Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Para lermos ben e con pracer os Cantares Gallegos
Anxo Angueira reedita "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, unha edición que serve tanto para o público afeccionado á lectura, como para os filólogos e profesionais da lingua. Crítica de Manuel Rodríguez.

Por Manuel Rodríguez Alonso - Galicia Confidencial | Cangas | 09/05/2013


Título: Cantares gallegos
Autor: Rosalía de Castro
Editor: Anxo Angueira
Editorial: Xerais
Lugar de edición: Vigo
Ano: 2013
Páxinas: 466
Anxo Angueira, con esta edición de Cantares gallegos, consegue un texto que satisfará tantos os eruditos e filólogos como o lector do común que só procura gozar co texto en si mesmo.
Con bo criterio, Angueira toma como base da súa edición as dúas edicións que se fixeron da obra en vida de Rosalía de Castro, a de 1863 e mais a de 1872. Ten en conta así mesmo as versións dos poemas de Cantares que saíron en El Museo Universal, no Álbum de la Caridad ou noutras publicacións periódicas. Para facer de lectura cómoda os poemas a un lector que non sexa filólogo, Angueira, con bo criterio, adapta os textos rosalianos á ortografía hoxe vixente, aínda que mantendo as características lingüísticas da poeta, como pode ser o seseo ese ou a presenza da copulativa i.
O poemario vai precedido por un extenso e completo estudo de Cantares gallegos, onde Angueira subliña especialmente a relación estreita da obra iniciadora do Rexurdimento co Coloquio ou Diálogo de 24 rústicos (1746) de Sarmiento. O estudo resulta completo e orixinal, pois amais de pasar revista a distintas teorías sobre a orixe e creación de Cantares gallegos, Angueira desenvolve unha teoría de seu, que continúa e resume o moito que este autor nos leva dado sobre a poeta en revistas como a Revista de Estudos Rosalianos, A Trabe de Ouro e outras publicacións, que o converten, hoxe por hoxe, nun dos grandes especialistas sobre a obra de Rosalía de Castro.
Tras o poemario Cantares gallegos, Angueira coloca nada menos que 138 páxinas de tipografía moi miúda que titula Apéndices. Nesta sección fixa o texto de cada un dos poemas no apartado Fixación textual. Na sección Notas explica todo o relativo á léxico, influencias literarias ou técnicas que son de interese en cada poema. Remata cun Comentario tamén individualizado para cada poema. Malia a letra pequena é un verdadeiro galano para un filólogo ou profesional da literatura e da lingua esta sección de Apéndices. Ata non faltan os textos de puño e letra da propia poeta. O mellor do asunto é que a lectura destes textos dos Apéndices non resulta nunca aburrida nin farragosa, como adoita pasar cando os profesores e filólogos nos poñemos a escribir para explicar os textos. Angueira, gran novelista e poeta tamén, escríbeos cunha linguaxe áxil, de doada lectura, que resultan engaiolantes mesmo para o lector non filólogo. Constitúe un verdadeiro pracer a súa lectura. A erudición, sempre abstrusa, convértese aquí en entretemento ameno.
Remata o libro cunha completa bibliografía sobre Rosalía de Castro, onde, non obstante, botamos en falta algunhas achegas como as de Xosé Antonio Durán ao período madrileño de Rosalía-Murguía, a Machado da Rosa (Rosalía de Castro, a mulher e o poeta), a José Luis Varela (Poesía y restauración cultural de Galicia en el siglo XIX) ou a Diego Pardo Amado (Rosalía e Murguía na procura da patria soñada).
Xa que logo, estamos perante unha edición que serve tanto para o público afeccionado á lectura, como para os filólogos e profesionais da lingua. Resulta para todos de lectura moi agradable e amena, porque o Angueira erudito escribe coa amenidade do Angueira novelista e coa sensibilidade do Angueira poeta. O mellor homenaxe que lle podemos facer á lingua e literatura galegas este 17 de maio é mercar este libro, colocalo no andel da nosa biblioteca e lelo non só agora, senón de cando en vez. Para os profesores de lingua e literatura galegas é así mesmo un material totalmente imprescindible.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-05-2013 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0