Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Xustiza reivindica en Redondela o compromiso coa lingua galega
O Concello promoveu a primeira sentenza no idioma propio hai 30 anos

LUIS CARLOS LLERA - Redondela / La Voz, 17 de marzo de 2015


No marzal do ano 1985 aínda había unha rúa en Redondela que se chamaba Xeneral Mola. Nesta vía pública que hoxe recorda a Xosé Regojo, en lembranza do gran empresario redondelán, tiña unha casa Josefina Carreiro. A vivenda estaba na completa ruína pero o Concello non quería recoñecelo. Así que a veciña, que quería derrubar a edificación e facer unha casa nova, interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o Concello. O pleito comezou no ano 1981 e finalizou no 1985 coa vitoria da muller. Durante eses anos, o Concello resistiuse a que a casa caese e dicía que non facía falta tirala e que se podía reparar.

A sentenza foi redactada por Pastor Villán, entón secretario da sala do contencioso-administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, hoxe equivalente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os maxistrados que elaboraron o texto foron Ricardo Leirós, que era o presidente accidental da Audiencia, Claudio Movilla e Gonzalo de la Huerga. Este último lembrou onte que a sentenza se redactou en galego porque o pediu o Concello de Redondela perante un recurso formulado por unha cidadá. «Pensamos que tiñamos que facelo, que era o momento, e causou estupefacción», dixo o maxistrado xubilado. Foi a primeira sentenza en lingua galega.

Onte o xuíz asistiu, xunto a senlleiros xuristas de toda Galicia, a un acto de homenaxe a efeméride dirixido por Xosé González. Para De la Huerga «o compromiso co galego é insuficiente pero van dándose pasos». Ao cumio acudiron o conselleiro maior do Consello de Contas, Xesús Palmou, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, o secretario xeral de Política Lingüstica, Valentín García, o director xeral da Función Pública, José Alberto Pazos e o ex fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, entre outros persoeiros.

Asemade, asistiron numerosos avogados que se comprometeron a usar o galego no seu traballo profesional. O uso do idioma non está aínda demasiado estendido nos tribunais, aínda que vai gañando forza. No acto de onte colocouse unha placa conmemorativa e celebrouse un acto académico de recoñecemento desta primeira sentenza xudicial despois de moitos séculos de esquecemento da lingua.

A alcaldesa de Castro Caldelas, Inés Vega, sinalou que o primeiro documento en galego é o foro do seu pobo, outorgado polo rei Afonso IX, en 1228. Logo o galego deixou de usarse no XVI en documentos xurídicos.

A viúva de Claudio Movilla, Elisa Polanco, desculpouse por falar en castelán porque leva moitos anos fóra de Galicia e dixo que o seu marido e outros foron «valientes y jueces sobre todas las cosas» e ensalzou a figura e o papel dos maxistrados nestes tempos «convulsos» nos que todos os días «hay noticias sobre corrupción».

O alcalde redondelán, Javier Bas, subliñou na súa intervención que «o Concello no ano 1985 soubo buscar os medios para que sexamos precursores do rexurdimento da lingua galega nas actuacións xudiciais, grazas á sensibilidade dos maxistrados que foros os asinantes dunha sentenza que fixo e fai historia».
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-03-2015 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal