Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


"É inconcibible un dicionario sen o termo enlace"
Alberto Álvarez Lugrís é coautor do primeiro Dicionario moderno inglés-galego. Nesta entrevista, o profesor de Tradución aborda, entre outros temas, os problemas de editar un dicionario en galego, o Decreto do Trilingüsimo e o novo dicionario da RAG.

galicia confidencial

Walter Burns | Vigo | 13/06/2012


Estamos en 2012 e até a publicación do Dicionario moderno inglés-galego non había ningunha obra similar no mercado, malia a evidente explosión de contidos que lemos en inglés pola popularización da Rede. A que se debía este baleiro?

Basicamente débese á falta de apoio por parte das institucións e das autoridades culturais: a administración e as editorias, fundamentalmente. Un dicionario é unha obra que esixe mobilizar un grande número de investigadores nun período de tempo moi longo: é unha obra cara e outros proxectos semellantes foron esmorecendo por este motivo. Nun sistema cultural como o noso, levala adiante é case imposible sen apoio institucional, pero nós conseguimos salvar este atranco porque porque Xavier, o coordinador do proxecto, e máis eu investimos o noso traballo gratuitamente.

Por que o fixeron?

Cremos que obras como esta forman parte das nosas obrigas investigadoras como funcionarios da universidade e que van no soldo. É unha forma de devolverlle á sociedade a confianza que deposita en nós como profesores. Ademais, conseguimos certo apoio económico nas convocatorias de investigación da Xunta de Galicia e do Estado, que dedicamos integramente a contratar investigadores que traballaron na ampliación do corpus sobre o que está elaborado o dicionario. Finalmente, tivemos a sorte de atopar a 2.0Editora, que lle viu posibilidades á nosa obra e fixo un grande investimento para editala, ó que nós contribuímos tamén renunciando a recibir os nosos dereitos como autores da publicación.

Todo dicionario é unha obra colectiva. No caso deste volume, que axentes e persoas estiveron implicadas?

Dende o inicio do proxecto foron moitas as persoas que colaboraron nas diferentes fases. Durante o proceso de elaboración e preparación do corpus sobre o que está baseado o dicionario contamos coa axuda de 24 bolseiros e bolseiras, que dixitalizaron os textos, corrixíronos e preparáronos para a súa explotación mediante programas especiais. Nesta edición impresa que agora sacamos, que é unha actualización, corrección e revisión da versión electrónica de 2005 traballamos tres persoas: o coordinador Xavier Gómez Guinovart e dous redactores: Eva Día Rodríguez e máis eu mesmo.

O Seminario de Lingüística Informática, do que vostede é membro, mantén en liña varios corpus lingüísticos. Corpus que poden ser reutilizados noutras obras, entendo. Isto é unha filosofía moi similar ao do software libre, no que os avances son publicados a disposición da comunidade para que os mellore ....

Nós poñemos os nosos produtos a disposición da sociedade para que os empregue e, chegado o caso, que os mellore ou os reutilice noutros proxectos. Como dicía antes, é unha forma de compartir o coñecemento con toda a sociedade, de devolverlle o que inviste en nós e contribuír á normalización e ó prestixio da lingua galega.

A obra leva o adxectivo "moderno" no título. Por que?

O dicionario é moderno tanto no seu contido como na súa elaboración. No contido porque se ofrencen traducións e equivalencias tiradas de traducións reais recentes; a que recollemos é polo tanto unha lingua viva. Na súa elaboración é moderno porque, a diferenza dos dicionarios tradicionais, realizados a partir doutros dicionarios, está baseado nun corpus de 20 millóns de palabras, do que se extraeron a listaxe de termos ingleses, as súas distintas traducións galegas e os fragmentos de texto cos que se exemplifica cada tradución.

Para quen está recomendado o seu uso?

Dado que é un dicionario xeralista, está indicado para todo tipo de usuarios, dende os alumnos de secundaria e mesmo de primaria, ata os de universidade e os distintos profesionais que traballan coas linguas galega e inglesa: tradutores, intérpretes, xornalistas, escritores, profesores, correctores, etc. e en xeral calquera persoa que precise ler textos escritos en inglés.

Unha pregunta xornalística. Que debemos escribir, link, ligazón ou enlace?

Ligazón ou enlace son as formas correctas, debemos evitar o anglicismo link.

Mando un mail ou un correo electrónico?

Un correo electrónico, claro.

E aos Tablets (iPads, etc.) como lles chamamos?

Podémolos chamar polo seu nome comercial («ipad» ou «aipad») ou cos xenéricos táboa ou dispositivo móbil. Tableta neste caso sería un castelanismo innecesario.

Quen constrúe os novos termos dunha lingua, por exemplo no eido tecnolóxico? Os medios ou certo tipo de líderes de opinión?

Fundamentalmente os usuarios. Un técnico, un científico ou un terminólogo poden propoñer un termo e un tradutor pode propoñer tamén como dicilo noutras linguas, pero mentres os usuarios non comecen a empregalo de feito, non pdodemos dicir que que este termo exista realmente.

Cando a Real Academia presentou o seu novo dicionario en liña houbo críticas pola exclusión de termos de uso común, pero aparecidos hai pouco. Por exemplo, ligazón-enlace. Cal é a súa postura nesta polémica?

Se non queremos que un dicionario se convirta nun panteón da lingua, debe incluír os usos máis actuais. É inconcebible que un dicionario do século xxi non recolla os significados que hoxe son máis habituais para termos como «ligazón» ou «enlace», para os que só recolle os significados máis tradicionais. O bo de facer un dicionario a partir dun corpus de textos recentes, como é o caso do noso Diccionario moderno inglés-galego, é que reflicte os usos reais e actuais da lingua.

E como ve un profesor especializado na tradución toda a polémica en torno ao trilingüismo nas aulas. Estamos demasiados obsesionados coa utilidade do inglés?

O inglés é unha lingua indispensable hoxe en día e o sistema educativo debe asegurarlles ós nosos alumnos que o dominarán cando rematen os estudos, pero iso non vai suceder só porque se lle reduzan horas ó ensino do galego. Unha sociedade non pode permitirse transmitir a imaxe, a través do seu sistema educativo, de que non paga a pena estudar na lingua propia; é un suicidio. Cómpre mellorar os métodos de ensino de linguas en xeral, facer máis énfase na comunicación e menos na memorización. Hai moitos profesores de inglés que xa empregan estas metodoloxías, pero a cuestión é que ten que ser algo xeralizado. O método que seguimos nós de pequenos de memorizar vocabulario e gramática non conduce máis ca á desmoralización. O trilingüismo cacarexado pola administración vai quedar en nada porque non hai profesorado abondo con preparación para dar unha clase de Matemáticas ou de Coñecemento do medio en inglés, por exemplo. En realidade foi unha argallada para reducir horas de docencia en galego.

Máis información sobre a utilitade, contidos e estrutura da nova obra no blog do profesor Alberto Álvarez Lugrís.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 13-06-2012 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal