos mentres os xulgados podrecen.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 12-02-2009 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0