Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Suso de Toro: “A posición da RAG con respecto á normativa correspóndese coa derrota política do noso país”
Da autoría de Suso de Toro é o novo capítulo da novela por entregas O Crânio de Castelao publicado no número 43 do semanario Sermos Galiza, nos quiosques desde a pasada quinta feira.

CARME VIDAL - SERMOS GALIZA


A iniciativa literaria de encontro da lusofonía dános pé para falar co escritor dun tema arredor do que se ten manifestado en repetidas ocasións na súa defensa de partillar do “contexto internacional” da nosa lingua. En breve, de Toro publicará Inmateriais (Xerais) unha colectánea de biografías de figuras que contribuíron a construír a nosa historia.

-No último número de Sermos Galiza, publícase un capítulo da novela colectiva por entregas O Crânio de Castelao da súa autoría. Como valora esa iniciativa que integra escritores galegos nun proxecto literario da lusofonía?

Aquela foi unha época dun traballo inmenso e xa case nin lembro mais teño que agradecer a Carlos Quiroga que me tivese incluído. O que sei certo é que era un proxecto no que me sentía cómodo, dos que eu quero. As colaboracións con Carlos van no sentido do lugar no que me sitúo. O modo de situar a lingua e a min mesmo.

-A novela nace do congreso Latim em pó, que xuntou a cultura galega coa de Cabo Verde, Timor, Portugal, Brasil ou Angola. Cómpre activar máis espazos para ese encontro?

En Guimarães lembro ter visto hai moitos anos nun parque unha placa cunhas palabras de Castelao que dicían “A nossa lingua floresce em Portugal”. Subscribo iso e, partindo desa idea lembro que tiven no 97 unha entrevista con Manuel Fraga, daquela presidente, na que me pediu que lle puxese por escrito unha serie de propostas que lle dera de palabra. Entre elas, recollía facer na Galiza unha feira do libro hispanoamericano, con todas as linguas peninsulares, catalána, vasca, castellana e portuguesa. Tratábase de comprender que Galiza é lugar de encontro no mundo de dúas grandes linguas, castelán e galego-portugués. O que foi unha imposición ten tamén un lado de riqueza. Outra proposta era un encontro anual de escritores de todas as linguas peninsulares e tamén lle sinalei a conveniencia de incluír a lingua e literatura portuguesa no temario ademais de intercambio de sinal televisivo entre Galiza e Portugal máis unha cota de noticias da lusofonía nos espazos informativos. Fraga asentiu con entusiasmo aínda que logo quedou en nada. Sitúome na miña posición e quero ir no barco onde van os galegos, non me baixo. Discrepo da concepción da lingua reinante, da visión instituída na autonomía gobernada pola dereita.

-Que ten a ver a normativa oficial co goberno da dereita?

Lembro uns cadernos de dialectoloxía que se chamaban “Verba” de finais dos sesenta e comezos dos setenta dirixidos por Constantino García nos que os universitarios andaban a procura das palabras. Esa comprensión da lingua, aínda que necesaria, conduce a unha visión que non comparto, á concepción de que o galego é unha lingua interna ao dominio político, xurídico e administrativo do castelán. Moitas persoas pretenden plasmar a lingua en base a súa experiencia mais hai xeracións para as que a súa experiencia xa non é a do rural. A pretensión de asentar a lingua sobre a identificación persoal e a ligazón emocional xa non pode ser o punto de partida porque hai xeracións que romperon o contacto coa lingua e, como moito, teñen relación cunha fala deturpada. A lingua tense que construír sobre un proxecto nacional. O contexto só é un ámbito social rural e grupos sociais concretos en retroceso e por iso precisa un contexto internacional. É imposíbel pensar que unha lingua teña futuro se só é identificada cos sectores que a falan, porque somos absolutamente minoritarios. As persoas de situación social e económica que son contempladas con respecto polo resto non empregan o galego.

-Contra iso pódenlle dicir que cómpre un proceso de normalización. Coida que é imposíbel conseguir que eses sectores se pasen para o galego en lugar de buscar un marco internacional?

Mais ese proceso político carece de verosimilitude, de viabilidade. A lingua non vai ser asumida se non se lle ve futuro. A sociedade galega ten graves problemas históricos para existir como país, non é o caso vasco, carece de clase dirixente. Compre facermos unha lingua con posibilidades de futuro, de ser considerada por todos os sectores, instalada nun contexto, non no castelán senón no que lle corresponde. Non quero falar unha sorte de aragonés, non teño vontade de andar ese proceso absurdamente, teño outros que camiñar. Destrás diso agóchase unha construción da historia que encerra todo en dialéctica só co castelán e aí se sitúan os lingüístas da escola dominante que prefiren dicir choiva no canto de chuva, encerran o galego nunha lingua que ten unha relación co castelán enfermiza e separando da orixe portuguesa. Parten do galego como a súa fala, cunha concepción que lle rouba o seu futuro.

-Situouse entón a lingua de costas virada para ese contexto?

Non pode ser que as persoas pensen que só se di noite na súa aldea e que ignoren que noutros países tamén din o mesmo. O drama é o encerramento no Estado Español e na súa cultura. Identifícase como galego a lingua falada en Asturias, León ou Zamora mais atravesando a Raia Seca ou o Río Miño xa non é galego. Trasládase a ideoloxía ao campo da lingua. É significativo que isto aconteza, o que conduce á concepción de lingua das catro provincias conduce tamén a que se soporte como galego a das outras provincias do Estado máis non de Portugal.

-Esa posición que vostede defende, está na maioría do mundo da cultura?

Entre as novas xeracións de activistas da cultura, imponse a idea de acheamento ao portugués. As posicións que mantén a Real Academia Galega só responden a unha situación de equilibrio de poder político. Se non se tivese producido o golpe militar de 1936 non tería prevalecido a idea dunha lingua falada en catro provincias. Se o nacionalismo tivese gobernado nos gobernos autonómicos, tampouco. A posición da RAG con respecto á autonomía correspóndese coa derrota política deste país. Sen o golpe de estado e sen a dereita ter gobernado a autonomía non tería prevalecido esta concepción do galego que é a que pode soportar o españolismo. Tanto me ten que se mostren moi defensores da lingua -que fixo que o son e teñen esa vontade-, as persoas que se sitúan nesa posición non deixan de estar pechadas nos límites da ideoloxía do Estado Español. Por vez primeira este ano decidín devolver o convite a asistir á entrega do Premio Cervantes porque consideran o castelán como única lingua. O Cervantes pode premiar un peruano, un arxentino mais non un escritor galego, vasco ou catalán. Os límites están en se aceptamos ou non a ideoloxía do Estado español. Non é certo que quen cre unha ingua sexan os falantes, é a vontade política.

-Como valora entón a posición ao respecto da RAG e do seu novo presidente, Xesús Alonso Montero?

Na historia da RAG habería que remontarse ao que supuxo o piñeirismo de ruptura co galeguismo republicano. Na disputa tamén, poño por caso, de Rodrigues Lapa con Piñeiro na que Ferrín se posicionou da parte deste. Na RAG tanto Ferrín como Alonso Montero partillan da mesma concepción da lingua.Rexeitan a idea de Castelao. Hoxe nin Castelao nin Valentín Paz Andrade terían entrado na Academia. Por que non entrou ninguén doutras posicións? Puro sectarismo dun bando que ten raíces históricas, ficaron, como dicía, encerrados na ideoloxía do Estado. A RAG non está só dividida en faccións senón que, desde o punto de vista lingüístico é unha facción dentro do mundo da cultura galega. Pensan que a lingua é deles e viven de costas ás novas xeracións e a moitos defensoers da lingua. Aproveitanse de teren unha Lei de Normalización, proxecto de Camilo Nogueira, aínda que non se lembre, a quen, por outra parte, nunca convidaron a entrar. A debilidade política explica esta situación e non hai que esquecer que o piñeirismo fíxose interpretador da Autonomía.

-Se a súa posición ideolóxica é esa e mesmo mantivo un blogue en portugués, por que escribe os seus libros en normativa oficial?

Por razóns administrativas. Non quero baixarme da nave. Quero modificar institucións e leis mais non por iso deixo de votar. Tamén acontece na política lingüística e na normativa. Non quero romper coa institucionalización actual da lingua galega. Quero escribir a través do sistema de edición que me permita chegar aos lectores. Ese é o motivo. Cando escribín na web tíñanme expulsado dos medios de comunicación, dalgunha maneira o sistema reinante botárame do país. Iso xustificou que tomase a decisión de escribir no galego internacional, para me comunicar co mundo. A rede fai evidente o absurdo desta normativa. Demóstranos que podemos situarnos nun mundo máis amplo, sen pedir permiso a ninguén. Para quen escribo? Para calquera, non só para os viciños destas catro provincias. Desmonta a falacia de ter unha normativa rara e enxebre.

-Como valora que figuras da literatura como Teresa Moure, Vítor Vaqueiro ou Séchu Sende teñan abandonado a normativa oficial despois de teren desenvolvido unha sólida traxectoria nela?

A propia literatura e lingua galega están barridas. Antes tiña máis visibilidade, alcanzaba máis lectores. Estamos nun momento de grande debilidade histórica, que se corresponde coa debilidade do país.O cambio destes escritores paréceme lexítimo e meritorio, valoro a coherencia de dar o paso. Sitúan a lingua nun mundo internacional, sen ter a ver co institucionalizado que se comprende a sí mesmo.

-En breve sairá publicado o libro Inmateriais (Xerais) un feixe de biografías de personaxes da historia da Galiza. Como foi a escolla?

Ao velos todos xuntos apréciase unha interpretación dde Galiza na historia, desde Xelmirez a algunha figura do galeguismo culturalista de posguerra, como francisco Fernández del Riego ou Piñeiro. Interesábame construír as pobilidades dun país e os seus debates, con figuras centrais como Faraldo, Castelao ou Rosalía e outras non tanto. Son figuras que cómpre resituar e eu intento comprendelas como personaxes dun relato. Estamos moi marcados pola reclamación da Galiza existente e a min interésame ver a que puido ser.

-Por que opta polo xénero biográfico?

Son relatos que saíron publicados en El Pais, e busquei a parte humana debaixo da personaxes, a súa problemática, as súas frustracións. Con figuras como Bal y Gay, Seoane ou Carlos Velo móstrase que este é un país frustrado porque ninguén sepode realizar artisticamente nel porque remata derrotado, no entanto, no caso destas figuras desenvolveron fóra unha traxectoria existosa.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 26-04-2013 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal