Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Falar-ler-escreber galego na Galiza é máis difícil que aprender alemán ou inglés
Galicia Hoxe

Profesora e escritora
Pilar García Negro: Falar-ler-escreber galego na Galiza é máis difícil que aprender alemán ou inglés
É lastimoso ter que recordar o beneficioso que sería, para o proceso inacabado de normalización da lingua galega, un consumo maior de produtos escritos e audiovisuais en portugués
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE


María Pilar García Negro naceu en Lugo o 9 de outubro de 1953. Doutora en Filoloxía Románica, é profesora da Universidade da Coruña desde 1991 e, antes, de 1976 a 1990, mestra de Ensino Medio. Na Universidade da Coruña, imparte aulas de Lingua Galega, Sociolingüística e Literatura Galega Contemporánea. Cofundadora do Comité Español do Bureau Européen des Langues moins répandues, en 1985 foi delegada galega deste organismo até 1992. Membro da comisión de redacción e do Comité Científico da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Colaboradora habitual da AS-PG, a Asociación Cultural "Alexandre Bóveda", da Coruña, e da AELG. Directora literaria da BVG, da Universidade da Coruña e Directora Xerente da Fundación Bautista Álvarez, de Estudos Nacionalistas. Membro do Consello de Redacción das revistas Terra e Tempo, Altres Nacions e Revista Galega de Filoloxía. Deputada, polo BNG, no Parlamento galego, entre 1989 e 2003, onde se ocupou de temas de educación, cultura, lingua... En 1994, promoveu a constitución nesta Cámara da Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres.

Ti es, Pilar unha dignínisa estudosa da lingua, do idioma, que ten pasado por diversos felices e infelices acontecementos. Agora mesmo nunha situación que eu considero menos mala, aínda que iso si, con distintas ameazas por parte da perversa colonización lingüística en castelán, resulta que os colonizados e os colonizadores, despois do Decreto de ensino na nosa lingua, séntense ameazados, uns pola falta de autoestima ou ataraxia interactiva, e outros, aínda que maliciada e ignoramente o oculten, mergullados nunha diglosia estarrecedora, o que pretenden é o exterminio e polo tanto desparición do galego aquí e acolá, acubillados uns e outras nuns discutíbeis dereitos individuais. Que opinas da miña reflexión?

Con efeito, a situación da lingua galega está ben resumida nesta síntese... É o mundo ás avesas. O galego, como idioma nativo e nacional, segue a sufrir unha subordinación imposta á lingua oficial do Estado, o español. Onde el, o idioma, ten de existir normal e habitualmente, como lingua visíbel e audíbel social e publicamente, é aquí, na Galiza, a terra e a sociedade que o criaron, desenvolveron e arrequeceron. Teimar en impor supostos dereitos individuais ao uso dunha lingua elefantiásica e hiperprotexida como o español equivalería a dar por bon o hexemonismo, o racismo lingüístico e a xerarquía acrítica da lingua oficial do Estado. É o galego, en suma, o que precisa de normalización de usos sociais e públicos, feito recoñecido até pola cativa (no duplo sentido: pequena e cautiva) lexislación de que dispomos...

Cres que a chamada "Normativa de concordia" está ben así, ou polo contrario cómpre outra distinta que se aproxime máis ao portugués, pero que tampouco sexa ese lusismo ou "reintegracionismo"?

É lastimoso que, xa no século XXI en que andamos, teñamos que seguir a recordar o beneficioso que resultaría, para o proceso inacabado de normalización da lingua galega, un consumo moito máis amplo de produtos escritos e audiovisuais en portugués. Sendo o galego a lingua matriz do común sistema e, hoxe, covariante interna ao mesmo, sigo a defender a reintegración -non fusión- ao máximo posíbel. Ter en conta o portugués para esquivalo e diferenciarse del sistematicamente -tal e como fixo a normativa oficial tradicional- é mal negocio e non vexo a que cousa boa poida conducir... O problema da chamada normativa de concordia é que, nos (escasos) meios masivos en que existe (TVG, rotulacións de Sanidade...) nin sequera é respeitada tal e como foi aprobada: véxase como se volveu ao "ó" por "ao" ou a "limpa-la mesa" por "limpar a mesa"... e xa non digamos a "orde" de penalizar e excluír a forma Galiza, como se fose un capricho de nacionalistas e non -ao igual que galega-o, tanto tempo subsitituídos polos populares "gallega-o"- a forma auténtica e recuperábel do nome da nación.

Na cuestión nacional galega, ás veces -demasiadas-, semella calafriante a deriva do BNG cara a xeitos dunha socialdemocracia que os arreda da clara e esencial liña fundamental, pois dá a impresión de que coa autonomía e unhas cantas transferencias máis ou menos importantes, xa está feito todo. Cres que o BNG ten abandonada a reivindicación nacionalista e polo tanto independentista, ou polo contrario é unha cuestión de estraxia cara a un "alba de gloria"?

Vaiamos por partes... A independencia (a real, non a nominal) é unha opción como outras de calquera ideario nacionalista. A cuestión é como e con que instrumentos posíbeis se camiña cara a unha autodeterminación, camiño onde todas as conquistas de autogoberno e de asunción de competencias e de responsabilidades xurídico-políticas non van sobrar nunca, porque elas darán a medida, en sendo reais e financiadas, do exercicio dunha soberanía que é requisito basilar daquel autogoberno. Segundamente, que diría o añorado Manuel María: o problema actual dalgunhas políticas gobernamentais do BNG pode estar na preocupación por se homologar, anti-realistamente, nunha xestión que, velis nolis, depende de marcar convenientemente o territorio político, como marca intransferíbel e non imitativa de novos ricos. Nunhas outras áreas de goberno, coido que se están a facer intentos serios de mudar -no contido, non na propaganda- aspectos importantes da xestión autonómica. No que a política institucional ten de oportunidade pedagóxica, non debería existir o menor temor a naturalizar e difundir terminoloxía, necesidades e alternativas que o nacionalismo galego contemporáneo se encarregou de axendar e de socializar historicamente...

Pilar; nacionalismo e independentismo son causa e resultado inherente, ou polo contrario, pódese ser nacionalista e non indepententista?

Adaptemos a práctica á teoría. Estamos todos de acordo en que o dominio que pesa e pexa sobre a Galiza é secular e grave. Se isto é así, non é doado, en curto período histórico, remover fulgurantemente as súas causas e conxurar milagrosamente as súas consecuencias. Podemos declararnos todos independentistas -como expresión volitiva e voluntarista- e deixar que a política "vulgar" a fagan outros, isto é, as forzas políticas de obediencia española. Mal negocio, penso. A "independencia" real vai estar na reapropriación dos recursos; na soberanía política real (fiscal, financeira, de negociación...); na asunción plena de competencias non vixiadas polo Estado ou pola Unión Europea; no uso libre do noso idioma; na desclasificación da nosa cultura... En fin, no que eu gosto de denominar dereito ao triplo V: dereito de voz, de voto e de veto.

Imos agora, Pilar, verbo do Estatuto actual, onde se di clara e vagamente que Galicia "é unha nacionalidade histórica". A min paréceme a un prístino acedo que foi... É dicir, que hoxe en día, nacionalidade histórica, é unha expresión case metafísica que non quere dicir máis que o que di: "foi e xa non é", "peza" de museo, folclore banal e baladí. Que é o que cómpre para non perpetuar esta situación tan lonxívaga como fugaz e estraña?

Lembremos unha aclaración terminolóxica que xa pertence á historia. "Nacionalidade" está asociada, semanticamente, á nación. Pouco importa que se nos permita denominármonos "nacionalidade histórica" se quen outorga, segundo a Constitución vixente, a tal nacionalidade é somente o Estado español e a única nacionalidade permitida é a española. Como eufemismo, resulta, efectivamente, anacrónico, confuso e, desde logo, precisado de adaptación legal-conceptual: somos unha nación, non un anaco subalterno dunha entidade estatal exterior e superior e, por sérmolo, aspiramos ao correspondente recoñecemento xurídico-político. Esta é á única "modernidade" que se me alcanza...

Unha nación sen Estado ten moito futuro; ou non é máis que unha lilaila que dura o que dura?

Concordo con Bautista Álvarez cando recorda que a aspiración lóxica dun nacionalismo como o galego é a consecución dun Estado proprio, isto é, de institucións con plena capacidade política e decisoria no ámbito do seu territorio e da súa sociedade. Que isto se realice en unión pactada e horizontal -confederal-, en pé de igualdade, en beneficio mutuo de todas as nacións internas ao Estado español non é -non debera ser- quimérico. Será utópico, mais ás utopías hai que lles buscar lugar, como outras tantas que o foron antano e hoxe teñen realidade material.

Ti soñaches ou soñas cunha República Galega, marxistaleninista, socialista no mellor dos casos?

Eu, Manuel, se che digo a verdade, soño -hoxe por hoxe, a rentes do chao- cunha nación onde os galegos nos queiramos contemplar como tales, onde a lingua galega sexa vínculo unitivo interclasista, onde todas e todos os meus compatriotas non teñan problema en exteriorizar e en orgullarse desta nosa condición, onde as mulleres rompan de vez a rotación de satélites arredor do planeta-home...

O camiño de BNG actual é o mellor dos vieiros para achegarmos a unha Galicia, Galiza (ao teu gosto) libre e nidiamente de esquerdas?

Aclaremos que a política que fai o BNG non é, coido, a que quer senón a que pode. Dito isto, o perigo estaría en converter o conxuntural e posíbel en obxectivo a cumprir. Por iso, penso que é fundamental non perder nunca o norte dunha ideoloxía distintiva que naceu xustamente porque unha realidade material, social, cultural, nacional... así o esixía. Nunha nación como a Galiza, a materia esquerda só pode adoptar a forma nacionalista, pola propria necesidade de emerxencia e significación que ten após tantos anos de dependencia apendicular ou residual. ¿Que pode haber máis de "esquerdas" que practicar sen disimulación o idioma que identificou só o pobo e o mundo do traballo, polo tanto, a maioría social?

Non sei se ti es unha militante feminista, definición que a min non me gusta moito. Non ignoro os connotados e distintas confusións destes dous vocábulos... Cal é a túa opinión?

Claro que somos todos-as persoas, Manuel, mais dáse a circunstancia de que na ideoloxía masculinista e en todo sistema sexista uns deben ser xerais e outras, a perpetuidade, cabos ou sarxentos... E ti xa me entendes... En tanto exista feminización da pobreza ou as rendas máis baixas; diferenzas salariais inxustificábeis; plus laboral nas cargas doméstico-familiares para tantas mulleres; cousificación aberrante (ollemos onde, con máis profusión, aparecen mulleres nos xornais: nas páxinas finais de oferta de prostitución e venda de corpos...)...; en tanto siga a existir todo isto, o feminismo é un ben necesario, Claro que existe en plural, isto é, hai un feminismo de "fachada" que se satisfai coa paridade institucional en certos postos; hai uns outros que seguen a defender a melloría da maioría social feminina. Como hai mulleres adaptadas a aquela estratexia e contentas cunha representación outorgada polo poder masculino e outras con aspiración a non aceitaren regulacións paternalistas...

Tes unha ampla obra sobre política e literatura galega; estudos sobre Rosalía, Lamas Carvajal, Pardo Pazán, Castelao, Marica Campo, María Xosé Queizán e outras sobranceiras personaxes da literatura galega. Que salientarías ti deste percorrido teu?

Pois... non me pos fácil a resposta. Estou "obsesionada" con mudar a óptica colonizada sobre nós mesmos, a nosa historia, arte, cultura, literatura..., que son de ouro e merecen unha socialización e valorización moito máis extensas e intensas. Se isto non aconteceu plenamente até hoxe, é precisamente pola enorme potencia que tería (re)coñecérmonos tal e como fomos e somos, non en espellos cóncavos e convexos. De aí que unha cultura galega empequenecida leva sempre a sermos galegos a tempo parcial, non galegos desacomplexados como o mellor dos nosos clásicos...

"Galicia Bilingüe" e AGLI, organización das que supoño estás informada, que opinión che merecen?

A segunda das citadas e, hoxe, a primeira, eufemismos á parte, perseguen a exclusión pura e dura da lingua galega. Se fosen bilingüistas benévolas e ben intencionadas, terían que aplaudir afervoradamente as (poucas) medidas existentes a prol do galego, mesmamente en nome do "bilingüismo", do equilibrio e dun irreal fifty-fifty. A zunia contra o mínimo aparecemento do galego o que revela é xustamente a hipocrisía do adxectivo ("bilingüe") utilizado. De por parte, resulta lastimoso que existan compatriotas que gasten o seu tempo e enerxías en seren tan bons servidores dun amo que nunca os recompensará debidamente, simplemente porque non lle fan falta, e que poidan chufarse de non "entenderen" o galego na Galiza. Pobres! Hai que recoñecer que falar-ler-escreber galego na Galiza é moito máis difícil que aprender alemán ou inglés (¡)...

Que hai en ti de poeta que aínda non diches a coñecer? É por medo ou pudor intelectual?

O de "poeta" é, como sabes, hipérbole cariñosa dun amigo que ti coñeces e que eu agradezo... Mais, eu só aspiro a falar en público-escreber con sintaxe e con semántica e, iso si, cunhas pingas de estilo distintivo. Do resto, Manuel, hai cousas gardadas na gaveta, mais quen sabe o que será delas...

Un dos últimos libros que escribiches, é un ensaio sobre María Mariño. A min gustoume, porén nin a poeta nin o teu ensaio foron do gusto de moita xente que é preferíbel non citar aquí. Podes falar algo a propósito disto que che digo?

É que, a ciencia certa, non che sei moi ben que impresión puido causar, porque non recordo que recensións tivo, se as tivo... Coido que fixen unha aproximación esquemática, mais honesta, á escritora María Mariño, mais, como xa estou afeita ao silencio para as-os que transitamos fóra do márketing permitido, pois... Non se entenda que me afilio á resignación (defendo, polo contrario, a re-asignación), mais, como unha xa vai tendo anos, daquela xa hai menos cicatrices, téndomos en conta, sobre todo, o efémero de moitas pelexas insubstanciais. O que si boto en falta é un debate vivo -críticas non son reproches nin aldraxes- que si coido que existía nos teus -e meus- tempos mozos... Ora, con toda confianza, tamén digo: que a esta altura, após ter escrito e publicado varios miles de páxinas en galego, se me siga a considerar por algúns "mandaríns" ex- (como se a profesión de Castelao ou de Otero Pedraio fose a de ex-deputados...) ou a pensar que escritores-as son os membros do CAAC (Clube dos Autodenominados Artistas de Criación) pois... faime rir moito, como se "políticos" non fósemos todos, uns co vento de popa e uns outros co vento de proa...

Unha voltiña á literatura. Cal é o panorama da literatura galega actual... Vivimos o mellor tempo da nosa historia?

Estando o idioma como está e a difusión da literatura-cultura nacionais aínda tan fragmentada e empequenecida, mal se pode falar de idade de ouro, como gostan algúns... Ora, a potencia artística segue en pé, só que con máis confusión e sofisticación a respeito de períodos anteriores, en que o alento nacional estaba máis presente e o egotismo autorial máis ausente... Mais a literatura actual segue a dar nomes de ouro, moi por riba da media española.

No nacionalismo no que ti militaches e sen dúbida militas hai luces e sombras?

Si, desde logo, como en toda obra humana. Co peso de tanta historia negativa -que evoquei nunha resposta anterior-, case resulta prodixioso que se chegase a construír un edificio nacional colectivo e con vontade unitiva. Isto sería a grandeza do nacionalismo contemporáneo. Que nel pousen e se acomoden vellos vezos, individualismo e outros -ismos igualmente repelentes sería a súa servidume. Mais o construído cómpre loitar por que se preserve en todo o que tivo e ten de moderno, rupturista, inconformista e galeguizador.

Tes na túa memoria algún paraíso perdido?

Coñecidos fisicamente, onde quero voltar: o enorme manto verde do Val do Mao; o "Coto do Moucho", na aldea natal de miña nai, onde ía ao empardecer co meu pai; as Costas do Parque de Lugo, que xa non existen; a "Garganta del Diablo", no Iguazú... Quixera recuperar algúns momentos de especial ilusión vital, mais agradezo inmenso a amizade edénica -que non adánica- de tantas persoas que aman por riba de toda condición ou interese. Isto si que é "paraíso"...

Para cando o teu próximo libro, miña prezada Pilar?

Acabo de publicar, en Casahamlet, unha pequena monografía sobre Álvarez Blázquez e, na Fundación Bautista Álvarez, o Decálogo que a lingua galega precisa. O próximo -pendente de prólogo e ordenación- titularase: "De fala a lingua: un proceso inacabado".
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 01-07-2008 11:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal