Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Xesús Alonso Montero: «O galego non é dos nacionalistas»
«A Academia é intocable», afirma o profesor sobre unha fusión con outras institucións.

LUÍS POUSA - A Coruña / La Voz 28 de abril de 2013


Instalado xa no seu despacho da rúa Tabernas, Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), analiza a súa primeira semana como presidente da Academia Galega.

-¿Como foi a toma de contacto?

-Ata agora lle teño dedicado máis horas a responder aos medios que ao traballo concreto da Academia. Pero polo menos xa saudei hai días a todo o persoal e xa puxemos en marcha algúns temas pendentes. Mesmo tivemos unha reunión coa anterior directiva, porque hai asuntos que eles iniciaran e dos que tiñan que informarnos. Foi un encontro moi cordial e moi eficaz.

-¿Van tendendo pontes cara á reconciliación cos académicos que apoiaron a Manuel González?

-Si. Esta reunión foi cordial e eficiente. E, polo tanto, como as pontes vanse tender, tamén está ben que se empezara por aquí.

-¿Vanse curando entón as feridas no seo do plenario?

-Aínda non tivemos ningún plenario, pero esta reunión e os encontros que eu tiven con académicos que ían noutra candidatura foron óptimos.

-O tema do transporte do presidente da RAG estivo no centro da disputa e mesmo da campaña electoral.
¿Mantén a súa idea de vir en tren á Coruña?

-Eu sempre dixen que ía vir en tren ou en taxi á Academia. Ás veces forzosamente terei que ir en taxi a algúns actos, pero, polo demais, en tren. Primeiro porque veño moi ben. Segundo, porque veño cos estudantes e síntome estudante, tomando notas, lendo libros e parolando con eles. E terceiro porque son machadiano e hai un poema, O tren, de Antonio Machado, que é a miña primeira oración cando me levanto ás mañás. Para min o tren é un privilexio.

-¿E que foi do Audi? ¿Xa llo devolveron á Xunta?

-Estivemos falando do tema na executiva e démonos uns días para pensar ben o asunto.

-A outra candidatura insistiu en que o coche supoñía un aforro de 12.000 euros ao ano. ¿Non lle preocupa acabar gastando máis polo xesto de ir en taxi?

-Non, non. Eu non son economista, pero podo demostrar que ao prescindir do coche oficial imos aforrar unha cantidade de certa consideración. Creo que fixeran mal as contas.

-E, falando de cartos, o orzamento para este ano xa está aprobado e pechado en 976.000 euros. ¿Xa pediu cita con Feijoo para negociar un aumento?

-Estiven con el o xoves no Parlamento de Galicia na presentación da edición facsimilar de Cantares gallegos e tiven a ocasión de falar informalmente co presidente Núñez Feijoo. Xa lle anunciei que íamos facer en breve unha visita de cortesía, pero que na segunda visita xa imos falar de diñeiro. Quizais dentro dun mes nós coñeceremos mellor cal é a situación económica, cales son as nosas actividades, os nosos compromisos e publicacións e, polo tanto, xa poderemos falar con maior precisión das nosas necesidades.

-En todo caso, a cifra actual é escasa, ¿non?

-Eu remítome ás palabras de Méndez Ferrín, que sempre dixo que encontrou un trato moi correcto na Xunta pero que non sempre satisfacía as necesidades económicas da Academia. Sen dúbida Méndez Ferrín decatábase moi ben, como eu tamén me decato, de que a situación económica do país é a que é, estreita, e tampouco podemos apremiar moito ao señor Núñez Feijoo. Pero apremiarémolo un pouco.

-A reclamación de Ferrín, máis que da cantidade falaba da necesidade dunha asignación estable, que permita deseñar unha programación plurianual e non ter que negociar cada ano. ¿Irán por aí as súas demandas?

-Si, iso sería moi importante, para poder facer unha programación de actividades con outro criterio. Doutra maneira é vivir sempre sen saber o que se pode facer. Non ter ningunha previsión de futuro é malo para a institución.

-¿Non sería mellor aforrar uns millóns de euros no Gaiás e investir algo máis na RAG?

-Si, podería aforrarse en moitas actividades, unhas que non son culturais e outras que son de índole cultural, pero que desde o noso punto de vista son menos interesantes que as que desenvolve a Academia.
-Falaba Franco Grande do minifundismo das institucións culturais galegas: Academia, Instituto da Lingua, Consello da Cultura, Centro Ramón Piñeiro... ¿Coincide con ese diagnóstico?

-Si, Franco Grande no esencial acerta porque o minifundismo parece que o levamos na mente. É certo que pode haber institucións que quizais non son moi oportunas nun determinado momento, quizais hai institucións que habería que coordinalas, non sei se aglutinalas...

-¿Aglutinalas?

-Evidentemente nunca a Academia pode ser absorbida por outra institución nin ser integrada noutro ente que intente aglutinar outras institucións. Iso que quede claro, porque xa o dixen na campaña electoral. A Xunta terá que decidir sobre isto igual que terá que decidir sobre os tres aeroportos. Pero a Academia na rúa Tabernas número 11 da Coruña é intocable. Porque tratar de confundir a Academia con calquera outra entidade, se iso se consentira, sería un pacto antinatura.

-¿Non hai perigo de absorción?

-Non, non, non.

-É a primeira vez que hai dúas académicas na executiva da RAG, ¿é un signo dos novos tempos?

-Non quero fardar, pero na Academia só hai catro mulleres e dúas están na directiva. Rosario Álvarez é a persoa que sabe máis gramática galega do mundo e Margarita Ledo é unha gran experta en comunicación, cine e imaxe, polo tanto a presenza das mulleres é cualitativa máis que cuantitativa.

-Un sector da RAG insiste en que vostede retirará o recurso contra o decreto do plurilingüismo. ¿Que ten que dicir?

-Todos os acordos tomados pola Academia no anterior mandato serán levados adiante. Ademais, nós debémonos aos estatutos e no artigo dous fálase de que a Academia ten que velar polos dereitos do idioma galego. E nós defenderemos eses dereitos onde faga falta: nunha instancia galega, nunha instancia española, nunha instancia europea ou en calquera outra.

-Cúmprense 40 anos do seu «Informe dramático sobre a lingua galega». ¿Estamos mellor ou peor que en 1973?

-Eu escribín entón que non bastaba con publicar dez libros en galego ao ano, como dicían os de Galaxia, senón que o futuro do galego pasaba por ter unha escola en galego, unha televisión en galego e mesmo literatura erótica ou de vaqueiros en galego. Cumpríronse, despois da morte de Franco, os obxectivos que eu propuña, pero seguimos queixándonos porque o galego segue perdendo falantes e iso certamente é inquietante. Pero ao mesmo tempo o galego está nunha situación na que non estaba en 1973, porque xa varias xeracións foron educadas en galego. Pero os rapaces, no recreo, ¿en que xogan? E sobre todo, os que xa están no instituto, nas discotecas, ¿en que ligan? Eu hai tempo que non vou, pero infórmanme de que non se liga en galego. E isto, que parece unha frivolidade pola miña parte, non o é, porque ligar ou xogar son operacións fundamentais na existencia humana e os rapaces, que coñecen perfectamente o idioma, non o utilizan para isto. ¿Como se pon remedio? Facendo unha política lingüística desde as institucións.

-¿Que lle diría aos que cren que un presidente da RAG non debería insistir no seu marxismo?

-¿E que eu non teño dereito a ser marxista? Eu como cidadán son marxista e cando voto exerzo como tal. Na Academia ten habido presidentes nacionalistas, autonomistas, de centro... Pero eu teño que dar explicacións, ¿por que? Eu na Academia non son marxista. Na Academia débome á defensa da lingua da sociedade galega. E o galego non é dos nacionalistas, é de todos.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-04-2013 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal