Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Luz Fandinho presenta o seu terceiro relato para crianzas: ''cómpren contos en galego e mestres comprometidos coa nosa lingua''
SERMOS GALIZA


A escritora compostelá chega á libraría Lila após unha xira por varias escolas do País onde confirmou que a súa historia dun xuízo ao inverno por demorar a chegada da primavera agrada, e moito, ao alumnado. Namentres, as máquinas quecen para que o seu seguinte conto, 'A carballeira engaiolada', saia axiña do prelo

Aló, no ancho e longo espaz, atopábase o sol, triste, enfurruñado e esmorecendo... Así comeza o conto 'Só os nenos e nenas poderán salvar a Terra', o último dos escritos pola compostelá Luz Fandinho.

Di ela que sempre quixo ser mestra namentres as crianzas son pequenas "porque é aí cando se endereitan as árbores" e conta que a paixón polos relatos infantís lle vén de cativa, de cando a súa nai lle lía As mil e unha noites e a avoa lle contaba historias da Santa Compaña. "Moito medo me metían no corpo!", exclama entre risos. Porén, recoñece que gostaba de as escoitar.

Quen coñece a Luz Fandinho sabe da súa privilexiada memoria, que lle permitia repetir para outras crianzas da súa idea os contos que nai e avoa lle ensinaran primeiro a ela. "Outros tamén os inventaba", explica, e acrecenta que a súa ansia por narrar historias facía que a súa nai se mofase dela con cariño: "aí está a avoíña", dicíalle.

'A farangulliña de neve'

Con 81 anos, a escritora e poeta compostelá ten polo menos tres contos breves publicados e outro que está a piques de saír do prelo. O primeiro, o seu favorito, escribiuno haberá uns vinte anos. Xa nin ela se lembra ben. Entitulouno 'A farangulliña de neve' e as existencias están esgotadas.

"Teño que imprimir máis copias", sinala emocionada, malia que recoñece que é "moi preguiceira" para a prosa. "Este contiño escribino para fuxir da rima, mais non o conseguín de todo", recoñece Fandinho.

'Kaltune, a fadiña da praia'

A historia do seu seguinte conto atopouna nunha praia de Marrocos, nunha viaxe que fixo ao país africano en 1993. Alí coñeceu Kaltune, unha nena que facía debuxos na praia.

"Até me fixo algúns nas mans con hena", recorda a escritora que contou a experiencia con aquela rapaza nun relato ao que chamou 'Kaltune, a fadiña da praia'.

'Só os nenos e as nenas poderán salvar a Terra'

Andando o tempo Luz Fandinho pariu un conto novo "e con mensaxe", matiza. "Non é unha reprimenda só para as nenas e os nenos, senón tamén para os adultos, mais tomando en conta que só as crianzas, as xeracións vindeiras, poderán mudar as cousas".

Esta mensaxe levouna de colexio en colexio por varios concellos da Galiza. En Vedra, o alumnado animouse a facer os debuxos que o ilustran canda unha capa que vai asinada por Olga Vieites. A visita ás escolas "foi un agasallo inmenso e o conto gostou moito. As crianzas son moi sinceras: se non gostan, dino". A presentación deste breve relato de doce páxinas está prevista para esta sexta feira ás 20.30h na libraría Lila, en Compostela.

'A carballeira engaiolada'

Porén, Fandinho non para. Cando descansa da poesía ponse cos contos e hai outro que xa está na imprenta: 'A carballeira engaiolada'. Aquí reparte contra todo: contra quen agrede a nosa lingua e a nosa paisaxe mais tamén hai "espiñas de toxo" para a relixión. O relato narra a luita contra un poderoso que quería arrasar unha carballeira comunal para construír un pazo. Na portada, tamén ilustrada por Olga Vieites, o levantamento veciñal vai encabezado polas mulleres.

E como a escritora quería ser mestra, a reflexión final desta conversa vai para o ensino: "faltan contos e falta material para as crianzas que estea na nosa lingua, mais falta tamén un profesorado concienciado e comprometido. Das políticas dos gobernos xa non vou dicir nada".

Polo prezo de 3,50€ nais e pais poderán lerlles ás súas crianzas unha historia onde os astros xulgan o inverno por demorar tanto en marchar, impedindo que floreza a primavera. O paralelismo coa realidade procúreno vostedes propi@s. Luz Fandinho pide que lle fagan chegar "unha crítica honesta, malia que non sexa grata, que así tamén eu aprendo".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-07-2013 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal