Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Clases de galego no Bierzo: sen recursos e con alumnos reagrupados
Praza Pública - Miguel Pardo - @depunteirolo


A Junta de Castela e León atopou a fórmula para evitar a eliminación das clases de lingua galega que desde hai anos imparte en Bacharelato o instituto Bergidum Flavium de Cacabelos, no Bierzo, logo de anunciar a un día do comezo de curso a supresión da materia optativa neste centro, un dos catro de Secundaria acollido ao programa de inmersión lingüística na comarca e o único desta localidade. A opción que a Administración dá agora ás familias afectadas é manter a materia, pero sen achegarlle recursos.

A solución, tal e como denuncian fontes do consello escolar do centro consultadas por Praza, é que os alumnos de primeiro e segundo de Bacharelato matriculados en galego se agrupen nunha única clase, aproveitando así as horas "que lle sobran" ao profesor que imparte galego no instituto. Así llelo expresou a Consejería de Educación aos afectados a través dun comunicado remitido á dirección, no que presumía de "respectar o seu dereito a recibir aulas de galego" malia manter a ausencia dos docentes necesario para impartilas.

Pero o consello escolar -que mantivo unha xuntanza o pasado luns- non acepta a proposta. "Iso non se pode facer porque o único que pretenden é aforrar cartos xuntando os rapaces de diferentes cursos nunha mesma clase, reducindo a calidade da educación e privando os alumnos do seu dereito real a estudar galego en condicións", aseguran membros do consello escolar, que manifestará a súa postura á Junta de Castela e León, pero que tamén informará á Xunta da actual situación da lingua galega no Bierzo. Segundo os afectados, o Goberno galego "ten que enterarse" do que consideran "un incumprimento" do convenio de colaboración asinado hai anos entre ambas as dúas administracións.

A cooperación entre as dúas comunidades en materia lingüística comezou no ano 2001 e foi ampliada en 2006 coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración entre as autonomías. Pouco despois, Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Junta, Juan Vicente Herrera, asinaron outro protocolo que "abría unha nova etapa de cooperación entre as dúas comunidades" e que culminou coa incorporación da comunidade castelá-leonesa á eurorrexión que formaban Galicia e norte de Portugal. Nos diferentes convenios, os dous gobernos ratificaban a promoción do galego nos territorios galego falantes de fóra do país.

Agora, as familias afectadas pola supresión ou falta de recursos das materias de lingua galega denuncian que a Junta "obvie un convenio que nunca dependeu nin tan sequera do número de alumnos que solicitasen aulas en galego, xa que foi incluso respectado cun só estudante". A asociación de nais e pais de alumnos do Bergidum Flavium de Cacabelos tamén prevé recorrer á Xunta para que "se entere" dos atrancos que o galego sofre na súa comarca, ademais de ter previsto convocar mobilizacións.

O anuncio da supresión da materia de galego chegou ao centro cando os rapaces xa estaban matriculados e cos libros e material necesario para o curso pagado. O caso é aínda máis grave para os alumnos, xa que cursar e aprobar as materias de galego no Bacharelato é a única opción para obter o Celga III, obxectivo que moitos deles se marcaran logo de obter o Celga II tras o seu paso por Secundaria. "Seica agora se precisaba un profesor máis e non llelo queren poñer; non sei se o fan por recortar ou por cargarse o galego", denunciaba unha das afectadas.

A supresión destas materias optativas supón, xa que logo, que se corte no último chanzo o proceso de aprendizaxe de galego que os rapaces levan a cabo xa desde os seus estudos nos máis de dez centros de Infantil e Primaria que tamén imparten clases de lingua galega en Vilafranca do Bierzo, Ponferrada ou Cacabelos. Son uns 1.000 alumnos os que acoden a clases de lingua galega grazas ao programa conxunto que promoven a Xunta e a Junta no Bierzo occidental.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-09-2013 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal