Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


DARLLE Á LINGUA (Tirado de gznacion.com)
DARLLE Á LINGUA
Mercedes Queixas (17-abril-2007)


Recoñezo publicamente que levo tempo a madurar a idea de colocar en forma de texto impreso e ordenado os pensamentos que me remoen desde hai bastantes semanas. Propúxenme pronunciarme neste foro a respecto da lingua que me fornece palabras, pensamentos, dúbidas e proxectos de futuro.

Porén, propóñome abordar a nosa realidade lingüística sen acudir a cifras, porcentaxes, estatísticas e premonicións. Mais tamén sen xenreiras, prexuízos, complexos, sobrevaloracións, revanchismos, nin posicionamentos institucionais ríxidos ou reclamos xornalísticos interesados.

Non vou facer apoloxía da miña lingua acudindo a centos de datas históricas significativas que avalarían academicamente o meu discurso, nin a multitude de personaxes emblemáticos que tomaron a palabra antes ca nós, eventos fundacionais, alicerces literarios de noso á altura de calquera outro sistema literario universal, etc.

Voume limitar ao meu día a día, á realidade que comparto, en maior ou menor medida, con moitos e moitas de vós. Unha realidade persoal, familiar, laboral e social. Porque, e apelo aquí á non consideración das miñas palabras como a manifestación dun ego excesivo, coido que tal vez unha opinión moi a ter en conta sobre o presente e o futuro do galego resida naqueles que convivimos á par da lingua de xeito permanente. Eis o pulso da realidade, o que nos transmite o contacto continuado coa lingua, en presenza ou ausencia dela, e en que observamos os seus puntos fortes e mais os débiles. Unha realidade social que, maioritariamente, non entende de Lei de normalización lingüística, nin de Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega, nin de revisión de decretos nin regulamentos, e á que por iso mesmo é tan fácil convulsionar e agredir con perrenchas prexuizosas fóra de sentido común.

A planificación lingüística –como a xudicial, a económica, a agraria, a forestal, a de igualdade e benestar, a de vivenda...- debe estar orientada pola Administración conforme uns obxectivos ben definidos e secuenciados.

De seguido, os membros da comunidade asumiremos un compromiso individual, mais sempre dentro dun marco previamente estabelecido e, sobre todo, común a todo o colectivo.

Cítase, coido que con acerto, que o futuro do idioma galego está basamentado na transmisión xeracional e no seu ensino na escola, con especial atención na etapa de ensino infantil e primeiro ciclo de primaria á que corresponde o proceso lectoescritor. Nada novo, a verdade, se mudamos o adxectivo galego por outro referido a calquera lingua que se nos ocorra. A conclusión permanece igualmente válida e todos concordarían con ela.

Ora ben, a miña experiencia como nai e docente dime que se eses dous vieiros camiñan sempre en paralelo, sen procurar nunca unha intersección entre o ámbito familiar e o escolar, os avances na normalización seguirán a ralentí. É dicir, nin a transmisión xeracional nin a escolarización íntegra en lingua galega per se imprimen o monolingüismo ás novas criaturas falantes, ao tempo que tamén non invalidan ese ser para a aprendizaxe doutras linguas nin o eivan para producir mensaxes orais e escritas ou cálculos matemáticos na nosa sociedade nin en calquera outra.

E ás probas me remito. Como nai educadora de dúas fillas menores, quixen que a súa lingua de identidade fose o galego, isto é, a mesma que a dos seus pais, avós, padriños, tíos e a maioría dos curmáns. A miña sorpresa foi magna cando comprobo que a incorporación a unha escola pública na cidade da Coruña leva aparellado un programa completo de inmersión lingüística en exclusiva para galegofalantes –isto é, o castelán convértese no único idioma de relación persoal e de aprendizaxe- do que ninguén me informa nin solicita parecer, que consegue que as miñas fillas –espabiladas, mais con coeficiente intelectual absolutamente normal- consigan dominar o castelán ao mesmo nivel que o resto de crianzas en apenas tres meses!!! –parece de anuncio radiofónico, mais non o é, asegúrovolo. Conclusión primeira: nenas e nenos monolingües en galego de tres anos poden converterse en bilingües no período escolar setembro-decembro. Contrastado! E o máis importante, non se precisaron medios extravagantes, nin custosísimos, nin agresivos; nin sequera houbo que botar man das TIC. Bastou a naturalidade do discurso da profesora e o desexo voluntario de integración social no mundo dos teus semellantes. A mesma adaptación que, por recorrencia abusiva dun único código lingüístico como vehículo de comunicación e aprendizaxe, e por presenza testemuñal e simplemente lúdico-festiva do outro, as leva a concluír recén estreados os seis anos que o galego non vale para a escola; eis a argumentación do seu non uso, ou o que é o mesmo, ocultamento na relación co profesorado e coas súas amizades, dentro e fóra da escola. Conclusión segunda: a escola non converte os nenos de fala materna galega en individuos bilingües, senón en portadores de actitudes diglósicas: o galego é a miña lingua familiar e o castelán é a miña lingua da aprendizaxe e de relación social. Acaso alguén coidaba termos superado este prexuízo que arrecende a naftalina?

Obviamente, ratifica os meus posicionamentos lingüísticos escoitar a boa entoación, a facilidade e fluidez do discurso, a axilidade para moverse entre dous códigos lingüísticos dos nosos nenos e nenas de fala galega inicial. Pola contra, sorpréndeme negativamente comprobar que os amigos e amigas das miñas fillas, de fala castelá –coido que por decisión libre e individual dos seus pais- avanzan curso tras curso sen seren quen de se expresar con naturalidade en galego, nin sequera cando o/a interlocutor/a se comunica con eles neste idioma, e, en caso de o intentaren, xorden rapidamente as dúbidas, vacilacións, traducións simultáneas, como se dunha lingua remota se tratar. Conclusión terceira: unha parte moi importante dos profesionais do ensino galego potencia coas súas actitudes o retroceso continuado nas últimas xeracións no número de galegofalantes ao non apostaren pola escola como lugar de recoñecemento nunha identidade e nun idioma propio.

Como docente, tamén acredito en que un ensino íntegro en galego non asegura a rexeneración inmediata de falantes monolingües. Os nenos e as nenas conviven en marcos familiares e sociais con características propias e socialízanse en grupos moi diversos, incluso lingüisticamente, á par da convivencia escolar. Cando chegan ao remate do seu ciclo escolar e formativo, a inclusión nun modelo social ou outro obriga de novo a se adaptar. O que é incuestionábel é que o reforzo da docencia en galego asegurará unha maior competencia lingüística do idioma propio sen minguar capacidade ningunha para o proceso de ensino-aprendizaxe no seu conxunto.

Deámonos unha oportunidade e comprobaremos como os temidos resultados que alguén vaticina (temidos por descoñecidos ou aínda non descubertos!!!, que non por contrastados), esvaecerán de contado por inconsistentes.
Mercedes Queixas (17-04-2007)

Tirado de gznación
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-04-2007 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal