Miles de persoas convocadas por Queremos Galego manifestáronse este mércores na capital do país para pedir que rematen os ataques contra a lingua galega. Vídeo no interior.
Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2012
"Contra as mentiras, non nos cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu fai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel". Foi unha das mensaxes que lanzou o escritor Agustín Fernández Paz, encargado de dar lectura ao manifesto da protesta.
Así, suliñou que o galego é como "unha planta que necesita dunhas condicións determinadas para crecer". "Urxen medidas precisas para facer realidade un 'nicho ecolóxico' favorable", engadiu.
Durante a súa intervención, lembrou os tempos en que as Irmandades da Fala "encheron de luz os pobos e cidades de Galicia" e "conseguiron facer visible socialmente a lingua". "Nestas persoas están as nosas raíces", dixo ao recoñecer que n"on son fáciles os tempos que nos toca vivir" ante as "agresións destes últimos anos" de "boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas", cuxo obxectivo é facer do galego "unha lingua socialmente invisible".
Críticas ao Concello de Santiago
A protesta convocada por Queremos Galego percorreu ás rúas de Compostela e rematou na Praza da Quintana. Alí, tamén tomou a palabra Carlos Callón, para criticar o pouco apoio que o concello de Santiago prestou a esta convocatoria. "Tivemos que acudir aos tribunais para ter megafonía neste acto", denunciou.
"Estamos aquí para que se deteñan os ataques contra o galego e para pasar páxina a esta época entre todas e todos", dixo ao suliñar que só depende dos galegos que a lingua teña "futuro".
Callón utilizou un poema do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Valentín Paz Andrade, para suliñar que este autor "tiña moi claro que o verdadeiro desenvolvemento socioeconómico de Galicia está vinculado coa súa lingua".
Colectivos
Na protesta participaron numerosas entidades sociais, sindicais e políticas. Así, se puideron ver bandeiras e lemas dos Comités, da Liga Estudantil Galega, BNG, STEG ou CIG.
A manifestación coincidiu cunha protesta que un grupo de persoas de Ceivar mantiñan na Praza de Galicia cunha pancarta na que se pedía a "absolución" dos activistas pola lingua galega.