Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Estudantes de oito países familiarízanse coa lingua e a cultura galega
O país con máis alumnos e alumnas matriculadas na Universidade de Vigo para aprender galego foi México, seguido de Alemaña e China.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/12/2015


Unha visita ao Museo do Mar de Galicia puxo fin a a catro intensos meses nos que vinte mozos e mozas de lugares tan distantes como México, Alemaña, China ou Corea tiveron a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto coa lingua e a cultura galega. Falamos do alumnado do Curso de Extensión Cultural para alumnado estranxeiro, unha actividade organizada dende a Área de Normalización Lingüística e na que este cuadrimestre participaron estudantes de oito países. Foron días nos que tiveron a oportunidade de achegarse á realidade sociocultural e sociolingüística galega e facelo non só a través das aulas, senón tamén de múltiples excursións nas que ademais de facer turismo, que tamén, comprobaron ‘in situ’ aspectos da historia, da cultura, da etnografía, da paisaxe, das festas… previamente expostas nas aulas.

“O temario é moi amplo e dificilmente é posible tratar todos os temas que inclúe, pero procúrase sobre todo que o alumnado teña acceso á información, facilitarlle as ferramentas que lle permitan afondar no seu coñecemento sobre Galicia e sobre a nosa lingua de maneira autónoma”, explica María Fernández, a docente do curso, que fai fincapé en que o programa tenta abranguer aspectos moi variados no eido cultural (xeografía, territorio, clima, paisaxe...); coñecementos etnográficos (festas, gastronomía, arquitectura popular, música, crenzas...); coñecementos históricos que lle permitan entender a singularidade de Galicia no contexto peninsular, así como tamén coñecementos básicos de literatura galega (períodos, escritores, obras destacadas...).

Achegarse á realidade sociocultural e sociolingüística galega
“O curso ten un carácter introdutorio. Pretende ser unha toma de contacto coa lingua e a cultura galega, ofrecerlle un contexto á xente que chega a estudar aquí, a Vigo, a Galiza”, subliña a docente, que fai fincapé en que se trata de ofrecer un marco, unhas coordenadas, unha comprensión da realidade sociocultural e sociolingüística galega. “Como materia, dous son os principais obxectivos: por unha parte, que o alumnado adquira uns coñecementos elementais sobre a cultura galega; pola outra, que adquira certa competencia lingüística en lingua, isto é, que sexa capaz de comprender actos comunicativos básicos e desenvolverse a nivel elemental oralmente e por escrito”, recalca Fernández, que apunta que se traballan as catro destrezas básicas da comunicación: a expresión oral, a expresión escrita, a comprensión lectora e a compresión auditiva.

“O curso dálles a posibilidade de coñecer Galiza doutra maneira, de aproveitar outro tipo de ocio que non é incompatible coas festas e a vida nocturna, ofrécelles outra visión da realidade galega e rómpelles os esquemas da homoxeneidade cultural e lingüística, dos estereotipos culturais”, subliña a docente, que recalca o feito de que “tamén tenta desmitificar e desprexuizar o alumnado e, non menos importante, ofrecerlle a posibilidade de dar os seus primeiros pasos en lingua galega”.

Percorrendo Galicia
A maior parte das excursións realizáronas en sábado, fóra do horario lectivo, e nelas tiveron a oportunidade de achegarse a lugares tan emblemáticos da xeografía galega como Tui, Santa Tegra e Baiona; o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa; o mosteiro de Oseira, Ribadavia, o castelo de Sobroso... Ademais, realizaron tamén varias visitas en horario lectivo nas que tiveron a oportunidade de percorrer a zona vella de Vigo e o monte do Castro; o pazo de Castrelos, o Museo Etnográfico Liste... “O que se procura con estas saídas é que o alumnado amplíe os seus coñecementos e percepción sobre Galicia. Non se trata simplemente de facer turismo, as visitas son planificadas polo miúdo para que o que se ve na aula teña o seu espello/reflexo na realidade”, recalca a responsable do curso.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal