Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


"O galego chegou de maneira bastante normal á internet. Estamos ante un momento crucial"


A lingua, o seu uso nos medios de comunicación e o reto das redes centraron o discurso de ingreso de ingreso de Xosé Luís Regueira na Real Academia, titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI e que foi respondido por Manuel González. A sesión plenaria aberta e pública que deu ingreso ao novo académico de número, Xosé Luís Regueira, celebrouse o sábado 2 de xuño no salón de actos da Real Academia Galega. Profesor da Facultade de Filoloxía da USC e destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos, Regueira defendeu que "a lingua configura de maneira decisiva a nosa identidade social, e mesmo a nosa identidade como individuos".

Tamén se referiu ao uso do galego nos medios de comunicación, tema no que concluíu que "esta cuestión queda subsumida noutra máis xeral que afecta ao poder que o pobo galego pretende exercer sobre o seu destino político e cultural"

O novo académico afirmou que o galego, que tardara catrocentos anos en incorporarse á Galaxia Gutenberg, máis de douscentos en acceder, mal que ben, á esfera pública, e uns cincuenta anos en entrar na Galaxia Marconi, chegou de maneira bastante normal á nova revolución da comunicación, á internet e á nube. Estamos, pois, ante un momento novo e crucial". Tamén se referiu ao uso do galego nos medios de comunicación, tema no que concluíu que "esta cuestión queda subsumida noutra máis xeral que afecta ao poder que o pobo galego pretende exercer sobre o seu destino político e cultural".

Regueira comezou a súa intervención afirmando que "eu, señores académicos, tiven a sorte de nacer, dar os meus primeiros pasos e pronunciar as miñas primeiras palabras, nun mundo que xa non existe. Naquel mundo a vida falaba galego, e o castelán pertencía ao mundo exterior (o cura, a mestra, a radio, a vila...). A vida falaba". O profesor engadiu que "cando en Galicia se constituíu algunha esfera pública, por reducida que fose, foi sen dúbida en castelán".

A seguir, defendeu que "o galego accedeu aos medios de difusión social da lingua nos últimos decenios, aínda que fose de maneira limitada: na actividade teatral ten unha presenza importante, fíxose normal no discurso político público, na discusión parlamentaria, e tamén ten un uso “normal” nos medios electrónicos, aínda que de maneira minoritaria". E lembrou que "se cando a lingua galega entrou no ensino apareceu a necesidade urxente dun estándar escrito, cando o galego empezou a utilizarse de maneira importante nos medios electrónicos, sobre todo a partir de 1985, coa creación da radio e da televisión públicas galegas, apareceu tamén a demanda dun estándar oral, aínda que de maneira menos imperiosa".

Denunciou que "en Galicia non hai a día de hoxe ningún estudo do impacto da televisión e da radio na lingua galega"

A este respecto, denunciou que "en Galicia non hai a día de hoxe ningún estudo do impacto da televisión e da radio na lingua galega. A CRTVG cumpriu xa máis de vinte e cinco anos e aínda non se realizou ningún estudo importante desde o ámbito universitario sobre o seu impacto no coñecemento, nos usos e nas actitudes lingüísticas dos galegos". Regueira pechou a súa intervención citando a Castells e salientando que “nun mundo sometido á homoxeneización cultural pola ideoloxía da modernización e do poder dos medios de comunicación globais, a lingua, como a expresión directa da cultura, convértese na trincheira da resistencia cultural, no último bastión do autocontrol, no refuxio do significado identificable”.



Resposta de Manuel González
González salientou que "estamos diante dunha situación perigosa, porque este modelo lingüístico, deturpado, esencialmente oral, está moi implantado en grupos sociais de prestixio, e son os grupos sociais dominantes os que adoitan orientar a deriva das linguas"

Na súa resposta, Manuel González salientou que "probablemente sería noticia en todos os medios de comunicación se alguén no Parlamento español pedise a palabra e dixese algo así como el prezo del leche producionos problemas. Pois isto ocorre, sen ningunha repercusión e sen escándalo de ningún tipo, cando alguén no Parlamento de Galicia di con toda tranquilidade o precio da leite nos produxo problemas". Sobre isto engadiu que "todos sabemos que unha lingua pode desaparecer porque os seus falantes deixan de utilizala, pero tamén pode desaparecer engulida noutra próxima, porque vai perdendo progresivamente as súas características diferenciais e vai adoptando as da lingua coa que está en contacto e que xeralmente ten un maior prestixio, ata chegar a unha situación en que practicamente xa non se diferencia daquela, converténdose nun dialecto seu".

A este respecto, González salientou que "estamos diante dunha situación perigosa, porque este modelo lingüístico, deturpado, esencialmente oral, está moi implantado en grupos sociais de prestixio, e son os grupos sociais dominantes os que adoitan orientar a deriva das linguas". Engadiu que "están aparecendo as primeiras xeracións que teñen esta variedade de galego como lingua materna" e concluíu que se trata "dun problema moi serio tamén, porque ten unha especial vitalidade nas cidades, e é nas cidades precisamente onde se xoga o futuro da lingua galega".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-06-2012 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal