Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A escritora Érica Esmorís irrompe na LIX
Tan só dous días despois de se saber que é a gañadora do XXX Premio Merlín coa súa obra Nena e o mar, a editorial Sushi Books anuncia a inminente publicación de Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, a segunda novela de Érica Esmorís, destinada a preadolescentes.

Sermos Galiza


Case ninguén coñecía o seu nome cando o pasado sábado se sentiu na Illa de San Simón como gañadora da XXX edición do Premio Merlín, o prestixioso concurso literario para obras destinadas ao público infantil que convoca a Editorial Xerais e no que, na súa historia conseguiu converterse en catálogo obrigado dos máis prestixiosos nomes da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) galega. Malia iso, a editorial Sushi Books anuncia tan só dous días despois de ser entregado o premio n, a inminente publicación dunha nova obra de Érica Esmorís, desta volta, dedicado a un público preadolescente. Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California é o título da novela que chegará ás librarías a vindeira semana con ilustracións de Jacobo Fernández. A historia remite ao campamento da Illa do Tempo onde se xuntan rapazas de distintas décadas do século XX. Lula, dos anos 20, Rita, anos 50, Carol, anos 70, Olivia, dos 80 ou a propia Ulises atópanse no mesmo espazo no que a protagonista fará un paseo a través da Historia na que buscará resposta a enigmas e misterios.

Admiradora de Pippi Langstrumpf

portada_ulisesNa páxina da editorial presentan un perfil de Érica Esmorís de quen teñen publicado a súa primeira novela, Amabel (2013), traducida ao castelán, catalán e éuscaro, no que destacan da infancia da autora que irrompe este ano con forza na LIX “a súa tenacidade, que non teimosía, por converterse “de maior” en veterinaria e escritora; ademais da súa admiración por Pippi Langstrumpf... O primeiro conseguiuno, aínda que axiña se decantou polo mundo imaxinario dos contos e o segundo levouna ata Gotland, en Suecia, ata a mesmiña casa de Pippi”.


Érica Esmorís (A Coruña, 1977) traballa no ámbito do cine e televisión como guionista, directora e realizadora. Con Nena e o mar diríxese tamén a un espazo ancorado no tempo, a vila mariñeira Porto Balea na habitada por vellos sen esperanza da que un día marcha e desaparece Otto, o único home novo, provocando a loita da súa filla Nena para reaxir e procurar atopalo. “O punto de partida de Nena e o mar é un sentimento: a desesperanza ou os límites auto impostos. Eu encarnei este sentimento nunha vila e nuns anciáns que, cansos da vida, decidiron malgastar os seus días esperando ao esquecemento ou á morte e despois creei o contrapunto na súa protagonista, unha nena pequena, independente e valente, que cre que todo, absolutamente todo é posible”, explicou a autora despois de recibir o Merlín, dunha personaxe, Nena, que pode ter proximidade con Ulises ou mesmo coa súa tan admirada Pippi, a independente e revolucionaria nena que conseguiu tamén dar un xiro rebelde ás series de televisións infantís.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-06-2015 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal