Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Portu-Gal (Colaboración dende Santiago)

Portu-Gal
Coa lingua de excursión]

Adriano Quiroga Castiñeira
Andrés Peleteiro Raíndo
Martín Santamarina García
Miguel Batalla Liste


Madrugar é unha desas cousas que só apetecen en situacións que realmente pagan a pena, e esta excursión foi unha delas. No comezo da viaxe non houbo nada realmente interesante, e sentíamos envexa de que os nosos compañeiros de aula estiveran desfrutando das amenas e entretidas clases da mañá, como Sociais, Matemáticas, Tecnoloxía... Mágoa non estar con eles! (risos).
Rapidamente comezamos a facer amigos. Integrarnos foi especialmente doado, xa que, como moito, había cinco persoas de cada instituto, dos nove centros que ateigábamos o bus.
A primeira escala da nosa calorosa viaxe foi Braga, da que non gostamos polas súas solemnes igrexas repletas dos cadáveres dos insignes personaxes alí enterrados (cousa un tanto inquietante), mais si polos abundantes e verdes parques ateigados de maxestosas fontes.
Logo de xantar en Braga, e completando o último tramo da viaxe, chegamos a Porto, onde a visita á praia de Matosinhos e á célebre Casa da Música (de moderna arquitectura e con acústica case perfeita, para alén de salas con todo tipo de curiosidades), levounos toda a tarde. Seguidamente... a nosa habitación do hotel! Un palacio con todo tipo de luxos: unha porta maior que o marco (de maneira que o baño non pechaba); espellos e colgadoiros que literalmente caian a cachos sen axuda de ninguén; unha tapa do váter que non se suxeitaba (e que obrigaba a afinar a puntaría); a típica mascota lusa de oito patas cuxo hábitat se sitúa na bañeira (e non se trataba dun polbo senón de arañas)...
E, tal e como costuma, despois da tarde vén a noite. Unha noite na que, até a hora limite (01:30), pretendíamos pasalo ben nalgunha discoteca, pero a única que encontramos pretendían reternos até que pagásemos o consumo mínimo. Despois de dar fuxido, procuramos durante o resto do tempo outra discoteca da que nos falaran que, fóra xa da hora limite, conseguimos achar.
Logo de saír de “O piolho d’Ouro”, que así se chamaba o ateigado local, tíñamos que voltar para o hotel; mágoa que xa pasaban 5 minutos da hora límite de chegada e que estábamos a unha distancia de varios centos de metros. Nese momento o grupo dividiuse: uns decidiron ir correndo e outros, ao ver unha costa arrepiantemente empinada, ir en taxi. Deuse unha situación ben curiosa nun dos dous taxis empregados: ninguén sabía onde ficaba o hotel, polo que houbo que discutir durante cinco minutos cun taxista lixeiramente esquizofrénico que pretendía levarnos ao Hotel Ibis de Gaia. Por sorte, diante da nosa ignorancia, o taxista chamou á central e descubriu que o nome era “Residencial Aviz”, e que estaba a pouco máis de tres rúas de distancia. Esta curta mais intensa experiencia resultou ben enriquecedora, alén de aprender que non se debe subir a un taxi sen saber onde ir. E con isto achamos o leitmotiv da excursión: galegos e portugueses podemos comunicarnos sen ningún tipo de restrición. Os cidadáns da Galiza podemos e debemos achegarnos o máis posíbel á área lusófona, se non queremos perder as nosas raíces e a posibilidade de internacionalización nestes comezos do século XXI.
A nosa primeira noite fóra da casa no hotel foi como estar nun gulag siberiano, sobre todo polo frío que algúns pasamos ao esquecérmonos desligar o ar acondicionado. E polo control das profesoras de dous centros da comarca de Ferrolterra que non nos deixaron nin saír ao corredor ante a ameaza de ser expulsados.
O último día en Portugal comezou ás oito da maña, nun baño ateigado das típicas mascotas lusas, ás que se xuntaron unhas encantadoras formigas, e un copioso almorzo.
Esa mañá tíñamos que visitar no comboio turístico o casco antigo de Porto e as internacionalmente coñecidas adegas de Vila Nova de Gaia. Antes da hora de saída percorremos unha maxestosa libraría, Lello-Irmãos, onde nos puidemos encher de libros en português. A viaxe no comboio, da que non puideron desfrutar dúas compañeiras ás que se lles pasou a hora, foi do máis didáctica. Puidemos ver os principais edificios do centro e coñecer o carácter dos engraçados condutores portugueses que nos cumprimentaban constantemente.
E máis nada e a máis ver. Repetiremos en 2009? E como non!!!
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 02-07-2008 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Menudas partidas de monopoli que botaban tres destes na habitación. Verdadeiramente a discoteca foi un#blgtk08# erro, perdón x levarvos a un sitio ao que nunca fora.


Un saúdo santiagueses!!
Comentario por Rondador nocturno (03-07-2008 01:06)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal